Golpe de Estado de xullo (Austria)

Este é un artigo bo da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Golpe de Estado de xullo
Blindado da policía na Ballhausplatz, xunto á chancelería.
Contexto do acontecemento
Data25 de xullo de 1934
LugarAustria
ImpulsoresPartido Nacionalsocialista austríaco, co apoio de Alemaña.
MotivosCrise política entre Austria e Alemaña.
Influencias ideolóxicas dos impulsoresNacionalsocialismo
Goberno previo
GobernanteEngelbert Dollfuss
Forma de gobernoRepública corporativista
Goberno resultante
GobernanteKurt von Schuschnigg
Forma de gobernoRepública corporativista

O golpe de Estado de xullo, tamén coñecido simplemente como golpe de xullo (alemán: Juliputsch) foi unha tentativa de golpe de Estado perpetrado polo Partido Nacionalsocialista Austríaco contra o goberno conservador católico austríaco entre o 25 e o 30 de xullo de 1934. Aínda que os confabulados lograron tomar a sede do goberno e asasinar o chanceler Engelbert Dollfuss, quedaron rodeados e, faltos de apoio externo, tiveron que claudicar sen poder acadar o obxectivo de impór un goberno pro-nazi dirixido por Anton Rintelen do Partido Social Cristián. A rebelión estendeuse ao resto do país nos días seguintes, mais foi esmagada polas forzas gobernamentais. Como consecuencia do fracaso, o movemento nacionalsocialista austríaco quedou temporalmente moi debilitado. Segundo Villares e Bahamonde, este foi a primerira intentona para levar a cabo o Anschluss.[1]

Os primeiros plans contra Dollfuss xurdiran a principios do verán de 1933, cando o chanceler austríaco prohibira o partido nazi, mais non deran resultado.[2] A crise do nacionalsocialismo austríaco, perseguido cada vez con máis rigor polo Goberno, desalentado pola falta de acceso ao poder, desunido e inzado de extremistas que clamaban acción contra Dollfuss conduciu á organización do golpe de xullo de 1934.[3] O que debía ter sido un amplo alzamento nacional con apoio militar que derrocara o Goberno de Dollfuss e implantara outro que solicitara a intervención alemá foi en realidade un golpe de man mal organizado protagonizado por 154 nacionalsocialistas que quedaron illados axiña na capital austríaca.[4]

Os conxurados aproveitaron o cambio de garda da chancelería para entrar no recinto ás 12:53 do 25 de xullo.[5] Un deles, o ex-sarxento Otto Planetta, disparou dous tiros contra o chanceler cando este tentaba fuxir do edificio.[6] Dollfuss morreu desangrado dúas horas e media máis tarde.[7] Ao mesmo tempo que ocupaban a chancelería, os rebeldes tomaban tamén a emisora de radio RAVAG.[8] Seguindo o plan previsto, dende aló anunciaron a dimisión de Dollfuss e a formación dun novo gabinete presidido por Anton Rintelen.[8] O anuncio debía ter desencadeado un levantamento nacional en favor do novo Goberno, mais este non se produciu.[9] Por outra banda, o grupo que marchara capturar ao presidente da república, Wilhelm Miklas, no seu retiro de verán, fracasou.[10]

O Goberno e a xefatura militar reuníronse no Ministerio de Defensa.[11][12] Miklas, que rexeitou todo pacto cos rebeldes, nomeou o ministro Kurt von Schuschnigg chanceler interino e ordenoulle esmagar o golpe pola forza.[13] Finalmente, ás cinco e media da tarde, Von Schuschnigg presentou un ultimato aos rebeldes para que entregaran nun cuarto de hora a chancelería.[14] En realidade, as negociacións entre os rebeldes e o Goberno estendéronse durante dúas horas máis.[14] As forzas gobernamentais puideron recuperar pacificamente o edificio arredor das oito da tarde.[15]

Confirmado finalmente o fracaso do golpe polo embaixador alemán a noite do 25, Hitler ordenou de inmediato negar toda participación alemá no infrutuoso proxecto.[16] O Goberno alemán viuse en apuros a pesar do desmentido gobernamental polo tardío estalido de rebelións dos seus partidarios nas provincias austríacas, que as forzas gobernamentais non lograron sufocar completamente ata o día 28.[17] O 26, Hitler nomeou o vicechanceler Franz von Papen novo embaixador en Viena.[17] Este esperaba acadar o obxectivo de anexionar o país sen ter que utilizar de novo á violencia.[18] A tarde do día 25, cando Mussolini, que esperaba a visita poucos días despois de Dollfuss, recibiu confirmación do golpe de Estado que estaba tendo lugar na capital austríaca, ordenou de inmediato o avance das forzas italianas á fronteira austro-italiana.[19] O fracaso do golpe de Estado permitiu que a independencia austríaca se mantivese catro anos máis, ata a anexión alemá do país na primavera de 1938.[20]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

