National Basketball Association
| Fundación | 6 de xuño de 1946 |
|---|---|
| Rexión | (29 equipos) (1 equipo) |
| Equipos | 30 |
| Actual campión | Miami Heat (2º título) |
| Máis laureado | Boston Celtics (17 títulos) |
| Emisión en TV | ABC, ESPN, TNT, NBA TV |
| Sitio web | www.nba.com |
A National Basketball Association (NBA) é a principal liga profesional de baloncesto de América do Norte. Está formada por trinta franquías, 29 delas situadas nos Estados Unidos e 1 no Canadá. A meirande parte dos mellores xogadores do mundo xogan na NBA e, grazas a iso, é considerada, cunha gran diferenza, a mellor liga de baloncesto do mundo.
A NBA fundouse en Nova York o 6 de xuño de 1946 como a Basketball Association of America. Adoptou o nome actual en 1949, trala unión de varios clubs da desaparecida National Basketball League. O partido inaugural foi un New York Knicks - Toronto Huskies, o 1 de novembro de 1946 co Maple Leaf Gardens de Toronto como escenario. O partido foi visto por 7.090 espectadores.
Na actualidade, a NBA está formada por 30 equipos, divididos en dúas conferencias, Oeste e Leste, e seis divisións, Atlántico, Central e Sueste no Leste; e Noroeste, Pacífico e Suroeste no Oeste.
Índice |
Tempada Regular[editar]
Tralas vacacións de verán, chegan as sesións de adestramento en outubro que permiten ó persoal de adestramento avaliar os xogadores (especialmente ós novatos), estudar os puntos débiles e fortes do equipo, preparar os xogadores para a tempada regular e decidirse polos 12 homes que formarán o equipo (e outros tres máis na listaxe de xogadores inactivos, se é necesario). Os equipos poden asignar xogadores con menos de dous anos de experiencia na liga á NBA Development League (liga de desenvolvemento). Logo, comézase unha serie de partidos de exhibición antes da tempada regular que se inicia na primeira semana de novembro.
Na tempada regular cada equipo disputa 82 partidos, divididos en partes iguais entre encontros de local e visitante. O calendario non é o mesmo para todos. Os equipos enfróntanse cos opoñentes da súa propia división en catro ocasións; ante os das otras dúas divisións da súa conferencia, entre tres ou catro veces; e contra os da outra conferencia, dúas veces ó ano. Polo tanto, un equipo pode ter fácil ou difícil o calendario, dependendo da división ou conferencia na que estea sito. Despois dos recentes cambios de formato do calendario da NHL, a de baloncesto é a única liga norteamericana de primeiro nivel na que as franquías se enfrontan unhas contra outras durante a tempada regular, e na que un ticket de tempada garantízache poder ver o teu equipo cada vez que veña a xogar á cidade durante a fase regular.
En febreiro, a NBA interrompese para celebra-lo anual NBA All-Star Game. Os fans de todo o mundo a través da Internet votan os seus xogadores preferidos, e o xogador máis votado en cada posición e en cada conferencia comezará de titular no equipo All-Star da súa conferencia. Os adestradores son os encargados de elixiren os 14 xogadores restantes. Os adestradores que mellor balance de vitorias-derrotas levan co seu equipo ata febreiro son os responsables de dirixiren o equipo da súa conferencia. O Oeste e o Leste enfróntanse, e o xogador que mellor actuación faga durante o encontro será galardoado co premio MVP do All-Star. Outra das atraccións da fin de semana das estrelas son o partido entre os rookies (novatos) e os sophomores (xogadores de segundo ano), e os concursos de triplas, mates e habilidades.
Tralo All-Star, remata o prazo para realizar traspasos. Após ese día, os equipos non poden intercambiar xogadores ata o final de tempada, aínda que si está permitido asinar axentes libres e despedir xogadores. Moitos traspasos teñen lugar pouco antes ou durante esa data, facendo dese día un dos máis axitados para os equipos en todo o ano.
