Pobo fula

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Pobo fula
East - Fulbe.jpg
Mulleres fula
Poboación
Poboación total:
c  20–25 millóns[1][2]
Rexións principais:
Nixeria Nixeria7 millóns[3]
Guinea Guinea4,7 millóns[4]
Mali Malí2,8 millóns[5]
Níxer Níxer1,5 millóns[6]
Camerún Camerún700 000[3]
Chad Chad128 000[3]
Sudán Sudán90 000[3]
Aspectos culturais
LinguaLingua fula
RelixiónStar and Crescent.svg Islam
Grupos
relacionados
Hausa, kanuri e toucouleur

Os fula ou fulani (tamén chamados peul ou fulbe) (en fula: Fulɓe), son o pobo nómade máis grande do mundo, cuxa orixe é descoñecida. Espallados pola África occidental, a maioría moran no Sahel, onde, xunto aos hausa, suman arredor de 30 millóns. Atópanse tamén no Malí (1,6 millóns), en Nixeria, na Guinea (1,4 millóns), no Camerún (1,1 millóns), o Senegal (1 millón), o Níxer (950.000), Burkina Faso (550.000), Guinea-Bissau (210.000) e en número menor en Ghana, Mauritania, Serra Leoa, Togo e o Chad. Tamén aparecen no sur de Exipto, Libia e o Sudán. Os fulas non son o grupo maioritario en ningún destes países, agás na Guinea. Son pobos tradicionalmente nómades que pratican o pastoreo. Falan fulfulde ou fula e estiveron entre os primeiros grupos africanos que acolleron o islam.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Os fulani son un dos pobos que máis denominacións recibe. Autodenomínase fulbe (en singular: pullo ou foulah), malia estar moi espallado o nome fulani co que lle chaman os hausa e os pobos do Sáhara, así coma exploradores e etnógrafos de fala inglesa. Tamén é frecuente a denominación fulbe que lles dan os mandé e mais a de peul que lle deron os wolof, a cal adoptaron os exploradores e etnógrafos de fala francesa.

Características físicas[editar | editar a fonte]

O fula, malia seren clasificados no complexo de pobos sudaneses, non comparten demasiadas características físicas con estes. Xeralmente, teñen a pel de cor caoba clara, a complexión espigada, o nariz recto ou algo curvo (xamais chato), os ollos amendoados e o pelo magro, non tan crecho como as tribos veciñas.

Moza da etnia peul ou fulani en Malí.

Orixe[editar | editar a fonte]

Téñense estudado moitas hipóteses arredor da orixe desta etnia. Por mor ás citadas características físicas, ademais das manifestacións artísticas, trátase dun pobo mestizo. Moitos consideraron a hipótese dunha orixe afastada do continente africano. Algúns sitúana no sur do Cáucaso, outros no actual Iemen.

Porén, a lingua dos fula clasifícase na rama lingüística de Níxer-Congo —malia agupala outros nas linguas afroasiáticas xunto idiomas achegados coma o hausa ou o bérber—. Así pois, moitos situarían as súas orixes nas marxes do Nilo; outros opinan que este pobo é o resultado dunha mestizaxe entre pobos sudaneses e nómades do Sáhara.

Historia[editar | editar a fonte]

Os primeiros datos sobre os fula remóntanse ao século IX, cando moraban entre a curva do río Níxer e a conca do Volta Negro. A principios do século XII, por mor da presión islámica (relixión que daquela rexeitaban) fuxiron cara distintas zonas, espallándose deste xeito por toda a África Occidental, mais os seus meirandes focos foron o macizo de Fouta Djallon, o Val do Senegal, Macina e mais a zona que correspondería ao actual norte de Nixeria.

Durante os dous séculos a seguir, ficaron baixo o dominio do Imperio de Malí, até comezaren a rivalidade co nacente Imperio songhay. Logo, os fulani, liderados por Tenguela I, conseguiron a autonomía do Estado de Bundu (localizado na actual Senegambia), a cal lles durou pouco, xa que o Imperio Shongai tivo tanta influencia que estendeu o seu poder até aquelas latitudes, sometendo así a todos os pobos conquistados.

A finais do século XV reagrupáronse de novo no Fouta Djallon, con capital en Timbo, liderados por Koli Tenguela, fillo do anterior, o cal creou a dinastía dos Siratigui e rematou converténdose ao islam. A partir do século XVII, eetenderon o seu territorio por zonas achegadas ao Fouta Djallon e polo Macina, enfrontándose así coas poboacións autóctonas de ditas terras.

Durante os séculos XV e XVII, paácticamente todos os fulani se converteran ao islam, máis concretamente a un movemento relixioso chamado Kadiriya, converténdose así na primeira etnia saheliana en acoller esta relixión. Só durante aqueles séculos chgaron a convivir pacificamente cos hausas nas terras do actual norte de Nixeria, aos cales lles servían coma conselleiros relixiosos.

