Sinfonía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Páxina do manuscrito orixinal da Novena Sinfonía de Beethoven.

Unha sinfonía é unha forma musical instrumental escrita para orquestra, composta de varios movementos. Moitas sinfonías son obras tonais en catro movementos, que adoitan presentar a seguinte estrutura:

  1. Allegro inicial. Forma sonata.
  2. Movemento lento. Forma lied ternario (ABA) ou tema con variacións.
  3. Minueto con trío. Beethoven pasou a denominalo scherzo.
  4. Rondó final (ABACAD).

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo sinfonía vén do grego antigo συμφωνία (symphōnia), termo derivado de σύμφωνος (symphōnos, “soar xuntos, harmonioso”), resultado da unión de σύν (syn, “con”) e φωνή (phōnē, “son”). Unha sinfonía é unha composición musical que consta de varios movementos, composta para ser executada por unha orquestra.[1]

Características[editar | editar a fonte]

A sinfonía parte da abertura barroca, unha vez que esta se vai desligando da obra que introducía [2]. Será no século XVIII cando defina a súa forma clásica grazas a autores italianos coma Sammartini, aos músicos de Mannhein e, finalmente, a autores coma Haydn ou Mozart.

Pese a ser unha obra instrumental, fóronselle incorporando solistas vogais, caso da Novena de Beethoven, a Sinfonía Lobgesang de Felix Mendelssohn ou varias sinfonías de Mahler.

Segue a ser un xénero que traballan os compositores actuais, coma Penderecki pero a estrutura que adopta non é necesariamente a clásica e o termo "sinfonía" refire unha obra orquestral sen máis.

Historia[editar | editar a fonte]

Renacemento tardío e inicio do barroco[editar | editar a fonte]

A finais do Renacemento e no inicio do Barroco, a palabra sinfonía era un nome alternativo para a canzona, fantasía ou o ricercar. Estas eran, case sempre formas instrumentais fortemente arraigadas a unha tradición de polifonía. Mais tarde, no período barroco, empregábase para identificar un tipo de sonata, especialmente a sonata trío ou unha sonata para un conxunto grande de instrumentos. Despois, a palabra foi utilizada para indicar un preludio instrumental.

Antiga sinfonía[editar | editar a fonte]

Nas grandes formas vocal-instrumental dos séculos XVII e XVIII, por exemplo nas óperas e oratorios, unha sinfonía xeralmente era un preludio, un interludio ou un posludio contrastando coas seccións vocais ou doutro modo diferentes.

No século XVII, unha forma específica desta peza introdutoria foi a sinfonía de tres movementos que se converteu nun tipo padrón de abertura da ópera italiana. Na maioría das veces esas obras eran en Re maior, para maximizar a resonancia aberta das cordas dos instrumentos de cordas, iniciándose e encerrándose cun movemento rápido, intercalado por un movemento lento. Exemplos dese tipo de sinfonía italiana son as numerosas aberturas en tres movementos das óperas de Alessandro Scarlatti, todas arquetipos das aberturas italianas.

En Francia, entre tanto, as ouvertures eran sempre pezas introdutorias dun único movemento, usualmente na forma A-B-A, onde as seccións A teñen un andamento lento, cun ritmo dobremente puntuado, mentres que a sección intermediaria B, era comparativamente fluente e rápida. Esta forma musical ficou coñecida como abertura francesa. Co tempo, este tipo de ouverture foi adaptado polos compositores alemáns como Johann Sebastian Bach e George Frideric Handel, do século XVIII en diante, tamén podía ser o movemento introdutorio dunha suite de danzas, no caso en que a palabra ouverture era usada como sinónimo da enteira suite, como, por exemplo as Aberturas Francesas, BWV 831, de Bach.

A maioría das óperas e oratorios de Handel inícianse cun movemento ouverture de estilo francés, mesmo que ocasionalmente chame sinfonía a ese movemento, como fixo para o Mesías, identificando a abertura como sinfonía. Con todo, Handel tamén usou o preludio/interludio orquestral ao modo italiano, por exemplo a Introduzione da cantata Delirio amoroso, HWV 99. Tamén, a Pifa instrumental do Mesías non se encadra tanto nos modelos franceses.

Neste medio tempo, tamén no inicio do sécuo XVIII, a sinfonía no estilo italiano, con tres movementos, comezou a gañar vida por si mesma. Podía ser composta como unha obra de concerto independente, sen solistas. Por exemplo, Vivaldi compuxo tanto sinfonías de tres movementos, non moi diferentes dos seus concertos, como sinfonías similares como preludio para as súas óperas.

Bach usou algunhas veces o vocábulo sinfonía no modo antigo como unha peza instrumental dun único movemento, por exemplo, para as invencións BWV 787-801, empregando o estilo polifónico de tres voces. Cómpre observar que no século XX, os editores comezaron a publicar esas sinfonías como Invencións a Tres Partes (ou Invencións a Tres Voces), en que Parte é unha melodía independente (voz, mais con significado instrumental) nunha obra dun único movemento.

Se Bach iniciaba unha obra vocal cun ou máis movementos instrumentais independentes (o que era raro), adoitaba chamar tal peza como sinfonía ou sonata. Para as sinfonías, mesmo as dun único movemento, o estilo era preferencialmente italiano máis que francés:

  • Sinfonía dun movemento abrindo as cantatas seculares Non sa che sia dolore, BWV 209 e Mer Hahn en neue Oberkeet, BWV 212
  • Sinfonía seguida por un "adagio" na abertura do Oratorio da Pascua, BWV 249. A pesar de que o coro entre no final do terceiro movemento deste oratorio, os tres movementos sucesivos de abertura poden ser vistos como unha sinfonía italiana do oratorio.
  • Algúns movementos de abertura das súas cantatas relixiosas eran como movementos de concertos para órgano (BWV 29, 35, 49, 169). Máis tarde, Bach rearranxou algunhas desas sinfonías como movementos dos seus concertos para cravo.

Tanto Bach como Handel usaron a abertura no estilo francés para comezar as súas suites orquestrais. As suites que escribiron para instrumento só non tiñan un movemento introdutorio, e se o houber, ese movemento adoitaba ser unha abertura/ouverture (sempre no estilo francés) ou un preludio/praeludium. O estilo deste preludio era menos definido, mais frecuentemente emularía o estilo dun movemento rápido da sinfonía italiana.

Segundo avanzaba o século XVIII, o nome habitual para o preludio instrumental dunha obra vocal/teatral pasou a ser definido como abertura. A idea da sinfonía italiana con tres movementos como unha composición orquestral independente tamén sobreviviu: as primeiras sinfonías de Haydn e Mozart foron compostas nese formato. Mozart tamén compuxo divertimentos no formato da sinfonía italiana con algunha ambigüidade como se pretendese que tales divertimentos fosem composicións instrumentais independentes ou máis apropiadamente, interludios instrumentais (para producións teatrais etc.).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Real Academia Galega (ed.). "Diccionario da Real Academia Galega". Consultado o 5 de xuño de 2013. 
  2. Beltrando-Patier, Marie-Claire (1996). Historia de la música. La música occidental desde la Edad Media hasta nuestros días (en castelán). Madrid: Espasa Calpe, S.A. pp. 511–514. ISBN 84-239-9610-7. O xénero sinfonía nacerá cando unha das aberturas [italiana] se libere da súa función (que era introducir unha ópera ou oratorio) e se execute en concerto como obra independente 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]