No mes de abril, remata a tempada regular. Durante ese tempo, comeza o período de votación dos premios individuais da tempada. O premio ó mellor sexto home recíbeo o xogador que máis aportou sen ser titular no seu equipo. O rookie do ano vai para o mellor novato, mentres que o premio ó Xogador máis mellorado da NBA o recibe, como o seu propio nome indica, ó xogador que mellorou máis dunha tempada a outra. O xogador máis defensivo da liga lévase o premio ó mellor defensor, o adestrador do ano para o mellor adestrador desa tempada, e o MVP o xogador máis valioso. Ademais, Sporting News concede anualmente un premio non oficial (pero amplamente aprobado) ó mellor executivo da tempada.
Na postempada tamén se dan a coñece-los tres mellores quintetos do ano, así como o dos rookies e o mellor quinteto defensivo.
Playoffs[editar]
Os Playoffs da NBA comezan a finais de abril, con oito equipos de cada conferencia clasificados. Os tres primeiros postos de cada conferencia veñen determinados polos primeiros clasificados en cada división, seguindo á súa vez o balance vitorias-derrotas. Os cinco equipos restantes están determinados polo récord de vitorias entre os equipos non gañadores de división na conferencia. Porén, o ser campión de división non garantiza te-la vantaxe de cancha nas eliminatorias dos playoffs, algo insólito nos deportes norteamericanos. A vantaxe de cancha está estritamente baseada no balance de vitorias-derrotas durante a tempada regular, sen respectar os gañadores de división.
Ter un récord máis alto ofrece varias vantaxes. Xa que o primeiro clasificado xogará contra o oitavo, o segundo contra o sétimo, o terceiro contra o sexto e o cuarto contra o quinto, ter un mellor balance normalmente quere dicir que te enfrontarás a un equipo máis feble. A franquía con mellor balance ten a vantaxe de cancha en cada serie de playoffs, incluída a primeira rolda. Isto significa que, por exemplo, se o equipo que recibe o sexto clasificado ten mellor balance que o terceiro clasificado, o sexto tería vantaxe de cancha, a pesar de que o terceiro equipo teña un posto na clasificación máis alto.
As series de playoffs seguen un formato de competición. Cada eliminatoria é ó mellor de sete partidos, avanzando de serie o primeiro que gañe catro partidos, mentres que o perdedor é eliminado dos playoffs. Na seguinte rolda, o equipo gañador xoga contra outro da súa mesma conferencia. Así, todos excepto un son eliminados dos playoffs en cada conferencia. En cada rolda agás nas finais da NBA, séguese o modelo 2-2-1-1-1, querendo dicir que o equipo que teña a vantaxe de cancha xogará na casa os partidos 1, 2, 5 e 7, mentres que o seu rival o fará nos partidos 3, 4 e 6. Xa nas finais, séguese o modelo 2-3-2, no que o equipo coa vantaxe de campo xoga na casa os partidos 1, 2, 6 e 7, e o outro equipo nos partidos 3, 4 e 5.
Na rolda final, enfróntanse os campións de cada conferencia ó mellor de sete partidos. O primeiro que consiga vencer en catro partidos, proclamarase como o campión da NBA. Dispútase anualmente en xuño, e o campión recibe o Larry O'Brien Championship Trophy. A cada xogador do equipo vitorioso, ademais do adestrador e o general manager, entrégaselle un anel de campión. Alén disto, a liga entrega o premio MVP das Finais, que normalmente recibe un xogador do equipo gañador, aínda que isto non sexa unha norma. Só houbo unha excepción ata a data actual: Jerry West recibiu o MVP das Finais en 1969 (primeira tempada na que se entregaba este premio) malia que Lakers non gañaron o anel.
Historia[editar]
Creación e fusión[editar]
- Artigo principal: Basketball Association of America.