O feito ocorrido o 30 de xaneiro de 1933, o presidente alemán Paul von Hindenburg nomeou chanceler a Adolf Hitler, deu moitos azos aos nazis austríacos que, enfrontados ao réxime do chanceler austríaco Engelbert Dollfuss, demandaron novas eleccións ao tempo que levaron a cabo campañas de propaganda masiva e de terror mediante bombas. Dollfuss respondeu ás accións con medidas autoritarias como rexistros domiciliarios e detencións. A situación agravouse polo ministro de Xustiza de Baviera, o avogado nazi Hans Frank quen, nun discurso público do 8 de marzo, ameazou ao goberno austríaco coa intervención armada das forzas nazis. Non obstante, o goberno austríaco de dereita, inicialmente, centrouse na prohibición do Partido Comunista e da organización paramilitar socialdemócrata Republikanischer Schutzbund. Cando Hans Frank, xunto cos seus compañeiros de partido Hans Kerrl e Roland Freisler, o 13 de maio de 1933, entrou persoalmente no país nunha xira de dous días para pronunciar discursos en Viena (onde se comportou), así como en Graz, onde falou abertamente contra o réxime austríaco e se dirixiu aos austríacos partidarios de Alemaña fomentando a desobediencia cidadá, provocou que o 15 de maio de 1933, fose deportado e, posteriormente que, o 19 de xuño de 1933, o Partido Nazi austríaco fose prohibido. Daquela, moitos nazis austríacos fuxiron a Alemaña e uníronse á lexión austríaca mentres outros permaneceron en Austria e continuaron coas súas accións clandestinamente.

Ao mesmo tempo, o goberno de Hitler reaccionou con duras sancións económicas dirixidas ao turismo austríaco e aínda que Hitler se reservara a xestión do conflito con Austria, delegou as accións concretas no seu subordinado, o landesleiter Theo Habicht.[21] Este prometeu ao chanceler alemán resolver a crise mediante un alzamento nacional apoiado polo Exército austríaco que acabara co goberno de Engelbert Dollfuss.[4][22] Do levantamento debía xurdir un novo Consello de Ministros panxermano que solicitara a intervención de Alemaña antes de que as demais potencias puideses reaccionar ao acontecemento.[4]

Engelbert Dollfuss, chanceler austríaco e principal vítima do infrutuoso golpe de Estado nacionalsocialista do 25 de xullo de 1934. Foi asasinado na chancelería cando trataba de fuxir dos golpistas, que tomaran o edificio.

Os primeiros plans contra Dollfuss xurdiran a comezos do verán de 1933, cando o chanceler austríaco prohibiu o partido nazi, mais non frutificaron.[2][23] Durante a segunda metade de 1933, as negociacións entre Habicht e Dollfuss fixeron que os nacionalsocialistas arrombaran os plans de golpe contra o chanceler, que se retomaron precisamente cando estas fracasaron en xaneiro de 1934.[24] A principios de 1934, os dirixentes nacionalsocialistas austríacos formaran unha unidade paramilitar, o SS Standarte 89, que agrupaba a deportados nacionalsocialistas austríacos,[25] co fin de utilizala contra Dollfuss.[2] A gran maioría dos seus membros pertencera ao Exército e unha minoría, a diversos departamentos policiais.[26] A proclamación da nova Constitución en maio puido ter convencido a Hitler para outorgar o beneplácito á acción.[2] Esta non contaba, con todo, co apoio do Ministerio de Asuntos Exteriores alemán, que vía con escepticismo a posibilidade de que as potencias permitiran unha solución pola forza da crise austro-xermana.[27][28] O ministerio confiaba, por contra, en lograla mediante a presión e temía os danos para Alemaña dunha acción violenta.[27][28]

A crise do nacionalsocialismo austríaco, perseguido cada vez con máis rigor polo Goberno, desalentado pola falta de acceso ao poder, desunido —as relacións entre os dirixentes do partido, as SA e as SS eran malas— e inzado de extremistas que clamaban acción contra Dollfuss conduciu á organización do golpe de xullo.[3] Habicht precisaba ademais dalgún éxito en Austria para manter o seu posto en Alemaña: a falta de avances do nacionalsocialismo austríaco privárao xa do control das unidades das SA austríacas —dispostas a actuar pola súa conta—[24] e desgustaba a Hitler.[28] Os dirixentes das SA, pola súa banda, ben quedaron á marxe do proxecto ou ben opuxéronse a el, desexando protagonizar o golpe contra Dollfuss.[29] As desavinzas entre as distintas organizacións nacionalsocialistas, agravadas pola noite dos coitelos longos,[30] levaron a que Hermann Reschny, responsable das SA austríacas, delatara o plan de Habicht ás autoridades austríacas o 16 de xullo, confiando en poder lanzar a súa propia operación contra Dollfuss en setembro.[29] Estas, con todo, desoíron a advertencia.[30]

Plans[editar | editar a fonte]

A primeira reunión dos xefes que levaron a cabo o intento de toma do poder tivo lugar en Zúric o 25 de xuño.[2] Asistiron a ela Habicht, os seus lugartenentes Rudolf Weydenhammer, Gustav Otto von Wächter —principal organizador das accións do 25 de xullo— e o comandante do SS Standarte 89, Fridolin Glass —o único austríaco dos asistentes—.[2] Outro dos principais conspiradores, o antigo gobernador de Estiria e daquela embaixador austríaco en Roma, Anton Rintelen, non acudiu.[2] Rintelen ofrecera os seus servizos aos alemáns na primavera a cambio da promesa de ser nomeado chanceler logo do derrocamento de Dollfuss.[31][32] Weydenhammer fora o contacto entre Rintelen —ao que visitara na capital italiana en máis dunha ducia de ocasións dende comezos de ano— e os conxurados en Alemaña.[31]

