Dirk Nowitzki

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dirk Nowitzki
DirkNowitzki.jpg
Dallas Mavericks – No. 41
Ala-pivote
Información persoal
Nacemento 19 de xuño de 1978 (35 anos)
Flag of Bavaria (lozengy).svg Würzburg, Baviera
Nacionalidade Alemaña Alemaña
Altura 2,13 m (7 ft 0 in)
Peso 111 kg (245 lb)
Salario $20.907.128 (2012-13)
Información da carreira
Pre-draft club DJK Würzburg
NBA Draft 1998 / Rolda: 1 / Elección: 9

Escollido por Milwaukee Bucks

Carreira dende 1998
Historial de equipos
DJK Würzburg (1994–1998)
Dallas Mavericks (1998–presente)
Premios e galardóns
Campión da NBA (2011)
MVP da NBA (2007)
MVP das Finais (2011)
11× NBA All-Star (2002-2012)
1× Concurso de triplas (2003)
Información en nba.com

Dirk Werner Nowitzki, nado o 19 de xuño de 1978 en Würzburg, Baviera (Alemaña Occidental), é un xogador alemán de baloncesto profesional que milita nos Dallas Mavericks da National Basketball Association (NBA). Nowitzki foi elixido en novena posición do Draft de 1998 por Milwaukee Bucks e foi traspasado inmediatamente a Dallas Mavericks, onde xoga dende entón. Cos seus 2,13 m de estatura é un dos xogadores máis versátiles da NBA. Pode xogar tanto de ala-pivote como de aleiro en posicións exteriores.

Nowitzki foi All-Star en nove ocasiones e en catro membro do Mellor Quintetos da NBA, sendo o primeiro maverick que o logra. Foi o primeiro xogador europeo na historia da NBA en recibir o MVP da tempada, concretamente na tempada 2006-07.[1] Dirk é o líder da selección de baloncesto de Alemaña, a quen levou á medalla de bronce no Mundial de Indianápolis 2002 e á prata no Eurobasket 2005. En ambos os campionatos foi máximo anotador e foi elixido MVP. O xornal italiano Gazzetta dello Sport nomeouno en cinco ocasiones co galardón Euroscar de Mellor Xogador Europeo do Ano. En 2005, ademais deste premio levou o "Mr. Europa" pola revista italiana Superbasket e o Xogador do Ano Europeo da FIBA.[2]

Comezos[editar | editar a fonte]

Nado en Würzburg, Alemaña Occidental, Dirk Werner Nowitzki vén dunha familia deportista: a súa nai Helga foi unha xogadora de baloncesto profesional e antiga integrante da selección alemá, e o seu pai Jörg-Werner foi xogador de balonmán chegando mesmo a representar ao país ao máximo nivel. A súa irmá maior, Silke, adicouse, primeiro, ao atletismo, e logo ao baloncesto. Dirk dende neno xa era moi alto. En principio, comezou xogando ao balonmán e ao tenis, pero pronto se cansou de que, pola súa estatura, víseno como un fenómeno estraño nestes deportes, polo que preferiu probar no baloncesto.

Despois de entrar con quince anos no DJK Würzburg, Dirk chamou a atención de Holger Geschwindner, un antigo xogador alemán de baloncesto. Este ofreceulle adestrarlle individualmente dúas ou tres veces por semana para explotar o seu talento. Tanto Dirk como os seus pais aceptaron a proposta e Geschwindner levou a cabo un plan, pouco ortodoxo, de adestramento persoal. Fixo fincapé nos exercicios de tiro e pase, e evitou os exercicios con peso e con formulacións tácticas, xa que o consideraba innecesario. Ademais disto, Geschwindner animou a Nowitzki a tocar algún instrumento musical e a ler literatura para refinar a súa educación e cultura.

Despois dun ano, o adestrador estaba impresionado co seu pupilo, a quen lle dixo: "Debes decidir se queres xogar contra os mellores do mundo ou si prefires ficar coma un heroe en Alemaña. Si elixes o último, pararemos de adestrar inmediatamente, porque ninguén pode evitar que sexas o mellor aquí. Mais se queres xogar contra os mellores teremos que adestrar tódolos días". Despois de reflexionar durante dous días, Dirk escolleu o primeiro. Geschwindner deixoulle adestrar unha semana cos xogadores do DJK Würzburg e futuros internacionais da selección de baloncesto de Alemaña Robert Garrett, Marvin Willoughby e Demond Greene. No verán de 1994, con 16 anos, Dirk entrou a formar parte do cadro de xogadores.

