Revolta de xullo de 1927
Revolta de xullo de 1927 | |
---|---|
![]() Documentos queimados no incendio do Palacio de Xustiza vienés ocorrido durante a revolta de xullo. | |
Tipo | Revolta popular |
País | ![]() |
Lugar | Viena |
Localización | Palacio de Xustiza |
Data | 15-18 de xullo de 1927 |
Revolta de xullo de 1927 é como se denominan habitualmente os disturbios que tiveron lugar en Viena o 15 e 16 de xullo de 1927, nos que se produciu a matanza de oitenta e cinco civís a mans da policía, e nos que tamén resultaron mortos catro axentes que se enfrontaron cos manifestantes socialdemócratas.[1] A crise continuou dous días máis, nos que a folga xeral convocada polos socialistas acabou desbaratada pola intervención das forzas de seguridade do Estado e da Heimwehr. O acontecemento agravou o asañamento entre o Goberno conservador e a oposición socialista, que debilitou a democracia austríaca e facilitou a posterior implantación dun goberno fascista.[1]
Como reflexo da crecente tensión política en Austria, o 30 de xaneiro de 1927 , produciuse unha liorta entre membros da Liga de Defensa Republicana socialista e os seus rivais conservadores da Frontkämpfervereinigung (Asociación de Veteráns da Fronte) na que os segundos mataron a tiros a un obreiro e un neno.[2] Logo de diversas protestas en varios puntos do país e por iniciativa dos seus dirixentes, os partidarios socialistas abstivéronse de enfrontamentos políticos ata o xuízo dos acusados das mortes, que se celebrou en xullo dese ano.[2]
A tensión reduciuse levemente ata as eleccións parlamentarias do 24 de abril, que captaron a atención nacional.[2] A pesar da vitoria socialista, o concerto do resto de partidos que obtiveron representación permitiu o socialcristián Ignaz Seipel seguir á fronte do Goberno e manter os socialistas na oposición.[3] Pola súa banda, frustrada no seu empeño por desbaratar o poder político socialista nas urnas, a Heimwehr aprestouse a enfrontarse a eles coa forza.[4]
O 14 de xullo os acusados da matanza de xaneiro foron absoltos.[4] O día seguinte estalaron graves disturbios en Viena nos que a multitude incendiou o Palacio de Xustiza.[4] As autoridades esmagaron brutalmente a revolta, que finalizou con arredor de noventa mortos, a maioría civís de clase obreira.[4] A dirección socialista convocou entón unha serie de paros tanto para retomar o control dos traballadores como para forzar o Goberno a negociar.[4] O cesamento das comunicacións pola folga do día 16 alarmou a parte da poboación, que cría que estalara a revolución, a pesar da negativa dos dirixentes socialistas a armar os seus seguidores e permitir novas manifestacións.[5] O providencial auxilio da Heimwehr ao Goberno nas provincias evitou que este cedera ás esixencias dos socialistas, que pedían a súa renuncia.[6] Os dirixentes socialistas non obtiveron concesión algunha do chanceler e, acuciados polos rogos dos seus correlixionarios das provincias de que parara a folga e preocupados polos rumores de posibles intervencións militares estranxeiras no país, ordenaron o fin do paro nos transportes e comunicacións a medianoite do día 18.[7]
Durante a folga reviviu a alicaída Heimwehr, que se dedicou a tratar de reventala, actuando nalgúns casos como policía auxiliar e logrou facela fracasar nas provincias.[8][9] O chanceler contou así tanto co apoio das forzas de seguridade do Estado como co das forzas paramilitares de dereita.[10] A revolta considérase un fito na historia da primeira república austríaca, un símbolo da radicalización do movemento socialdemócrata austríaco e da súa impaciencia ante a falta de reformas no país.[11] Para os socialistas, a revolta resultou un desastre sen paliativos, que encumbrou temporalmente a Seipel.[10] A democracia austríaca, que parecía asentada firmemente na primavera, comezou unha decadencia que levou á súa desaparición a principios da década seguinte.[12] Os posteriores intentos de conciliación entre os dous bandos, radicalizados polos acontecementos de xullo, fracasaron[13] e este fracaso conduciu ao choque final na guerra civil austríaca de febreiro de 1934.[14]
Antecedentes[editar | editar a fonte]
Situación política[editar | editar a fonte]

O choque foi o resultado de diversos factores, un dos cales foi a rivalidade entre os socialdemócratas, na oposición a pesar de ter obtido nas eleccións de abril de 1927 o 42,3 % dos votos, e unha inestable alianza conservadora que incluía os partidos co apoio maioritario de campesiños, clases medias e empresarios, e que permitira mantener á fronte do goberno ao chanceler socialcristián Ignaz Seipel.[15] As organizacións paramilitares de ambos bandos formáranse a comezos dos anos 1920: a da dereita austríaca, a Heimwehr, en 1921-1923, e a da esquerda, a Republikanischer Schutzbund («Liga de Defensa Republicana»), en 1923. Entre 1923 e 1927, producíranse seis mortes nas liortas entre paramilitares de esquerda e de dereita.[16] Ao longo da década houbo unha serie de asasinatos por motivos políticos nos que as vítimas foron habitualmente socialistas; as condenas dos asasinos, escasas ou inexistentes, co tempo acabaron por soliviantar os socialdemócratas.[17] A partir de 1925, as actividades paramilitares tanto da esquerda como da dereita rexurdiron, o que orixinou un aumento da tensión política e da violencia.[18] A volta de Seipel ao Goberno tensou tamén a situación, que se reflectía tanto nas alarmantes portadas da prensa como nas continuas manifestacións e choques de cada domingo.[19]
En Burgenland, territorio fronteirizo húngaro ata pouco antes, gobernaba unha coalición de socialcristiáns e socialdemócratas; para evitar incidentes que facilitaran a propaganda maxiar en favor da recuperación do territorio, ata 1926 os dous partidos abstivéranse de formar unidades paramilitares.[20] Unha vez xurdidas estas, a influencia dos irrendentistas e monárquicos nas filas das unidades de dereita acentuou a hostilidade das formacións socialistas cara aos seus rivais.[20] O odio mutuo produciu varias refriegas na zona.[21]
Sucesos en Schattendorf[editar | editar a fonte]
