Parador de Santiago de Compostela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Parador de Santiago»)
Parador de Santiago de Compostela
Portada do Parador de Santiago
Edificio
LocalizaciónSantiago de Compostela
Coordenadas42°52′52″N 8°32′46″O / 42.88103828, -8.54619423Coordenadas: 42°52′52″N 8°32′46″O / 42.88103828, -8.54619423
editar datos en Wikidata ]

O Parador de Santiago de Compostela, tamén coñecido como Hotel dos Reis Católicos e Hostal dos Reis Católicos e, hoxe, como Parador Museo Santiago, é un hotel pertencente á rede de Paradores Nacionais de Turismo do Reino de España, albergado nun edificio de estilo plateresco construído por orde dos Reis Católicos para dar acubillo a aqueles que requirían auxilio médico ao finalizar o Camiño, e deseñado polo arquitecto real Henrique Egas.

Situación[editar | editar a fonte]

Está situado na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela. É o lateral curto, o do lado norte, do paralelogramo que constitúe a praza, formado pola Catedral, o Colexio de San Xerome, o Pazo de Raxoi e el mesmo.

Historia[editar | editar a fonte]

Tras unha visita realizada a Santiago polos Reis Católicos no ano 1486, decidiron erixir un Gran Hospital Real na cidade do apóstolo, para atender os peregrinos que na época percorrían o Camiño de Santiago. A raíz da conquista do Reino de Granada en 1492, e dos ingresos obtidos pola vitoria, no ano 1499 doaron un terzo das rendas do Voto de Santiago para levar a cabo a empresa.

O arquitecto real, Henrique Egas, foi o encargado de realizar a traza e dirixir a construción do hospital, que se realizou entre os anos 1501 e 1511, salvo a fachada, que é lixeiramente posterior e que se reformou no século XVII. Céntraa unha portada renacentista, contratada polos mestres franceses Martín de Blas e Guillén Colás en decembro de 1519. Anos despois, como protección da fachada, o concello cedeu un terreo que se delimitou por grosas cadeas engarzadas en piares renacentistas.

Trátase dun edificio excepcional, moi diferente aos grandes hospitais de planta rectangular, usuais na Idade Media (a pesar de que a Egas se lle recomendara que tivera en conta o Hospital Real de Burgos, pero aínda estaba lonxe dos proxectos de influencia italiana de planta en forma de cruz grega.[1]

Os dous claustros iniciais foron modificados en estilo renacentista por Rodigo Gil de Hontañón. En 1678 Frei Tomás Alonso, o mesmo que consistiu as balconadas barrocas que que sustentan o coro de San Martiño Pinario, a causa dun posíbel derrubamento, reforma a fachada renacentista introducindo unha gran balconada apoiada sobre grandes ménsulas profusamente adornadas coa característica exuberante decoración vexetal, e tres novas ventás.

O espazo da horta posterior ocúpase, no século XVIII, con dous novos patios, configurando así a actual cruz grega con catro patios.

O edificio utilizouse como hospital até mediados do século XX. O ano 1953, o Instituto Nacional de Previsión, dependente do Ministerio de Traballo, constrúe un novo edificio na rúa Galeras, a onde o Hospital se traslada ese mesmo ano, abandonando o antigo edificio, que se transformou no Hostal dos Reis Católicos, despois denominado Hotel dos Reis Católicos, integrado na rede de Paradores de turismo, e denominado na actualidade Parador Museo Santiago.

Os Paradores Museo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Parador Museo.

Segundo a propia sociedade Paradores de Turismo, os Paradores históricos son verdadeiros monumentos e forman parte do patrimonio artístico e cultural de España, e un Parador Museo é un edificio que transmite a súa historia e as súas lendas, un enclave que susurra quen foron os personaxes que o habitaron, que uso tiñan no pasado os seus espazos máis emblemáticos e que significado esconde a decoración dos seus patios e fachadas, e como se diferencian as súas etapas arquitectónicas.

O proxecto naceu en 2009, coa apertura do Parador Museo de Santo Estevo, instalado no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, sito en Nogueira de Ramuín, Ourense,[2] e ten como obxectivo a musealización dos cincuenta edificios monumentais que forman parte da rede hoteleira de Paradores de Turismo. Aqueles que se hospedan nun Parador Museo reciben unha guía de visita que lles proporciona un percorrido polo interior do monumento, durante o que van achando un conxunto de soportes informativos, ilustrados con planos, mapas, gráficos e fotografías, que explican os aspectos máis significativos do edificio.

Para a elaboración destes contidos, a rede de Paradores conta cun equipo propio que investiga o pasado dos monumentos, mergullándose en arquivos históricos, bibliotecas e museos, até reuniren unha información ampla e fidedigna do pasado do Parador.[3]

Na actualidade son cinco os Paradores desta categoría. Ademais dos citados de Santiago e de Santo Estevo, os de Cardona (Barcelona), Granada, e Oropesa (Toledo).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. cvc.cervantes Instituto Cervantes Arquivado 29 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine. (en castelán) Consultada o 3/2/2012.
  2. Que foi rehabilitado como establecemento hoteleiro pola Xunta de Galicia, e actualmente está cedido a Paradores de Turismo de España.
  3. Paradores Museo Arquivado 18 de outubro de 2011 en Wayback Machine. (en castelán) Consultada o 4/2/2012.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]