Traxectoria deportiva[editar | editar a fonte]

DJK Würzburg[editar | editar a fonte]

Cando Nowitzki chegou ao equipo, o DJK xogaba na segunda categoría da Basketball Bundesliga, División Sur. O seu primeiro adestrador foi Pit Stahl, que utilizou a Dirk como un anotador exterior aproveitando o seu tiro máis que un xogador interior aproveitando a súa altura. Na tempada 1994-95, o DJK acabou nun decepcionante sexto posto de 12 equipos. Nowitzki foi a miúdo suplente e non tivo un bo ano no colexio. Por iso, descoidou máis o seu xogo en favor do estudo. Na seguinte campaña, a 1995-96, Dirk consolidouse como titular á beira da estrela finlandesa Martti Kuisma. Nowitzki anotaba en dobres-díxitos con facilidade. Despois de que o adestrador Dirk Bauermann vise como anotaba 24 puntos, afirmou: "Dirk Nowitzki é o maior talento que deu Alemaña nos últimos 10 ou 15 anos". DJK acabou segundo na División Sur, mais non lograron promocionar despois de caer 86-62 no decisivo encontro fronte a BG Ludwigsburg. Naquel encontro, Nowitzki anotou só oito puntos.

Na tempada 1996-97, o máximo anotador do equipo, Kuisma, deixou o equipo, e Holger Geschwindner substituíu a Pit Stahl como adestrador. Nowitzki encheu o baleiro que deixou Kuisma con 19,4 puntos por partido e liderou ao equipo a alcanzar de novo a segunda posición. Con todo, a historia repetiuse e novamente o equipo non puido ascender. Na tempada 1997-98, Nowitzki tivo que facer o servizo militar no Bundeswehr (Exército alemán) dende o 1 de setembro de 1997 até o 30 de xuño de 1998. En relación ao baloncesto, Dirk creceu até os 2,11 m de estatura con 19 anos. Liderou con 28,2 puntos a que DJK alcanzase un balance de 36:4 puntos (en Alemaña, unha vitoria dá 2:0 puntos e unha derrota 0:2). Nos playoffs polo ascenso, por fin o DJK conseguiu subir á Bundesliga. Nowitzki anotou 26 puntos na decisiva vitoria 95-88 fronte ao Friburgo e foi elixido como Xogador Alemán do Ano pola revista alemá BASKET.

No estranxeiro, o progreso de Nowitzki non estaba a pasar desapercibido. En 1996 o FC Barcelona quixo fichalo, pero Nowitzki rexeitou moverse do país antes de acabar os seus estudos en Alemaña. Un ano despois, Dirk participou no Nike "Hoop Heroes Tour", onde xogou fronte a estrelas da NBA como Charles Barkley e Scottie Pippen. O alemán dispuxo de 30 minutos, chegando a machucar incluso diante do propio Barkley, o cal despois comentou: "O mozo é un xenio. Se quere entrar na NBA, pode chamarme". O 29 de marzo de 1998, Nowitzki foi elixido para xogar no Nike Hoop Summit, no encontro, disputado entre talentos estadounidenses e talentos do resto do mundo, Nowitzki asinou 33 puntos, con 6 de 12 en tiro, 14 rebotes e 3 roubos. Naquel encontro tamén participaron futuros NBA como Rashard Lewis e Al Harrington. Dirk impresionou cun conxunto de rapidez, control e habilidade co balón e un gran rango de tiro. Moitos equipos de Europa e da NBA querían facerse con el.

Dallas Mavericks[editar | editar a fonte]

Un comezo difícil[editar | editar a fonte]

Nowitzki preparándose para lanzar un tiro libre.

Despois de liderar ao DJK Würzburg ao ascenso, de terminar os seus estudos en Alemaña e de completar o servizo militar, Nowitzki puxo as súas miras na NBA. Rexeitou ofertas de moitas universidades e presentouse ao Draft da NBA con 20 anos recentemente cumpridos. Dirk, tiña proxectado ser escollido na sétima posición (rolda de Sacramento Kings, que escolleu a Jason Williams), mais ao final foi elixido dous postos despois, en novena posición por Milwaukee Bucks. En especial, Rick Pitino, técnico de Boston Celtics, e Don Nelson, de Dallas Mavericks, estaban moi interesados en adquirir ao alemán. Despois dos adestramentos privados de Nowitzki con Boston antes do draft, Pitino comparou a Dirk coa lenda Larry Bird. Pitino estaba seguro de que Nowitzki podería chegar á décima posición que tiña Boston. Con todo saíu elixido un posto antes e Boston elixiu a Paul Pierce.

Nelson frustrou definitivamente o plan de Pitino. O adestrador de Dallas chegou a un acordo con Milwaukee Bucks e Phoenix Suns: os Mavericks querían a Nowitzki e ao base suplente dos Suns Steve Nash. Os Bucks desexaban ao musculoso beirado Robert Traylor, que fora elixido por Dallas en sexta posición dese mesmo draft. E os Suns fixaran a súa vista en Pat Garrity, elixido naquel draft por Milwaukee Bucks no posto 19. Tras o draft, os Mavericks traspasaron a Traylor aos Bucks a cambio de Nowitzki e Garrity, e Dallas a Garrity a Phoenix nun traspaso con varios xogadores que trouxo a Nash a Dallas.

