Thomas Sankara

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Thomas Sankara
Thomas Isidore Noël Sankara
Presidente de Burkina Faso
Período4 de agosto de 1983 - 15 de outubro de 1987
AntecesorJean-Baptiste Ouédraogo
SucesorBlaise Compaoré
Datos persoais
Nacemento21 de decembro de 1949
LugarYako
Falecemento15 de outubro de 1987
LugarOuagadougou
CónxuxeMariam Sankara
ProfesiónMilitar (capitán)

Thomas Sankara, nado en Iako o 21 de decembro de 1949 e finado en Uagadugú o 15 de outubro de 1987, foi presidente de Burkina Faso (anteriormente Alto Volta) entre 1983 e 1987.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Tomou o poder mediante un golpe de estado apoiado popularmente en 1983, co obxectivo de eliminar a corrupción e predominio francés na súa ex-colonia. Tentou manter a independencia do país con respecto ao exterior, declarando a débeda odiosa, para evitar a influencia do FMI e do Banco Mundial. Para simbolizar o novo período do país mudoulle o nome de Alto Volta a Burkina Faso (País dos Homes Íntegros). Sendo un carismático líder da esquerda no África Occidental, impulsou dende o seu goberno reformas administrativas co obxectivo de eliminar a pobreza, mellorando á súa vez a educación, a agricultura e a posición da muller na sociedade burkinabe. Neste último sentido tomou medidas como a prohibición da mutilación xenital feminina, dos matrimonios forzados e a poligamia, colocando a moitas mulleres en altos cargos do país.

A súa política agraria centrouse na estatización das terras e a loita contra a fame mediante a autosuficiencia agraria e a repartición das terras arrebatadas aos terratenentes entre os campesiños. Realizou masivas plantacións de árbores para frear a desertificación do Sahel En materia sanitaria promoveu a saúde pública cunha campaña de vacinación masiva na que 2,5 millóns de nenos foron vacinados contra a meninxite, a febre amarela e o sarampelo. No tocante ás infraestruturas promoveu unha rede nacional de estradas e camiños de ferro.

Para levar a cabo tales empresas, consolidou o control sobre os medios de comunicación do país, temendo que moitos deles puidesen ser doadamente manipulables polas poderosas oligarquías capitalistas locais ao servizo dos intereses dos países occidentais. Xulgou a funcionarios corruptos e contrarrevolucionarios nos chamados tribunais revolucionarios do pobo.

Alcumado "Tom Sank", e considerado por algúns como o Che Guevara de África, os seus revolucionarios programas de autosuficiencia africana foron unha alternativa desafiante ás estratexias neoliberais impostas por Occidente, o que o transformaron nunha icona para moitos dos pobres de África. Porén, tiveron a oposición da pequena pero potente clase media de Burkina Faso, aos dirixentes tribais que foron desprovistos dos dereitos tradicionais de poderen obrigar ao traballo forzoso e ao pagamento de tributos, e, sobre todo, os intereses financeiros estranxeiros en Francia e o seu aliado, Costa do Marfil. Así, foi deposto e asasinado nun golpe de estado en 1987 que contou co apoio do goberno francés.

Obra[editar | editar a fonte]

  • A emancipación da muller e a loita africana pola liberdade, Pathfinder Press, 2007. Dispoñible en inglés, francés e castelán.
  • Somos herdeiros das revolucións do mundo, Pathfinder Press, 2007. Dispoñible en inglés, francés e castelán.
  • Thomas Sankara fala, a Revolución de Burkina Faso, 1983-87, unha colección de discursos de Sankara, Pathfinder Press, 2007.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]