O plan de Glass consistía en secuestrar simultaneamente o presidente austríaco e o Consello de Ministros cos seus homes, capturar a emisora da radio nacional (RAVAG) e a central telefónica vienesa e anunciar a formación dun novo Goberno presidido por Rintelen.[31][33] A operación debía contar co apoio do Exército austríaco,[32] cuxas unidades quedarían sometidas a oficiais favorables aos nacionalsocialistas.[31] Os seus propios homes debían concentrarse o día da operación na sede da gornición militar da capital, á que poderían acceder grazas á colaboración dun oficial do Estado Maior austríaco, simpatizante da causa nacionalsocialista.[31]

Aprobado o plan en Zúric, Glass regresou a Austria para realizar os preparativos, en especial, para organizar o apoio dos militares e a policía ao golpe.[34] Non se fixara data algunha para a acción, pero Rintelen encareceu a Weydenhammer da necesidade de que se levara a cabo antes de finais de xullo; por aquelas datas debía encontrarse en Viena e despois, en agosto, esperábase que Dollfuss se reunira con Mussolini,[32] acontecemento que temía puidera desbaratar a conxura.[35][22] Con todo, non foi tanto a insistencia de Rintelen senón o convencemento de ter logrado un apoio militar chave no Exército o que decidiu aos confabulados a lanzar a operación cando desexaba o embaixador.[35] En efecto, o tenente coronel Sinzinger, xefe do Estado Mayor da gornición da capital, prometeu apoiar o golpe.[35][22]

A decisión final tomouse no piso de Habicht en Múnic o 16 de xullo, nunha nova reunión á que asistiron tanto alemáns como austríacos; entre estes últimos contábanse o xefe das SA austríacas, un oficial enviado por Sinzinger e o que debía converterse en gauleiter austríaco se triunfaba a conxura.[36][22] Na reunión, Glass indicou que, ademais do apoio de Sinzinger, contaba con outros tanto no Exército como na Policía.[27] Os reunidos decidiron entón fixar a tarde do 24 de xullo, cando o gabinete austríaco debía reunirse antes das vacacións estivais, como data para o golpe.[27][22]

Últimos preparativos do 23 de xullo[editar | editar a fonte]

Weydenhammer uniuse a Von Wächter en Viena a tarde do 23 de xullo, para dar o último repaso ao plan;[25] o principal escollo que quedaba por salvar, o transporte para os homes do SS Standarte 89, solucionouse ao día seguinte, grazas ao empréstito dun empresario dalgúns camións da súa compañía.[37]

O hotel Imperial, en Ringstraße, elegante hospedaría onde se aloxou durante o golpe o que debía terse convertido en chanceler si este tivera frutificado, o embaixador austríaco en Italia, Anton Rintelen. A el acudiu o enviado gobernamental para que se presentara ante o Goberno provisional e nel escondéronse temporalmente algúns dos organizadores do golpe.

Rintelen, pola súa banda, achábase tamén na capital, hospedado no elegante hotel Imperial;[25] oficialmente, acudira á capital a informar ao Goberno sobre a situación en Italia antes de que este comezara as súas vacacións de verán.[37]

Os principais conxurados reuníronse de novo a noite do 23, descartaron poñer en marcha o golpe a madrugada do día seguinte, pospuxérono para a tarde, e pasaron o resto da noite tratando de resolver algúns problemas xurdidos a última hora, como a marcha inesperada do presidente Miklas a Carintia.[10] Os conspiradores non contaran coa posibilidade de que este comezase tan pronto as súas vacacións, antes de que o fixese o Consello de Ministros.[10] Decidiron entón enviar un destacamento a secuestralo en Velden, localidade á beira do lago Wörthersee[38] a onde se trasladara.[10]

Logo da cea, Weydenhammer e Glass marcharon nun falso taxi a Klosterneuburg a encontrarse co tenente coronel Sinzinger e outros oficiais.[10] Acordouse que os membros do SS Standarte 89 se reuniran no patio do Estado Maior da gornición da capital a partir das catro da tarde do día seguinte, e que os militares se encargarían de que as brigadas 1ª e 2ª, acantonadas na capital e na Baixa Austria respectivamente, se mobilizaran en apoio do golpe.[39]

Weydenhammer, Von Wächter e Glass volveron reunirse na próxima Nussdorf para analizar a marcha dos preparativos de último momento pasadas as once da noite.[39] A continuación, Weydenhammer volveu a Klosterneuburg para realizar unha última arenga aos membros do SS Standarte 89, que se congregaran discretamente na piscina da localidade, deserta a esas horas.[39] Logo regresou a Viena e encerrouse con Rintelen no seu hotel para dispoñer as medidas que debían adoptarse acerca do novo Goberno que este debía encabezar: o anuncio da súa formación e a súa composición exacta.[39]

Concluída tamén esta tarefa, Weydenhammer marchou despedir o grupo que partía cara a Velden a secuestrar ao presidente Miklas, antes de retirarse por fin a descansar ao seu hotel nas aforas da capital, en torno ás catro da madrugada.[40]

Posponse o golpe, 24 de xullo[editar | editar a fonte]

Centro de Viena durante o período de entreguerras. Os lugares nos que aconteceron os principais sucesos do golpe de Estado encóntranse moi preto entre si: marcado cun 4, a chancelería en Ballhausplatz; Siebensterngasse, a rúa dende a que partiron os golpistas para tomala, xunto á marca «VII»; o hotel Imperial, onde esperaba o chanceler dos confabulados, encontrábase ao suroeste, apenas a un quilómetro e medio da chancelería, en Kärntner Ring.