Mirando cara atrás pódese comprobar o gran instinto e acerto que tivo Nelson traspasando a dous xogadores que nunca lograron nada en especial na NBA como Taylor e Garrity por dous futuros MVP da NBA, Nowitzki e Nash, que ademais de grandes amigos, convertéronse na base da franquía que durante moitos anos apareceu por playoffs. Así finalmente, Nowitzki converteuse no cuarto xogador alemán en xogar na NBA, tras os pivotes Uwe Blab e Christian Welp e o All-Star Detlef Schrempf, un veterano de 35 anos dos Portland Trail Blazers cando o mozo Dirk aterrou na NBA.

Nowitzki chegou a un equipo cuxa última aparición en playoffs databa de 1990. O escolta Michael Finley capitaneou o equipo, apoiado polo pivote de 2,29 Shawn Bradley e Cedric Ceballos. Con motivo do peche patronal da NBA na tempada 1998-99, a tempada non empezaría até febreiro, polo que Nowitzki regresou ao DJK Würzburg para xogar 30 partidos antes de que a liga comezase. A tempada ía ver reducida o seu calendario de 82 partidos en 50. O comezo de Dirk na NBA foi duro. Don Nelson púxoo a xogar de ala-pivote, mais a desvantaxe física, ademais da súa mala defensa, respecto de xogadores máis atléticos, intimidaba a un Nowitzki presionado tamén pola responsabilidade que tiña en Dallas. Ao final, Nowitzki fixo 8,2 puntos e 3,4 rebotes en 20,4 minutos de media.[3] Anos despois, Dirk destapou unhas afirmacións sobre aquela tempada como novato: "Estaba frustrado, contemplei mesmo a idea de regresar a Alemaña". Os Mavericks só gañaron 19 de 50 partidos e non se clasificaron para playoffs.

Mark Cuban e o "Big Three"[editar | editar a fonte]

Nowitzwi, loitando por un rebote.

Coa tempada 1999-00 comezada, Mark Cuban comprou a franquía por 280 millóns a Ross Perot, Jr., antigo propietario, e cuxo interese polo equipo foi escaso. Anteriormente, Perot comprara a franquía por 125 millóns de dólares. Cuban involucrouse co equipo e rapidamente comezou a reestruturalo. Acudía a cada partido como un afeccionado máis, comprou un avión Boeing 757 de seis estrelas e incrementou os ingresos da franquía ao redor dos 100 millóns de dólares. Nowitzki comentou sobre Cuban: "El creou un ambiente perfecto, nós só tiñamos que saír aí fóra e gañar". Isto viuse reflectido no rendemento de Nowitzki, que viu como no seu ano sophomore as súas medias incrementábanse até os 17,5 puntos, 6,5 rebotes e 2,5 asistencias. Dirk quedou segundo na votación polo galardón de Xogador Máis Mellorado, detrás de Darrell Armstrong, e formou parte do tradicional encontro entre Rookies e Sophomore (Rookie Challenge) do All-Star de 2000. Nowitzki asinou naquel encontro 17 puntos, 6 rebotes e 4 asistencias. Dirk tamén participou no Concurso de Triplas converténdose no xogador máis alto en participar. Clasificouse para a rolda final, onde só foi superado por Jeff Hornacek. Dallas acabou a tempada cunha notable melloría respecto ao pasado ano, 40-42.

Na tempada 2000-01, Nowtizki continuou mellorando as súas prestacións con 21,8 puntos, 9,2 rebotes e 2,1 asistencias xogando de ala-pivote. Dirk converteuse no primeiro xogador da franquía en ser nomeado nos Mellores Quintetos da NBA (foi incluído no Terceiro Quinteto) e o segundo xogador na historia da NBA en asinar 100 triplas e 100 tapóns nunha tempada. O alemán acabou con 151 triplos e 101 tapóns. Xunto con Steve Nash e Michael Finley conformou o "Big Three" dos Mavericks. O equipo acabou cun balance de 53-29 que lle valeu para clasificarse, 11 anos despois, a playoffs. Os Mavs superaron en primeira rolda a Utah Jazz por 3-2, despois de ir perdendo 0-2. Dirk foi a base da remontada tras anotar 33 puntos nos encontros 3 e 4. No 5º partido, Calvin Booth foi o heroe cunha canastra a 9.8 segundos do final. En Semifinais de Conferencia foron batidos por San Antonio Spurs por 4-1. No quinto partido, Nowitzki asinou 42 puntos (record persoal en playoffs) e 18 rebotes pero non puido evitar a derrota e ao cabo a eliminación de Dallas.

