Cadeira de San Eduardo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Cadeira da Coroación, na que se pode apreciar a Pedra de Scone

A Cadeira de San Eduardo, tamén coñecida como Trono de Eduardo, Cadeira da Coroación, (en inglés, King Edward's Chair, St Edward's Chair or The Coronation Chair) é unha cadeira de madeira, situada no interior da Abadía de Westminster. O Trono de Eduardo é utilizado polos monarcas británicos durante a cerimonia de coroación. A cadeira foi encargada en 1296 polo rei Eduardo I para conter os fragmentos da Rocha do Destino, capturados por el mesmo na abadía homónima.

Historia[editar | editar a fonte]

A cadeira foi construída con madeira de carballo en estilo gótico nalgún momento entre o verán de 1297 e marzo de 1300 polo carpinteiro Walter de Durham.[1] Nun primeiro momento, o rei Eduardo ordenou que a cadeira fose de bronce, pero cambiou de opinión e finalmente decidiu que fose de madeira.[2] Trátase do moble máis antigo de Inglaterra feito por un artista coñecido.[3] Desde o século XIV todos os monarcas ingleses e británicos foron coroados neste trono,[4][5] coa excepción da raíña María II, quen utilizou unha copia.[6] Os monarcas adoitaban sentarse directamente na Rocha do Destino ata que no século XVII se engadiu unha plataforma de madeira.[3]

No século XVI se engadiron uns leóns dourados nas patas, que foron substituídos en 1727. Un dos catro leóns foi restaurado cunha nova cabeza en 1821 para a coroación de Xurxo IV. A cadeira estivo orixinalmente pintada en dourado e chea de mosaicos de cristal, cuxos restos aínda son visibles, especialmente na súa parte traseira. Tamén tivo decoracións de paxaros e outros animais que aínda se poden observar.[7] A cadeira tamén estivo decorada coa imaxe dun rei, probablemente Eduardo o Confesor ou Eduardo I.[8]

No século XVIII os turistas podían sentarse na cadeira pagando un pequeno prezo a un dos seus vixiantes.[9] Os primeiros turistas e coristas da abadía de Westmister gravaron as súas iniciais e realizaron outros graffitis na madeira, e incluso levaron algún anaco de madeira como recordo.[10] Sir Gilbert Scott, describiu a cadeira como "unha peza magnifica de decoración, pero tristemente mutilada".[2]

Ás 5:40 pm do 11 de xuño de 1914, a cadeira sufriu un ataque cunha bomba que segundo se cre, estivo organizado polas sufraxistas. Unha esquina da cadeira quedou destruída pola explosión. Aínda que a bomba foi o suficientemente potente como para tremer as pareces da abadía e provocou un son que puido escoitarse desde o Parlamento británico, ningunha das 70 persoas que se encontraban nese momento na abadía resultou ferida, e a cadeira puido ser restaurada por completo.[2]

Durante os seus oito séculos de existencia, o trono tan só foi sacado da abadía de Westminster en dúas ocasións. A primeira delas para a cerimonia en Westminster Hall cando Oliver Cromwell foi nomeado Lord Protector da Mancomunidade de Inglaterra. A segunda ocasión foi con motivo da segunda guerra mundial, cando foi trasladada ata a catedral de Gloucester para protexela dos bombardeos alemáns.[8] En Nadal de 1950, un grupo de nacionalistas escoceses accedeu á abadía e roubou a Rocha do Destino. Foi recuperada a tempo para a coroación de Isabel II en 1953. Desde 1996, a rocha quedou custodiada no castelo de Edimburgo, en Escocia, co acordo de devolvela a Inglaterra para as coroacións.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Warwick Rodwell (2013). The Coronation Chair and Stone of Destiny: History, Archaeology and Conservation. Oxbow Books. p. 305. ISBN 978-1-78297-153-5. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Bomb explosion in Westminster Abbey; Coronation Chair damaged; Suffragette outrage". The Daily Telegraph. 12 de xuño de 1914. p. 11. 
  3. 3,0 3,1 3,2 James Yorke (17 de agosto de 2013). "Review of The Coronation Chair by Warwick Rodwell". The Spectator. Consultado o 11 de febreiro de 2016. 
  4. Rodwell, p. 324.
  5. Eduardo V e Eduardo VIII, que accederon ao trono en 1483 e 1936 respectivamente, nun foron coroados.
  6. Rodwell, p. 161.
  7. Sir George Younghusband; Cyril Davenport (1919). The Crown Jewels of England. Cassell & Co. pp. 59–61. ASIN B00086FM86. 
  8. 8,0 8,1 "The Coronation Chair". Westminster Abbey. Consultado o 11 de febreiro 2016. 
  9. Rodwell, p. 328.
  10. Rodwell, p. 184–185.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]