Ponte Nafonso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

Coordenadas: 42°49′40.9″N 8°52′32.4″O / 42.828028, -8.875667

Ponte Nafonso
Ponte Nafonso.jpg
Localización
Río Tambre
Concello Noia, Outes
Provincia A Coruña
Características
Construción Idade Media
Lonxitude 270 m
Ancho 5 m
Material Pedra

Ponte Nafonso é unha ponte de pedra encol do río Tambre preto da súa desembocadura no fondo da ría de Muros-Noia, unindo os concellos de Noia e Outes.

Descrición[editar | editar a fonte]

Contén vinte arcos dos vinte e sete que tivo orixinalmente.

Ten unha lonxitude de 270 metros aínda que foi orixinalmente máis longa. Os arcos do tramo principal teñen luces entre os nove e dez metros, e están apoiados sobre piares de 2,2 m a 3 metros de ancho. Xa que logo a relación macizo/van é de 1/3. No tramo de acceso os arcos son desiguais e as medidas do macizo variábeis.

O taboleiro ten cinco metros de ancho pero inicialmente foi máis estreito. As bóvedas orixinais son apuntadas, pero froito dunha reconstrución a maioría son de medio punto.

Augas arriba os tallamares son triangulares e trapezoidais augas abaixo.

É único o seu requebro na calzada sen que estea clara a razón do mesmo.

Historia[editar | editar a fonte]

Ponte Nafonso

As súas orixe remóntanse a Idade media cando a súa construción substituíu a comunicación das dúas beiras por barca. Foi sometida a diversas reformas dirixidas por mestres de obras como Gregorio Robin (1528), Bieito González (1578) e Mateo Cubas (1610), consonte ao Diccionario de artistas de Pérez Costanti. As reformas do século XIX fixéronlle perder o seu estilo gótico. No século XX, o peitoril foi substituído por unha varanda metálica e recubriuse de asfalto o firme.

É mencionada por Lucas Labrada na súa Descrición económica do Reyno de Galicia de 1804, e por George Borrow en 1836.