Ás oito da mañá, Weydenhammer encontrábase xa reunido co ex-vicechanceler Winkler, que debía partir de inmediato a Praga para cumprir o seu papel na trama: convencer o Goberno checoslovaco logo do golpe de que o novo Goberno Rintelen sería tan antinazi coma o de Dollfuss e que o seu derrocamento fora necesario.[40][25] Confirmado o consello de ministros da tarde por Rintelen, que obtivera esta información do ex-chanceler e ministro de Finanzas Karl Buresch, a mediodía, o plan seguiu o seu curso.[41]

Cando os camións xa ían de camiño á sede da gornición onde debían reunirse antes de marchar a capturar o Goberno, os xefes da conxura recibiron a nova pouco antes das tres da tarde de que o consello de ministros se pospuxera inesperadamente á tarde do día seguinte.[42][25] Von Wächter logrou anular discretamente a operación durante a hora e media seguinte e avisar do cambio aos conspiradores en Múnic e Praga.[42]

A mesma tarde, un dos conxurados decidiu denunciar o plan ás autoridades.[42][43][44] Paul Hudl acudiu á casa dun policía para destapar a conspiración.[42] Logo de máis de tres horas de atraso burocrático, informouse aos policías encargados da seguridade da chancelería.[45][43][44] Paradoxalmente, non se reforzou a garda do palacio nin se informou o Goberno da existencia dunha conxura.[45][43]

O centro da maquinación antigobernamental trasladouse entón á residencia dun membro da embaixada alemá, que colaborou nos cambios necesarios cos xefes daquela.[46] Entre estes contouse o cambio do lugar de reunión dos asaltantes: como esta tería lugar a mediodía, non podía empregarse xa o patio da sede da gornición da capital, que a esas horas aínda estaría chea de xente.[46] Decidiuse polo tanto que os homes se xuntaran nun ximnasio da Siebensterngasse, lugar bastante próximo ao edificio da chancelería.[46]

Desenvolvemento do golpe[editar | editar a fonte]

Denuncia da trama e mediocres intentos de desbaratala[editar | editar a fonte]

A madrugada do 25 de xullo produciuse outra nova denuncia dos plans de golpe de Estado, desta vez por parte dun inspector de policía que se unira a ela dous días antes, convencido de que contaba co apoio do Exército.[46][47][44] En vez de acudir á policía, ao Ministerio de Seguridade, ao de Defensa ou á propia Chancelería, o inspector Dobler denunciou o golpe a un membro da Heimwehr logo de tratar infrutuosamente de facelo ao xefe da Fronte Patriótica, que non se encontraba no seu despacho.[48][47] Novamente logo de numerosos atrasos burocráticos,[47] a denuncia chegou ao edecán de Emil Fey —dirixente da Heimwehr e ministro sen carteira—.[49] Dobler contoulle o plan a varios clientes máis do café no que convocara ao caudillo da Fronte Patriótica, entre os que se contaban o comandante do 5.º Rexemento da Heimwehr, que telefonou directamente a Fey pasadas as once da mañá, cando este estaba a piques de acudir ao consello de ministros, que se adiantara unha hora e xa comezara.[49][44] Fey decidiu entón investigar a información sobre o golpe de Estado e non partir de inmediato ao consello de ministros, aínda que si se trasladou á chancelería, que se encontraba nas proximidades.[50]

Ás doce menos cuarto, Fey corroborara a existencia da trama contra Dollfuss e o seu Goberno e enviou a dous policías a vixiar o ximnasio onde os golpistas debían congregarse antes de marchar cara a chancelería.[51][44] Ao mesmo tempo, ordenou, aínda que xa non tiña potestade para iso —a Fey retiráraselle o mando das unidades da Heimwehr—, que un rexemento da Heimwehr que se encontraba de manobras a uns cinco quilómetros se dirixira á chancelería;[25] esta forza chegou demasiado tarde para impedir a toma do edificio polos confabulados, mais os seus mandos, que se presentaron de inmediato ante Fey, foron capturados polos rebeldes.[52]

Pouco antes do mediodía, acudiu finalmente ao consello de ministros e informou[47][44] en privado a Dollfuss da confabulación na súa contra.[52] Este ordenou poñer fin[53] á reunión e que cada ministro regresara ao seu ministerio.[54][30][25][47] Con el só quedaron o propio Fey e os secretarios de Estado de Seguridade e Defensa.[54][12] Pola súa banda, Ernst Rüdiger Starhemberg, recentemente nomeado vicechanceler, encontrábase en Italia.[30] Isto desbaratou os plans dos conspiradores, que confiaran en capturar o Goberno en pleno na chancelería.[54]

Mentres, estes reuníranse no ximnasio acordado poucos minutos antes do mediodía.[55] Os policías enviados por Fey para vixiar o lugar informaron á chancelería da chegada dos homes do SS Standarte 89.[55][56] Ás doce e media, estes, vestidos con uniformes militares,[25][26] montaron nos catro camións previdos para marchar á chancelería e partiron.[55][56] De xeito tardío, o secretario de Estado de Seguridade, o barón Karl Karwinsky, ordenou ás unidades da policía de emerxencia que acudiran inmediatamente tanto ao ximnasio como á chancelería; isto, no que apenas debían ter empregado cinco minutos, levouse a cabo en quince, o que permitiu aos golpistas zafarse delas e tomar a sede do Goberno.[5][57][56]

Toma da chancelería e proclamación do Goberno Rintelen[editar | editar a fonte]

A chancelería austríaca, no número 2 de Ballhausplatz. O Consello de Ministros achábase reunido nela cando recibiu as primeiras novas da maquinación na súa contra e abandonouna —salvo o chanceler Dollfuss e outros tres membros do gabinete—. Os confabulados lograron penetrar no seu interior aproveitando o cambio de garda.