En Macina, durante o século XVIII, fundouse outro reino fula, con capital en Hamdallayi, cuxa figura estelar foi cheikú Amadú, tamén coñecido coma o Emir dos crentes.

Aínda que sen dúbida algunha, o suceso histórico máis importante protagonizado polos fulani ou peul foi a Xihad fulani, unha campaña militar que libraron contra os seus veciños hausas. Había problemas entrambos por mor de que os hausas tiñan pouca convición no islam, chegando a mesturar ritos musulmáns con prácticas animistas. Os fulani eran moito máis devotos, é máis, tiñan unha figura chamada Usman Dan Fodio. Este atraía a moitos crentes que ollaban escandalizados as prácticas dos xefes hausas e que admiraban o misticismo relixioso de Dan Fodio. Serían estes fieis os que nomearían Comandante dos Crentes e lle acompañarían o 21 de febreiro de 1804 na súa viaxe de Gobir a Gudu, e, rememorando esta semellanza coa héxira musulmá, declarou a xihad rebelándose contra os hausa. Á revolta uníronse súbditos dos hausa que odiaban a estes reis, así coma fulanis nómades non musulmáns (no bando dos hausa). Contodo, a yijad produciu unha alta conciencia islámica no norte do Camerún e serviu de factor unificador para os hausa cos fula.

Contra 1810, os fulani conquistaron o país hausa, espallando así a xihad cara o leste, o que desembocaría nun imperio creado por Usman Dan Fodio e que se estendía en toda a zona saheliana comprendida entre o Camerún e o Macina, abranguendo a súa capial en Sokoto. De aí que se coñecera co nome de Califato de Sokoto. Puxo en práctica así a súa teoría política, con catro visires con funcións claramente diferenciadas.

Para garantir unha mellor administración do Imperio, Usman dividiuno en dúas partes. A oriental, entregoulla a seu fillo Bello, e a occidental, a seu fillo Abdallah. A unidade imperial foise languidecendo co tempo, e, en 1860 xa non ficaba pegada ningunha desta unidade. A desaparición deste reino consagraría que os fulani se ciscasen por gran parte do continente africano.

Os fula na actualidade[editar | editar a fonte]

Senegambia[editar | editar a fonte]

Os fulani do Senegal e de Gambia moran na súa maioría na zona central do país.

Malí e Guinea[editar | editar a fonte]

En Malí moran principalmente no gran delta interior do río Níxer, na rexión de Mopti. Na Guinea moran principalmente na rexión de Fouta-Djallon. No proceso de descolonización os fulani formaron un propio partido político, pero co xurdimento do Partido Democrático da Guinea, de Ahmed Seku Touré, aquel perdeu gran parte do seu poder.

Camerún[editar | editar a fonte]

Os fulani do Camerún moran na parte setrentrional do país, que conquistaron durante a yijad do século XIX. Foron influentes durante o período colonial e, trala independencia en 1960, apoiaron ao presidente do Camerún, Ajmadú Ajidyo. Coa dimisión de Ajidyo, en 1982, reduciuse a influencia social, económica e política dos fula.

Níxer, Burkina Faso e Guinea-Bissau[editar | editar a fonte]

A meirande parte dos peul que moran en Níxer emigraron a este país dende Nixeria durante o período colonial. Viven principalmente ao longo do río Níxer. En Burkina Faso concéntranse no norte e no leste, e na Guinea-Bissau moran unha estensa rexión entre as cidades de Gabú e Bafatá.

Xeito de vida[editar | editar a fonte]

Mulleres fulanis en Paoua.

Economía[editar | editar a fonte]

Basicamente nómade e pastoral, a riqueza atópase no número de gando que un teña. Crían bois, vacas, cabras, ovellas... Parte dos produtos que elaboran son comercializados. Tradicionalmente, trocaban carne e leite por especias e froitas con outros pobos. Actualmente, os fulani poden chegar a comercializar a grande escala os seus produtos (lácteos principalmente), algúns até os exportan a outros países africanos; o que demostra que teñen un sistema produtivo moi eficiente, que serviu de exemplo incluso para algunhas multinacionais occidentais.

O xefe da familia decide o nivel de produción do leite e o seu sino, mentres que as mulleres deciden canto do leite destinado a elas (a que non é destinada a elas, será para alimentar as crías do gado) se gardará para o autoconsumo e canta se venderá. As mulleres xamais acostuman vender o leite fresco; previamente o procesan:

En tempada húmida: Primeiro, fan a manteiga, e, co leite desnatado sobrante fan un líquido chamado nono (mestura de leite, azucre, e un gran moído chamado fura). Ademais, preparan un queixo tenro que cortan en cubos e friten.

