Alassane Ouattara

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alassane Ouattara
Primeiro Ministro da Costa do Marfil
Período7 de novembro de 1990 - 11 de decembro de 1993
AntecesorLaurent Gbagbo
SucesorDaniel Kablan Duncan
Presidente de Costa do Marfil
Períodoen disputa
Datos persoais
Nacemento1 de xaneiro de 1942
 Dimbokro
OrganizaciónRassemblement des Républicains - RDR
CónxuxeDominique Ouattara
Alma máterUniversidade Drexel e Wharton School
Profesiónpolítico, administrador público
RelixiónIslam
Na rede
http://www.ado.ci/accueil.php
Twitter: AOuattara_PRCI Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Alassane Dramane Ouattara, nado o 1 de xaneiro de 1942 en Dimbokro, é un político de Costa do Marfil e o presidente do seu país dende 2010.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación[editar | editar a fonte]

Ouattara naceu na daquela África Occidental Francesa, fillo de nai marfilesa e de pai burkinabe, o que máis adiante lle impediría por dúas veces presentarse ás eleccións presidenciais. Logo de facer o ensino básico no seu país, marchou estudar aos Estados Unidos, onde se diplomou en Ciencias pola que agora é a Universidade Drexel en Filadelfia. En 1967 rematou un curso de mestrado na Universidade de Pensilvania e en 1972 doutorouse en económicas na mesma universidade[1].

Ao rematar o seu mestrado, en 1968, comezou a traballar como economista do Fondo Monetario Internacional na súa sede de Washington, ata que en 1973 pasou a dirixir a delegación do BCEAO en París. Dentro desta entidade bancaria foi progresando ata converterse en vicegobernador en 1983. En 1984 regresa ao FMI, para dirixir a súa división para África e en 1987 accedeu ademais ao Consello de Administración do Fondo. En 1988 volve ao BCEAO para desempeñar o posto de gobernador central do banco[2].

Carreira política[editar | editar a fonte]

En abril de 1990 o presidente marfilés Félix Houphouët-Boigny nomeouno secretario xeral do Comité Interministerial para a Coordinación da Estabilización e do Programa de Recuperación Económica de Costa do Marfil, aínda que mantiña o posto de gobernador do BCEAO. Meses máis tarde, o 7 de novembro de 1990 foi designado por Houphouët-Boigny primeiro ministro, nun posto de nova creación. polo que foi substituído á fronte do banco central por Charles Konan Banny . O presidente, xa enfermo, delegou en numerosas ocasións os poderes presidenciais nel, ata un total de 18 meses, dos cales os últimos nove de 1993 foron de forma ininterrompida. O 7 de decembro de 1993 o propio Ouattara fixo o anuncio da morte de Houphouët-Boigny[3]. Ouattara desputoulle ao presidente da Asemblea Nacional, Henri Konan Bédié, o cargo de presidente interino, pero Bédié foi máis hábil e Ouattara dimitiu como primeiro ministro e sete meses despois regresaba ao FMI.

En preparación das eleccións presidenciais, a Asemblea Nacional aprobou unha lei que lles prohibía optaren a presidir a república a aqueles que tiveran algún pai non marfilés ou que vivisen algo dos cinco anos anteriores fóra do país, o que deixaba a Ouattara sen posibilidades. Con todo o Reagrupamento dos Republicanos (RdR), un partido que se formara como unha escisión do Partido Democrático de Costa do Marfil ese mesmo ano, pediulle a Ouattara que fose o seu candidato [4]. Como o goberno non modificou a lei que lle impedía concorrer ás eleccións, Ouattara dimitiu como candidato, e o RdR boicoteou as presidenciais, algo que tamén fixo a Fronte Popular Marfilesa de Laurent Gbagbo, co que Henri Konan Bédié obtivo unha cómoda vitoria.

Aínda dende o seu cargo no FMI, en 1998 Ouattara comezou a súa campaña para as eleccións presidenciais de 2000. Primeiro conseguiu que o RdR o nomease o seu presidente en 1999 e candidato presidencial ao rematar o seu período no FMI. Ao mesmo tempo, Ouattara presntou uns papeis que sinalaban que os seus dous pais foran marfileses. Porén, Bédié cualificou os documentos de falsos, e abriu unha investigación policial.[5][6] Finalmente os xulgados anularon o certificado de nacemento presentado por Ouattara e libraron unha orde de arresto contra el, que nese momento se atopaba fóra do país.[7].

Mais só unhas semanas despois, na Noiteboa de 1999, un golpe de estado liderado por Robert Guéi depón a Bédié. Outtara declara que aquilo non fora un golpe de estado, senón unha revolución popular das xentes marfilesas[8], e volta ao país. Pero a nova Constitución que se aproba en 2000 incorpora a prohibición de seren candidatos presidenciais aqueles que non naceran de pai e nai marfilesa, co que Ouattara ve de novo interrompida a súa carreira política. Mais en 2002 estoura a guerra civil e o país entra nun estado de colapso económico e político que se prolonga ata o final da década.

Ouattara está entre os asinantes do acordo de Linas-Marcoussis que pon remate á guerra civil, en 2003, e dende ese momento empeza a preparar as presidenciais. En 2007 o presidente Gbagbo declara que Ouattara podería presentarse aos comicios[9] e o RdR reelíxeo como presidente e como candidato presidencial. Ouattara inicia movementos de aproximación ás Forzas Novas de Costa do Marfil, o partido do bando rebelde na guerra civil, así como ao antigo presidente Bédié, co que chega a un acordo de apoio mutuo de cara á segunda rolda das presidenciais.

Eleccións de 2010[editar | editar a fonte]

Finalmente, en 2010 ten lugar o proceso electoral, e pasan á segunda volta Gbagbo e Alassane Ouattara. O 28 de novembro Ouattara imponse nas urnas cun 54,1% dos votos, pero os resultados non son publicados ata catro días despois[10]. Gbagbo acusa a Ouattara de fraude, mais os observadores internacionais négano. O Tribunal Constitucional decide entón anular os votos de diversos colexios do norte do país onde vencera Ouattara, sinalando que non foran limpos, e sen eses colexios o vencedor era Gbagbo con apenas o 51%[11]. Gbagbo entón decide pechar as fronteiras, declara ilegal a prensa estranxeira e resístese a deixar o poder. Os gobernos internacionais, incluídas a Unión Africana e a CEDEAO, recoñecen a vitoria de Ouattara e solicítanlle a Gbagbo unha transición pacífica. Con todo, os enfrontamentos en diversos puntos do país reábrense de novo o 4 de decembro de 2010, coa ameaza dunha nova guerra civil.

Ouattara tamén se proclama presidente e comeza o seu avance dende as posicións do norte cara a Abixán, a principal cidade do país, onde se refuxia Gbagbo. A finais de marzo as tropas de Ouattara cercan a cidade[12].


Predecesor:
non houbo
 Costa do Marfil
Primeiro ministro de Costa do Marfil
 
1990 - 1993
Sucesor:
Daniel Kablan Duncan
Predecesor:
Laurent Gbagbo
en disputa
 Costa do Marfil
Presidente de Costa do Marfil
 
2010 -
Sucesor:
no cargo

Notas[editar | editar a fonte]