O 30 de xaneiro de 1927, organizáranse dúas reunións paralelas,[22] cada unha convocada nunha das tabernas da diminuta vila de[23] Schattendorf.[24][25] Na localidade, situada a menos de dous quilómetros da fronteira húngara, os socialistas contaban con abundante apoio; a pesar disto, os seus adversarios da Frontkämpfer (Frontkämpfervereinigung, Asociación de Veteráns do Fronte) decidiron organizar un desfile na vila.[16] Estes contaban con permiso oficial, que as autoridades denegaron á concentración socialista.[22] Os socialistas acudiron á dos seus rivais, o que se interpretou como unha provocación que conduciu aos primeiros altercados, ata que foron expulsados pola xendarmería.[24] A continuación, tivo lugar outro choque entre un grupo de 200 socialistas que impediu a chegada de novos membros da organización rival á localidade e estes.[24] O mesmo sucedeu na estación de ferrocarril, que os socialistas rodearon: bloquearon a golpes a saída dos dirixentes da formación dereitista que acudiran á manifestación.[26][27] Finalmente, as dúas organizacións acordaron anular as súas respectivas marchas.[26]
De volta á vila, ao pasar por diante da taberna dos seus adversarios, algúns dos socialistas retaron a estes a saír e pelexar.[26] En vez de facelo, algúns deles, quizais movidos polo temor a que os socialistas, máis numerosos, asaltaran o establecemento, ou por simple odio, subiron ao segundo piso, empuñaron uns rifles que tiñan dispostos, e comezaron a disparar[16] indiscriminadamente contra os seus rivais, que xa se afastaban.[26][28] Os socialistas marchaban pacificamente e desarmados cando comezaron a tirotealos dende a taberna próxima.[29][30][31] A causa do tiroteo, morreron dúas persoas, un inválido e un neno de oito anos,[32] e houbo varios feridos leves (outras cinco persoas, entre elas outro neno).[33][29][31][34][23][16][28][30] As autoridades optaron entón por prohibir temporalmente as reunións políticas na zona e reforzar a agrupación local da xendarmería.[29] Tanto na capital como nas provincias, as mortes causaron consternación e ira,[35] principalmente entre os socialistas,[28] pero tamén entre parte dos demais partidos.[36] Convocouse unha folga xeeral de quince minutos como repulsa pare o 2 de febreiro, día do enterro das vítimas.[33][37][32] Nas Cortes, os socialistas esixiron ao chanceler Seipel que prohibiera a organización dos Frontkämpfer en Burgenland.[16] Seipel reaccionou con indiferenza, indicando simplemente que se quebrara a «paz parlamentaria» en vez de condenar firmemente os sucesos.[32]
Tensión e eleccións nacionais: frustración socialista[editar | editar a fonte]
Algunhas semanas máis tarde, o exército tentou desarmar a certas unidades dos paramilitares socialdemócratas, sen conseguilo pola oposición dos traballadores.[11] Os socialistas propuxeron repetidamente o desarme tanto das súas forzas como das da oposición, mais Seipel rexeitounas, afirmando que semellante tarefa non podía realizala o Goberno.[2] O chanceler sinaloulle ao embaixador alemán que non vía con malos ollos a existencia de "grupos de homes disciplinados" que serviran para reforzar a vixilancia de fronteiras, en referencia á Heimwehr.[2]
En abril, nun ambiente de tensión crecente,[32] celebráronse as eleccións nacionais, que gañaron os socialdemócratas co 42 % dos votos, mais sen lograr substituír o chanceler conservador Seipel, que houbo, con todo, de engadir aos conservadores agrarios da Landbund[38] («Liga Agraria») a súa coalición para manterse á fronte do Goberno.[11][15][3][39] A pesar da liga de varios partidos formada por Seipel para vencer os socialistas, a súa «lista unitaria» obtivo oitenta e cinco escanos cando os partidos que a formaban contaran con noventa e dous no anterior Parlamento.[3] O novo Goberno era un concerto dos partidos burgueses por temor aos socialistas.[39] O fracaso de Seipel en frear os socialdemócratas, con todo, espertou o desexo dalgúns conservadores de abolir o sistema democrático.[11] A Heimwehr, que en xeral apoiara os partidos burgueses, preparouse para enfrontarse aos socialistas nas rúas, dado que non puidera derrotalos definitivamente nas votacións, como pretendera.[3] Pola súa banda, os partidarios dos socialistas sentíanse frustrados por ter gañado as eleccións pero non acadar o poder no Goberno federal, debido á manobra de Seipel.[37][15]
Desenvolvemento[editar | editar a fonte]
Absolución dos acusados[editar | editar a fonte]

Mentres, tres veteráns da Frontkämpfervereinigung foron acusados polo tiroteo de Schattendorf e o seu xuízo comezou o 5 de xullo nun tribunal de Viena.[16][40][23][41] Este comezou o día 5 dese mes;[41] os xornais nacionais prestáronlle especial atención durante dez días.[16] Dous días antes do principio das vistas, o dirixente tirolés da Heimwehr Richard Steidle anunciara a disposición da orgazación a combater aos socialistas en caso de que estalase a revolución; a súa formación debía servir para unir a todas as forzas antisocialistas e enfrontarse a eles coas armas se resultaba preciso.[4]
O avogado defensor, famoso por representar a paramilitares de dereita, era célebre por presentar os seus clientes como patriotas entregados, argumento que habitualmente era ben recibido polos xuíces e xurados.[16] Con notable habilidade, chamou declarar a gran cantidade de testemuñas, que describiron os acontecementos en xeral dende o seu punto de vista político, o que acabou por confundir ao xurado.[42]
Os tres acusados admitiron ter disparado contra a multitude.[16] Con todo, foron absoltos[41][43] polo xurado —formado por seis obreiros e seis cidadáns de clase media—[42] o día 14,[40][23] ben por dúbidas[44] sobre a súa culpabilidade ou polo enrarecido ambiente político.[29][a] O xurado precisara de tres horas de deliberación para acordar o veredicto.[40] A tensión era enorme no país.[45][46][47] Despregárase á policía durante os días 13 e 14, en previsión de que estalaran disturbios polo veredicto mais, aínda que este anunciouse ás 10 p. m. do día 14, esa noite pasou sen incidentes.[31] Ás 6 a. m. do día seguinte, o xefe da policía federal,[48] Johann Schober, puxo fin á vixilancia especial e envió aos gardas ás súas casas, agotados por dous días de servizo ininterrompido.[31] Socialistas, comunistas e frontkämpfer aseguráranlle que non pretendían manifestarse contra a sentenza.[48] En vez de contrastar a afirmación das distintas organizacións, aceptounas sen máis, sen reforzar sequera a garda do Parlamento.[49] Deste xeito, o edificio das Cortes contaba con sesenta e sete gardas na mañá do 15 de xullo, cando habitualmente durante as sesións apostábanse en torno a el uns 150.[49]
