Segunda cruzada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A segunda cruzada (1145-1149) foi a segunda gran cruzada lanzada desde Europa pola cristiandade católica ('latina') como guerra santa contra o islam. A segunda cruzada comezou en resposta á caída do Condado de Edesa o ano anterior en mans do turco Zengi. O condado fora fundado en 1098 durante a primeira cruzada (1096-1099) polo rei Balduíno de Boloña. Así como fora o primeiro estado cruzado a ser fundado, foi despois o primeiro que caeu.

A segunda cruzada foi anunciada polo papa Uxío III, e foi a primeira comandada por reis europeos, é dicir, por Lois VII de Francia e Conrado III de Alemaña, máis a axuda dunha serie doutros nobres europeos. Os exércitos dos dous reis cruzaron Europa por separado e despois de pasar polo territorio bizantino para Anatolia, os dous foron derrotados polos turcos selxúcidas.

A principal fonte cristiá occidental, Eudes de Deuil, e fontes siríacas cristiás afirman que o emperador bizantino Manuel I Comneno secretamente empeceu o avance dos cruzados, particularmente en Anatolia onde, dise, fixo que os turcos os atacasen. Lois e Conrado, cos restos dos seus exércitos chegaron a Xerusalén e participaron, en 1148, do mal aconsellado ataque a Damasco. A cruzada en Oriente foi un fracaso para os cruzados e unha gran vitoria para os musulmáns. Tería unha influencia clave posterior: a caída de Xerusalén, que a finais do século XII daría lugar á terceira cruzada.

O único éxito cristián da segunda cruzada protagonizouno en 1147 unha forza combinada de 13.000 cruzados flamengos, frisios, normandos, ingleses, escoceses e alemáns. Cando viaxaban por barco desde Inglaterra para Terra Santa, o exército detívose e axudou o exército portugués, máis pequeno (7000 homes) a tomar Lisboa e expulsar os seus ocupantes mouros.

Antecedentes: Caída de Edesa[editar | editar a fonte]

Batalla de Edesa, 1146

Tras a primeira cruzada e a cruzada menor de 1101 establecéronse tres estados cruzados en Oriente: o Reino de Xerusalén, o Principado de Antioquía e o Condado de Edesa. Un cuarto, o Condado de Trípoli, estableceuse en 1109. Edesa era o máis setentrional deles, por tanto, o máis débil e menos poboado; iso a sometía a frecuentes ataques dos estados musulmáns circundantes gobernados polos artúquidas, danisméndidas e selxúcidas.[1] En 1104, tras a súa derrota na batalla de Harran, o conde Balduíno II e o futuro conde Xoscelino de Courtenay foron levados cativos. Balduíno e Xoscelino foron capturados por segunda vez en 1122 e, aínda que Edesa se recuperou pouco despois da Batalla de Azaz en 1125, Xoscelino morreu en combate en 1131. O seu sucesor Xoscelino II foi forzado a unha alianza co Imperio Bizantino, mais en 1143 tanto o emperador bizantino Xoán II Comneno como o rei de Xerusalén Fulque de Anjou morreron. Por outra banda Xoscelino tivo desavinzas co conde de Trípoli e co príncipe de Antioquía, o que deixou Edesa sen aliados poderosos.[2]

Mentres tanto, o selxúcida Zengi, atabeg de Mosul, en 1128 engadira aos seus dominios Alepo, a clave do poder en Siria, disputada entre os gobernantes de Mosul e Damasco. Tanto Zengi como o rei Balduíno II volveron a súa atención sobre Damasco; Balduíno foi derrotado nas aforas da gran cidade en 1129.[3] Damasco, gobernada pola dinastía burida, máis tarde aliouse co rei Fulque cando Zengi asediou a cidade en 1139 e 1140;[4] a alianza foi negociada polo cronista Usamah ibn Munqidh.[5]

A finais de 1144, Xoscelino II aliouse cos artúquidas e marchou de Edesa con case todo o seu exército para apoiar o exército artúquida contra Alepo. Zengi, xa tentando aproveitar a morte de Fulque en 1143, foi ao norte para sitiar Edesa, que caeu no seu poder un mes despois, o 24 de decembro de 1144. Manasés de Hierges, Filipe de Milly e outros foron enviados de Xerusalén para axudaren, mais chegaron moi tarde. Xoscelino II continuou a gobernar os restos do condado desde Turbessel, mais os musulmáns devagar conquistaron ou venderon aos bizantinos o resto do territorio. Zengi foi enxalzado por todo o islam como "defensor da fe" e como al-Malik al-Mansur, "o rei vitorioso". Non procurou atacar o territorio restante de Edesa nin o Principado de Antioquía, como se temía, pois certos acontecementos en Mosul o obrigaron a tornar a casa, e unha vez máis volveu a súa atención para Damasco. Porén, asasinouno un escravo en 1146 e sucedeuno en Alepo o seu fillo Nur ad-Din.[4]

Quantum praedecessores[editar | editar a fonte]

Papa Uxío III

A noticia da caída de Edesa foi traída a Europa primeiro por peregrinos a principios de 1145, e despois por embaixadas de Antioquía, Xerusalén e Armenia. O bispo Hugo de Xabala informou da noticia ao papa Uxío III, que o 1 de decembro dese ano emitiu a bula Quantum praedecessores, na que pedía unha segunda cruzada.[6] Hugo tamén contou ao papa dun rei cristián oriental quen, esperábase, traería alivio para os estados cruzados. Esta é a primeira mención documentada sobre o Preste Xoán.[7] Uxío non controlaba Roma, así é que vivía en Viterbo,[8] porén, pretendeu que a segunda cruzada fose máis organizada e controlada por un poder central que a primeira: os exércitos serían comandados polos reis máis fortes de Europa e planificaríase unha ruta de antemán[9].