Antes de comezar a tempada 2001-02, Nowitzki asinara unha extensión do seu contrato por 6 anos e 90 millóns, que o converteron no segundo deportista alemán mellor pagado tras Michael Schumacher. Dirk continuou mellorando, nesta ocasión as súas medias foron de 23,4 puntos, 9,9 rebotes e 2,4 asistencias. Por primeira vez, Nowitzki foi seleccionado para participar no All-Star de 2002.[3] Dende entón, non volveu faltar a ningunha edición. Tamén foi incluído no segundo quinteto da NBA. Na tempada, Dirk asinou 13 partidos con números de, mínimo, 30 puntos e 10 rebotes, terceiro tras Shaquille O'Neal e Tim Duncan. Nesta tempada, o "Big Three" estivo apoiado por un sexto home como Nick Van Exel que axudou a que o equipo mellorará os seus rexistros do ano pasado cun record de 57-25.[4]

Dirk Nowitzki lanzando a canastra.

En primeira rolda os Mavericks pasaron por encima de Minnesota Timberwolves cun contundente 3-0. Nowitzki fixo o propio con Kevin Garnett, a quen superou con 33,3 puntos de media polos 24 de Garnett. En Semifinais de Conferencia Dallas topouse cun dos equipos máis en forma da Conferencia Oeste, Sacramento Kings, que venceu por 4-1. Sacramento asfixiou en defensa a Dallas e Nowitzki mostrou a súa frustración durante a serie, especialmente cando desperdiciaron unha vantaxe de 14 puntos no cuarto partido. No oito partidos de playoffs, Dirk fixo 28,4 puntos e 13,1 rebotes. Nowitzki foi premiado polo xornal italiano Gazzetta dello Sport co Euroscar Mellor Xogador Europeo do Ano, por diante de Dejan Bodiroga e Peja Stojakovic.

Para a tempada 2002-03, Don Nelson e Mark Cuban puxeron máis énfase en adestrar a defensa, especialmente nunha defensa zonal cos taponadores Raef LaFrentz e Shawn Bradley gardando as costas. Os Mavericks gañaron os seus primeiros once partidos, e Finley, Nash e Nowitzki foron nomeados Xogadores do Mes na Conferencia Oeste en novembro de 2002. Nesta tempada, Nowitzki mellorou unha vez máis os seus rexistros con 25,1 puntos, 9,9 rebotes e 3 asistencias[3] e liderou a Dallas á marca da franquía con 60-22. Foi elixido de novo para o All-Star Game e para o segundo quinteto da NBA.[3] Acabou segundo no Deportista Alemán do Ano por detrás do saltador de esquí Sven Hannawald.

Nos playoffs de 2003 empezouse a xogar ao mellor de sete partidos dende primeira rolda, e non a cinco como fora habitualmente. Dallas enfrontouse a Portland Trail Blazers nunha serie que parecía liquidarse pola vía rápida para o equipo de Nowitzki. Con todo, Portland puxo o 3-3 despois de ir perdendo por 3-0. No sétimo partido en Dallas, os Mavs venceron 107-95 superando a presión que supuña poder caer en primeira rolda. Na seguinte rolda, os Mavericks enfrontáronse de novo aos Kings. Despois de perder o primeiro partido en casa por 113-124, Nowitzki con 25 puntos e Van Exel con 36, lideraron un espectacular 132-110 no segundo partido. Naquel encontro, Dallas chegou ao descanso con 83 puntos na súa marcadora. No terceiro encontro, Dallas aproveitou a baixa de Chris Webber para levar un partido agónico con prórroga incluída, 141-137. A eliminatoria chegou ao sétimo partido, onde Nowitzki asinou o pase de Dallas á Final de Conferencia tras callar unha gran actuación con 30 puntos e 19 rebotes. A ESPN denominou a Nowitzki como "Big D", debido ao gran labor defensivo que desempeñou aquela noite.[5] Nas Finais da Conferencia Oeste os Mavericks volveron verse as caras ante San Antonio Spurs. Dallas adiantouse na eliminatoria con 38 puntos de Nowitzki. Con todo, San Antonio venceu o tres encontros seguintes deixando a Dallas ao bordo da eliminación. Dallas puxo emoción á serie co 2-3, pero San Antonio determinou o seu pase no sexto encontro. Dirk volveu levar o "Mellor Xogador Europeo do Ano" e tamén foi designado así nunha enquisa realizada aos "General Managers" da NBA.

