Charles Rennie Mackintosh

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hill House, Helensburgh.
Glasgow School of Art.
"O faro", edificio do Glasgow Herald

Charles Rennie Mackintosh (nado en Glasgow o 7 de xuño de 1868 e morto en Londres o 10 de decembro de 1928), foi un arquitecto, deseñador e pintor escocés, participante do movemento Arts and Crafts e o máximo expoñente da Art Nouveau en Escocia.

Vida[editar | editar a fonte]

Naceu no seo dunha familia media da cidade de Glasgow, en Townhead, preto da catedral, con dez irmáns máis e con importantes problemas de saúde, tanto na vista como nun pé. De neno pasou bastante tempo no campo, descubrindo e debuxando moitas esceas do mundo que o arrodeaba. Aos 16 entrou como aprendiz dun arquitecto chamado John Hutchinson, co que traballou ao longo de cinco anos. Así foi que se fixo experto debuxante a canda os seus compañeiros Honeyman e Keppie, dos que logo sería socio. Tamén naquela época comezou a acudir ás clases de arte na Escola de Arte de Glasgow, na quenda de noite. Foi alí onde coñeceu a artista Margaret MacDonald, coa que casaría e coa que elaborou algunhas das súas obras máis importantes, mais tamén a súa irmá Frances MacDonald e a Herbert MacNair que se sumou ao grupo de aprendices do obradoiro de Hutchinson.

Este grupo de artistas (as irmás MacDonald, el e mais MacNair) formarían o que se coñeceu como grupo dos Catro, que espuxeron en Glasgow, Londres e Viena, influíndo tamén no grupo de austríacos que conformaron o movemento da Secesión, por volta de 1900.

En 1889 incorporouse a unha nova firma de arquitectos e desenvolveu un estilo propio, contrastando os fortes ángulos rectos das construcións con motivos decorativos florais baseados en subtís curvas. Tamén soubo incorporar algúns caracteres da arquitectura escocesa tradicional. Precisamente o proxecto que axudou a dalo a coñecer internacionalmente foi o da propia Escola de Arte de Glasgow onde estudara (1897-1909).

Traballos como arquitecto[editar | editar a fonte]

Se ben os resultados do seu labor como arquitecto non son numerosos, exerceu con eles unha considerábel influencia no deseño europeo. Especialmente popular en Austria e Alemaña, o traballo de Mackintosh foi moi aplaudido cando se mostrou na Exposición da Secesión, en Viena (1900). Tamén se espuxeron as súas obras en Budapest, Múnic, Dresde, Venecia ou Moscova.

Entre as súas principais obras atópanse:

En Escocia[editar | editar a fonte]

O salón de té dos Salgueiros, en Sauchiehall Street, Glasgow
O cuarto de luxo no Salón de té dos Salgueiros contén mobles e interiores deseñados por Mackintosh e por Margaret Macdonald.
O museo Scotland Street School

En Inglaterra[editar | editar a fonte]

Sen construír[editar | editar a fonte]

Malia que foi algo popular durante unha época na súa Escocia natal, a maior parte dos seus cobizosos deseños nunca se chegaron a realizar. Os seus proxectos para a Exposición Internacional de Glasgow de 1901 nunha se chegaron a facer, como a súa "Haus eines Kunstfreundes", dese mesmo ano, que non se levantou ata 1996 a partir dos seus bosquexos. Tamén competiu en 1903 polo deseño da Catedral de Liverpool, onde perdeu diante Giles Gilbert Scott.

Deseñador e pintor[editar | editar a fonte]

The Fort, circa 1925 - 1926. Fort Mailly, unha fortificación do século XVI en ruínas nas aforas de Port Vendres.

Mackintosh tamén traballou no deseño de interiores, en mobles, no téxtil e na metalurxia. Moitas das súas obras combinan as propostas de Mackintosh coas da súa muller, e integran os deseños fluídos e florais (dela) coas liñas rectas (del). Como os do seu contemporáneo Frank Lloyd Wright, os deseños arquitectónicos de Mackintosh a miúdo inclúen extensas especificacións sobre a decoración, os detalles ou a moblaxe dos edificios.

Na última época da súa vida, desilusionado da arquitectura, Mackintosh dedicouse fundamentalmente á acuarela, pintando abondosas paisaxes e estudos de flores, a míudo en colaboración coa muller, na vila de Walberswick, en Suffolk, para onde a parella marchara a vivir en 1914. Case unha década máis tarde, en 1923, xa coa arquitectura e o deseño totalmente abandonados, marcharon para Port Vendres, no sur de Francia, onde levaron as paisaxes e as relacións entre o home e a súa obra ás acuarelas.

Recoñecemento posterior[editar | editar a fonte]

Os deseños de Mackintosh gañaron popularidade logo da súa morte. A súa Casa para un Amante da Arte construíuse por fin en 1996 en Bellahouston Park, en Glasgow. A Universidade de Glasgow, que posúe a maior parte das súas acuarelas, reconstruíu unha casa terrada que Mackintosh deseñara e amoblouna co seu traballo e mais co da muller, da colección pertencente ao museo universitario Hunterian. E na actualidade, Mackintosh e as súas obras son un dos principais atractivos turísticos da cidade de Glasgow.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]