A resposta inicial á bula da nova cruzada foi pobre e, de feito, cando ficou claro que Lois VII de Francia formaría parte da expedición, tivo que ser reeditada. Lois VII tamén estivera considerando unha nova expedición independentemente do papa, a cal anunciou á súa corte en Nadal, en Bourges, no ano 1145. É discutible se Lois estaba a planear unha cruzada ou de feito unha peregrinación para cumprir o voto que fixera ao seu irmán morto, Filipe, de ir a Terra Santa. É probable que Lois tomara esta decisión aínda sen saber sobre Quatum praedecessores. En calquera caso, o abade Suger e outros nobres non aprobaban os plans de Lois, pois os ausentarían do reino por varios anos. Lois consultouno con Bernaldo de Claraval, quen o remitiu a Uxío. Entón Lois definitivamente soubo da bula papal, e Uxío apoiou entusiasticamente a cruzada do rei francés. A bula reeditouse o 1 de marzo de 1146, e Uxío autorizou a Bernaldo a predicar a noticia por toda Francia.[10]

San Bernaldo de Claraval[editar | editar a fonte]

San Bernaldo predica a segunda cruzada en Vézelay, 1146

O papa encomendou a Bernaldo predicar a segunda cruzada, e concedeu as mesmas indulxencias para ela que o papa Urbano II concedera para a primeira cruzada.[11] En 1146 convocouse un parlamento en Vézelay, Borgoña, e Bernaldo predicou perante a asemblea o 31 de marzo. Lois VII de Francia, a súa muller Leonor de Aquitania e os príncipes e señores presentes prostráronse aos pés de Bernaldo para recibir a cruz dos peregrinos. Bernaldo despois pasou a Alemaña, e os milagres relatados que se multiplicaban case con cada paso seu sen dúbida contribuíron ao éxito da súa misión. En Espira (Speyer), Conrado III de Alemaña e o seu sobriño, o emperador Frederico Barbarroxa do Sacro Imperio Romano, recibiron a cruz das mans de Bernaldo.[12] O papa Uxío veu en persoa ata Francia para impulsar a empresa.[10] Pese ao seu celo subxugante, Bernaldo non predicou nin o fanatismo nin a persecución, mais, como na primeira cruzada, a prédica levou a ataques contra os xudeus; aparentemente un monxe francés fanático chamado Rodolfo, alegando que os xudeus non estaban contribuíndo financeiramente co rescate de Terra Santa, inspirou matanzas de xudeus en Renania, Colonia, Maguncia, Worms e Espira. Bernaldo, o arcebispo de Colonia e o arcebispo de Maguncia foron vehementes contra estes ataques. Bernaldo viaxou de Flandres a Alemaña para manexar o problema e calmar a turba. Alí atopou Rodolfo, en Maguncia, e silenciouno devolvéndoo para o seu mosteiro.[13]

Cruzada dos wendos[editar | editar a fonte]

Cando se convocou á segunda cruzada, moitos alemáns do sur ofrecéronse a ir como cruzados a Terra Santa. Os saxóns do norte de Alemaña estaban remisos. Nunha Dieta Imperial reunida en Fráncfort o 13 de marzo de 1147 dixeron a San Bernaldo que desexaban facer unha campaña contra os eslavos. O 13 de abril Uxío emitiu unha bula papal coñecida como Divina dispensatione que aprobaba o plan dos saxóns. Esta bula afirmaba non haber diferenza entre os froitos espirituais dos distintos cruzados. Os que se ofreceron para a cruzada contra os eslavos eran principalmente daneses, saxóns e polacos,[14] aínda que tamén houbo algúns bohemios.[15] Ao mando xeral púxose o legado papal, Anselmo de Havelberg . A campaña en si foi dirixida por familias saxoas como os Ascania, os Wettin e Schauenburg.[16]

Molestos pola participación alemá na cruzada, os obodritas preventivamente invadiron Wagria, en Holsacia (Holstein), en xuño de 1147, atrasando a marcha dos cruzados ata finais do verán do mesmo ano. Tras expulsaren os obodritas do territorio cristián, os cruzados dirixíronse para o forte obodrita, en Dobin, e para o forte luticio, en Demmin. As forzas que atacaron Dobin incluíron as dos daneses Canuto V e Sweyn III, Adalberto II, arcebispo de Bremen e o duque Henrique o León de Saxonia. Cando algúns cruzados propuxeron asolar os campos, outros obxectaron preguntando: "Non é a terra que estamos a devastar a nosa terra, e o pobo co que estamos a loitar o noso pobo?" [17] O exército saxón baixo Henrique o León retirouse despois de que o xefe pagán, Niklot, acordara que a gornición de Dobin fora sometida ao bautismo.