Na tempada 2003-04, Mark Cuban e Don Nelson decidiron engadir máis poder ofensivo ao equipo co fin de alcanzar por primeira vez o ansiado anel. Desta maneira, os Mavericks fixéronse con dous aleiros de categoría All-Star, Antawn Jamison (procedente de Golden State Warriors) e Antoine Walker (procedente de Boston Celtics). Ante a falta dun pivote de garantías, Don Nelson puxo a Nowitzki a xogar nesta posición, con Walker de ala-pivote e Jamison de sexto home. Para competir con solvencia na súa nova posición, Dirk colleu nove quilos de masa muscular no verán, sacrificando parte da súa axilidade. O resultado do experimento foi que as medias de Nowitzki diminuíron por primeira vez na súa carreira. O alemán acabou con 21,8 puntos, 8,7 rebotes e 2,7 asistencias.[3] A pesar diso, foron números máis que suficientes para formar parte do All-Star e do terceiro quinteto da NBA.[3] Dallas acabou cun balance de 52-30, e volveron enfrontarse a Sacramento Kings en primeira rolda. Os Kings liquidaron con facilidade a Dallas, 4-1, e deixaron ao equipo de Don Nelson cun amargo sabor de boca un ano máis.[6]

Xogador franquía[editar | editar a fonte]

Na tempada 2004-05, os Mavericks volveron á espreita para tentar dar o salto definitivo a loitar polo título. Nesta ocasión ficharon a Erick Dampier de Golden State Warriors, para tentar paliar o problema de pivotes no equipo. Con todo, Dallas perdeu a Steve Nash, que se marchou a Phoenix Suns como axente libre. Durante a tempada, Don Nelson deixou o cargo e o seu asistente, Avery Johnson, colleu o rumbo do equipo. Nowitzki volveu recuperar as súas medias, con 26,1 puntos (mellor marca persoal), 9,7 rebotes, 3,1 asistencias e 1,5 tapóns.[3] O 2 de decembro de 2004, Nowitzki anotou 53 puntos na vitoria de Dallas ante Houston Rockets, prórroga incluída, na súa mellor actuación anotadora. Por primeira vez na súa carreira, Dirk foi incluído no Primeiro quinteto da NBA.[3] Ademais, foi terceiro na votación ao MVP, detrás do seu ex compañeiro Steve Nash e de Shaquille O'Neal.

En primeira rolda Dallas enfrontouse a Houston. A Dirk custoulle entrar na serie debido á marcaxe especial á que Ryan Bowen lle someteu.[7] No primeiro encontro deixoulle en 21 puntos,[7] e no segundo anotou 26 pero con porcentaxes de tiro moi por baixo das súas posibilidades, 8 de 26.[8] A pesar de que os Rockets tomaron unha vantaxe de 2-0 que cara a presaxiar o peor, Dallas levantouse e remontou a serie 4-3 tras un sétimo partido onde arrasaron por 116-76.[9] En Semifinais de Conferencia, Nowitzki e os Mavericks enfrontábanse aos Phoenix Suns de Nash. Chegouse ao cuarto partido con 2-2. Pero despois, Phoenix levou os dous seguintes encontros de maneira moi axustada deixando na cuneta un ano máis aos Mavericks.[10]

Na tempada 2005-06 Nowitzki quedou como o único membro sobrevivente daquel "Big Three" tras a baixa de Finley. Nowitzki quedou como a gran e case única referencia, a expensas do rendemento de Terry e o crecemento como xogador de Josh Howard. Con estes dous últimos respondendo como escudeiros de Nowitzki, o equipo alcanzou as 60 vitorias.[11] Dirk fixo 26,6 puntos, 9 rebotes e 2,8 asistencias.[3] Con records en tiros de campo (48%), triplas (40.6%) e tiros libres (90.1%) que, con todo, superaría ao ano próximo.[3] Como na tempada pasada, foi incluído no primeiro quinteto da NBA e volveu quedar terceiro na loita polo MVP, tras Nash e LeBron James.[3] No Concurso de Triplas do All-Star 2006, Nowitzki levou o título tras superar na rolda final a Ray Allen e a Gilbert Areas.[12]

Nowitzki liderou aos Mavericks ás Finais de 2006.

Nowitzki confirmou o seu status de superestrella da liga durante estes playoffs nos que promedió 27 puntos, 11.7 rebotes e 2.9 asistencias.[3] Os Mavericks eliminaron con facilidade a Memphis Grizzlies en primeira rolda, cun triplo nos últimos segundos de Nowitzki que forzou a prórroga. En Semifinais de Conferencia, Dallas viuse as caras cun dos seus rivais máis populares, San Antonio Spurs. Esta vez Nowitzki superou a Tim Duncan e o equipo volveu ás Finais de Conferencia. Un triplo de Nowitzki no sétimo partido enviou o partido á prórroga. No tempo extra, Dallas venceu 119-111 con 37 puntos e 15 rebotes de Dirk.[13] Nas Finais de Conferencia debían superar a Phoenix Suns para alcanzar as súas primeiras Finais da NBA. Nowitzki anotou 50 puntos para liderar a Dallas á vitoria nun crucial quinto encontro. O columnista da ESPN Bill Simmons remarcou: "Dirk está a xogar a un nivel que ningún aleiro mostrara dende Bird".[14] Remataron aos Suns no seguinte encontro ante o seu público.