En tempada seca: Ao nono engádeselle auga e mais kuka, que é o ácido que se atopa no froito do baobab, moi rico en vitamina C.

Costumes[editar | editar a fonte]

Antes de adoptar o islam, os fulani dicían proceder dun paraíso chamado O País de Heli e Yoyo, unhas terras con abundantes recursos naturais e onde reinaba a fortuna e a vida (O equivalente ao Paraíso dos cristiáns), lugar que creara Gueno, o deus creador. Conta a lenda que, con tanta abundancia, os habitantes do País de Heli e Yoyo tornáronse mesquiños e ruíns. Así Gueno, o deus creador, encheuse deles, decidindo así crear a Njeddo Dewal, a nai de todas as calamidades (o equivalente ao demo).

Como tense demostrado ao longo da historia africana, dende que adoptaron o islam, son bastante teocéntricos e moi devotos, os nenos van a escolas coránicas, onde aprenden o árabe coma unha lengua sagrada. Aínda que xa escasos, aínda existen casos de poligamia.

Contodo, aínda hai prácticas pre-islámicas que non abandonaron (que adoitan estar prohibidas en bastantes países):

-Ritos de iniciación (circuncisión do pene en nenos, e, en menor medida, mutilación do clítoris nas nenas). Faise entre os 7 e os 14 anos, xa que os fulani dividen as fases da vida de 7 en 7.

-Sharot ou proba de paus: Dous mozos danse mutuamente con paus por quendas.

-As súas prioridades, sobre todo nos sungrupos bororo e fulbé nai (a seguir) son: o gado, a beleza e a familia.

Organización social dos fulani[editar | editar a fonte]

Non todos os fulani son gandeiros ou nómades; moito menos na actualidade, onde circunstancias como a desertización ou a globalización poden chegar a persuadir para levares un xeito de vida sedentario ou urbano. Outrora posuían un sistema feudal, formado pola aristocracia, o rimbe ou persoas ceibas, os matchube ou escravos, os cales se dividían á súa vez en domésticos ou servos. Os relixiosos e os artesáns formaban castes a parte. Hoxe en día, posúen unha organización algo cambiada, este sistema social acentúase a medida que nos despracemos cara o oriente o antigo califato de Sokoto (Nixeria, Camerún...)

Torobé[editar | editar a fonte]

En fulfude, quere dicir o que reza con nós. Descendentes dos antiuos artistócratas e do clan de Usman Dan Fodio; moitos mesturáronse con hausas e con tukolor. Xa non son nómades, mais conservan a terra e os seus numerosos rabaños, servíndose de vasalos e servos para os coidar. Posúen riquezas e teñen contacto co mundo occidental. As mulleres destes non venden directamente os seus produtos lácteos; véndenllo a un intermediario.

Fulbé Sure[editar | editar a fonte]

"Peul de cidade". Abandonaron totalmente o nomadismo gandeiro para se dedicar ao comercio.

Fulbé Ladde[editar | editar a fonte]

"Peul de matogueira". Non abandoron de todo a vida nómade. Recorren á agricultura por mor a que non posúen gado de abondo. Combinan ciclos sedentarios agrícolas con desprazamentos na procura de pasteiros.

Fulbé Nai[editar | editar a fonte]

Conservan o seu nomadismo tradicional e o seu fanatismo relixioso musulmán, e desprezan os que perderon estas características. Adoitan coidar o gado dos torobé.

Bororo ou Woddabé[editar | editar a fonte]

É o banzo social máis baixo, conservan todas as características dos fulani pre-islámicos (son animistas). Divídense por clans, e practican nomadismo estacional, desprazándose por zonas sahelianas. Levan ao extremo os coidados corporais. Algúns adoitan ser servos dos torobé.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Felicity Crowe; et al. (2010). Marshall Cavendish, ed. Modern Muslim Societies. p. 262. ISBN 978-0-7614-7927-7. 
  2. Steven L. Danver (2015). Native Peoples of the World: An Encylopedia of Groups, Cultures and Contemporary Issues. Routledge. pp. 31–32. ISBN 978-1-317-46400-6. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Kays, Stanley J. (2011). Springer Science & Business Media, ed. Cultivated Vegetables of the World: A Multilingual Onomasticon. p. 747. ISBN 9086867200. 
  4. Cia.gov (ed.). "The World Factbook". Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2015. Consultado o 15 de agosto de 2015. 
  5. Cia.gov (ed.). "The World Factbook". Arquivado dende o orixinal o 10 de novembro de 2015. Consultado o 15 de agosto de 2015. 
  6. Cia.gov (ed.). "The World Factbook". Arquivado dende o orixinal o 24 de abril de 2020. Consultado o 15 de agosto de 2015.