Despois de sitiar sen éxito Demmin, os margraves desviaron un continxente de cruzados para atacar Pomerania. Chegaron á cidade xa cristiá de Stettin (Szczecin), tras o cal os cruzados, despois de reunirse co bispo Adalberto de Pomerania e o Príncipe Ratibor I de Pomerania, dispersáronse. Segundo Bernaldo de Claraval, o obxectivo da cruzada era combater os eslavos pagáns "ata o momento en que, coa axuda de Deus, eles sexan convertidos ou eliminados".[18]

Con todo, a cruzada non conseguiu alcanzar a conversión da maior parte dos wendos. Os saxóns lograron conversións en gran parte simbólicas en Dobin, e os eslavos tornaron ás súas crenzas pagás cando os exércitos cristiáns marcharon. Alberte de Pomerania explicou: "Se viran a fortalecer a fe cristiá... deberían facelo coa prédica, non coas armas".[19]

Para o final da cruzada, a zona rural de Mecklenburg e Pomerania foi saqueada e despoboada con moito derramamento de sangue, especialmente polas tropas de Henrique o León.[20] O obxectivo era debilitar para obter máis vitorias cristiás no futuro. Os habitantes eslavos tamén perderon moitos dos seus medios de produción, o cal limitou a súa futura resistencia.[15]

Reconquista e caída de Lisboa[editar | editar a fonte]

Na primavera de 1147 o papa autorizou a expandir a cruzada á Península Ibérica no contexto da Reconquista. Tamén autorizou que Afonso VII de León e Castela equiparase as súas campañas contra os mouros co resto da segunda cruzada.[21] En maio de 1147 os primeiros continxentes de cruzados partiron de Dartmouth, Inglaterra, para Terra Santa. O mal tempo obrigou os barcos detérense no norte da costa portuguesa, na cidade de Porto, o 16 de xuño de 1147. Alí os cruzados foron convencidos de encontrarse co rei Afonso I de Portugal.[22]

Os cruzados conviron en axudar ao Rei a atacar Lisboa, cun acordo solemne que lles concedía a pillaxe de bens da cidade e o diñeiro do rescate polos presos que houber. O Asedio de Lisboa durou desde o 1 de xullo ata o 25 de outubro de 1147, cando, após catro meses, os gobernantes mouros aceptaron renderse, principalmente debido á fame na cidade. A maioría dos cruzados instaláronse na cidade recentemente capturada, pero algúns deles partiron e continuaron ata Terra Santa.[22] Algúns, que partiran antes, axudaron a conquistar Santarém a primeiros do mesmo ano. Máis tarde tamén axudaron a tomar Sintra, Almada, Palmela e Setúbal, e foron autorizados a permanecer nas terras conquistadas, onde se estableceron e tiveron fillos.

Noutra parte da Península Ibérica, case ao mesmo tempo, Afonso VII de León, Ramón Berenguer IV, conde de Barcelona e outros, comandaron un exército mixto de cataláns e cruzados franceses contra a rica cidade portuaria de Almería. Co apoio dunha frota xenovesa-pisana, a cidade foi ocupada en outubro de 1147.[21]

Despois Ramón Berenger invadiu as terras do reino taifa almorábide de Valencia e Murcia. En decembro de 1148 capturou Tortosa tras un cerco de cinco meses, de novo coa axuda de cruzados franceses, anglo-normandos e xenoveses.[21] O ano seguinte, Fraga, Lleida e Mequinenza, na confluencia dos ríos Segre e Ebro caeron ante o seu exército.[23]

Forzas en combate[editar | editar a fonte]

Musulmáns[editar | editar a fonte]

Un mameluco de Alepo

As forzas musulmás da época comprendían pequenos corpos de soldados profesionais, aumentados por voluntarios e recrutas en tempos de guerra. O maior dos estados musulmáns daquela época, o Gran Sultanato Turco Selxúcida, que gobernaba a maior parte do que é os actuais Irán e Iraq, tiña uns 10.000 soldados a tempo completo. O número de tropas dispoñibles dos estados de Siria era moito menor. O núcleo das tropas profesionais eran os ghulam ou mamelucos, adestrados para a guerra desde a infancia. O custo de formar e adestrar un mameluco era de preto de 30 dinares (pola contra, un bo cabalo en Siria custaba uns 100 dinares).

Para compensar as súas debilidades cuantitativas, os estados musulmáns procuraron a superioridade cualitativa. Os soldados profesionais musulmáns, xeralmente da etnia turca, adoitaban estar moi ben adestrados e equipados. A base do sistema militar no Oriente Medio islámico era o sistema de feudos iqtá, que sostiña un certo número de tropas en cada provincia. En caso de guerra, as milicias ahdath, que tiñan a súa base nas cidades baixo o mando dun ra'is (xefe), xeralmente de etnia árabe, eran chamadas para aumentar o número de tropas. A milicia ahdath, aínda que menos ben adestrada que as tropas turcas profesionais, moitas veces sentíanse moi motivadas pola relixión, especialmente polo concepto de xihad. Máis apoio proviña dos auxiliares turcománs e kurdos, que se podían convocar en tempos de guerra, aínda que estas forzas eran propensas á indisciplina.[24] O principal comandante islámico foi Mu'in al-Din Anur, o atabeg de Damasco desde 1138 ata 1149. Damasco supostamente era gobernado polos emires buridas da cidade, pero Anur, que comandaba os militares, era o verdadeiro gobernante. O historiador David Nicolle describiu Anur como un xeneral capaz e diplomático, tamén coñecido como un mecenas das artes. Como a dinastía burida foi desprazada en 1154 pola dinastía zangida, o papel de Anur en expulsar a segunda cruzada foi en gran parte omitido polos historiadores e cronistas leais aos zangidas, que deron o crédito ao rival de Anur, Nur ad-Din Zangi, emir de Alepo.[25]

Cruzados cristiáns[editar | editar a fonte]

O continxente alemán abranguía aproximadamente 2.000 cabaleiros; o continxente francés tiña preto de 700 cabaleiros vindos das terras do rei, mentres que a nobreza levou un número menor de cabaleiros; e o Reino de Xerusalén tiña preto de 550 cabaleiros e 6.000 soldados de infantaría.[26]

Ambos os continxentes, o francés e o alemán, tiveron un enorme número de seguidores civís, a maioría dos cales non sobreviviron á cruzada. Como o monxe Eudes de Deuil sinalou, "os débiles e desamparados son sempre un fardo para os seus mandos e unha fonte de presa para os seus inimigos".

