Jacobus Arminius

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Jacobus Arminius
Jakob Arminius, Nordisk familjebok.png
Nacemento10 de outubro de 1560
 Oudewater
Falecemento19 de outubro de 1609
 Leiden
SoterradoPieterskerk
NacionalidadeProvincias Unidas
RelixiónProtestantismo e Arminianismo
Alma máterUniversidade de Leiden
Ocupaciónteólogo, profesor e catedrático de universidade
editar datos en Wikidata ]

Jacobus Arminius, latinización de Jakob Hermanszoon, nado en Oudewater (Países Baixos) o 10 de outubro de 1560 e finado en Leiden o 19 de outubro de 1609, foi un teólogo neerlandés do período da reforma protestante con opinións que foron a base do arminianismo e do movemento remonstrante. Dende 1603 foi profesor de teoloxía na Universidade de Leiden e escribiu moitos libros e tratados sobre o tema.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Arminius naceu en Oudewater, provincia de Utrecht. O seu pai faleceu cando era neno, quedando só coa súa nai.[1] O clérigo Theodorus Æmilius adoptouno e matriculouno nunha escola da cidade de Utrecht. A súa nai morreu vítima da insurrección ocorrida en Oudewater contra a administración española, en 1575. Nesa época, Arminius foi enviado a estudar teoloxía na Universidade de Leiden co patrocinio de amigos.[2]

Arminius permaneceu en Leiden dende 1576 ata 1582. Entre os seus profesores estiveron Lambertus Danaeus, Johannes Drusius, Guillaume Feuguereius e Johann Kolmann. Kolmann cría que o calvinismo presenta a Deus como "un tirano e un verdugo".[3] Baixo esta influencia, Arminius plantou a semente do que foi a controversia coas teses dos seguidores de Jean Calvin. Non obstante, Arminius chegou a estudar baixo a dirección de Théodore de Beza en Xenebra en 1582. Foi ordenado en 1588 e nomeado pastor en Amsterdam, adquirindo moi boa reputación no exercicio do seu ministerio. En 1590 casou con Lijsbet Reael. En 1603 foi nomeado profesor de teoloxía en Leiden, sendo ben valorado polos seus alumnos.[4]

Faleceu na cidade de Leiden o 19 de outubro de 1609.

Teoloxía[editar | editar a fonte]

Arminius é coñecido como o fundador da escola protestante anticalvinista. Dise que en 1589, Arminius tiña que defender a doutrina calvinista da predestinación contra o punto de vista de Dirck Volckertszoon Coornhert, mais Arminius concluíu que a visión calvinista era insostible e introduciu modificacións nela.

Os debates que se suscitaron en Leiden entre Arminius e Franciscus Gomarus acabaron por producir un enfrontamento con repercusións sociais e políticas de envergadura, tanto en Holanda como no resto da Europa protestante.[5]

A teoloxía arminiana foi plenamente desenvolvida despois da súa morte polos primeiros seguidores neerlandeses de Arminius nun documento de cinco puntos de diverxencia co calvinismo clásico titulado Remonstrants ("Memorial ou prego de protesta"), polo que tamén se fala de remonstrantes. Estes puntos foron tomados e estudados polos seguidores de Calvino (os "gomaristas"), que os refutaron con cinco puntos que chegaron a chamarse "os cinco puntos do calvinismo", base para as denominacións reformadas que se distinguen das arminianas.

Como reacción contra o nomeamento do teólogo arminiano Simón Episcopius, principal discípulo de Arminius, como profesor de Leiden, foi convocado o sínodo de Dort ou de Dordrecht (1618–1619), nunha nova coxuntura política que favorecía os gomaristas, polo apoio do estatúder Mauricio de Nassau. O sínodo, liderado por Gomarus, nin sequera deixou intervir a Episcopius, e condenou a teoloxía arminiana e os seus seguidores co anatema. Episcopius foi condenado ao desterro durante oito anos. O destacado político arminiano Johan van Oldenbarnevelt foi executado, e outros, como Grotius, exiliáronse.

Os baptistas ingleses John Smyth e Thomas Helwys, exiliados en Amsterdam entre 1606 e 1612, foron influenciados polo arminianismo e os seus seguidores foron coñeocidos como "baptistas xerais", polo seu convencemento de que Xesús morreu para salvar todos os homes que crean nel. Porén, en 1891 os baptistas xerais uníronse aos baptistas particulares na Unión Baptista de Gran Bretaña e Irlanda. Pola súa banda, os menonitas neerlandeses atoparon afinidades cos arminianos tanto no seu rexeitamento á persecución relixiosa, como na oposición á concepción calvinista da predestinación.

As obras de Arminius en latín foron publicadas en Leiden en 1629 e en Frankfurt en 1631 e 1635.

John Wesley (1703-1791), fundador do metodismo, adheriuse á teoloxía arminiana, da que se fixo propagador destacado. Tamén foi adoptada a teoloxía arminiana no século XIX polo movemento restauracionista dos Discípulos de Cristo e Igrexas de Cristo. As teses arminianas chegaron a ter aceptación entres os cristiáns de diferentes denominacións de varios países, aínda que as súas orixes teolóxicas se remontan aos tempos de Pelaxio, quen se enfrontou notablemente con Agostiño de Hipona. A doutrina arminiana é máis ben semipelaxiana, e asume algúns aspectos doutrinais do Concilio de Trento, tales como a bondade innata do home ou o libre albedrío humano.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bangs, Carl (1985). Arminius: A Study in the Dutch Reformation. Grand Rapids: Asbury Press. p. 25. ISBN 0-310-29481-9. 
  2. Meij-Tolsma, Marijke (2009). "Introduction". Arminius, Arminianism, and Europe: Jacobus Arminius (1559/60–1609) (Google Books). pp. ix–xvi. ISBN 9004178872. .
  3. Encyclopædia Britannica, (1930), páxina 386
  4. MacCulloch, Diarmaid (2005). The Reformation: A history. Londres: Penguin Books. p. 374. ISBN 0-14-303538-X. 
  5. Schaff. Encyclopedia 5. CCEL. p. 16. .

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]