Dallas estaba na súa primeira Final da NBA. Era unha final entre debutantes, xa que Miami Heat tamén se coara por primeira vez na súa historia. As cousas non puideron comezar mellor, cun 2-0 favorable aos Mavericks. No terceiro encontro a final parecía case decidido cando Dallas vencía de 15 puntos.[15] Con todo, acabaron perdendo aquel encontro e Miami recuperou a fe. Dwyane Wade anotou 36 puntos, como mínimo, en cada un dos seguintes catro encontros para dar consumar a remontada (4-2) e darlle a Miami Heat o seu primeiro anel. O escolta dos Heat levou o MVP das Finais e Nowitzki só anotou 20 dos seus últimos 55 tiros no tres encontros finais. Dirk afirmou que a derrota no terceiro encontro cambiou o rumbo da final.

A tempada 2006-07 foi histórica para Nowitzki. O alemán levou o MVP da tempada despois de liderar a Dallas ao mellor record da liga e da franquía con medias de 24,6 puntos (50,2% en tiros e campo e 41,6% en triplos), 8,9 rebotes e 3,4 asistencias.[3][16] Deste xeito, converteuse no primeiro xogador europeo en ser galardoado como MVP da Tempada, sendo ademais o primeiro en logralo sen xogar na universidade. Contra todo prognóstico, os Mavericks caeron fronte a Golden State Warriors de Don Nelson na primeira rolda dos playoffs de 2007 por 4-2. No sexto encontro, Dirk estivo aciago con só 8 puntos e un pobre 2 de 13 en tiros. Defendido por Stephen Jackson, Nowitzki fixo preto de cinco puntos menos que na liga regular e a súa porcentaxe de tiro foi do 38,3%. Esta eliminación supuxo unha das grandes sorpresas na historia da NBA ao ser a primeira vez que un #1 é eliminado por un #8 nunha serie de sete partidos.[17]

Na tempada 2007-08 os Mavericks volveron ver como caían outra vez eliminados en primeira rolda ante New Orleans Hornets por 4-1.[18] A pesar do traspaso a mediados de tempada que levou a Jason Kidd a Dallas, o equipo só puido lograr o sétimo mellor balance da Conferencia Oeste.[18] O ciclo parecía esgotado. Para Dirk, unha das alegrías da tempada chegou o 6 de febreiro de 2008, data na que asinou o seu primeiro triplo-dobre ante Milwaukee Bucks con 29 puntos, 10 rebotes e 12 asistencias (marca persoal). A outra gran noticia chegou o 8 de marzo de 2008, cando con 34 puntos superou a Rolando Blackman como máximo anotador da historia da franquía con 16.644 puntos.[19]

Na tempada 2008-09 moitos crían que Nowitzki empezaría a notar un declive total e lograría unha cifra menor de puntos que o ano anterior. A pesar disto, Nowitzki volveu cumprir con outra gran tempada, cunha cifra de media de puntos de 25,9 e de rebotes de 8,4, con grandes partidos ao longo da tempada como o que enfrontou aos Mavericks contra Oklahoma Thunder o 13 de decembro de 2008 no que Nowitzki anotou 46 puntos, ou o 18 de xaneiro de 2009 con Utah Jazz, no que conseguiu 39 puntos. Conseguiu entrar no primeiro quinteto da tempada por diante de Tim Duncan e Pau Gasol. Os Mavericks entraron en Playoffs cun balance de 50 vitorias e 32 derrotas, sendo 6º na conferencia oeste. Enfrontáronse en primeira rolda a San Antonio Spurs, que perderon a Manu Ginobili debido a unha lesión e contaban con moito menos potencial. En 1º rolda Nowitzki non mostrou a súa mellor versión e quedo en 19.2 puntos e 8.6 rebotes, pero os Mavericks pasaron a semifinais, onde lles esperaban os Denver Nuggets. Nesta serie, marcada pola polémica que houbo nun partido por unha falta que cometeu Antoine Wright sobre un xogador de Denver Nuggets e que non chegou a ser pitada, Nowitzki completou unha serie magnífica con 34.4 puntos (no penúltimo partido das series conseguiu 44 puntos sen lanzar nin un só triplo e 13 rebotes) e 11,6 rebotes, quedando cunhas medias totais de 26,8 puntos e 10,1 rebotes, perdendo a serie Dallas Mavericks por un parcial de 4-1. O 29 de marzo de 2010, Nowitzki conseguiu o segundo triplo-dobre da súa carreira ante Denver Nuggets, con 34 puntos, 10 rebotes e 10 asistencias.