Os camións dos conxurados aproveitaron o cambio da garda da chancelería para penetrar no recinto ás 12:53.[5][25][26][56] Karwinsky ordenara pechar as portas para impedir a entrada, mais isto non se fixo para permitir o relevo da garda, o que facilitou o ingreso dos golpistas.[56] Axiña, estes desarmaron a garda,[25] que carecía de munición —supúñase que a súa tarefa era puramente cerimonial—.[58][9][56] Minutos despois, pasada a unha da tarde, chegaron os reforzos solicitados polo secretario de Seguridade para reforzar a garda do edificio.[26]

Para entón, Dollfuss enviara ao xeneral Zehner, secretario de Estado de Defensa, a investigar a posible presenza de soldados entre os reunidos no ximnasio da Siebensterngasse, o que evitou que fose capturado na chancelería.[58] Karwinsky tratou de ocultar ao chanceler nun roupeiro do terceiro andar do palacio, mais o axudante de Dollfuss conduciuno en vez diso en dirección a unha saída lateral do edificio, que debía permitirlle abandonalo antes de que o detiveran os golpistas que xa se despregaban por el.[58] Dollfuss e o seu axudante lograron alcanzar a porta, mais estaba pechada con chave, así que correron para tratar de reunirse de novo con Karwinsky e seguir a idea deste; de repente, un grupo de golpistas alcanzounos e, sen mediar palabra, un deles, o ex-sarxento Otto Planetta,[26] disparou dous tiros contra o chanceler,[26][7] ao que feriu no pescozo e na axila.[6][12] Dollfuss morreu desangrado dúas horas e media máis tarde,[7] sen atención médica, que os seus captores lle negaron a pesar de que un médico acudiu á chancelería en dúas ocasións para atendelo.[59][26] Ignorando o desenvolvemento do golpe fóra da chancelería, faleceu convencido do triunfo da conxura.[59][7] Fortificados na chancelería, os conxurados esperaban dun momento a outro a proclamación do Goberno Rintelen, o alzamento dos seus partidarios en todo o país e o triunfo da conspiración.[60]

Ao mesmo tempo que ocupaban a chancelería, os rebeldes tomaban tamén outro dos seus obxectivos: a emisora de radio RAVAG, en Johannesgasse.[8][9][25][60] Seguindo o plan previsto, dende ela anunciaron a dimisión de Dollfuss e a formación dun novo gabinete presidido por Rintelen.[8][9][25][60][61] O anuncio debía ter desencadeado un levantamento nacional en favor do novo Goberno, pero este non se produciu.[9] Weydenhammer achábase con Rintelen no hotel deste,[62] mentres Von Wächter dirixíase á chancelería, onde debía reunirse con Glass despois de que este coordinara o apoio esperado dos militares.[8]

Pasado o mediodía os plans dos golpistas comezaron a torcerse: a policía acudiu á emisora de radio e, logo de intensos combates, logrou recuperar o seu control despois de dúas horas de loita.[11][60] Mentres, Weydenhammer e Rintelen seguían sen novas do que sucedía na chancelería e comezaron a inquietarse pola falta de alborozo popular polo suposto nomeamento de Rintelen.[63] Botaban tamén en falta ás unidades de SA e SS que debían estar patrullando a cidade e ás unidades militares que debían terse despregado en apoio ao golpe de Estado.[11]

O grupo que acudira a capturar ao presidente da república fracasou nesta tarefa.[10][38][64] A policía austríaca recibiu información sobre o intento de secuestro e frustrouno antes de que se puidera poñer en práctica, arrestando o grupo vienés que debía levalo a cabo.[38]

Reacción gobernamental[editar | editar a fonte]

O edificio da chancelería austríaca, rodeado pola policía logo da súa toma polos golpistas o mediodía do 25 de xullo de 1934.

Mentres Rintelen esperaba ansiosamente o desenvolvemento da operación, o Goberno e a xefatura militar reuníanse no Ministerio de Defensa.[11][12] Isto desbaratou os plans dos oficiais partidarios do golpe de Estado.[11] Kurt von Schuschnigg, informou por teléfono ao presidente Miklas dos acontecementos, que este ignoraba —o intento de secuestralo fracasara ao ser tamén denunciado—.[11] Miklas, que rexeitou todo pacto cos rebeldes, nomeou a Von Schuschnigg chanceler interino.[13][12] Ordenoulle esmagar o golpe pola forza,[12] castigar aos rebeldes e liberar os reféns da chancelería sen que sufriran dano.[13]

Esta última orde do presidente da república causou un notable atraso nas medidas contra os rebeldes, sitiados[9][60] dende as dúas da tarde na chancelería por unidades da Policía, a Heimwehr e o Exército.[13][12]

Kurt von Schuschnigg, ministro convertido en presidente do Goberno interino durante o golpe de Estado, dirixiu a reacción gobernamental dende o Ministerio de Defensa, onde se reuniran tanto o groso do Goberno como o alto mando militar.