A Basketball Association of America foi fundada en 1946 polos propietarios dos principais pavillóns de hóckey sobre xeo do Nordeste e Medio-Oeste dos Estados Unidos, e Canadá. O 1 de novembro de 1946 en Toronto, Ontario, os Toronto Huskies recibiron aos New York Knickerbockers no Maple Leaf Gardens, o cal é considerado pola NBA coma o primeiro partido da historia da NBA.[1] Malia que xa houbera intentos de crear ligas de baloncesto profesionais, incluíndo a American Basketball League e a NBL, a BAA foi a primeira liga en intentar xogar principalmente en grandes pavillóns das principais cidades. Durante os primeiros anos, a calidade do xogo na BAA non era mellor que nas outras ligas, xa que por exemplo os Baltimore Bullets, finalistas da ABL de 1948, trasladáronse á BAA, e gañaron o título en 1948. Tamén os Minneapolis Lakers, campións da NBL en 1948, gañaron o título da BAA en 1949.
O 3 de agosto de 1949, a BAA acordou fusionarse coa NBL, creando así a National Basketball Association.[2] A nova liga tiña dezasete franquías situadas en distintas cidades, grandes e pequenas,[2] así coma grandes pavillóns e pequenos ximnasios. En 1950, a NBA pasou a ter once franquías, proceso que continuou ata 1953-54, cando a liga alcanzou o seu tamaño máis pequeno con oito franquías, que actualmente seguen na liga (os New York Knicks, Boston Celtics, Golden State Warriors, Los Angeles Lakers, Royals/Kings, Detroit Pistons, Atlanta Hawks, e Nationals/76ers). O proceso de contracción viu ás franquías de cidades máis pequenas trasladarse a cidades máis grandes. Os Hawks traladáronse das "Tri-Cities" a Milwaukee en 1951, e despois a St. Louis en 1955; os Royals de Rochester a Cincinnati en 1957; e os Pistons de Fort Wayne a Detroit en 1957.
O ano 1950 é recoñecido coma o ano da integración na NBA. Este ano foi testemuña da chegada de xogadores afroamericanos a varios equipos, entre eles Chuck Cooper ós Boston Celtics, Nathaniel "Sweetwater" Clifton ós Knicks, e Earl Lloyd ós Washington Capitols. Durante este período, os Minneapolis Lakers, liderados polo pivote George Mikan, gañaron cinco campionatos da NBA, establecendo a primeira dinastía da historia da liga.[3] Para aumentar a anotación e a velocidade do xogo, a liga introduciu a posesión de 24 segundos en 1954.[4] Se un equipo non intenta un lanzamento (ou o balón non entra en contacto co aro) en 24 segundos de posesión do balón, o xogo se para e o balón pasa ao equipo contrario.
Dominio dos Celtics e expansión da liga[editar]
En 1957, o pivote rookie Bill Russell incorpórase ós Boston Celtics, equipo que xa contaba cun dos mellores bases da liga, Bob Cousy, e un dos adestradores máis laureados da historia da NBA, Red Auerbach. Con Russell, este equipo converteríase nunha auténtica lenda, gañando 11 aneis nas 13 tempadas nas que estivo en activo. En 1959 o tamén pivote Wilt Chamberlain chegou aos Warriors e en pouco tempo converteríase nun dos xogadores máis dominantes que endexamais pisara unha cancha de baloncesto, establecendo todo tipo de récords en puntos e rebotes, e chegando, incluso, a anotar 100 puntos nun partido. A súa rivalidade con Russell é recordada como unha das máis grandes na historia do deporte.