Manifestación espontánea[editar | editar a fonte]
Os obreiros da capital viron na absolución dos acusados unha grande inxustiza, un ataque á clase traballadora.[42][47] Soamente a negativa[50] da dirección do partido socialdemócrata a convocar unha gran manifestación de protesta e a perda a mans da policía do arsenal da Schutzbund en Viena evitaron o estalido dos combates.[45] Os socialistas lograran na posguerra a implantación dos xuízos con xurado, a pesar da oposición dos partidos de dereita, e non desexaban protestar en exceso contra o fallo para non facilitar a estes a súa abolición, que buscaban.[42] A dirección socialista, en boas relaciones coa policía, comunicou a Schober que o partido non tiña intención de convocar protesta algunha pola absolución.[51][35] Dada a capacidade da dirección socialista, demostrada en anteriores ocasións, de controlar os seus seguidores, a policía non realizou preparativos para afrontar unha gran protesta.[51][35] A excepción da garda normal no Parlamento, non había forzas de reserva nin plano algún por se estalaban disturbios.[49] A dirección do partido só esperaba que se produciran protestas menores espontáneas, que quizais foran máis efectivas que unha gran manifestación organizada polo partido en facer entender á burguesía da capital o desgusto dos traballadores.[52] Para evitar participar abertamente nas protestas, decidiuse non mobilizar á Liga de Defensa Republicana.[48]
Como substituto da protesta, a dirección socialista decidiu condenar duramente a absolución dos acusados da matanza no editorial do Arbeiterzeitung.[53][35][52][47][54] Mentres os dirixentes socialistas se encontraban na sede do diario, chegaron representantes dos técnicos electricistas para exixir o chamamento a unha folga xeral e a organización dunha manifestación de protesta ante o Parlamento.[52] Otto Bauer e a maioría dos dirixentes ausentáronse do lugar axiña para non ter que rexeitar a petición.[52] O único que permaneceu para explicar a decisión do partido aos traballadores non conseguiu convencelos de que non se manifestaran, aínda que os representantes sindicais presentes aprobaron o editorial que ía aparecer a mañá seguinte.[52] De inmediato, o partido enviou a Julius Deutsch —xefe da Liga de Defensa Republicana— á planta eléctrica da cidade para tratar de calmar os traballadores, decididos a ir á folga.[52]

Cando os traballadores comezaron a chegar ás fábricas entre as seis e as sete da mañá do día 15, encontráronse coa nova, aparecida no Arbeiterzeitung, da absolución dos acusados.[31] A indignación polo que se consideraba "xustiza de clase" na súa contra levou á formación de reunións inmediatas nas que se decidiu marchar en protesta ao centro da cidade.[31][55] Era a primeira vez dende decembro de 1921 na que se producía unha gran manifestación obreira sen o visto e prace do Partido Socialdemócrata.[46] Durante a madrugada, Deustch tratara sen éxito de disuadir os técnicos electricistas de marchar ao centro da cidade,[56] a petición do propio alcalde.[53] Os técnicos, desgustados pola actitude da dirección do partido, anunciaron que de 8:00 a. m. a 9:00 a.m. cortarían a corrente, paralizando así os tranvías da capital, sinal tradicional para comezar as folgas xerais.[48] Deustch finalmente decidiu que non podía convencer os técnicos e avisou das intencións destes o alcalde Karl Seitz contra as 3:00 a. m.[48] Ás 7:00 a. m. chegou a quenda da mañá á central, que comezou a discutir sobre a folga e a manifestación coa quenda saínte; unha hora máis tarde, os obreiros comezaron a marchar cara ao centro da cidade e pararon os tranvías como previran.[48] Incapaz de movilizar a tempo á Liga de Defensa Republicana que adoitaba escoltar estas marchas para evitar incidentes, Deutsch, informou ás 8 a. m. o xefe da Policía Política,[48] da marcha e solicitou que se despregara suficiente policía —desarmada para non provocar os manifestantes iracundos— para evitar calquera choque.[31][51] Deutsch pediu que non se tratara de deter a marcha, que rodearía o Parlamento antes de volver aos barrios obreiros.[48] A policía, con todo, non contaba nese momento con efectivos suficientes para facer fronte á emerxencia, e tardo[51] en reunir aos seus axentes.[31] Aínda que habitualmente o edificio das Cortes contaba cunha garda de 150 policías, ese día apenas puidéronse reunir 67 para protexer tanto este como o Palacio de Xustiza.[57][51]
Deste xeito, a manifestación espontánea de traballadores, comezada polos técnicos electricistas á que se uniron outros,[45][53][58] non puido ser controlada polo pequeno grupo de policías que se reunira a toda presa.[44] Os manifestantes protestaban pola sentenza absolutoria.[29][44][56][59] Arredor das 9:00 a. m., os primeiros manifestantes alcanzaron a Ringstrasse preto do edificio da universidade.[49] O primeiro incidente da mañá produciuse na Facultade de Teoloxía, a onde comenzaban chegar os seus alumnos.[60] A mofa dun deles aos manifestantes fixo que algúns destes se abalanzaran[49] a tomar o edificio; só a intervención primeiro dun policía e logo de representantes dos obreiros evitouno.[60] O seguinte sucedeu preto do Concello, do que algúns funcionarios saíran para protestar fronte ao próximo edificio do Parlamento.[60] Un cordón de policía impediu nun principio que seguiran adiante, o que atizou a furia dos manifestantes.[60] Deputados socialistas acudiron dende O Parlamento para convencer o xefe da policía da zona, Hofrat Albert Tauss, para que permitira o paso dos manifestantes e evitara así posibles choques.[49] Con todo, nese momento, chegaron reforzos da policía: un destacamento de policía montada, disposto a cargar contra a marcha, o que aumentou a tensión.[49] A multitude comezou a apupar os xinetes e lanzáronselles algúns lastros.[49] Unha vez que se lles permitiu o paso, os funcionarios deron unha volta ás Cortes berrando consignas e regresaron ao Concello.[60]
