Un labrego ou unha labrega,[1] ou campesiño ou campesiña,[2] é unha persoa que ten como oficio traballar as terras. É un traballador agrícola preindustrial con propiedade limitada da terra, e na Idade Media vivía baixo o feudalismo e pagaba alugueiro, impostos, taxas ou servizos a un propietario.[3][4]
O labrego tradicionalmente é definido en socioloxía como o membro dunha comunidade nunha sociedade agraria ou rural. Cando o labrego se atopa illado en grandes propiedades do seu dominio, ou manexa a súa produción cunha considerable orientación comercial, transfórmase nun granxeiro. Os labregos teñen os coñecementos que lles deu a xestión do medio de produción, a terra, e a experiencia acumulada, con éxitos e fracasos, ó longo de xeracións.
Segundo a Declaración das Nacións Unidas sobre os Dereitos dos Labregos, "enténdese por labrego toda persoa que se dedique ou pretenda dedicarse, xa sexa de maneira individual ou en asociación con outras ou como comunidade, á produción agrícola en pequena escala para subsistir ou comerciar e que para iso recurra en gran medida, aínda que non necesariamente en exclusiva, á man de obra dos membros da súa familia ou do seu fogar e a outras formas non monetarias de organización do traballo, e que teña un vínculo especial de dependencia e apego coa terra".[5]
Cohen, Myron L. (2005). Kinship, Contract, Community, and State Anthropological Perspectives on China. Basilea/Berlín/Boston: Stanford University Press. ISBN978-1-5036-2498-6. doi:10.1515/9781503624986.