Peregrinación a Santiago de Compostela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bota dun peregrino. Fisterra

Os peregrinos que fixeron o Camiño de Santiago, dende o século IX en diante, tiveron diversas motivacións, fundamentalmente relixiosas, nun primeiro momento, e doutros tipos ó longo dos séculos.

Motivacións[editar | editar a fonte]

Dous peregrinos camiñan por terras castelás.

Pódense agrupar as posibles motivacións nas seguintes posibilidades:

  • Por devoción, incluíndo votos e promesas, como agradecemento por librarse dun mal grave. Tamén houbo casos de peregrinos, de pago ou voluntarios, que viñan interceder ante o Apóstolo encomendados por un pobo sometido a algunha calamidade, como pestes ou fames negras. A cidade de Perpiñán pagou a viaxe de dous peregrinos en 1482 para saír dunha gran seca e doutro en 1561 [1].
  • Forzados, como penitencia canónica para expiar un pecado grave ou sentenza ditada por un tribunal. Un concilio celebrado en Clermont en 1150 permitía cumprir mediante unha peregrinación unha sentencia de asasinato ou por causar un incendio. Houbo ocasións nas que estas peregrinacións de expiación debían facer en condicións especialmente duras, como facelo encadeados.
  • Pódense incluír tamén como forzados os peregrinos obrigados por manda testamentaria. Así foi que un tal Bernardo testaba en 1350 que "Ordeno que, como prometín facer cinco peregrinacións, unha a Santiago, outra a ... , que esas peregrinacións sexan feitas polos meus fillos, cada un a súa, se un só non pode facelas todas" [2].
  • Económicos, cando se facía o Camiño no nome doutra persoa, cousa frecuente na Baixa Idade Media cando apareceron auténticos peregrinos profesionais. En 1395, un cóengo francés ditaba que "Quero e ordeno ... que un pobre vaia a Santiago de Galicia no meu nome e á miña conta, e que dea en ofrenda un franco de ouro" [3].
  • Motivos ilícitos, como roubo ou prostitución, actividades facilitadas polo anonimato. Tamén para a espionaxe, aproveitando o salvoconduto que garantía a inmunidade dos peregrinos para atravesar terras inimigas. Mesmo se describe a existencia de falsos peregrinos que ían e veñían co único interese de sobrevivir, aproveitando a cama e comida gratuíta que lles ofrecían nos albergues ou veciños caritativos. No Libro I do Códice Calixtino cóntase o caso dun home que foi aforcado -e pendurado no Camiño- por incitar ós peregrinos a saír antes do mencer e, se alguén lle facía caso, acompañábao ata que, en calquera punto illado, atacábano os seus compañeiros para matalo e roubalo.
  • Negocio, aproveitando as oportunidades que ofrecían as xentes e as vilas que se cruzaban para a compra e venda de todo tipo de obxectos. Son os romei mercatores que xorden a partir do século XV.
  • Turismo, sobre todo no século XX.

Organización da viaxe[editar | editar a fonte]

Estatua en Pontevedra.

Por razóns obvias (climatoloxía, horas de luz), a peregrinación era unha actividade máis propia dos meses estivais á que se daba comezo entre marzo e abril.

Antes de saír para facer o camiño era frecuente que o peregrino fixera testamento, xa que a viaxe tiña serios perigos e moitos non volvían, ou facíano enfermos e algúns tardaban anos en volver.

Os peregrinos franceses e alemáns era habitual que fixesen o camiño agrupados en confrarías. Os ingleses, escandinavos e flamengos facían a viaxe en expedicións marítimas ata os portos de Ribadeo, Ferrol ou A Coruña, ou mesmo desembarcaban en Normandía ou Bretaña para seguir dende alí o camiño a pé.

Reuníanse en grupos máis ou menos numerosos, buscando así a axuda mutua e a protección fronte animais salvaxes ou bandoleiros, non infrecuentes na Idade Media, e que xustifican as accións de relixiosos e nobres para mellorar as condicións de seguridade do peregrino creando camiños, levantando pontes e construíndo albergues e hospitais, e mesmo cemiterios, cuxa presenza é constante ó longo do Camiño.

Atributos do peregrino[editar | editar a fonte]

A vestimenta dos peregrinos descríbese no sermón Veneranda Dies do Codex Calixtinus. En calquera caso, os peregrinos históricos eran de toda clase e condición, o que explicaba as grandes diferenzas entre a indumentaria e equipaxes dos nobres e a dos camiñantes de a pé.

O peregrino levaba un manto con esclavina, chapeu de aba ancha e para apoiarse e defenderse dos animais salvaxes un bordón longo. No bordón atábase unha cabaza, na que levaba auga ou viño.

Rematada a viaxe, os peregrinos cosían no manto e na esclavina cunchas de vieiras, que se converteron no símbolo do Camiño.

"Hai no mar de Santiago un tipo de peixes, ós que o vulgo chama 'veras', que teñen dúas cunchas por ámbalas dúas partes, entre as que, coma no medio de dous escudos, agóchase o molusco, semellante a unha ostra. Estas dúas cunchas, talladas coma os dedos dunha man, ... cósenas os peregrinos que volven de Santiago nas súas capas en honor do Apóstolo e en lembranza súa, levándoas con moita ledicia ás súas casas como sinal de tan longa viaxe".
Veneranda Dies, I, 17 (citado por López Pereira, px. 40.)

O mesmo Picaud, cando describe na súa Guía do Peregrino (Libro V do Códice Calixtino) a cidade de Santiago, di que diante da porta Francíxena (hoxe, da Acibechería) "... está o paraíso, asoallado de pedra, onde se venden ós peregrinos cónchegas, ou sexa, símbolos de Santiago" [4].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. López Pereira, px. 38.
  2. Citado por López Pereira, px. 38.
  3. López Pereira, px. 38.
  4. López Pereira, px. 132. Neste contexto, paraíso, ten o significado de adro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • López Pereira, X. Eduardo (1993). Guía medieval do peregrino. Códice Calixtino, libro V. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
  • Varela García, Isaura: "Camiño de Santiago", en Gran Enciclopedia Galega, tomo 7, pp. 83-91.