Chegou entón o groso dos manifestantes, cos electricistas á fronte, que volveron encontrarse co camiño pechado polo cordón policial, que se volvera formar, cortando o paso á marcha.[60][49][59] Esta carecía de ruta alternativa naquel lugar e só tería podido dar a volta.[61][49] No edificio do Parlamento produciuse un novo choque: a multitude obrigou o cordón de policías a refuxiarse dentro e tratou de irromper nas Cortes, sen conseguilo.[49] Cando xa a liña de policías estaba cedendo á presión dos manifestantes que pretendían continuar a súa rota, Schober ordenou á policía montada —25 xinetes— detelos, o que causou varios feridos por sabre e alporizou á multitude.[45][51][56][49] Os manifestantes desexaban marchar xunto o Palacio de Xustiza e regresar aos seus barrios na periferia, mais o comandante da policía montada decidiu impedirlles o paso, desencadeando o choque coa multitude.[57] Algúns dos xinetes, que tiveron logo que repregarse, resultaron feridos con navallas na carga.[49] Ata media mañá, a manifestación desenvolvérase sen incidentes e nun ambiente relativamente festivo.[57] A carga inesperada e a visión dos feridos, con todo, desatou a furia dos participantes na marcha,[56] que se reagruparon e comezaron lanzar lastros á policía, a pesar dos rogos de calma dos representantes obreiros.[62]
Disturbios[editar | editar a fonte]
A multitude prendeu lume a varios edificios antes de ter que retirarse á praza Schmerlingplatz acosada pola policía, que trataba de afastala do Parlamento.[56][49] Entón, atizada por axitadores comunistas,[56] marchou ao Palacio de Xustiza,[59] símbolo[54] do trato discriminatorio á súa clase social —aínda que non tiña relación co xuízo que desencadeara a protesta e empregábase principalmente como arquivo—,[11][29][56][49] e construíu barricadas,[49] mentres a policía entraba no edificio e comezaba a disparar os manifestantes —que a apedrearan,[44] causando algúns feridos nas súas filas—.[45] Descoñecese se os manifestantes apedrearon primeiro á policía ou se foi esta a que comezou o enfrontamento ao disparar contra a multitude.[57] A escasa policía montada cargou contra a marcha de novo, sen éxito.[57] Os manifestantes volvían reagruparse.[63] Erguéronse entón as barricadas, aproveitando os materiais dunha obra próxima, para entorpecer o movemento da policía montada.[64][49] Os axentes ficaron acurralados no Palacio de Xustiza,[63][56] dende onde dispararon á xente ata esgotar a munición e cara o que a multitude empurrou aos gardas a cabalo.[64][65] Algúns dos xinetes foron derrubados e golpeados polos manifestantes.[63] A policía goreceuse no edificio, mais non puido impedir a entrada aos atacantes, que empregaron escaleiras para entrar polas fiestras.[65][49]
Outros grupos asaltaran unha comisaría próxima, á que acabaron prendendo lume, e os principais diarios dos socialcristiáns e panxermanos, nos que causaron destrozos.[66][67] Durante o desaloxo forzado pola multitude da comisaría, un dos manifestantes resultou morto dun tiro, o que desatou a ira destes, que prenderon lume o edificio.[67] Neste caso, varios deputados socialistas persuadiron os manifestantes de permitir aos bombeiros que apagaran o incendio.[67]
Os manifestantes entón prendéronlle lume ao edificio do Palacio de Xustiza arredor do mediodía.[11][44][64][65][56][68] Lograran entrar polas fiestras e abrir as portas.[68] Logo de esnaquizar parte do mobiliario e queimar documentos, prenderon lume ao propio edificio.[68] Media hora máis tarde, avisouse ao corpo de bombeiros.[68] Os manifestantes negáronse a permitirlles apagar o lume,[29][68] a pesar das súplicas[29] do alcalde socialdemócrata.[45][69] A mediodía, a situación calmárase en certo modo, e a multitude contemplaba arder o Palacio de Xustiza.[66] A dirección socialista, logo de certos titubeos, cambiou de opinión e decidiu finalmente enviar á Liga de Defensa Republicana, mais esta tardó en organizarse: parte dos seus afiliados encontrábanse nos seus traballos, outros dispersos entre os manifestantes.[70]
Schober solicitou ao alcalde permiso para enviar o exército, ao que este negouse,[44][71][72][73] a pesar de ser a policía incapaz de controlar a situación.[45][69] Schober pediu entón armar os seus subordinados, mais o alcalde tamén rexeitou esta posibilidade, e indicou que a chegada da Liga e a aparición dos dirixentes socialistas debían bastar para restablecer a orde; ordenou a Schober que os seus homes non debían disparar ás masas.[74]
Para cando a multitude permitiu que se apagara o incendio,[75] este era incontrolable e non se puido evitar que destruira o edificio.[76] A Schutzbund, que tratou de interpoñerse entre os manifestantes e a policía e permitir o paso dos bombeiros, fracasou na súa misión.[44][56][77] A liga logrou, con todo, rescatar a uns setenta policías —ademais doutras persoas como xuíces e funcionarios, tamén atrapados— do edificio ardendo,[69] disfrazándoos de civís para evitar que foran asasinados polos que o cercaban.[71][75][68] Contra as 14:00, a operación de rescate concluíu co salvamento de todos os atrapados no edificio incendiado.[68] Na operación de rescate morreron once dos seus homes, a maioría a mans dos propios policías, que en ocasións non creron que acudían no seu auxilio.[71]