Von Schuschnigg enviou a un concelleiro da capital ao hotel de Rintelen para convocar a este á súa presenza.[65][64] Weydenhammer e Von Wächter escondéronse precipitadamente detrás dunha cortina cando o enviado se presentou na habitación de Rintelen.[65] Este aceptou finalmente personarse no ministerio, onde foi detido.[65][64] Xulgado e condenado a vinte e cinco anos de prisión, os alemáns liberárono en marzo de 1938,[66] cando anexionaron Austria, aínda que non volveu desempeñar ningún cargo de importancia.[65]

Logo de tentar sen éxito poñerse en contacto con Rintelen, que xa fora arrestado, Weydenhammer e Von Wächter abandonaron o hotel Imperial e trataron de conseguir axuda.[65] Frustrado o apoio militar, xa que os oficiais favorables aos golpistas non se atrevían a enfrontarse a Zehner no ministerio, e o da policía,[64] Weydenhammer e Von Wächter solicitaron a axuda das SA, que se comprometeron a marchar á chancelería e rescatar aos rebeldes sitiados nela polas forzas gobernamentais.[67] A rivalidade entre SA e SS, con todo, levou a que a primeira finalmente non acudira a socorrer ás forzas da segunda na chancelería.[30] Os xefes do golpe trataron tamén de granxearse o apoxo da Heimwehr, sen éxito.[68] A pesar das esperanzas dos confabulados, o Exército e a Heimwehr mantivéronse fieis ao Goberno.[38]

Finalmente, ás cinco e media da tarde, Von Schuschnigg presentou un ultimato aos rebeldes para que entregaran a chancelería nun cuarto de hora;[69] se non o facían, tomaríaa por asalto.[14] Se accedían á súa esixencia e ningún membro do Goberno sufrira dano durante o seu secuestro, prometía un salvoconduto para que os golpistas fuxiran pola fronteira alemá.[14][12][70] En realidade, as negociacións entre os rebeldes e o Goberno estendéronse durante dúas horas máis.[14][70] Ás sete e media da tarde, os cercados solicitaron a presenza do embaixador alemán para supervisar o seu traslado á fronteira; este, logo de dubidar sobre a conveniencia de participar na operación, acudiu[71] á chancelería.[72][73] Despois de departir brevemente cos golpistas da chancelería que, para entón, xa liberaran a Fey e a Karwinsky, as forzas gobernamentais puideron recuperar pacificamente o edificio arredor das oito da tarde.[15] A pesar da promesa de salvoconduto, os rebeldes foron enviados a prisión e os seus principais líderes —sete persoas, incluído Planetta—[70] axustizados unha semana máis tarde.[15][74] O Goberno xustificou este castigo e a rescisión do salvoconduto pola morte de Dollfuss.[9][62]

Reacción alemá ao fracaso e revolta nas provincias[editar | editar a fonte]

Hitler encontrábase en Bayreuth,[18][75] case sen información sobre a situación en Austria, xa que Von Schuschnigg interrompera as comunicacións, impedíndolle á embaixada mantelo ao tanto da evolución do golpe.[76] Ante os rumores de fracaso, confirmados finalmente polo embaixador ás dez menos cuarto cando se lle permitiu de novo telefonar a Alemaña, Hitler ordenou de inmediato negar toda participación alemá no infrutuoso proxecto.[16][77] O Ministerio de Propaganda recibiu a orde de deixar de festexar a proclamación de Rintelen como presidente do Goberno e o de Asuntos Exteriores decidiu dar o pésame[78] pola morte do chanceler Dollfuss ao presidente Miklas.[79] Pasada a unha da madrugada do 26 de xullo, Hitler aprobou estas medidas e o relevo do embaixador alemán en Austria,[78] ao tempo que rexeitaba calquera responsabilidade do seu país no golpe de Estado.[80][75][66] Pouco despois un comunicado oficial anunciaba que Alemaña enviaría a prisión aos golpistas tan pronto como alcanzaran a fronteira, como xesto do seu rexeitamento[78] ao sucedido.[80][18][75]

Franz von Papen, exvicechanceler alemán e novo embaixador en Austria, nomeado durante a crise causada polo infrutuoso golpe de Estado. O seu nomeamento marcou o inicio dunha nova estratexia alemá respecto a Austria.

O Goberno alemán viuse en apuros a pesar do desmentido gobernamental polo tardío estalido de rebelións dos seus partidarios nas provincias austríacas, que as forzas gobernamentais non lograron sufocar completamente ata o día 28.[17][75] Convencidos de que o golpe de man na capital triunfaría, os dirixentes provinciais non prepararan a revolta nos seus territorios axeitadamente e tiveron que reaccionar ao fracaso en Viena precipitadamente, con armamento insuficiente.[75] Aínda así, os combates entre o Goberno e os rebeldes foron duros, en especial en Carintia e en Estiria.[9][75] Nesta última provincia, a Heimatschutz, organización paramilitar coligada cos nazis, chegou controlar dous terzos do territorio, mais non conquistar a capital provincial, Graz.[9] En Carintia os protagonistas dos choques foron os membros das SA, ben armados e coas simpatías de parte da poboación, mais se alzaron contra as autoridades tardiamente —preparaban o seu propio levantamento en setembro— o 27 de xullo, cando xa cesaran os combates en Viena e en Estiria.[81] Tamén houbo revoltas en Salzburgo e na Alta Austria, mais os rebeldes destas provincias estaban mal armados e desorganizados.[38] Se na capital as SA limitáranse a contemplar o fracaso do plan dos seus rivais das SS sen intervir, nas provincias as SS fixeron o propio e non auxiliaron ás SA.[30] A Lexión Austríaca, acantonada en Baviera e debilitada polas accións subversivas nas que participara antes do golpe, limitouse a realizar algunhas incursións na fronteira ata que Hitler ordenou que puxera fin ás súas accións, temendo que provocara a intervención militar dos países veciños.[38]

