Mobiliario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mobiliario de deseño contemporáneo.
Mobiliario deseñado por Alvar Aalto, producido por Artek.
Cama de Hetepheres. Dinastía IV de Exipto, c. 2600 a. C. Museum of Fine Arts, Boston.
Cama romana, construída en bronce.
Cadeira de brazos tallada e dourada de estilo Luís XV.
O trono de Napoleón, de estilo Imperial.

Mobiliario ou moblaxe é o conxunto de mobles, obxectos que serven para facilitar os usos e actividades habituais en casas, oficinas e outro tipo de locais. Normalmente o termo alude aos obxectos que facilitan as actividades humanas comúns, tales como durmir, comer, cociñar, descansar etc., mediante mesas, cadeiras, camas, andeis, mobles de cociña etc. O termo exclúe utensilios e máquinas tales como PCs, teléfonos, electrodomésticos etc.

Tipos de mobiliario[editar | editar a fonte]

Existen varios tipos de mobiliario, como os mobles que posúen unha superficie horizontal separada do chan, como cadeiras e camas, mesas, ou ben, mobles para a almacenaxe ou arquivo de libros, revistas, roupa etc. O mobiliario urbano ou equipamento urbano é o conxunto de bancos, marquesiñas, papeleiras etc. instalado polos concellos para uso da veciñanza.

O mobiliario pode ser o produto do deseño ou considerado unha forma de arte decorativa. Ademais do fin funcional do mobiliario, pode servir a un propósito simbólico ou relixioso. O mobiliario doméstico crea, en conxunción con outros obxectos como lámpadas ou reloxos, espazos interiores convenientes, confortables e funcionais.

O mobiliario pode ser artesanal ou industrial, e pola súa gran carga ornamental foi considerado obxecto artístico na historia da arte decorativa, sobre todo o da época pre-industrial.

Materiais[editar | editar a fonte]

Os materiais empregados na súa elaboración adoitan ser:

  • Metal: despois da primeira guerra mundial, coa chegada do Movemento Moderno e os deseños de Marcel Breuer con tubo de aceiro curvado e cromado, que impuxeron un novo estilo de mobiliario.
  • Plástico: cobrou relevancia no deseño de mobles despois da segunda guerra mundial, cando se fixeron grandes avances na obtención e procesado deste material. Os que innovaron no uso do plástico foron os deseñadores italianos do movemento Radical Design.

Historia[editar | editar a fonte]

A historia do mobiliario iníciase co cambio de costumes do ser humano, ao transformarse de nómade cazador en agricultor sedentario. Evidencias de mobiliario da antigüidade, que perduraron, atópanse en pinturas murais e baixorelevos do Antigo Exipto do terceiro milenio adC. Mobiliario recuperado do Antigo Exipto é unha cama descuberta nunha tumba de Tarjan, un conxunto de obxectos mobiliarios na tumba da raíña Hetepheres, de ca. 2600 a.C. ou unha banqueta de ca. 1550, en Tebas. A tumba de Tutankamon, ca. 1325. a. C., contiña multitude de aveños entre os que se atopaban algúns mobles aceptablemente conservados. A alfombra máis antiga que perdurou, a alfombra de Pazyryk, foi atopada, conxelada, nunha tumba de Siberia e foi datada entre os séculos VI e III a.C.

Historia occidental[editar | editar a fonte]

O mundo clásico[editar | editar a fonte]

Os obxectos da época clásica foron achados nos túmulos de Frixia e os montículos de Midas en Gordión, Turquía, pertencen ao século VIII a. C. Entre as pezas atopadas áchanse mesas e armarios de servizo. O deseño de mobiliario da antiga Grecia comezou no segundo milenio adC, incluíndo camas e as cadeiras klismos, que foron preservadas non só como mobles senón tamén en debuxos de vasos gregos. Nas escavacións de 1738 e 1748 de Herculano e Pompeia, atopáronse algúns obxectos do mobiliario romano preservado entre as cinzas da erupción do Vesuvio.

O Renacemento[editar | editar a fonte]

O mobiliario da Idade Media era xeralmente basto, de carballo e ornamentado con algúns deseños tallados. Xunto coas outras artes, o Renacemento italiano dos séculos XIV e XV, marcou un rexurdimento da arte clásica, inspirada na tradición Greco-Romana. Unha eclosión similar de arte e renacemento de cultural ocorreu no norte de Europa, a comezos do século XV.

O Barroco[editar | editar a fonte]

No século XVII, no norte e sur de Europa, estivo caracterizado pola opulencia, e os deseños dourados do Barroco, que incorporaban a miúdo unha gran cantidade de ornamento vexetal. No século XVIII, o deseño de mobiliario comezou a desenvolverse e perfeccionarse máis rapidamente. Aínda que houbo algúns estilos que pertenceron fundamentalmente a unha nación, como o Paladismo en Gran Bretaña, outros como o Rococó e o Neoclasicismo perpetuáronse en toda Europa Occidental.

O Eclecticismo[editar | editar a fonte]

O século XIX é usualmente definido pola mestura de estilos antigos, como o Gótico, Neoclasicismo e Rococó. A reforma do deseño de fin de século, introduciu o movemento Estético e o movemento Arts and Crafts. O Art Nouveau, xurdido a principios do século XX, foi influenciado por ambos os movementos, e á súa vez con este comezaría o Movemento Moderno no deseño de mobiliario e as artes aplicadas.

O Modernismo[editar | editar a fonte]

Nos primeiros tres cuartos do século XX desenvolveuse o Modernismo, con estilos como o Art déco, De Stijl, Bauhaus, Wiener Werkstätte e a Secesión Vienesa, e deseñadores que traballaron co mesmo estilo Modernista. O deseño posmoderno, cruzado polo movemento Pop Art, gañou impulso nas décadas de 1960s e 70s, promocionado nos 80s por movementos italianos baseados no Grupo Memphis ou o Radical Design. O mobiliario transicional tentou encher o espazo entre gusto Tradicional e o Moderno.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]


Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gloag, John. A Short Dictionary of Furniture. New York: Holt, Rhinehart, and Winston, 1965.
  • Hayward, Charles H., Antique or Fake?: The Making of Old Furniture. London: Evans Brothers, 1971.
  • Koizumi, Kazuko. Traditional Japanese Furniture. Japan: Kodansha International, 1997.

Outros artigos[editar | editar a fonte]