Mentres o enorme edificio ardía sen que os bombeiros puidesen intervir e tratar de apagalo, Schober decidiu desoír as peticións do alcalde e acudir ao chanceler federal.[68] Coa aquiescencia do seu superior, o vicechanceler e ministro do Interior Karl Hartleb, solicitou ao chanceler armar á policía e ordenarlle que disparara á multitude para expulsala do centro da cidade.[78] Schober despregou 600 homes para esmagar as protestas, co permiso do chanceler federal.[72][69][45] Este, que ata entón permanecera pasivo tomando os disturbios como un problema de orde público e non político, ordenou ao ministro de Defensa, Carl Vaugoin, que entregara as carabinas que solicitaban Schober e Hartleb, aínda que o ministro en principio opúxose á medida.[77] A policía contaba con numerosos socialistas entre as súas filas, mais os rumores de torturas e brutais asasinatos —falsos—, fixeron que os axentes non dubidaran en disparar contra a multitude.[77] Para empezar, retomaron a comisaría incendiada pola mañá.[77] Unha hora máis tarde, acgegáronse ao Palacio de Xustiza; supostamente Deutsch telefoneou a Schober para que dera máis tempo á Liga para axudar aos bombeiros a achegarse ao incendio, cara o que avanzaban con gran lentitude polo estorbo dalgúns dos manifestantes.[77] Deustch persuadiu a Schober de anular a orde de disparar contra a multitude, mais o motociclista que este enviou para avisar aos policías non chegou a tempo para evitar o choque.[79]
Cando o primeiro camión de bombeiros logrou achegarse ao edificio en torno ás 14:30 e comezar a apagar os lume, a policía finalmente abriu fogo contra os manifestantes.[80] Axiña a praza quedou deserta. Armados finalmente os axentes con rifles e carabinas e unha munición especialmente daniña,[72] causaron numerosos feridos por toda a cidade, disparando contra calquera grupo de xente.[81][82][69] Entre as dúas e as cinco da tarde, continuou o tiroteo dos grupos de xente,[83] en moitos casos simplemente curiosos que se achegaran a contemplar o grande incendio do Palacio de xustiza.[82]
Nos combates que se libraron pola cidade morreron 86 persoas e quedaron feridas unhas mil cen.[11][b] Dos mortos civís, trinta e catro non tiñan relación coa manifestación e faleceron debido ao tiroteo da policía.[9] Dos membros da policía, un soamente morreu durante os enfrontamentos do 15 de xullo no centro da cidade; dous máis foron tiroteados nunha emboscada esa mesma noite durante os últimos choques illados e o cuarto faleceu durante o asedio a unha comisaría ao día seguinte.[85] 2 057 feridos tratados nos hospitais, trescentos vinte e oito civís e cento sesenta e tres policías precisaron ser ingresados, o resto sufriron feridas leves.[85][69] Os choques foron os máis graves acontecidos en Viena dende a Revolución de 1848; foi ademais a primeira vez en toda a historia da república que as forzas de seguridade dispararon aos manifestantes socialistas.[85]
O incendio utilizouse para avivar o medo a unha revolta socialista[8] e esmagar as protestas. A dirección socialista, reunida de urxencia, rexeitou armar aos obreiros, como moitos destes esixían.[86][69][87] Os dirixentes comunistas, que reclamaban que se entregaran armas aos obreiros e esperaban que os disturbios desencadearan a revolución, foron detidos pola policía.[88]
Folga socialista e intervención da Heimwehr[editar | editar a fonte]
Como alternativa, convocouse unha folga xeral.[89][87][90] A esta, dun día, uniuselle a convocatoria de folga indefinida nos ferrocarrís e as comunicacións (os servizos de telégrafos, teléfonos e correos);[87][90] esta tiña como propósito a liberación dos acusados de ter participado nos disturbios.[89] Formouse ademais un corpo de policía municipal en Viena —co permiso de Seipel—,[91] recrutado entre os membros da Liga, que debía servir para interpoñerse entre a policía federal e os manifestantes se resultaba precisio.[89] Os socialistas mostráronse dispostos a non esixir unha investigación da actuación da policía se se esquecía o que consideraban un acontecemento desafortunado.[89]
O día de folga xeral pasou sen contratempos e permitiu á dirección socialista retomar o control do movemento obreiro.[69][87] Pareceu mostrar a fortaleza do partido —os sindicatos socialistas paralizaron o transporte en boa parte do país—,[92][89] mais o esmagamento da protesta espontánea supúxolle en realidade unha gran derrota.[45] A folga de transportes e comunicacións debía servir para forzar o Goberno a amnistiar os detidos pola revolta do día 17, mais a intervención da Heimwehr frustrou as esperanzas socialistas.[69] Se ben a capital e a Baixa Austria quedaran paralizadas pola folga xeral, no resto das provincias a Heimwehr conseguira poñerlle fin pola forza,[84][93] sen que a Schutzbund socialista puidera evitalo —no Tirol e Vorarlberg,[94] os Gobernos provinciaos habían aceptaran as unidades da Heimwehr como policía auxiliar—.[92][95][6] En Innsbruck, a Heimwehr, respaldada polo exército, ocupara a estación central de ferrocarrís e obrigado aos traballadores a evacuala.[96][69][6] Restableceuse parcialmente[94][6] o servizo coa axuda dos traballadores afiliados aos sindicatos socialcristián e panxermano.[96] En Estiria, a formación movilizou a 20 000 seguidores[c] fortemente armados e ameazou con intevir se o Goberno provincial non puña fin á folga.[96][69][6] O gobernador rexional tratou de negociar cos dirixentes socialistas, aos que intimidou o caudillo local da Heimwehr, Walter Pfrimer.[96][97][6] A súa intervención terminou por desbaratar a folga nesta provincia.[97][98] Tanto en Estiria como no Tirol, a formación substituíu o Exército nas súas tarefas.[95] Na primeira, Pfrimer pretendeu marchar sobre a capital e esmagar definitivamente os socialistas.[99] A pesar de contar co apoio do antigo gobernador provincial Anton Rintelen, o gobernador do momento negouse a apoiar a proposta, actitude que desilusionou a Pfrimer, tildado máis tarde polo chanceler como o «salvador de Austria».[99] Este negouse a esmagar definitivamente os socialistas, como esixía a Heimwehr, e afrontou a crise legalmente.[100] Na Alta e na Baixa Austria e o papel da formación paramilitar foi menor que nas outras provincias, mais tamén colaborou no desbaratamento da golga e o restablecemento das comunicacións.[99]