Os cabaleiros franceses preferían loitar a cabalo, e os alemáns a pé. O cronista romano Xoán Cinnamos escribiu "os franceses son particularmente capaces de andar a cabalo en boa orde e atacar coa lanza, e a súa cabalaría supera en velocidade a dos alemáns. Os alemáns, porén, son capaces de loitar a pé mellor que os francés e destácanse usando a espada grande ".[27] Conrado III foi considerado un bravo cabaleiro, aínda que moitas veces é descrito como indeciso nos momentos de crise.[28] Lois VII foi un cristián devoto cun lado sensible, moitas veces atacado por contemporáneos como Bernaldo de Claraval por estar máis apaixonado pola súa esposa, Leonor de Aquitania, que interesado na guerra ou na política.[29]

Cruzada en Oriente[editar | editar a fonte]

Xoscelino intentou recobrar Edesa após o asasinato de Zengi, pero Nur ad-Din derrotouno en novembro de 1146. O 16 de febreiro de 1147 os cruzados franceses reuníronse en Étampes para discutir a súa ruta. Os alemáns xa resolveran viaxar por terra a través de Hungría, xa que o camiño marítimo era politicamente impracticable pois Roxerio II, rei de Sicilia, era inimigo de Conrado. Moitos nobres franceses desconfiaban da ruta terrestre, que os levaría a través do Imperio Bizantino, que aínda tiña ma reputación debido aos relatos dos primeiros cruzados. Con todo, decidiron seguir a Conrado, e partiron o 15 de xuño. Roxerio II ofendeuse e refusou seguir participando. En Francia, o abade Suger e o conde Guillerme II de Nevers foron elixidos como rexentes mentres o rei estivese na cruzada. En Alemaña, a prédica proseguiu co Adam de Ebrach, e Otón de Frisinga tamén colleu a cruz. Os alemáns planeaban partir durante a Semana Santa, pero non saíron ata maio.[30]

Ruta alemá[editar | editar a fonte]

Chegada dos cruzados á Constantinopla

Os cruzados alemáns, acompañados polo legado papal, o cardeal Theodwin, tentaron encontrárense cos franceses en Constantinopla. Ottokar III de Estiria uniuse a Conrado en Viena, e o inimigo de Conrado, Geza II de Hungría, permitiulles pasar indemnes. Cando o exército alemán de 20.000 homes chegou ao territorio bizantino, o emperador grego Manuel I Comneno temeu que foran para atacalo, e apostou tropas para garantir que non houbese problemas. Producíronse unhas breves escaramuzas con algúns dos alemáns máis indisciplinados preto de Filipópolis e en Adrianópolis, onde o xeneral bizantino Prosouch[31] loitou co sobriño de Conrado, o futuro emperador Federico. Para empeorar a situación, algúns dos soldados alemáns morreron nunha riada a principios de setembro. O 10 de setembro, porén, chegaron a Constantinopla, onde as relacións con Manuel non eran boas, o que desencadeou unha batalla, tras a cal os alemáns ficaron convencidos de que debían cruzaren a Asia Menor o máis rápido posible.[32] Manuel quería que Conrado deixara algunhas das súas tropas para auxilialo na defensa contra os ataques de Roxerio II, quen aproveitara a oportunidade para saquear as cidades gregas, mais Conrado, pese a ser inimigo de Roxerio, non estivo de acordo,.[33] En Asia Menor, Conrado resolveu non esperar os franceses, e marchou para Iconio (hoxe Konya, Turquía), capital do Sultanato Selxúcida de Rum. Conrado separou o seu exército en dúas divisións. Gran parte da autoridade do Imperio Romano de Oriente nas provincias occidentais de Asia Menor era máis nominal que real, con moitas das provincias convertidas en terra de ninguén controladas por nómades turcos.[34] Conrado subestimou a duración da marcha para Anatolia e supuxo que a autoridade do emperador Manuel era maior alí do que de feito era.[35] Levou os cabaleiros e as mellores tropas consigo mesmo para marchar por terra e mandou os seguidores civís con Otón de Frisinga a seguir o camiño da costa.[35] A tropa conducida por Conrado foi destruída case totalmente polos selxúcidas o 25 de outubro de 1147 na segunda batalla de Dorylaeum.[36]

Na batalla, os turcos usaron a súa táctica típica: finxir recuar, e, a continuación, volver para atacar a pequena forza de cabalaría alemá que se separara do exército principal para perseguilos. Conrado comezou unha lenta retirada de volta a Constantinopla, e o seu exército foi acosado diariamente polos turcos, que atacaron os atrasados e derrotaron a retagarda.[37] Mesmo Conrado foi ferido nunha desas batallas. A outra división, liderada polo medio irmán do rei, o bispo Otón de Frisinga, marchou cara ao sur pola costa do Mediterráneo e tamén foi derrotada a primeiros de 1148.[38] A forza liderada por Otón quedou sen alimentos mentres cruzaba territorio inhóspito e acabou emboscada polos turcos selxúcidas preto de Laodicea o 16 de novembro de 1147. A maioría dos seguidores de Otón morreron en batalla ou foron capturados e vendidos como escravos.[35]

Ruta francesa[editar | editar a fonte]

Os cruzados franceses partiran de Metz en xuño de 1147 comandados por Lois, Thierry de Alsacia, Renaut I de Bar, Amadeo III, conde de Savoia e o seu medio irmán Guillerme V de Monferrato, Guillerme VII de Auvernia e outros, xunto con exércitos de Lorena, Bretaña, Borgoña e Aquitania. Un exército da Provenza, liderado por Afonso de Tolosa, optou por esperar ata agosto, e ir por mar. En Worms, Lois uniuse aos cruzados de Normandía e Inglaterra.