Selección de Alemaña[editar | editar a fonte]

Cadro de medallas
Baloncesto
Dirk Nowitzki.jpg
Alemaña Alemaña
Campionato do Mundo
Bronce Indianápolis 2002 Alemaña
EuroBasket
Prata Serbia e Montenegro 2005 Alemaña

Nowitzki xogou coa Selección de baloncesto de Alemaña dende o Eurobasket de 1999 en Francia. Dende aí consolidouse como o principal anotador do conxunto alemán, mais non puido evitar que Alemaña terminase en sétimo lugar, quedando fóra dos Xogos Olímpicos de Sidney 2000. No Eurobasket de 2001 en Turquía, Nowitzki foi o máximo anotador con 28,7 puntos e perdeu o MVP por pouca diferenza ante Peja Stojakovic. Alemaña chegou ás semifinais, onde perdeu ante Turquía despois de que Hedo Turkoglu mandase o partido á prórroga cun triplo sobre a bucina, gañando finalmente os turcos na prórroga. Alemaña tivo que xogar fronte a España o partido pola medalla de bronce, que tamén perderon, quedándose sen medalla. Nowitzki liderou o torneo en puntos e rebotes, con 28,7 e 9,1, respectivamente, e foi incluído no Mellor Quinteto do Europeo. A selección alemá atraeu a 3,7 millóns de telespectadores, record histórico no baloncesto alemán.

Nowitzki logrou a súa primeira medalla no Mundial de Indianápolis 2002. En cuartos de final eliminou á España liderada por Pau Gasol e coouse en semifinais, onde caeron fronte Arxentina por 86-80. No encontro pola medalla de bronce superaron con facilidade a Nova Zelandia por 117-94. Nowitzki acabou como máximo anotador con 24 puntos e foi elixido MVP do torneo. En Alemaña os 3,7 millóns de espectadores do anterior Europeo, foron superados polos 4 millóns deste evento. O Eurobasket de 2003 en Suecia foi a maior desilusión de Nowitzki na selección alemá. Nun encontro de preparación, sufriu unha lesión no pé tras chocar co francés Florent Pietrus. Na decisiva eliminatoria da segunda rolda (o vencedor accedía a cuartos de final) fronte a Italia, Alemaña perdeu 86-84, perdendo toda opción de clasificarse aos Xogos Olímpicos de Atenas 2004. Nowitzki tivo unha media de 22,5 puntos, pero viuse lastrado pola lesión que lle impediu render en plenitude de facultades.

No Eurobasket de 2005 en Serbia e Montenegro, Nowitzki colgouse a súa segunda medalla co combinado nacional. Contra todo prognóstico, superaron á Eslovenia en cuartos e a España en semifinais. Fronte a Eslovenia asinou 22 puntos e fronte a España anotou 27 con canastra decisiva incluída por encima de Jorge Garbajosa a falta de 3,9 segundos para o final. Na final caeron fronte a Grecia por 78-62. Nowitzki foi o máximo anotador do torneo con 26,7 puntos, e o segundo máximo reboteador con 10,8, levándose o MVP do Europeo.<refMVP Nowitzki Tops EuroBasket 2005 All-Tournament Team</ref> Un ano despois, no Mundial de Xapón 2006, Alemaña acabou en oitavo lugar, tras caer eliminada en cuartos de final ante Estados Unidos.[20] No Eurobasket de 2007 en España, Nowitzki liderou a Alemaña a acabar en quinta posición, insuficiente para participar nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008. Fixo 24 puntos por encontro.[21] Alemaña tívose que xogar a súa participación en Pequín no Torneo Preolímpico FIBA 2008. No partido polo terceiro lugar que daba acceso aos Xogos Olímpicos, Nowitzki liderou o triunfo alemán fronte a Porto Rico con 32 puntos. Alemaña estaría presente nos seus primeiros Xogos Olímpicos dende Barcelona 1992.[22] Nowitzki foi elixido como abandeirado da delegación olímpica de Alemaña.[23]

Perfil de xogador[editar | editar a fonte]

Nowitzki é un dos xogadores máis versátiles da NBA. Cos seus 2,13 metros de estatura, é capaz de xogar tanto en posicións interiores, como en exteriores, onde a súa boneca e a súa axilidade permítenllo. Con medias durante a súa carreira por encima dos 22 puntos e os 9 rebotes, Nowitzki consolidouse como un dos mellores xogadores da NBA, e especialmente como un dos mellores tiradores. Testemúñano as súas grandes porcentaxes en tiros de campo (sempre en torno ao 50%), en triplas (entre o 38-40%) e en tiros libres (case sempre en torno ao 90%) ou o seu Concurso de Triplas no All-Star de 2006.[3] A súa precisión no tiro, combinado coa súa altura, fan de Dirk un xogador moi difícil de taponar e de defender.[24]

Un dos principais problemas dos aliros adoita ser a defensa. Con Dirk tamén sucede, aínda que mellorou notablemente dende que chegou á NBA. En 2005, nun artigo de ESPN, Nowitzki foi votado como un dos 10 mellores ala-pivotes de tódolos tempos.[24] Ao longo da súa carreira, Nowitzki viu premiada a súa traxectoria con diferentes galardóns. É un asiduo ao All-Star Game da NBA, onde participou en nove ocasións (datos de 2010). Noutras tantas foi incluído nos Mellores Quintetos da NBA. Pero sen dúbida o premio máis destacado da súa carreira é o MVP de 2007, sendo o primeiro europeo en logralo e sendo tamén o primeiro sen xogar na universidade. Posúe os records da franquía totais en puntos, rebotes e tiros libres.

