Sven Hannawald

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sven Hannawald en Hinterzarten en 2003

Sven Hannawald, nado o 9 de novembro de 1974, é un antigo saltador de esquí alemán.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Hannawald naceu en Erlabrunn, aínda que a súa infancia pasouna na localidade próxima de Johanngeorgenstadt. Desde os doce anos estudou nunha escola especial para deportistas novos en Klingenthal. En 1991 a súa familia trasladouse a Jettingen-Scheppach preto de Ulm e el pasou a estudar en Furtwangen im Schwarzwald.

Carreira deportiva[editar | editar a fonte]

En 1998 Hannawald gañou unha medalla de prata nos Campionatos do Mundo de Oberstdorf e nas Olimpiadas de Nagano conseguiu outra medalla de prata en trampolín grande por equipos.

Na tempada 1998/1999 rematou quinto na clasificación final da Copa do Mundo. Nos Campionatos de Esquí Nórdico de 1999 en Ramsau gañou unha medalla de prata en trampolín grande individual por detrás de Martin Schmitt, ademais de gañar un ouro en trampolín grande por equipos.a

No ano 2000 gañou o Festival de Esquí de Holmenkollen. Na tempada 2000/2001 Hannawald acadou un ouro no trampolín grande por equipos e un bronce no salto normal por equpos nos Campionatos de Esquí Nórdico de 2001 en Lahti.

A tempada 2001/2002 foi a mellor da súa carreira, gañou os catro títulos individuais do Torneo dos Catro Trampolíns, foi o primeiro en o facer. Revalidou o seu título de Campión do Mundo de salto de esquí. Nos Xogos Olímpicos de Salt Lake City gañou un ouro en trampolín grande por equipos e prata en salto normal individual.

Nas tempadas 2002/2003 e 2003/2004 os resultados estiveron por baixo das expectativas personais de Hannawald, como consecuencia retirouse prematurametne da competición e en abril de 2004 revelou que sufría a síndrome de Burnout e precisaba recibir tratamento psiquiátrico. Retirouse definitivamente da competición profesional o 3 de agosto de 2005 despois de superar a súa enfermidade.