Andaron pola ruta de Conrado bastante en paz, aínda que Lois entrou en conflito co rei Geza de Hungría cando este rei descubriu que Lois permitira un pretendido usurpador húngaro sumarse ao seu exército. As relacións dentro do territorio bizantino tamén foron mas, e os de Lorena, que marchaban á fronte do resto dos franceses, tamén entraron en conflito cos alemáns máis atrasados que atoparon no camiño.[39]

Debido as negociacións orixinais entre Lois e Manuel I, Manuel interrompeu a súa campaña militar contra o Sultanato Selxúcida de Rum e asinou unha tregua co seu inimigo o sultán Mesud I. Con isto procuraba ficar libre para concentrarse en defender o seu imperio dos cruzados, que desde a primeira cruzada gañaran reputación de ladróns e traidores e eran sospeitosos de abrigar proxectos sinistros contra Constantinopla. Con todo, as relacións de Manuel co exército francés eran un pouco mellores que cos alemáns, e Lois entretívose fastosamente en Constantinopla. Algúns dos franceses indignáronse coa tregua de Manuel cos selxúcidas e reclamaron unha alianza con Roxerio II e atacar Constantinopla, mais foron contidos por Lois.[40]

Cando os exércitos de Savoia, Auvernia e Monferrato, collendo a ruta terrestre a través de Italia e cruzando de Brindisi a Durrës, se xuntaron con Lois en Constantinopla, todo o exército xunto cruzou o Bósforo cara a Asia Menor. Os gregos foron incentivados con rumores de que os alemáns capturaran Iconio pero Manuel rexeitou dar a Lois ningunha tropa bizantina. Bizancio acababa de ser invadida por Roxerio II de Sicilia, e todo o exército de Manuel era necesario no Peloponeso. Ambos os alemáns e franceses, por tanto, entraron en Asia sen asistencia de Bizantino, a diferenza dos exércitos da primeira cruzada. Seguindo a tradición definida polo seu avó Aleixo I, Manuel tamén fixo os franceses xuraren devolver ao Imperio calquera territorio que capturasen.[41]

Os franceses atoparon os restos do exército de Conrado en Nicea, e Conrado uniuse as forzas de Lois. Seguiron a ruta de Otón de Frisinga, aproximándose á costa do Mediterráneo, e chegaron a Éfeso en decembro, onde descubriron que os turcos se preparaban a atacalos. Ademais Manuel enviou embaixadores para reclamar polo saqueo e pillaxe que Lois fixera ao longo do camiño, e non había ningunha garantía de que os bizantinos os axudarían contra os turcos. Mentres tanto, Conrado enfermou e volveu para Constantinopla, onde Manuel o atendeu en persoa, e Lois, sen prestar atención ás advertencias dun ataque turco, saíu de Éfeso cos sobreviventes franceses e alemáns. Os turcos realmente esperaban para atacar, pero nunha pequena batalla fóra de Éfeso, os franceses gañaron,[42] e tamén rexeitaron outra emboscada turca no Río Meandro.

Chegaron a Laodicea a primeiros de xaneiro de 1148, máis ou menos pola época na que o exército de Otón de Frisinga fora destruído na mesma zona.[43] Retomada a marcha, a vangarda baixo Amadeo de Savoia separouse do resto do exército no Monte Cadmo, e os turcos inflixiron grandes perdas nas tropas de Lois. O propio Lois, segundo Eudes de Deuil, escalou unha rocha e os turcos ignorárono pois non o recoñeceron. Os turcos non se preocuparon en atacar máis e os franceses marcharon sobre Adalia, sempre asediados de lonxe polos turcos, que tamén queimaran a terra para evitaren que os franceses se reabastecesen de alimentos para si mesmos e para os seus cabalos. Lois non quería máis continuar por terra, e decidiuse a reunirse unha frota en Adalia e navegar ata Antioquía.[36] Despois de ser adiados durante un mes por tormentas, a maioría dos barcos prometidos nunca chegaron. Lois e os seus socios aseguráronse os buques para si, mentres que o resto do exército tivo que retomar a longa marcha cara a Antioquía. O exército foi case enteiramente destruído, quer polos turcos, quer por enfermidades.[44]

Viaxe a Xerusalén[editar | editar a fonte]

Lois finalmente chegou a Antioquía o 19 de marzo tras ser adiado polas tormentas; Amadeo de Savoia morrera en Chipre ao longo do camiño. Lois foi recibido polo tío de Leonor, Raimundo de Poitiers. Raimundo esperábao para xuntos efectuar a defensa contra os turcos e facer expedición contra Alepo, a cidade musulmá que era a porta de entrada en Edesa, mais Lois rexeitouno, preferindo rematar a súa peregrinación a Xerusalén en vez de centrarse no aspecto militar da cruzada.[45] Leonor gozaba de permanecer en Antioquía e o seu tío suplicoulle ficar para ampliar as terras da familia e divorciarse de Lois se o rei refusaba axudar na indubidable causa militar da cruzada.[46] Durante este período, houbo rumores dun amorío entre Raimundo e Leonor, o que provocou tensións no matrimonio de Lois e ela.[47] Lois rapidamente partiu de Antioquía para Trípoli con Leonor prisioneira.