Os dirixentes socialistas non[94] obtiveron concesión algunha do chanceler —o día 15, reclamaran sen éxito a súa renuncia e a formación dun Goberno de socialistas e socialcristiáns para resolver a crise ou canto menos concesións para acougar os traballadores—[87][10] e, acuciados polos rogos[97] dos seus correlixionarios das provincias de que cesara a folga e con rumores de posibles intervencións militares estranxeiras no país, ordenaron a fin da folga de transportes e comunicacións a medianoite[101] do día 18.[7][102][103] O máis que obtiveron foi a garantía persoal do chanceler, realizada en privado, de que non aproveitaría as dificultades dos socialistas para eliminar a lexislación social aprobada durante os anos anteriores.[101][104] Foi o segundo revés para os socialistas logo dos disturbios do día 15.[105] Seipel rexeitou unha investigación independente dos sucesos dos días anteriores e o perdón dos detidos na revolta, aínda que accedeu a rescindir a alerta militar na que se encontraba o Exército.[91]
Seipel lograra capear a crise e mantener o control da situación.[92][106] A policía e o exército, a pesar de contar cunha maioría de afiliados e simpatizantes socialistas, mantivéranse do lado do Goberno:[10] as novas eleccións sindicais na primeira puxeron fin á preponderancia socialista.[107] Os socialcristiáns crían contar co apoio popular para rexeitar as propostas socialistas de ingresar no Goberno e desbarataran o poder militar socialista.[108] Durante a folga revivió a alicaída Heimwehr,[8][101] que se adicou a tratar de rebentar a folga, actuando nalgúns casos como policía auxiliar e logrando facela fracasar nas provincias,[8] onde os socialdemócratas eran máis febles, deixando aos traballadores de Viena illados do exterior.[8][9] O chanceler contara así tanto co apoio das forzas de seguridade do Estado como co das forzas paramilitares de dereita.[10]
Últimos acontecementos[editar | editar a fonte]
Os mortos dos disturbios foron enterrados por separado: o chanceler acudiu á cerimonia dos catro policías, mentres que o Concello organizou un gran enterro a cincuenta e sete dos civís falecidos o 20 de xullo.[109][110] A este non acudiron representantes do Goberno federal, proba da polarización do momento, do rexeitamento de Seipel a reconciliarse coa oposición e da súa intención de aproveitar politicamente a situación no seu favor.[111]
O 25 de xullo reuniuse do novo o Parlamento, no que se vivióu unha sesión moi tensa entre o Goberno, que indicou que non habería piedade para os acusados de ter participado na revolta,[110] e a oposición socialista, que, logo de admitir os seus erros, esixiu sen éxito unha amnistía e a investigación da actuación policial.[112]
Consecuencias[editar | editar a fonte]
O esmagamento das protestas supuxo o revivir da Heimwehr,[92][113] o aumento do seu prestixio nos conservadores círculos gobernamentais, o crecemento dos seus recrutas e a súa consolidación como organización nacional.[114][95][104] O novo prestixio permitiu á organización establecer negociacións coa Italia de Mussolini, que comezou a financiar a organización,[114] e co Goberno reaccionario húngaro de István Bethlen.[114][115][104] A formación recuperou as achegas de importantes industrias, que a empregaron tamén para crear sindicatos rivais dos socialistas.[116] A organización comezou a valorar a posibilidade de marchar contra a capital —imitando a marcha sobre Roma de Mussolini— para implantar un Goberno fascista.[9]
Considérase o acontecemento un fito na historia da primeira república austríaca, un símbolo da radicalización do movemento socialdemócrata austríaco e da súa impaciencia ante a falta de reformas no país.[11] A dirección do partido socialdemócrata, que non tomou parte nos choques, perdeu parte da súa influencia entre os seus seguidores máis radicais.[11] Os dirixentes socialistas, máis divididos logo dos sucesos entre moderados e radicais, tentaron estreitar o control do partido sobre a Liga de Defensa Republicana.[106] Para os socialistas, a revolta resultara un desastre sen paliativos, que encumbrou temporalmente a Seipel.[10]
Amosou tamén que a dereita austríaca estaba disposta a empregar a maior violencia contra os seus adversarios.[11] O fracaso da dirección socialista, que conxugaba a retórica revolucionaria coa moderación na práctica,[11][117] animou aos conservadores a proseguir co seu ataque ao poder do seu adversario e acelerar o proceso de conversión do país ao fascismo.[118] O Goberno presentou os disturbios —de xeito oportunista e incorrecto, mais efectivo no estranxeiro— como un perigoso alzamento comunista lanzado co fin de impoñer unha república soviética en Austria.[119][120] Parte dos seguidores dos partidos burgueses crían firmemente que os disturbios do 15 de xullo foran un intento dos obreiros de acabar coa democracia austríaca e impoñer a ditadura proletaria, o que os radicalizou.[95] Se para os socialistas a revolta supuxo un grave revés, os seus rivais socialcristiáns,[104] que controlaban as forzas de seguridade estatais, saíron reforzados da crise.[121] O partido de Seipel acentuou a súa evolución cara ao fascismo nos anos seguintes.[14] O propio Seipel fomentou ademais o crecemento da Heimwehr como instrumento para meter presión aos socialistas e tratar de obligalos a aceptar mudanzas lexislativas, incluída a reforma da Constitución, que desexaba modificar para implantar un sistema autoritario de goberno.[104]
A democracia austríaca, que parecía asentada firmemente na primavera, comezou unha decadencia que levou á súa desaparición a principios da década seguinte.[12] Os posteriores intentos de conciliación entre os dous bandos, radicalizados polos acontecementos de xullo, fracasaron[13] e este fracaso conduciu ao choque final na guerra civil austríaca de febreiro de 1934.[14]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Macartnery indica que a absolución dos acusados —dous, segundo el— debeuse á imposibilidade de probar que foran os perpetradores dos asasinatos. Só se lles puido multar por portar armas sen o permiso necesario.[44]
- ↑ Segundo Macartnery, morreron oitenta e catro civís e cinco policías.[9] Gedye dá un número similar mais distinto: oitenta e cinco civís e catro policías falecidos.[84] Gulick e Rath coinciden con Gedye.[85][69]
- ↑ Segundo Edmondson, o número foi menor: entre seis e dez mil.[6]
- Referencias
- ↑ 1,0 1,1 Alder 1983, p. 239.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Edmondson 1978, p. 42.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Edmondson 1978, p. 43.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Edmondson 1978, p. 44.
