Fernando de Casas Novoa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fachada da Catedral cumio da obra de Casas Novoa
Fachada desde a Acibecharía (Praza da Inmaculada) do Mosteiro de San Martiño Pinario

Fernando de Casas Novoa, nado ao redor de 1670 e falecido o 25 de novembro de 1749, foi un arquitecto galego barroco de talla mundial.

Inicios[editar | editar a fonte]

Naceu ao redor do ano 1670 nunha familia de clase baixa. Comezou con frei Gabriel de Casas a traballar no claustro do conxunto catedralicio de Lugo. Á morte do seu mestre, encargouse plenamente da execución das obras. Ten un só piso de altura considerable e é estruturado por parellas de pilastras con decoración vexetal semellante á de Domingo de Andrade.

En 1711, xurde a oportunidade da súa vida: é designado mestre de obras da Catedral de Santiago de Compostela. Continúa as obras de Domingo de Andrade na capela do Pilar, onde busca orixinais efectos cromáticos e ornamentais. Como solución de empalme entre a fachada do claustro e o Tesouro, realiza o Esconce das Praterías.

O arcebispo Monroy encargoulle varias obras do seu patrocinio: a igrexa dos dominicos de Betanzos e o colexio das Orfas de Santiago de Compostela. Aquí salienta o campanario, onde utiliza as placas consonte o estilo de Simón Rodríguez.
Monroi contratou tamén con el o conxunto conventual das capuchinas da Coruña, obra na que amosa unha grande autocontención decorativa, segundo o espírito franciscano. A igrexa do convento de Belvís, en Santiago de Compostela, segue o mesmo espírito de sobriedade.

Madurez[editar | editar a fonte]

Pero o auténtico espírito creativo de Casas Novoa agromará na capela da Nosa Señora dos Ollos Grandes, na catedral de Lugo. Cúpula sobre bóvedas de forno, arcadas que arrincan dos piares, rica policromía onde mandan os dourados, volutas, variada iconografía... capela e baldaquino constitúen conxuntamente unha das obras cumes do barroco galego.

O seu espírito inquedo e xenial distaba de esgotarse: a igrexa dos monxes bieitos do mosteiro de Vilanova de Lourenzá, en particular a súa fachada esvelta e elegante, anuncia que o mellor está por chegar. Seguiu con traballos para a igrexa dos xesuítas na Coruña, a de San Andrés de Cedeira (Redondela) e para a sancristía, claustro e a portada principal do impoñente mosteiro de San Martiño Pinario. Mestre de Obras deste cenobio, deixou nel un traballo inmorredeiro: o retablo maior bifronte da igrexa beneditina. Esta realización, cos retablos laterais e os dous órganos na mesma igrexa constitúen un conxunto escénico e artístico de alto nivel a escala mundial. Tamén nesta basílica deseñou a capela de Nosa Señora do Rosario.

Xenio inmortal[editar | editar a fonte]

Por fin, a súa obra mestra é a colosal e lizgaira fachada do Obradoiro da catedral compostelá. O profusión decorativa esencialmente xeométrica e a estrutura ascensional, o formato cóncavo, a solidez e a verticalidade así como as membranas de vidro como solución lumínica marcan un fito arquitectónico sen parangón. A iconografía baseada na figura do Apóstolo Santiago, os seus pais, o seu irmán e os seus discípulos, así como a inspiración nun arco de triunfo clásico fan deste conxunto a apoteose do espírito xacobeo. Faleceu o 25 de novembro de 1749, pouco antes de poder ver rematada a obra que o faría inmortal.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]