Mentres, o 26, Hitler nomeara ao vicechanceler Franz von Papen novo embaixador en Viena.[17][82][83][66] O Goberno austríaco, con todo, non aceptou as súas credenciais ata o 7 de agosto e unicamente pola presión diplomática alemá.[19][82] Von Papen accedeu ao nomeamento, mais impuxo condicións: Habicht debía ser destituído, os lazos entre o partido nazi alemán e o austríaco debían romperse e debía cesar toda intromisión do NSDAP na política austríaca.[18] Debía terminar así mesmo o fustrigamento da prensa alemá ao Goberno vienés.[18] O novo embaixador esperaba alcanzar o obxectivo de anexionarse o país sen ter que empregar de novo a violencia.[18]

Reacción italiana[editar | editar a fonte]

Ás catro da tarde do día 25, cando Mussolini recibiu confirmación do golpe de Estado que estaba a ter lugar na capital austríaca, ordenou de inmediato o avance das forzas italianas á fronteira austro-italiana.[19][84] Aos preto de 50 000 soldados italianos apostados cerca da fronteira en previsión dunha posible invasión alemá de Austria, uníronselles outras catro divisións —preto de 48 000 homes—.[30][75] Mussolini esperaba a visita do chanceler Dollfuss dentro de dous días: a familia deste encontrábase xa en Italia, hóspede do mandatario italiano.[30][85][75] Tomou o seu asasinato como unha afronta persoal de Hitler.[75] Os representantes italianos en Austria insistiron en que se lle permitira ás unidades militares italianas despregarse por territorio austríaco para sufocar os levantamentos nas provincias, mais as autoridades austríacas, que temían unha invasión ou que o país se convertera no campo de batalla de alemáns e italianos, negáronse a consentilo.[86] Pola súa banda, Iugoslavia, que rexeitaba totalmente calquera penetración militar italiana en Austria, ameazou con invadir Carintia se se autorizaba a entrada de tropas en Austria;[84] o esmagamento final dos focos rebeldes fixo que esta ameaza se desvanecera.[86]

Ao mesmo tempo, Mussolini buscou a cooperación de Francia e o Reino Unido para presentar unha posición común ante Berlín, que se plasmou nos protocolos de xaneiro e febreiro de 1935, que aseguraban que se realizarían consultas entre os tres países en caso de que xudiran ameazas á independencia austríaca.[87]

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Logo de catro días de enfrontamentos, os nazis austríacos perderon a cento cincuenta e tres correlixionarios, falecidos nos choques, así como a varios milleiros que se exiliaron en Alemaña e no Reino de Iugoslavia.[23] O partido quedou moi debilitado en Austria: uns 6 000 foron xulgados por tribunais especiais e uns 5 000 encerrados no campo de concentración de Wöllersdorf.[88] Non só perdeu aos seus dirixentes, senón tamén o groso dos subsidios alemáns.[89]

Para Hitler o fracaso do golpe supuxo un grave revés[90] diplomático.[77] Destituíuse a Habicht e disolveuse a súa organización;[91] enviouse a algúns dos seus membros a campos de concentración e outros foron degradados[18] e pechou a oficina do Partido Nazi Austríaco en Múnic.[92] Separouse o partido austríaco do alemán e encargouse a aquel que se preparase para tomar as rendas do Estado en caso de que a situación internacional o permitira, sen socavar mentres a acción do Goberno.[93] O fracaso permitiu que a independencia austríaca se mantivera catro anos máis, ata a anexión na primavera de 1938.[20]