- ↑ Edmondson 1978, pp. 44-45.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Edmondson 1978, p. 45.
- ↑ 7,0 7,1 Gulick 1948, p. 749-750.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Kitchen 1980, p. 57.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 Macartney 1929, p. 301.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 Von Klemperer 1972, p. 265.
- ↑ 11,00 11,01 11,02 11,03 11,04 11,05 11,06 11,07 11,08 11,09 11,10 Kitchen 1980, p. 20.
- ↑ 12,0 12,1 Rath 1996, p. 213.
- ↑ 13,0 13,1 Von Klemperer 1972, p. 273.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 Alder 1983, p. 260.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 Alder 1983, p. 240.
- ↑ 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 16,5 16,6 16,7 16,8 Alder 1983, p. 242.
- ↑ Gulick 1948, p. 719-720.
- ↑ Kondert 1972, pp. 70, 74.
- ↑ Von Klemperer 1972, p. 258.
- ↑ 20,0 20,1 Gulick 1948, p. 726.
- ↑ Gulick 1948, p. 726-727.
- ↑ 22,0 22,1 Kondert 1972, p. 74.
- ↑ 23,0 23,1 23,2 23,3 Rath 1996, p. 214.
- ↑ 24,0 24,1 24,2 Gulick 1948, p. 727.
- ↑ Von Klemperer 1972, pp. 258-259.
- ↑ 26,0 26,1 26,2 26,3 Gulick 1948, p. 728.
- ↑ Kondert 1972, pp. 74-75.
- ↑ 28,0 28,1 28,2 Kondert 1972, p. 75.
- ↑ 29,0 29,1 29,2 29,3 29,4 29,5 29,6 29,7 Carsten 1977, p. 110.
- ↑ 30,0 30,1 Macartney 1929, p. 299.
- ↑ 31,0 31,1 31,2 31,3 31,4 31,5 31,6 31,7 Gedye 1939, p. 21.
- ↑ 32,0 32,1 32,2 32,3 Von Klemperer 1972, p. 259.
- ↑ 33,0 33,1 Kitchen 1980, p. 19.
- ↑ Gulick 1948, p. 725, 728.
- ↑ 35,0 35,1 35,2 35,3 Rath 1996, p. 215.
- ↑ Gulick 1948, p. 728-729.
- ↑ 37,0 37,1 Gulick 1948, p. 730.
- ↑ Kondert 1972, p. 77.
- ↑ 39,0 39,1 Von Klemperer 1972, p. 261.
- ↑ 40,0 40,1 40,2 Gulick 1948, p. 732.
- ↑ 41,0 41,1 41,2 Kondert 1972, p. 78.
- ↑ 42,0 42,1 42,2 42,3 Alder 1983, p. 243.
- ↑ Von Klemperer 1972, pp. 262-263.
- ↑ 44,0 44,1 44,2 44,3 44,4 44,5 44,6 44,7 Macartney 1929, p. 300.
- ↑ 45,0 45,1 45,2 45,3 45,4 45,5 45,6 45,7 45,8 Kitchen 1980, p. 102.
- ↑ 46,0 46,1 Gulick 1948, p. 735.
- ↑ 47,0 47,1 47,2 Kondert 1972, p. 79.
- ↑ 48,0 48,1 48,2 48,3 48,4 48,5 48,6 48,7 Alder 1983, p. 245.
- ↑ 49,00 49,01 49,02 49,03 49,04 49,05 49,06 49,07 49,08 49,09 49,10 49,11 49,12 49,13 49,14 49,15 49,16 49,17 Alder 1983, p. 246.
- ↑ Gulick 1948, p. 733-734.
- ↑ 51,0 51,1 51,2 51,3 51,4 51,5 Gulick 1948, p. 737.
- ↑ 52,0 52,1 52,2 52,3 52,4 52,5 Alder 1983, p. 244.
- ↑ 53,0 53,1 53,2 Gulick 1948, p. 734.
- ↑ 54,0 54,1 Von Klemperer 1972, p. 263.
- ↑ Gulick 1948, p. 734-735.
- ↑ 56,0 56,1 56,2 56,3 56,4 56,5 56,6 56,7 56,8 56,9 Rath 1996, p. 216.
- ↑ 57,0 57,1 57,2 57,3 57,4 Gedye 1939, p. 22.
- ↑ Rath 1996, p. 215-216.