Mentres tanto, Otón de Frisinga e o resto das súas tropas chegaron a Xerusalén a comezos de abril, e Conrado pouco despois.[48] Fulque, patriarca latino de Xerusalén, foi enviado a invitar a Lois unirse a eles. A frota que parara en Lisboa chegou por esa época, así como os provenzais que deixaran Europa baixo o mando de Afonso Xordán, conde de Tolosa. Mais Afonso non chegou pois morreu en Cesarea, presuntamente envelenado por Raimundo II de Trípoli, o sobriño que temía as súas aspiracións políticas no condado. A acusación de que Raimundo envelenara Afonso fixo que gran parte das forzas provenzais volvese a casa.[46] O foco orixinal da cruzada era Edesa, pero o destino preferido do rei Balduíno III e os Cabaleiros Templarios foi Damasco.[49]

En resposta á chegada dos cruzados, o rexente de Damasco, Mu'in ad-Din Unur, comezou a facer febriles preparativos para a guerra, reforzando as fortificacións de Damasco, chamando tropas para a súa cidade e destruíndo ou desviando as fontes de auga ao longo da estrada para Damasco. Anur buscou a axuda dos gobernantes zangidas de Alepo e Mosul (que normalmente eran os seus rivais), aínda que ningunha forza destes estados chegaron a tempo de ver o combate fóra de Damasco. É case seguro que os gobernantes zangidas atrasaran o envío de tropas a Damasco coa esperanza de que o seu rival Anur perdese a súa cidade en mans dos cruzados.[50]

Consello de Acre[editar | editar a fonte]

Consello preto de Xerusalén

A nobreza de Xerusalén saudou a chegada das tropas de Europa, e anunciouse que se reuniría un consello para decidir sobre o mellor obxectivo para os cruzados. Isto ocorreu o día 24 de xuño de 1148, cando a Alta Corte de Xerusalén reuniuse cos cruzados recentemente chegados de Europa en Palmarea, preto de Acre, unha cidade importante do Reino Cruzado de Xerusalén. Esta foi a reunión máis espectacular da Corte en toda a súa existencia.[36][51] "parece que ben paga a pena e é moi en harmonía coa historia presente que os nomes dos nobres que estaban presentes no consello ... se rexistren aquí para o beneficio da posteridade." El enumera estes e moitos outros; "nomear cada un individualmente levaría moito tempo."

Ao final, decidiuse atacar a cidade de Damasco, un ex-aliado do Reino de Xerusalén que cambiara a súa fidelidade pola dos zengidas, e en 1147 atacara Bosra, cidade aliada do Reino.[52] Os historiadores durante moito tempo veron a decisión de cercar Damasco en vez de Edesa como "un acto de tolemia inexplicable". Observando as tensións entre Anur, o atabeg de Damasco, e o poder crecente dos zangidas, moitos historiadores argumentaron que fora mellor para os cruzados concentrar a súa enerxía contra os zangidas. Máis recentemente, historiadores como David Nicolle defenderon a decisión de atacar Damasco argumentando que Damasco era o estado musulmán máis poderoso no sur de Siria, e que se os cristiáns posuíran Damasco, estiveran en mellor posición para resistir o poder crecente de Nur al-Din. Como Anur era claramente o máis débil dos dous gobernantes musulmáns, críase que era inevitable que Nur al-Din tomaría Damasco nalgún momento no futuro próximo, e entón era mellor para os cruzados posuir eles esa cidade no canto dos zangidas.[53] En xullo os seus exércitos reuníronse Tiberíades e marcharon para Damasco, contornado o Mar de Galilea e atravesando Banias. Había quizais 50.000 soldados en total.[54]

Asedio de Damasco[editar | editar a fonte]

O Cerco de Damasco

Os cruzados trataron de atacar Damasco desde o oeste, onde os hortos lles provirían dun abastecemento alimentario constante.[36] Chegaron a Daraiya o 23 de xullo. O día seguinte, os musulmáns estaban prontos para a ofensiva e atacaban constantemente o exército avanzando a través dos hortos das aforas de Damasco. Os defensores demandaran axuda a Saif ad-Din Ghazi I de Mosul e Nur ad-Din de Alepo, que conduciu persoalmente un ataque contra o campamento cruzado. Os cruzados foron empurrados alén dos muros cara aos hortos, onde ficaban propensos a emboscadas e ataques de guerrilla.[49]

Segundo Guillerme de Tiro, o 27 de xullo os cruzados decidiron pasar á chaira do lado oriental da cidade, que estaba menos fortificada, aínda que tiña moito menos comida e auga.[36] Algúns rexistraron que Unur subornara os xefes a moverse cara a unha posición menos defendible, e que prometera romper a súa alianza con Nur ad-Din, se os cruzados se ían a casa.[49] Mentres tanto, Nur ad-Din e Saif ad-Din por agora chegaran. Con Nur ad-Din no campo foi imposible para os cruzados volveren á aquela mellor posición.[49] Os señores cruzados locais rexeitáronse a continuar co cerco, e os tres reis non tiveron máis opción que abandonar a cidade.[36] O 28 de xullo, primeiro Conrado e logo o resto do exército, decidiron retirarse a Xerusalén, aínda que durante toda a retirada os arqueiros turcos os seguiron e asediaron constantemente.[55]

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Cada unha das forzas cristiás sentiuse traizoada pola outra.[36] Elaborouse un novo plan para atacar Ascalón e Conrado levou as súas tropas alí, pero non chegou máis axuda, debido á falta de confianza que seguiu ao fracaso do asedio. Esta desconfianza mutua duraría unha xeración debido á derrota e a ruína dos reinos cristiáns da Terra Santa. Despois de saír de Ascalón, Conrado retornou a Constantinopla para ampliar a súa alianza con Manuel. Lois ficou atrás en Xerusalén ata 1149. A discordia tamén estendeuse ao matrimonio de Lois e Leonor, que se foi esborralando durante o curso da cruzada. En abril de 1149 Lois e Leonor, que entón apenas se falaban, deliberadamente embarcaron en buques separados que os levarían de volta a Francia.[56]