En Austria continuou a alianza entre os socialcristiáns e a Heimwehr.[82] Von Schuschnigg quedou á fronte da chancelería con Starhemberg como vicechanceler mentres que as posicións invertíanse na Fronte Patriótica: acaudillábao Starhemberg, e Von Schuschnigg era o seu lugartenente.[94][95] A liga, con todo, era inestable[95] e axiña Von Schuschnigg tratou de contrarrestar o poderío dos seus socios de goberno, que contaban co apoio de Mussolini, pactando cos nacionalsocialistas e practicando unha política de apaciguamento destes e de Alemaña.[94]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Villares & Bahamonde 2012, p. 301.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Brook-Shepherd 1961, p. 233.
  3. 3,0 3,1 Pauley 1981, p. 127-128.
  4. 4,0 4,1 4,2 Brook-Shepherd 1961, p. 232.
  5. 5,0 5,1 5,2 Brook-Shepherd 1961, p. 253.
  6. 6,0 6,1 Brook-Shepherd 1961, p. 255.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Gedye 1939, p. 121.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Brook-Shepherd 1961, p. 261.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 9,7 9,8 Pauley 1981, p. 131.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 Brook-Shepherd 1961, p. 240.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 Brook-Shepherd 1961, p. 262.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 12,7 Gehl 1963, p. 98.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 Brook-Shepherd 1961, p. 263.
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 Brook-Shepherd 1961, p. 272.
  15. 15,0 15,1 15,2 Brook-Shepherd 1961, p. 275.
  16. 16,0 16,1 Brook-Shepherd 1961, p. 279.
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 Brook-Shepherd 1961, p. 281.
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 18,5 18,6 Pauley 1981, p. 135.
  19. 19,0 19,1 19,2 Brook-Shepherd 1961, p. 282.
  20. 20,0 20,1 Pauley 1981, p. 136.
  21. Brook-Shepherd 1961, p. 231.
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 22,4 Gehl 1963, p. 96.
  23. 23,0 23,1 Pauley 1981, p. 125.
  24. 24,0 24,1 Pauley 1981, p. 126.
  25. 25,00 25,01 25,02 25,03 25,04 25,05 25,06 25,07 25,08 25,09 25,10 25,11 Gehl 1963, p. 97.
  26. 26,0 26,1 26,2 26,3 26,4 26,5 26,6 Gulick 1948, p. 1661.
  27. 27,0 27,1 27,2 27,3 Brook-Shepherd 1961, p. 236.
  28. 28,0 28,1 28,2 Pauley 1981, p. 128.
  29. 29,0 29,1 Pauley 1981, p. 129.
  30. 30,0 30,1 30,2 30,3 30,4 30,5 30,6 30,7 Pauley 1981, p. 133.
  31. 31,0 31,1 31,2 31,3 31,4 Brook-Shepherd 1961, p. 234.
  32. 32,0 32,1 32,2 Pauley 1981, p. 130.
  33. Pauley 1981, p. 130-131.
  34. Brook-Shepherd 1961, p. 234-235.
  35. 35,0 35,1 35,2 Brook-Shepherd 1961, p. 235.
  36. Brook-Shepherd 1961, p. 235-236.
  37. 37,0 37,1 Brook-Shepherd 1961, p. 239.
  38. 38,0 38,1 38,2 38,3 38,4 38,5 Pauley 1981, p. 132.
  39. 39,0 39,1 39,2 39,3 Brook-Shepherd 1961, p. 241.
  40. 40,0 40,1 Brook-Shepherd 1961, p. 242.
  41. Brook-Shepherd 1961, p. 242-243.
  42. 42,0 42,1 42,2 42,3 Brook-Shepherd 1961, p. 243.
  43. 43,0 43,1 43,2 Gulick 1948, p. 1658.
  44. 44,0 44,1 44,2 44,3 44,4 44,5 Gedye 1939, p. 118.
  45. 45,0 45,1 Brook-Shepherd 1961, p. 244.
  46. 46,0 46,1 46,2 46,3 Brook-Shepherd 1961, p. 245.
  47. 47,0 47,1 47,2 47,3 47,4 Gulick 1948, p. 1660.
  48. Brook-Shepherd 1961, p. 246.
  49. 49,0 49,1 Brook-Shepherd 1961, p. 247.
  50. Brook-Shepherd 1961, p. 247-248.
  51. Brook-Shepherd 1961, p. 248-249.
  52. 52,0 52,1 Brook-Shepherd 1961, p. 249.
  53. Gedye 1939, p. 118-119.
  54. 54,0 54,1 54,2 Brook-Shepherd 1961, p. 250.
  55. 55,0 55,1 55,2 Brook-Shepherd 1961, p. 251.
  56. 56,0 56,1 56,2 56,3 56,4 56,5 Gedye 1939, p. 120.
  57. Gulick 1948, p. 1660-1661.
  58. 58,0 58,1 58,2 Brook-Shepherd 1961, p. 254.
  59. 59,0 59,1 Brook-Shepherd 1961, p. 257.
  60. 60,0 60,1 60,2 60,3 60,4 Gulick 1948, p. 1662.
  61. Gedye 1939, p. 117.
  62. 62,0 62,1 Gedye 1939, p. 125.
  63. Brook-Shepherd 1961, p. 261-262.
  64. 64,0 64,1 64,2 64,3 Gedye 1939, p. 126.
  65. 65,0 65,1 65,2 65,3 65,4 Brook-Shepherd 1961, p. 268.
  66. 66,0 66,1 66,2 Gedye 1939, p. 128.
  67. Brook-Shepherd 1961, p. 268-269.
  68. Brook-Shepherd 1961, p. 269, 272.
  69. Gulick 1948, p. 1662-1663.
  70. 70,0 70,1 70,2 Gulick 1948, p. 1663.
  71. Gedye 1939, p. 124.
  72. Brook-Shepherd 1961, p. 273.
  73. Gehl 1963, p. 98-99.
  74. Gedye 1939, p. 123.
  75. 75,0 75,1 75,2 75,3 75,4 75,5 75,6 75,7 75,8 Gehl 1963, p. 99.
  76. Brook-Shepherd 1961, p. 278.
  77. 77,0 77,1 Pauley 1981, p. 134.
  78. 78,0 78,1 78,2 Gulick 1948, p. 1664.
  79. Brook-Shepherd 1961, p. 279-280.
  80. 80,0 80,1 Brook-Shepherd 1961, p. 280.
  81. Pauley 1981, p. 131-132.
  82. 82,0 82,1 82,2 Gehl 1963, p. 104.
  83. Gulick 1948, p. 1667.
  84. 84,0 84,1 Gedye 1939, p. 122.
  85. Brook-Shepherd 1961, p. 229-230.
  86. 86,0 86,1 Gehl 1963, p. 100.
  87. Brook-Shepherd 1961, p. 283.
  88. Pauley 1981, p. 138.
  89. Pauley 1981, p. 138-139.
  90. Gehl 1963, p. 101.
  91. Gehl 1963, p. 102.
  92. Evans 2012, p. 622.
  93. Gehl 1963, p. 102, 103.
  94. 94,0 94,1 Gehl 1963, p. 105.
  95. 95,0 95,1 Gulick 1948, p. 1670.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]