Saltar ao contido

Igrexa de María de Xesé (Delft)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de María de Xesé
(Maria van Jessekerk)
A igrexa vista desde a Gran Praza (Markt) de Delft, coa estatua de Hugo Grotius en primeiro plano
Datos xerais
PaísPaíses Baixos Países Baixos
Rexión Holanda Meridional
TipoIgrexa parroquial
AdvocaciónAta 1971: San Xosé
Desde 1971: María de Xesé
Localización Delft
Coordenadas52°00′41″N 4°21′38″L / 52.011386, 4.360497
CatalogaciónRijksmonument (18279)
Culto
CultoIgrexa Católica
Diocese Diocese de Rotterdam
Arquitectura
Construción1875-1882
ArquitectosEdificio: Evert Margry
Interior: Jos Tonnaer
EstiloArquitectura gótica
Páxina web[1] Espazo da igrexa no sitio web da paqrroquia de santa Úrsula.
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de María de Xesé (en neerlandés: Maria van Jessekerk) é unha igrexa parroquial católica de estilo neogótico sita na cidade surholandesa de Delft, nos Países Baixos, construída no período entre os anos 1875 e 1882, e deseñada en forma de cruz polo arquitecto Evert Margry, un discípulo de Pierre Cuypers.[1]

Orixinariamente, a igrexa tiña a advocación de San Xosé; no entanto, desde 1971 cambiouse pola de María de Xesé, de gran tradición en Delft. A igrexa forma parte da parroquia de Santa Úrsula.

Esta igrexa foi a primeira de confesión católica en ser restablecida despois da Reforma. A igrexa Vella e a igrexa Nova foran tamén católicas antes da Reforma, pero reformáronse de camiño; as dúas torres da igrexa de María de Xesé fan referencia a esa etapas católicas de ambas, e inspíranse á súa vez nas súas torres.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

En 1572, o Consello da cidade de Delft optou polo protestantismo, en detrimento do catolicismo, do luteranismo e dos menonitas, relixións que foron prohibidas, aínda que na práctica eran toleradas. As igrexas de San Hipólito e de Santa Úrsula tornáronse, xa que logo, protestantes, e os católicos de Delft pasaron a xuntarse na pequena zona circunscrita entre Burgwal, Oude Langedijk e a rúa Jacob Gerritstraat. Inicialmente, as súas celebracións relixiosas tiñan lugar en residencias privadas, aínda que xa se coñece en 1677 un primeiro local dedicado a San Xosé e sostido polos xesuítas. Este foi o xerme do barrio Papenhoek, habitado unicamente por católicos, no que séculos máis tarde se erguería a igrexa de María de Xesé. 

  • A igrexa oculta (1733). En 1733, os xesuítas lograron construír unha pequena igrexa que continuaba coa advocación a San Xosé e que non era visible desde a rúa, condición indispensable para que fose tolerada de facto, aínda que non permitida. É probable que esta se atopase na zona do transepto oeste da actual igrexa, onde nesa época había un patio. Os xesuítas abandonaron esta igrexa en 1773 e foron sucedidos polos franciscanos.
  • Igrexa de Waterstaat (1834-1837). Coa época de dominación francesa dos Países Baixos (1794-1815), abriuse un período de máis de tolerancia e, logo de recuperada a soberanía, en 1837 construíuse unha nova igrexa de San Xosé, esta vez xa visible, vinculada á institución que xestionaba as augas da cidade (Waterstaat). [2]

Construción da igrexa neogótica (1875-1882)

[editar | editar a fonte]
Interior da igrexa desde a entrada principal

A nova Constitución do país de 1848 garantiu a liberdade relixiosa. Pero ata 1875 a construción de iogrexas seguiu a ser competencia do Goberno, de maneira que as institucións de xestión das augas (waterstaat) contribuían ecomicamente aos gastos. Logo de 1875 este réxime cambiou e cada comunidade pasou a ter liberdade para construír a súa igrexa, o que orixinou a construción de numerosas igrexas católicas por todo o país, case sempre de estilo neogótico, retomando o estilo imperante antes da Reforma. 

Nese contexto, os franciscanos planeaban en Delft a construción dunha grande igrexa na zona católica de Papenhoek, para o que se fixeron cuns terreos en Burgwal, ao pé da igrexa de San Xosé. En 1875 púxose a primeira pedra desta nova igrexa, e o novo templo consagrouse e entrou en servizo en 1877. Finalmente, a nova igrexa foi inaugurada en 1882.[3][4]

Denominación de María de Xesé

[editar | editar a fonte]
A igrexa de María de Xesé vista desde a igrexa Nova

Noutro lugar da cidade construírase tamén nesa época unha igrexa católica neogótica, dedicada a San Hipólito, que foi demolida nos anos 60 do século XX, por mor da escaseza de fieis. Aquela comunidade acabou fusionándose en 1971 coa da nova igrexa de San Xosé, e a súa advocación cambiouse finalmente a María de Xesé, que era venerada en Delft xa desde a Idade Media e cara á cal había un grande culto, a raíz dunha pequena estatua atopada nunha capela da igrexa Vella á que se lle atribuía o milagre da curación da cegueira dunha relixiosa. Aquela estatuíña perdeuse durante a Reforma protestante e xa no século XX esculpiuse unha reprodución que hoxe se expón nunha capela lateral da actual igrexa de María de Xesé, construída a modo de ampliación en 1939.[5]

Desde comezos dos anos 90 acometeuse un importante labor de restauración do edificio, que concluíu en 2007. No entanto o seu interior, particularmente rico, permanece practicamente sen cambios desde os principios do século XX.

  1. Ficha de inscrición da igrexa no Rijksmonumentenregister[Ligazón morta] (en neerlandés)
  2. "Maria van Jessekerk Arquivado 15 de abril de 2016 en Wayback Machine.". En Archiotertuurgidsdelft.nl (en neerlandés)
  3. "Een monumentaal kerkgebouw Arquivado 24 de marzo de 2016 en Wayback Machine.". No sitio web da parroquia de Santa Úrsula (en neerlandés)
  4. "Plek van de Maria-van-Jessekerk in Delf". En Heiligen.net (en neerlandés)
  5. "Maria van Jesse Arquivado 08 de xullo de 2010 en Wayback Machine.". En DelftseOmmegang.nl (en neerlandés)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Biografía

[editar | editar a fonte]
  • Van Peer, A. Maria van Jesse, Historische schets van "Delffs Ommeganck". 1954 (en neerlandés)

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]