Peter Behrens

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Peter Behrens
Peter Behrens by Rudolf Dührkoop - MKG.jpg
Nacemento14 de abril de 1868
 Hamburgo
Falecemento27 de febreiro de 1940
 Berlín
SoterradoCemitério de Wilmersdorf
NacionalidadeAlemaña
Alma máterÉcole nationale supérieure des Beaux-Arts
Ocupacióncartelista, arquitecto, tipógrafo, pintor, deseñador, deseñador gráfico e catedrático de universidade
Coñecido/a porEduard-Müller-Krematorium, Haus Wiegand, Mannesmann-Haus e AEG’s Turbine factory
editar datos en Wikidata ]

Peter Behrens, nado en Hamburgo o 14 de abril de 1868 e finado en Berlín o 27 de febreiro de 1940 foi un arquitecto e deseñador alemán. Foi importante no movemento moderno, e varios líderes do movemento (incluídos Ludwig Mies van der Rohe, Le Corbusier e Walter Gropius) traballaron para el nas primeiras etapas das súas carreiras.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Casa de Behrens na Colonia de Artistas de Darmstadt: Sala de música co piano Schiedmayer de 1901
Peter Behrens arredor de 1913 no seu despacho de Berlín

Behrens asistiu ao Christianeum Hamburg dende setembro de 1877 ata a pascua de 1882. Estudou pintura no seu Hamburgo natal, ademais de en Düsseldorf e Karlsruhe, dende 1886 a 1889. En 1890, casou con Lilly Kramer e mudouse a Múnic. Ao principio, traballou como pintor, ilustrado e encadernador de xeito artesano. Frecuentou os círculos bohemios e interesouse en materias relacionadas cos estilos de vida da reforma. En 1899 aceptou a invitación do Gran Duque Ernst-Ludwig de Hesse para ser o segundo membro da súa recentemente inaugurada Colonia de Artistas de Darmstadt, onde Behrens construíu a súa propia e concibiu completamente todo o seu interior (mobiliario, toallas, pinturas, menaxe...). O edificio da súa casa está considerada o punto decisivo da súa vida, cando abandonou os círculos artísticos de Múnic e cambiou dende Jugendstil cara a un estilo de deseño sobrio e austero.

Foi un dos líderes da reforma arquitectónica no cambio de século e foi un gran deseñador de fábricas e edificios de oficinas de ladrillo, aceiro e cristal. En 1903, Behrens foi nomeado director da Kunstgewerbeschule en Düsseldorf, onde estableceu reformas de éxito. En 1907, Behrens e outras dez persoas (Hermann Muthesius, Theodor Fischer, Josef Hoffmann, Joseph Maria Olbrich, Bruno Paul, Richard Riemerschmid, Fritz Schumacher entre outros), ademais de doce compañías, xuntáronse para crear a Deutscher Werkbund. Como organización, estaba claramente en débeda cos principios e prioridades do movemento Arts and Crafts, pero cun toque decididamente moderno. Os membros da Werkbund centráronse en mellorar o nivel xeral de gusto en Alemaña mellorando o deseño de obxectos e produtos cotiáns. Este aspecto tan práctico converteunos nunha influente organización entre os industriais, os expertos en política pública, deseñadores, investidores, críticos e académicos. O traballo de Behrens para AEG (Allgemeine Elektrizitäts-Gesellschaft) foi a primeira demostración a grande escala da viabilidade e vitalidade das iniciativas e obxectivos da Werkbund.

En 1907, AEG contratou a Behrens como asesor artístico. Deseñou a imaxe corporativa completa (logotipo, deseño de produtos, publicidade etc.) e por iso está considerado o primeiro deseñador industrial da historia. En 1910, Behrens deseñou a fábrica de turbinas de AEG, no distrito de Moabit en Berlín. Entre 1907 e 1912, tivo alumnos e axudantes, entre eles Ludwig Mies van der Rohe, Le Corbusier, Adolf Meyer, Jean Kramer e Walter Gropius. De 1920 a 1924, foi o responsable do deseño e a construción do edificio de admistración técnica (Technische Verwaltungsgebäude) de Hoechst AG en Höchst. En 1922, aceptou unha invitación para dar clases na Academia de Belas Artes de Viena. Foi ademais, xefe do departamento de arquitectura da Academia Prusiana de Artes de Berlín. En 1926, Behrens recibiu o encargo do inglés Wenman Joseph Bassett-Lowke de deseñar a súa casa familiar en Northampton. A casa, chamada "New Ways", adoita ser considerada a primeira casa modernista do Reino Unido.[1]

En 1928, Behrens gañou unha competición internacional para a construción da Nova Sinagoga, Žilina. O edificio consérvase como centro cultural.[2]

En 1936, Behrens foi chamado dende Viena para dirixir unha clase maxistral sobre arquitectura sucedendo a Hans Poelzig, na Academia Prusiana das Artes de Berlín, coa aprobación específica de Adolf Hitler. Behrens quedou asociado cos soños urbanos de Hitler para Berlín coa encarga da nova sede de AEG no célebre eixe norte-sur planeado por Albert Speer. Speer informou que a selección de Behrens para o encargo foi rexeitada polo poderoso Alfred Rosenberg, pero que a decisión a apoiou Hitler, que admiraba a embaixada alemá en San Petersburgo. Behrens e a academia axudaron á causa informando ao ministerio que Behrens se unira ao entón ilegal partido Nazi en Austria en 1934. O enorme edificio de AEG, como o proxecto do que formaba parte non foi construído. Behrens faleceu no Hotel Bristol de Berlín o 27 de febreiro de 1940, onde buscaba refuxio polo frío na súa casa de campo.[3]

Tipografías deseñadas por Behrens[editar | editar a fonte]

Fontes recollidas pola Klingspor Type Foundry.

  • Behrens-Schrift (1901-7)
  • Behrens-Antiqua (1907-9)
  • Behrens Mediaeval (1914)

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "New Ways, Northampton". Historic England (en inglés). Consultado o 13 de marzo de 2019. 
  2. Borský (2007), 160.
  3. Anderson, Stanford (2000). Peter Behrens and a New Architecture for the Twentieth Century. The MIT Press. p. 252. ISBN 0-262-01176-X. 

Véxase tamán[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]