- ↑ 59,0 59,1 59,2 Kondert 1972, p. 80.
- ↑ 60,0 60,1 60,2 60,3 60,4 60,5 Gulick 1948, p. 736.
- ↑ Gulick 1948, p. 736-737.
- ↑ Gulick 1948, p. 738.
- ↑ 63,0 63,1 63,2 Gulick 1948, p. 739.
- ↑ 64,0 64,1 64,2 Gedye 1939, p. 23.
- ↑ 65,0 65,1 65,2 Gulick 1948, p. 740.
- ↑ 66,0 66,1 Gulick 1948, p. 741.
- ↑ 67,0 67,1 67,2 Alder 1983, p. 248.
- ↑ 68,0 68,1 68,2 68,3 68,4 68,5 68,6 68,7 Alder 1983, p. 250.
- ↑ 69,00 69,01 69,02 69,03 69,04 69,05 69,06 69,07 69,08 69,09 69,10 69,11 Rath 1996, p. 217.
- ↑ Alder 1983, p. 248-249.
- ↑ 71,0 71,1 71,2 Gedye 1939, p. 24.
- ↑ 72,0 72,1 72,2 Gulick 1948, p. 744.
- ↑ Alder 1983, p. 249.
- ↑ Alder 1983, p. 249-250.
- ↑ 75,0 75,1 Gulick 1948, p. 742.
- ↑ Gedye 1939, p. 23-24.
- ↑ 77,0 77,1 77,2 77,3 77,4 Alder 1983, p. 251.
- ↑ Alder 1983, p. 250-251.
- ↑ Alder 1983, p. 251-252.
- ↑ Alder 1983, p. 252.
- ↑ Gedye 1939, p. 24-25.
- ↑ 82,0 82,1 Gulick 1948, p. 744-745.
- ↑ Alder 1983, p. 254.
- ↑ 84,0 84,1 Gedye 1939, p. 27.
- ↑ 85,0 85,1 85,2 85,3 Gulick 1948, p. 746.
- ↑ Gulick 1948, p. 746-747.
- ↑ 87,0 87,1 87,2 87,3 87,4 Alder 1983, p. 255.
- ↑ Alder 1983, p. 254-255.
- ↑ 89,0 89,1 89,2 89,3 89,4 Gulick 1948, p. 748.
- ↑ 90,0 90,1 Kondert 1972, p. 81.
- ↑ 91,0 91,1 Alder 1983, p. 256.
- ↑ 92,0 92,1 92,2 92,3 Carsten 1977, p. 111.
- ↑ Kondert 1972, p. 82.
- ↑ 94,0 94,1 94,2 Edmondson 1972, p. 142.
- ↑ 95,0 95,1 95,2 95,3 Rath 1996, p. 220.
- ↑ 96,0 96,1 96,2 96,3 Gulick 1948, p. 749.
- ↑ 97,0 97,1 97,2 Edmondson 1972, p. 143.
- ↑ Edmondson 1978, pp. 45-46.
- ↑ 99,0 99,1 99,2 Edmondson 1978, p. 46.
- ↑ Von Klemperer 1972, p. 266.
- ↑ 101,0 101,1 101,2 Edmondson 1972, p. 145.
- ↑ Rath 1996, p. 217-218.
- ↑ Edmondson 1978, pp. 46-47.
- ↑ 104,0 104,1 104,2 104,3 104,4 Edmondson 1978, p. 47.
- ↑ Gulick 1948, p. 750.
- ↑ 106,0 106,1 Rath 1996, p. 219.
- ↑ Gulick 1948, p. 751-752.
- ↑ Alder 1983, p. 257.
- ↑ Gulick 1948, p. 755.
- ↑ 110,0 110,1 Von Klemperer 1972, p. 267.
- ↑ Von Klemperer 1972, pp. 266-268.
- ↑ Gulick 1948, p. 756.
- ↑ Gulick 1948, p. 753.
- ↑ 114,0 114,1 114,2 Kitchen 1980, p. 58.
- ↑ Rath 1996, p. 222-223.
- ↑ Rath 1996, p. 221.
- ↑ Rath 1996, p. 218.
- ↑ Kitchen 1980, p. 21.
- ↑ Gedye 1939, p. 28.
- ↑ Gulick 1948, p. 764.
- ↑ Alder 1983, p. 259-260.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Alder, Douglas D. (1983). "Decision-Making Amid Public Violence; The Vienna Riots, July 15, 1927". Austrian History Yearbook 19 (1): 239–260.
- Carsten, F. L. (1977). Fascist movements in Austria : from Schönerer to Hitler (en inglés). Sage Publications. pp. 356. ISBN 9780803999923.
- Edmondson, Clifton Earl (1972). "Early Heimwehr Aims and Activities". Austrian History Yearbook 8: 105–147.
- Edmondson, Clifton Earl (1978). The Heimwehr and Austrian politics, 1918-1936 (en inglés). University of Georgia Press. pp. 352. ISBN 9780820304373.
- Gedye, G. E. R. (1939). Betrayal in Central Europe (en inglés). Harper & Bros. p. 499. OCLC 1101763.
- Gulick, Charles Adams (1948). Austria from Habsburg to Hitler, volume 1 (en inglés). University of California Press. p. 771. OCLC 312153572.
- Kitchen, Martin (1980). The coming of Austrian fascism (en inglés). Croom Helm. p. 299. ISBN 9780709901334.
- Von Klemperer, Klemens (1972). Ignaz Seipel: Christian statesman in a time of crisis (en inglés). Princeton University Press. pp. 468. ISBN 9780691051970.
- Kondert, Reinhart (1972). The rise and early history of the Austrian Heimwehr (pdf) (Tese) (en inglés). Rice University. OCLC 12060937.
- Macartney, C. A. (1929). "The Armed Formations in Austria". Journal of the Royal Institute of International Affairs 8 (6): 617–632.
- Rath, R. John (1996). "The Deterioration of Democracy in Austria, 1927–1932". Austrian History Yearbook 26: 213–259.