Anastasio Somoza Debayle

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Anastasio Somoza Debayle
Anastasio Somoza Debayle.PNG
Presidente de Nicaragua
Período1 de maio de 1967 - 1 de maio de 1972
AntecesorLorenzo Guerrero Gutiérrez
SucesorTriunvirato de goberno
Presidente de Nicaragua
Período1 de decembro de 1974 - 17 de xullo de 1979
AntecesorTriunvirato de goberno
SucesorFrancisco Urcuyo Maliaños
Datos persoais
Nacemento5 de decembro de 1925
 León
Falecemento17 de setembro de 1980
 Asunción
OrganizaciónPartido Liberal Nacionalista
PaiAnastasio Somoza García
NaiSalvadora Debayle
CónxuxeHope Portocarrero
FillosAnastasio Somoza Portocarrero
Alma máterAcademia Militar dos Estados Unidos
Profesiónmilitar e político

Anastasio Somoza Debayle, nado en León (Nicaragua) o 5 de decembro de 1925 e finado en (Asunción) Paraguai, o 17 de setembro de 1980, foi un político e militar nicaraguano, presidente do seu país entre 1967 e 1972, e entre 1974 e 1979. Como xefe da Garda Nacional, mantivo o poder efectivo durante o período intermedio. Foi o último membro da familia Somoza que exerceu o poder, tras o seu pai e o seu irmán, unha dinastía de ditadores que comezou en 1934.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Anastasio Somoza Debayle foi o terceiro fillo de Anastasio Somoza García (chamado "Tacho"), que se converteu en Presidente de Nicaragua en 1936, e de Salvadora Debayle de Somoza. Sendo o máis xove dos Somoza foi educado en Florida e Long Island antes de graduarse na Academia Militar de West Point en 1946. Ao ano seguinte, foi nomeado polo seu pai xefe da Garda Nacional, que era o ente represivo e de sostén do réxime somocista. En decembro de 1950 casa por conveniencia coa súa prima Hope Portocarrero Debayle, con quen tivo cinco fillos: Anastasio, Carolina, Roberto, Carla e Julio.

Tras o asasinato do seu pai en 1956, o maior dos Somoza, Luis Somoza Debayle, accedeu á presidencia. En 1967, pouco despois da morte do seu irmán, Anastasio Somoza foi elixido presidente por primeira vez. Tivo que deixar o cargo en 1972 a causa dunha lei que impedía a reelección inmediata.

O 23 de decembro daquel mesmo ano, un terremoto devastou a capital da nación, Managua, deixando máis de dez mil mortos e practicamente destruíndo o centro da cidade. Declarouse a lei marcial, convertendo a Somoza, en tanto que xefe da Garda Nacional, no dirixente de facto do país. Posteriormente descubriuse que a familia Somoza lucrárase coa maior parte da axuda internacional ofrecida tras o terremoto.

A pesar de todo, Somoza foi elixido presidente nas eleccións de 1974, o seu interese en seguir manténdose no poder e a represión á poboación provocou a perda do apoio dos sectores antes aliados, como a oligarquía, Estados Unidos e a Igrexa católica. A finais dos setenta, grupos defensores dos dereitos humanos denunciaban as violacións destes, cometidas polo seu goberno. De setembro do 1978 ata o 17 de xullo de 1979, el e o seu fillo Anastasio Somoza Portocarrero provocaron unha guerra civil, ordenando o asasinato de civís e o bombardeo con artillería e avións das cidades principais de Nicaragua que caeran en mans do levantamento popular dirixido polas forzas sandinistas. Baixo o liderado de pai e fillo, a Garda Nacional asasinou a 50.000 cidadáns nicaraguanos.

Fin do réxime de Somoza[editar | editar a fonte]

A madrugada do 17 de xullo de 1979 fuxiron a Miami poñendo fin ao réxime somocista. Pouco tempo despois Anastasio Somoza Debayle conseguiu refuxio en Paraguai grazas ao ditador dese país Alfredo Stroessner. Foi asasinado o 17 de setembro do ano seguinte en Asunción por forzas do Exército Revolucionario do Pobo[Cómpre referencia]. Divorciárase da súa primeira esposa e vivía coa súa amante de moitos anos: Dinorah Sampson.

Presidente de Nicaragua

Segue a:
Lorenzo Guerrero Gutiérrez
Anastasio Somoza Debayle
Precede a:
Triunvirato de Goberno
Partido Liberal Nacionalista