Deforestación

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Amazonia

A deforestación[1] é o proceso de desaparición de masas forestais (bosques), fundamentalmente causada pola actividade humana. A deforestación está directamente causada pola acción do ser humano sobre a natureza, principalmente debido ós cortes de árbores, tanto as realizadas pola industria madeireira, como aquelas que pretenden a obtención de solo para cultivos agrícolas.

Nos países máis desenvolvidos, prodúcense outras agresións como a chuvia ácida que comprometen a supervivencia dos bosques, situación que se pretende controlar mediante a esixencia de requisitos de calidade para os combustibles, como a limitación do contido de xofre.

Nos países menos desenvolvidos, as masas boscosas redúcense ano tras ano, mentres que nos países industrializados estanse recuperando debido ás presións sociais, reconverténdose os bosques en atractivos turísticos e lugares de esparexemento.

Así a todo, debe terse en conta que as plantacións de reforestación non substitúen en ningún caso o bosque, xa que este é un ecosistema que tarda décadas e nalgúns casos séculos en formarse, constituíndo o bio-sistema óptimo de aproveitamento da luz solar. En cambio, a reforestación no mellor dos casos é un conxunto de árbores situadas segundo unha separación fixada artificialmente, entre as cales xorde unha vexetación herbácea ou arbustiva que non acostuma darse no bosque. E no peor dos casos, plántanse árbores non autóctonas que en ocasións danan o substrato, como ocorre en moitas plantacións de piñeiro, abeto ou eucalipto.

Unha consecuencia da deforestación é a desaparición de sumidoiros de dióxido de carbono, reducíndose a capacidade do medio de absorber as inxentes cantidades deste gas causante do efecto invernadoiro, e agravando o problema do quentamento global.

Como medida de contención, diversos organismos internacionais propoñen a reforestación, medida parcialmente aceptada polos movementos ecoloxistas, ó entender estes que na repoboación debe considerarse non só a eliminación do dióxido de carbono, senón ademais, a biodiversidade da zona a repoboar.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para deforestación.

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre botánica é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.