De volta en Europa, Bernaldo de Claraval ficou humillado pola derrota. Bernaldo considerou o seu deber enviar unha petición de desculpas ao Papa e está inserido na segunda parte do seu Libro de Consideración. Alí, explica como os pecados dos cruzados foron a causa do seu infortunio e fracasos. Cando a súa tentativa de chamar unha nova cruzada fallou, intentou disociarse completamente do fiasco da segunda cruzada.[57] Morrería en 1153.[57]

En Alemaña a Cruzada considerouse un enorme desastre e moitos monxes escribiron que só podía ser a obra do Diaño. O monxe anónimo que escribiu a crónica Annales Herbipolenses en Würzburg mencionou que durante décadas, familias nobres en Alemaña foron a rescatar os cabaleiros que foran feitos prisioneiros en Anatolia usando medianeiros armenios. Os seguidores civís que foran tomados prisioneiros e vendidos como escravo polos turcos non tiveron tanta sorte. Dos 113 individuos que formaron parte da cruzada e coñecidos por nome, 22 morreron, 42 volveron a casa mentres que o destino dos últimos 49 é un misterio. Pese ao desgusto da memoria da segunda cruzada, a experiencia tivo un impacto notable na literatura alemá, e moitos poemas épicos de finais do século XII que presentan escenas de batalla están claramente inspirados nos combates da cruzada.

O impacto cultural da segunda cruzada foi aínda maior en Francia, onde moitos trobadores fascináronse cos supostos amores entre Leonor e Raimundo, o que contribuíu a alimentar o tema do amor cortés. A diferenza de Conrado, a imaxe de Lois mellorou coa cruzada e moitos franceses vérono como un rei peregrino e sufrinte que soportou en silencio os castigos de Deus.[58]

As relacións entre o Imperio Romano de Oriente e os franceses danáronse seriamente coa cruzada. Lois e outros líderes franceses acusaron abertamente o emperador Manuel I de colución nos ataques turcos sobre eles durante a marcha por Asia Menor. A memoria da segunda cruzada coraría a imaxe que os franceses terían dos bizantinos o resto dos séculos XII e XIII. No imperio, a cruzada foi recordada como un triunfo da diplomacia[59]. O eloxio fúnebre que o arcebispo de Tesalónica Eustacio fixo para o emperador Manuel, declaraba: "Era capaz de manexar os seus inimigos con envexable capacidade, enfrontando un contra o outro co obxectivo de traer paz e tranquilidade".[59]

A preliminar cruzada dos wendos obtivo resultados mixtos. Mentres os saxóns afirmaron a súa posesión de Wagria e Polabia, os pagáns mantiveron o control das terras obodritas a leste de Lübeck. Os saxóns tamén recibiron tributo do xefe Niklot, obtiveron a posibilidade de colonizar o bispado de Havelberg e liberaron algúns prisioneiros daneses. Con todo, os diferentes líderes cristiáns veron con sospeita os seus homólogos e acusáronse mutuamente de sabotar a campaña.

Na Península Ibérica, as campañas en España, xunto co cerco de Lisboa, foron algunhas das poucas vitorias cristiás duradeiras da segunda cruzada. Considéranse batallas cruciais na Reconquista máis ampla que concluiría en 1492.[23]

En Oriente, a situación era moito máis sombría para os cristiáns. Na Terra Santa, a segunda cruzada tivo consecuencias desastrosas a longo prazo para Xerusalén. En 1149, o atabeg Anur morreu, momento no que o emir Abu Sa'id al-Din Mujir Abaq Ibn Muhammad finalmente comezou a gobernar. O ra'is de Damasco, e comandante da milicia ahdath, Mu'ayad al- Dawhal Ibn al-Sufi sentiu que coa súa ahdat desempeñara un papel importante na derrota da segunda cruzada e que merecía unha maior participación no poder, e dous meses após a morte de Anur liderou unha rebelión contra Abaq.[60] A loita interna en Damasco poría fin ao estado burida en cinco anos.[61] Damasco xa non confiaba no reino cruzado e Nur ad-Din tomouna tras un curto asedio en 1154.[60]

