Organización Mundial da Saúde

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Bandeira da Organización Mundial da Saúde
Bandeira
Escudo da Organización Mundial da Saúde
Escudo
 
Situación de Organización Mundial da Saúde
 
Sede Xenebra
Idioma oficial Árabe
Chinés
Castelán
Francés
Inglés
Ruso
Forma de goberno Organización internacional
Margaret Chan
Fundación 7 de abril de 1948
Membros 194 estados
Sitio web who.int
Sede da OMS en Xenebra, Suíza.

A Organización Mundial da Saúde (OMS, ou WHO, nas súas siglas en inglés), é o organismo das Nacións Unidas especializado en saúde, foi creado o 7 de abril de 1948, institución dependente das Nacións Unidas.

Historia[editar | editar a fonte]

O primeiro esbozo da OMS xurdiu da Conferencia Internacional de saúde celebrada en xullo de 1946. Nesta reunión, organizada por iniciativa do Consello Económico e Social da ONU, redáctanse os primeiros estatutos da OMS.

A primeira reunión da OMS tivo lugar en Xenebra, Suíza en 1948.

En 2009 recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional.

Características[editar | editar a fonte]

Constitución da OMS[editar | editar a fonte]

A Constitución[1] foi adoptada pola Conferencia Sanitaria Internacional, celebrada en Nova York do 19 de xuño ao 22 de xullo de 1946, asinada o 22 de xullo de 1946 polos representantes de 61 Estados e entrou en vigor o 7 de abril de 1948[2].

Os seus principios son:

  • A saúde é un estado de completo benestar físico, mental e social, e non soamente a ausencia de afeccións ou enfermidades[3].
  • O gozo do máis alto nivel posible de saúde que se poida alcanzar é un dos dereitos fundamentais de todo ser humano, sen distinción de raza, relixión, convicción política, condición económica ou social.
  • A saúde de todos os pobos é unha condición fundamental para alcanzar a paz e seguridade e é dependente da máxima colaboración dos individuos e dos Estados.
  • Os resultados alcanzados por cada Estado na promoción e protección da saúde son valiosos para todos.
  • A desigualdade dos distintos países sobre a promoción da saúde e control de enfermidades, especialmente de enfermidades transmisibles, é un perigo común.
  • O desenvolvemento saudable do neno é de importancia fundamental; a capacidade de vivir harmoniosamente nun mundo en cambio é esencial para ese desenvolvemento.
  • A extensión a todos os pobos os beneficios do coñecemento médico, psicolóxico e afíns é esencial para acadar o máis alto nivel de saúde.
  • Unha opinión pública ben informada e a cooperación activa por parte do público son de suma importancia para mellorar a saúde das persoas.
  • Os gobernos teñen a responsabilidade de garantir a saúde dos seus pobos, que só pode ser cumprida pola prestación de axeitadas medidas sanitarias e sociais.

Os 194 Estados Membros da OMS gobernan a Organización por conduto da Asemblea Mundial da Saúde. A Asemblea está composta por representantes dos Estados Membros da OMS. Os principais cometidos da Asemblea Mundial da Saúde son aprobar o programa e o orzamento da OMS para o seguinte bienio e decidir as principais cuestións relativas ás políticas sanitarias.

Sede[editar | editar a fonte]

A sede central da organización atópase en Xenebra, Suíza[4].

Ademais, a OMS conta con sedes rexionais:

Rexión Sede
África Brazzaville, Congo
As Américas Washington, D.C., Estados Unidos de América
Asia Suroriental Nova Deli, India
Europa Copenhague, Dinamarca
Mediterráneo Oriental O Cairo, Exipto
Pacífico Occidental Manila, Filipinas

Organización[editar | editar a fonte]

Os órganos de dirección da OMS son: Asemblea Mundial da Saúde, Consello Executivo e Secretaría (co Director Xeral á fronte).

Asemblea Mundial da Saúde[editar | editar a fonte]

A Asemblea Mundial da Saúde é o órgano decisorio supremo da OMS. Reúnese de xeito ordinario, polo xeral[5] en Xenebra todos os anos en maio, ademais das sesións extraordinarias que se poidan convocar. Asisten a ela delegacións dos 194 estados membros[6].

As súas funcións, segundo o artigo 18 da Constitución da OMS[7], son:

  • Determinar a política da Organización.
  • Nomear os membros que teñan dereito a designar unha persoa para o Consello.
  • Nomear o Director Xeral.
  • Estudar e aprobar os informes e actividades do Consello e do Director Xeral, e dar instrucións ao Consello sobre os asuntos nos que se considere axeitada unha acción, estudo, investigación ou informe.
  • Establecer os comités que considere necesarios para o traballo da Organización.
  • Vixiar a política financeira da Organización e estudar e aprobar o seu orzamento.
  • Dar instrucións ao Consello e ao Director Xeral para chamar a atención dos membros e das organizacións internacionais sobre calquera asunto relacionado coa salubridade que estime necesario.
  • Invitar a calquera organización internacional ou nacional, gobernamental ou non gobernamental, que teña responsabilidades relacionadas coas da Organización, a que designe representantes para participar, sen dereito a voto, nas súas reunións ou nas de comités e conferencias, nas condicións que prescriba a Asemblea. No caso de organizacións nacionais, as invitacións faránse soamente co consentimento do goberno interesado.
  • Tomar en consideración as recomendacións sobre salubridade feitas pola Asemblea Xeral, o Consello Económico e Social, o Consello de Seguridade ou o Consello de Administración Fiduciaria das Nacións Unidas, e informarlles sobre as medidas tomadas pola Organización para poñer en práctica as tales recomendacións.
  • Informar ao Consello Económico e Social, conforme os acordos que se celebren entre a Organización e a ONU.
  • Promover e realizar investigacións no campo da salubridade, mediante o persoal da Organización, polo establecemento das

súas propias institucións, ou en cooperación con institucións oficiais ou non oficiais de calquera membro, co permiso do seu goberno.

  • Establecer outras institucións que considere axeitadas.
  • Emprender calquera acción apropiada para o progreso da finalidade da Organización.

Consello Executivo[editar | editar a fonte]

Regulado no capítulo VI da Constitución da OMS[7]. Está composto por trinta e catro persoas, tecnicamente cualificadas no ámbito da saúde, designadas polo mesmo número de membros da Asemblea, respectando unha distribución xeográfica equitativa. Son elixidos por un período de tres anos, podendo ser relixidos.

O Consello reunirase polo menos dúas veces ao ano.

Funcións do Consello:

  • Dar seguimento ás decisións e políticas da Asemblea Mundial da Saúde.
  • Actuar como órgano executivo da Asemblea.
  • Aconsellar a Asemblea nos ámbitos que lle son confiadas e que se atribúen á Organización por convenios, acordos e regulamentos.
  • Presentar consellos ou propostas á Asemblea por iniciativa propia.
  • Preparar o calendario das reunións da Asemblea.
  • Someter á Asemblea, para a súa consideración e aprobación, un plan de traballo por un período determinado.
  • Estudar todas as cuestións no ámbito da súa competencia.
  • Tomar medidas de emerxencia, segundo as funcións e os recursos financeiros da Organización, para xestionar acontecementos que requiren acción inmediata. En particular, poderá autorizar o Director Xeral que tome as medidas necesarias para combater as epidemias, accións sanitarias de emerxencia a prol das vítimas dunha calamidade e realizar estudos e investigacións de urxencia.
  • Realizar calquera outra función que a Asemblea Mundial da Saúde pode esixir.
  • Pode, en nome de toda a Asemblea, usar dos poderes delegados por este organismo.

Secretaría[editar | editar a fonte]

Segundo recolle o capítulo VII da Constitución da OMS[7], a Secretaría está composta polo Director Xeral e o persoal técnico e administrativo necesario.

O director xeral será nomeado pola Asemblea de Saúde, proposto polo Consello, nas condicións determinadas pola Asemblea. Baixo a autoridade do Consello, o director xeral será o funcionario técnico e administrativo da Organización.

Funcións:

  • Será ex officio Secretario da Asemblea, do Consello e de todas as comisións e comités da Organización e de conferencias convocadas por el. Pode delegar estas funcións.
  • Establecer acordos con membros da OMS, e con organizacións nacionais, sexan gobernamentais ou non.
  • Establecer relacións directas con organizacións internacionais cuxas actividades están dentro da competencia da Organización.
  • Manter as oficinas rexionais informadas sobre todas as cuestións relativas ás súas respectivas rexións.
  • Preparar e presentar ao Consello as contas e estimacións de orzamento da Organización.
  • Nomear o persoal da Secretaría de acordo co estatuto do persoal establecido pola Asemblea da Saúde. Tendo en conta os criterios de: eficiencia, integridade e máis ampla representación xeográfica posible.

Directores xerais[editar | editar a fonte]

Responsable da dirección da organización. De conformidade coa Constitución da OMS, O cargo é nomeado pola Asemblea da Saúde a proposta do Consello Executivo[8]. Desde a súa constitución, a OMS tivo como directores xerais a[9]:

Nome Nacionalidade Período de mandato
Dr B. Chisholm Flag of Canada.svg Canadá 1948 - 1953
Dr M.G. Candau Flag of Brazil.svg Brasil 1953 - 1973
Dr H. Mahler Dinamarca Dinamarca 1973 - 1988
Dr H. Nakajima Flag of Japan.svg Xapón 1988 - 1998
Dr G.H. Brundtland Noruega Noruega 1998 - 2003
Dr LEE Jong-wook Flag of South Korea.svg Corea do Sur 2003 - 2006
Dr. Anders Nordström Suecia Suecia 2006 - 2007 (interino)[10]
Dra. Margaret Chan[11] Flag of the People's Republic of China.svg China 2007 - no cargo

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Organización Mundial da Saúde Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]