Os anos 60 foron dominados polos Celtics. Liderados por Russell, Bob Cousy e o seu adestrador Auerbach, Boston gañou oito campionatos consecutivos, de 1959 a 1966, sendo a xeira máis larga da historia da NBA. Non gañaron o título en 1966-67, pero sí o fixeron o seguinte ano, na tempada 1967-68, e repetiron en 1969. Nos anos 60, gañaron un total de nove campionatos de dez posibles.[5]
Durante ese período, a NBA fortaleceuse co movemento dos Minneapolis Lakers a Os Ánxeles, dos Philadelphia Warriors a San Francisco, dos Syracuse Nationals a Filadelfia, dos St. Louis Hawks a Atlanta, ademais da incorporación das primeiras franquías de expansión. Os Chicago Packers (agora Washington Wizards) se convertiron no noveno equipo da NBA en 1961. De 1966 a 1968, a liga pasou de 9 a 14 equipos, coa incorporación dos Chicago Bulls, Seattle SuperSonics (agora Oklahoma City Thunder), San Diego Rockets (que se trasladaron a Houston catro anos máis tarde), Milwaukee Bucks e Phoenix Suns.
En 1967, a liga afrontou unha nova ameaza externa coa formación da American Basketball Association (ABA). Ambas as ligas entraron nunha guerra de puxa polo talento. A NBA conseguiu a estrela universitaria máis importante daquela era, Kareem Abdul-Jabbar (daquela coñecido como Lew Alcindor), que xunto a Oscar Robertson liderou aos Milwaukee Bucks a gañar un título na súa segunda tempada, e que máis tarde xogaría nos pentacampións Lakers. Porén, o máximo anotador da NBA, Rick Barry, deu o salto á ABA ó igual que outros catro árbitros veteranos: Norm Drucker, Earl Strom, John Vanak e Joe Gushue.
A ABA tivo moito éxito ao incorporar a grandes estrelas nos anos 70, entre eles Julius Erving dos Virginia Squires, en parte porque deixáballes aos equipos fichar xogadores sen rematar o seu período universitario. Durante este período, a NBA se expandiu rápido. De 1966 a 1974, a NBA incrementou o número de franquías a 18. En 1970, Portland Trail Blazers, Cleveland Cavaliers e Buffalo Braves (agora Los Angeles Clippers), fixeron o seu debut aumentando o número a 17 franquías.[6] Os New Orleans Jazz (agora Utah Jazz) incorporáronse en 1974 para facer un total de 18. Tras a tempada de 1976, a liga chegou a un acordo para que catro franquías da ABA chegaran á NBA, aumentando o número de equipos a 22. Estas franquías foron os San Antonio Spurs, Denver Nuggets, Indiana Pacers e New York Nets (posteriormente New Jersey Nets, e agora Brooklyn Nets). Algunhas das estrelas desta década foron Kareem Abdul-Jabbar, Rick Barry, Dave Cowens, Julius Erving, Elvin Hayes, Walt Frazier, Moses Malone, Artis Gilmore, George Gervin, Dan Issel e Pete Maravich. Porén, o remate da década viu como baixaban as audiencias de televisión, a asistencia aos pavillóns e había problemas de drogas nalgúns xogadores, problemas que ameazaron a liga.
Gañando popularidade[editar]
Ese mesmo ano, a liga agregou da ABA a innovadora liña de tres puntos, e entrarían na liga os rookies Magic Johnson e Larry Bird, para xogaren nos Lakers e Celtics respectivamente, o que deu comezo a un período no que o interese pola liga e o número de siareiros medrou tanto no país como no mundo entero. En 1984, xogaron un contra outro por primeira vez nas Finais da NBA. Johnson liderou aos Lakers para gañar cinco títulos, e Bird liderou aos Celtics para conseguir tres. Ademais a comezos dos anos 80, a NBA engadiu outra franquía máis de expansión, os Dallas Mavericks, aumentando o número a 23 equipos. Máis tarde, Larry Bird gañou o seu primeiro concurso de triplas. O actual comisionado da liga David Stern asumiu o cargo o 1 de abril de 1984.