Estatísticas[editar | editar a fonte]

Nowitzki foi elixido MVP da tempada 2006-07.
Lenda
  PX Partidos xogados   PT  Partidos titular  MPP  Minutos por partido  %TC  Porcentaxe de tiros de campo
 %3P  Porcentaxe de tiros de 3  %TL  Porcentaxe de tiros libres  RPP  Rebotes por partido  APP  Asistencias por partido
 ROU  Roubos de balón por partido  TPP  Tapóns por partido  PPP  Puntos por partido  Negra  Máximo de carreira

Tempada regular[editar | editar a fonte]

Ano Equipo PX PT MPP %TC %3P %TL RPP APP ROU TPP PPP
199899 Dallas 47 24 20.4 .405 .206 .773 3.4 1.0 .6 .6 8.2
1999–00 Dallas 82 81 35.8 .461 .379 .830 6.5 2.5 .8 .8 17.5
2000–01 Dallas 82 82 38.1 .474 .387 .838 9.2 2.1 1.0 1.2 21.8
2001–02 Dallas 76 76 38.0 .477 .397 .853 9.9 2.4 1.1 1.0 23.4
2002–03 Dallas 80 80 39.0 .463 .379 .881 9.9 3.0 1.4 1.0 25.1
2003–04 Dallas 77 77 37.9 .462 .341 .877 8.7 2.7 1.2 1.4 21.8
2004–05 Dallas 78 78 38.7 .459 .399 .869 9.7 3.1 1.2 1.5 26.1
2005–06 Dallas 81 81 38.1 .480 .406 .901 9.0 2.8 .7 1.0 26.6
2006–07 Dallas 78 78 36.2 .502 .416 .904 8.9 3.4 .7 .8 24.6
2007–08 Dallas 77 77 36.0 .479 .359 .879 8.6 3.5 .7 .9 23.6
2008–09 Dallas 81 81 37.7 .479 .359 .890 8.4 2.4 .8 .8 25.9
2009–10 Dallas 81 80 37.5 .481 .421 .915 7.7 2.7 .9 1.0 25.0
2010–11 Dallas 73 73 34.3 .517 .393 .892 7.0 2.6 .5 .6 23.0
2011–12 Dallas 62 62 33.5 .457 .368 .896 6.8 2.2 .7 .5 21.6
Total 1.055 1.033 36.3 .475 .380 .878 8.3 2.6 .9 1.0 22.9
All-Star 11 2 16.5 .444 .214 .875 4.2 1.5 .7 .5 9.8

Playoffs[editar | editar a fonte]

Ano Equipo PX PT MPP %TC %3P %TL RPP APP ROU TPP PPP
2001 Dallas 10 10 39.9 .423 .283 .883 8.1 1.4 1.1 .8 23.4
2002 Dallas 8 8 44.6 .445 .571 .878 13.1 2.3 2.0 .8 28.4
2003 Dallas 17 17 42.5 .479 .443 .912 11.5 2.2 1.2 .9 25.3
2004 Dallas 5 5 42.4 .450 .467 .857 11.8 1.4 1.4 2.6 26.6
2005 Dallas 13 13 42.4 .402 .333 .829 10.1 3.3 1.4 1.6 23.7
2006 Dallas 23 23 42.7 .468 .343 .895 11.7 2.9 1.1 .6 27.0
2007 Dallas 6 6 39.8 .383 .211 .840 11.3 2.3 1.8 1.3 19.7
2008 Dallas 5 5 42.2 .473 .333 .808 12.0 4.0 .2 1.4 26.8
2009 Dallas 10 10 39.4 .518 .286 .925 10.1 3.1 .9 .8 26.8
2010 Dallas 6 6 38.8 .547 .571 .952 8.2 3.0 .8 .7 26.7
2011 Dallas 21 21 39.3 .485 .460 .941 8.1 2.5 .6 .6 27.7
2012 Dallas 4 4 38.5 .442 .167 .905 6.3 1.8 .8 .0 26.8
Total 128 128 41.2 .463 .380 .893 10.3 2.6 1.1 .9 25.9

Finais[editar | editar a fonte]

Ano Equipo PX PT MPP %TC %3P %TL RPP APP ROU TPP PPP
2006 Dallas 6 6 43.7 .390 .250 .891 10.8 2.5 .7 .7 22.8
2011 Dallas 6 6 40.3 .416 .368 .978 9.7 2.0 .7 .7 26.0
Total 12 12 42.0 .404 .310 .931 10.3 2.3 .7 .7 24.4

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Dirk Nowitzki