Balduíno III de Xerusalén en 1153 finalmente apoderouse de Ascalón, a maior fortaleza fronteiriza do Exipto fatimida, o que fixo Exipto ingresar no conflito. Xerusalén foi capaz de facer novos avances en Exipto, ocupando brevemente O Cairo na década de 1160.[62] Con todo, as relacións co Imperio Bizantino foron mixtas, e os reforzos desde Europa escasearon despois do desastre da segunda cruzada. O rei Amalarico I de Xerusalén aliouse cos bizantinos e participou dunha invasión combinada de Exipto en 1169, pero a expedición fracasou. En 1171, Saladino, sobriño dun dos xenerais de Nur ad-Din, foi proclamado sultán de Exipto, unindo o Exipto e Siria e cercando completamente o reino cruzado. Mentres tanto, coa morte do emperador Manuel I en 1180 terminou a alianza bizantina, e en 1187 Xerusalén capitulou ante Saladino. As súas forzas entón estendéronse cara ao norte para conquistar todo, agás as capitais dos estados cruzados, o que precipitou a terceira cruzada.[63]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Riley-Smith, Jonathan (2005). The Crusades: A Short History (Second ed.). New Haven, Connecticut: Yale University Press. ISBN 0-300-10128-7.
  2. Tyerman, Christopher (2006). God's War: A New History of the Crusades. Cambridge: Belknap Press of Harvard University Press. ISBN 0-674-02387-0.
  3. Tyerman 2006, pp. 185–189.
  4. 4,0 4,1 Runciman, Steven (1952). A History of the Crusades, vol. II: The Kingdom of Jerusalem and the Frankish East, 1100–1187 (repr. Folio Society, 1994 ed.). Cambridge University Press.
  5. Ousâma ibn Mounkidh, un émir syrien au premier siècle des croisades, p.182 (en BnF) Dispoñible en http://gallica.bnf.fr/ark:/12148/bpt6k5440995n.image.r=Ous%C3%A2ma+ibn+Mounkidh.f203.langEN
  6. Tyerman 2006, pp. 273–275.
  7. Runciman 1952, p. 247.
  8. Tyerman 2006, p. 289.
  9. Tyerman 2006, p. 298.
  10. 10,0 10,1 Tyerman 2006, pp. 275–281.
  11. Bunson, Matthew, Margaret, & Stephen (1998). Our Sunday Visitor's Encyclopedia of Saints. Huntington: Our Sunday Visitor. ISBN 0-87973-588-0.
  12. Riley-Smith, Jonathan (1991). Atlas of the Crusades. Nueva York: Facts on File.
  13. Tyerman 2006, pp. 281–288.
  14. Davies, Norman (1996). Europe: A History. Oxford: Oxford University Press. p. 1365. ISBN 0-06-097468-0.
  15. 15,0 15,1 Herrmann, Joachim (1970). Die Slawen in Deutschland. Berlin: Akademie-Verlag GmbH. p. 530.
  16. Herrmann 1970, p. 328.
  17. Christiansen, Eric (1997). The Northern Crusades. Londres: Penguin Books. p. 287. ISBN 0-14-026653-4.
  18. Christiansen 1997, p. 53
  19. Christiansen 1997, p. 54
  20. Barraclough, Geoffrey (1984). The Origins of Modern Germany. New York: W. W. Norton & Company. p. 481. ISBN 0-393-30153-2.
  21. 21,0 21,1 21,2 Riley-Smith 1991, p. 48.
  22. 22,0 22,1 Runciman 1952, p. 258.
  23. 23,0 23,1 Riley-Smith 1991, p. 126.
  24. Nicolle, David (2009). The Second Crusade 1148 Disaster outside Damascus. Londres: Osprey. ISBN 978-1-84603-354-4.
  25. Nicolle 2009, pp. 19–21.
  26. Nicolle 2009, p. 24.
  27. Nicolle 2009, pp. 26–27.
  28. Nicolle 2009, p. 17.
  29. Nicolle 2009, p. 18.
  30. Runciman 1952, pp. 257, 259.
  31. Prosouch era un bizantino que provía dos Borsuq, unha familia turca helenizada Aleksandr Petrovich Kazhdan, Annabel Jane Wharton, Change in Byzantine Culture in the Eleventh and Twelfth Centuries. University of California Press, 1985, p. 180. Dispoñible en https://books.google.com.ar/books?id=qlU37xo9LeUC&pg=PA180&lpg=PA180&dq=Prosouch+Borsuq&source=bl&ots=k1oPKIJYnX&sig=1rYR_4ZTbRUygHTLlQVhIc8sr80&hl=es-419&sa=X&ved=0ahUKEwirhubRnI3KAhXHGJAKHaEdBuMQ6AEIIzAB#v=onepage&q=Prosouch%20Borsuq&f=false
  32. Nicolle 2009, pp. 42
  33. Runciman 1952, pp. 259–267.
  34. Nicolle 2009, pp. 43.
  35. 35,0 35,1 35,2 Nicolle 2009, pp. 46.
  36. 36,0 36,1 36,2 36,3 36,4 36,5 36,6 Riley-Smith 1991, p. 50.
  37. Nicolle 2009, pp. 47.
  38. Runciman 1952, pp. 267–270.
  39. Runciman 1952, pp. 259–263.
  40. Runciman 1952, pp. 268–269.
  41. Runciman 1952, p. 269.
  42. Runciman 1952, pp. 270–271
  43. Riley-Smith 1991, p. 51.
  44. Runciman 1952, pp. 272–273.
  45. Brundage, James (1962). The Crusades: A Documentary History. Milwaukee, Wisconsin: Marquette University Press
  46. 46,0 46,1 Nicolle 2009, p. 54.
  47. Nicolle 2009, pp. 18, 54.
  48. Riley-Smith 1991, pp. 49–50.
  49. 49,0 49,1 49,2 49,3 Brundage 1962, pp. 115–121.
  50. Nicolle 2009, p. 55.
  51. William of Tyre; Babcock, E. A.; Krey, A. C. (1943). A History of Deeds Done Beyond the Sea. Columbia University Press. OCLC 310995.
  52. Nicolle 2009, pp. 54–55.
  53. Nicolle 2009, pp. 37–38.
  54. Runciman 1952, pp. 228–229.
  55. Baldwin, Mrshall W.; Setton, Kenneth M. (1969). A History of the Crusades, Volume I: The First Hundred Years. Madison, Wisconsin: University of Wisconsin Press.
  56. Nicolle 2009, p. 77.
  57. 57,0 57,1 Runciman 1952, pp. 232–234, 277.
  58. Nicolle 2009, pp. 81–84.
  59. 59,0 59,1 Nicolle 2009, p. 84.
  60. 60,0 60,1 Nicolle 2009, pp. 78.
  61. Nicolle 2009, pp. 81.
  62. Riley-Smith 1991, p. 56.
  63. Riley-Smith 1991, p. 60.