Michael Jordan chegou á liga en 1984 cos Chicago Bulls, dándolle á liga unha estrela aínda máis popular para aumentar o interese na liga. Isto tivo coma resultado que máis cidades pediran ter equipos en propiedade. En 1988 e 1989, catro cidades conseguiron os seus desexos, os Charlotte Hornets (agora New Orleans Hornets), Miami Heat, Orlando Magic e Minnesota Timberwolves fixeron os seus debuts na NBA, a cal contaba xa con 27 equipos. No primeiro ano dos 90, os Detroit Pistons gañaron o segundo dos seus dous títulos consecutivos, liderados por Chuck Daly e Isiah Thomas. Jordan e Scottie Pippen lideraron aos Bulls a 6 títulos en 8 anos. Hakeem Olajuwon gañou dous campionatos consecutivos cos Houston Rockets en 1994 e en 1995.
En 1995, a NBA expandiuse ao Canadá coa chegada á liga dos Vancouver Grizzlies e dos Toronto Raptors. En 2001, os Vancouver Grizzlies trasladáronse a Memphis, e deixaron aos Raptors coma o único equipo canadense na NBA. En 1996, a NBA creou unha liga feminina, a Women's National Basketball Association (WNBA). En 1998, os propietarios da NBA comezaron un lockout que durou 191 días e rematou o 18 de xaneiro de 1999. Coma resultado deste lockout, a tempada 1998-99 foi reducida de 82 a 50 partidos, e o All-Star Game foi cancelado. Os San Antonio Spurs gañaron o seu primeiro campionato, o primeiro dun antigo equipo da ABA, ao gañar aos New York Knicks, quen foron os primeiros, e únicos aínda hoxe en día en chegar ás Finais da NBA quedando en oitava posición na tempada regular.
Límite Salarial[editar]
O límite salarial é o límite que os equipos poden gastar en contratos de xogadores, e que existe para iguala-lo nivel dos equipos da NBA. Sen salary cap os equipos poderían ofertar moitos cartos ós axentes libres sen correren o risco de sobrepasalo. A idea básica é esa, que un equipo non poida contratar un axente libre se excede o salary cap.
O salary cap para cada futura campaña, está suxeito a unhas adaptacións, e será calculado multiplicando o BRI ("Basketball Related Income" que se trata dun termo definido que inclúe tódolos ingresos recibidos polos equipos como resultado das distintas operacións levadas a cabo) por un 48.04%, restando os beneficios dos xogadores, e dividindo o resultado entre 29.
O salario mínimo dun equipo é calculado multiplicando o límite salarial polo 75%.
Equipos[editar]
Notas:
- Un asterisco (*) denota un movemento de franquía.
- Indiana Pacers, New Jersey Nets, San Antonio Spurs e Denver Nuggets entraron na NBA en 1976 procedentes da ABA.
Equipos desaparecidos[editar]
- Anderson Packers (1949-1950).
- Baltimore Bullets (1947-1955).
- Chicago Stags (1946-1950).
- Cleveland Rebels (1946-1947).
- Indianapolis Jets (1948-1949).
- Indianapolis Olympians (1949-1953).
- Pittsburgh Ironmen (1946-1947).
- Providence Steamrollers (1946-1949).
- Sheboygan Redskins (1946-1951).
- St. Louis Bombers (1946-1950).
- Toronto Huskies (1946-1947).
- Washington Capitols (1946-1951).
- Waterloo Hawks (1948-1950).
Palmarés[editar]
- 17 títulos: Boston Celtics (1957, 1959, 1960, 1961, 1962, 1963, 1964, 1965, 1966, 1968, 1969, 1974, 1976, 1981, 1984, 1986, 2008).
- 16 títulos: Los Angeles Lakers (1949, 1950, 1952, 1953, 1954 1972, 1980, 1982, 1985, 1987, 1988, 2000, 2001, 2002, 2009, 2010).
- 6 títulos: Chicago Bulls (1991, 1992, 1993, 1996, 1997, 1998).
- 4 títulos: San Antonio Spurs (1999, 2003, 2005, 2007).
- 3 títulos: Golden State Warriors (1947, 1956, 1975), Philadelphia 76ers (1955, 1967, 1983), Detroit Pistons (1989, 1990, 2004).
- 2 títulos: New York Knicks (1970, 1973), Houston Rockets (1994, 1995), Miami Heat (2006, 2012)
- 1 título: Baltimore Bullets (1948), Sacramento Kings (1951), Atlanta Hawks (1958), Milwaukee Bucks (1971), Portland Trail Blazers (1977), Washington Bullets (1978), Seattle SuperSonics (1979), Dallas Mavericks (2011).
Historial da NBA[editar]
*: Os equipos sinalados reciben, en datos de 2008, os seguintes nomes:
- Philadelphia Warriors: Golden State Warriors.
- Baltimore Bullets: Washington Wizards.
- Minneapolis Lakers: Los Angeles Lakers.
- Syracuse Nationals: Philadelphia 76ers.
- Rochester Royals: Sacramento Kings.
- Fort Wayne Pistons: Detroit Pistons.
- Saint Louis Hawks: Atlanta Hawks.
- San Francisco Warriors: Golden State Warriors.
- Washington Bullets: Washington Wizards.
- Seattle SuperSonics: Oklahoma City Thunder
Presidentes e Comisionados[editar]
- Maurice Podoloff, Presidente dende 1946 ata 1963.
- Walter Kennedy, Presidente dende 1963 ata 1967 e Comisionado dende 1967 ata 1975.
- Larry O'Brien, Comisionado dende 1975 ata 1984.
- David Stern, Comisionado dende 1984.
Premios[editar]
- Rookie do ano da NBA.
- MVP da tempada da NBA (Premio MVP da Liga regular).
- Mellor Defensor da NBA.
- Xogador con maior progresión da NBA.
- Mellor Sexto Home da NBA.
- Xogador Máis Deportivo da NBA.
- Equipo All-NBA.
- Mellor quinteto defensivo da NBA.
- Mellor quinteto de rookies da NBA.
- Adestrador do Ano da NBA.
- Executivo do Ano da NBA.
- Líder de anotación da NBA.
Notas[editar]
- ↑ "History of Basketball in Canada". NBA Media Ventures, LLC. http://www.nba.com/canada/History_of_Basketball_in_Canad-Canada_Generic_Article-18023.html. Consultado o 2007-04-13.
- ↑ 2,0 2,1 "NBA is born". History. http://www.history.com/this-day-in-history/nba-is-born. Consultado o 29 de xullo de 2010.
- ↑ "1949–51: Lakers Win First NBA Finals". http://www.nba.com/lakers/history/lakers_history_new.html#4. Consultado o 30 de xullo de 2010.
- ↑ "NBA Rules History". NBA. May 8, 2008. http://www.nba.com/analysis/rules_history.html. Consultado o 30 de xullo de 2010.
- ↑ "Championship Wins | Celtics.com - The official website of the Boston Celtics". Nba.com. http://www.nba.com/celtics/history/ChampionshipWins.html. Consultado o 2012-01-05.
- ↑ "1970–71 SEASON OVERVIEW". NBA. http://www.nba.com/history/season/19701971.html. Consultado o 30 de xullo de 2010.
Véxase tamén[editar]
- NBA All-Star Game.
- Basketball Hall of Fame.
- NBA Draft.
- NBA Development League.
- WNBA.
- Récords NBA.
- Lista de xogadores da NBA.
| Predecesor: Tempada 2011-12 da NBA |
Tempada actual 2012-13 |
Sucesor: Tempada 2013-14 da NBA |
Ligazóns externas[editar]
Oficiais[editar]
Estatísticas[editar]
- Doug Stats (en inglés).
- 82games.com (en inglés).
- BasketballReference.com (en inglés).
Noticias[editar]
- CenterCourt Hoops (en inglés).
- InsideHoops (en inglés).
- NBAwire.com (en inglés).
- Pro Sports Daily (en inglés).
- HoopsHype (en inglés).
- HoopsWorld (en inglés).
- NBA News (en inglés).
|
||||||||||||||
