Estreito de Davis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 65°N 58°O / 65, -58

Estreito de Davis
Davis Strait
Détroit de Davis
Davisstrædet
Localización administrativa
EstadoDinamarca Dinamarca
Canadá
DivisiónGroenlandia Groenlandia (DIN)
Nunavut (CAN)
Terra Nova e Labrador (CAN)
Localización xeográfica
Océano / MarOcéano Atlántico
ContinenteAmérica do Norte
ArquipélagoArquipélago ártico canadense
Illa/sGroenlandia (DIN)
Illa de Baffin (CAN)
Xeografía
Mares contiguosmar do Labrador
SubdivisiónsCumberland Sound e baía de Frobisher
Accidentes
Golfos e baíasbaía de Baffin e baía de Hudson
EstreitosEstreito de Hudson
Características
Lonxitude máxima1.113 km
Anchura máxima338 - 644 km
Outros datos
Vía marítimaPaso do Noroeste
primeiro naveganteMartin Frobisher (1576)
Primeiro exploradorJohn Davis (1587)
Mapa

Localización do estreito de Davis (o estreito é moito maior que o estreito propiamente en si. Ver no texto a definición da IHO)

Mapa da rexión do mar de Labrador

O estreito de Davis (en inglés, Davis Strait; en francés, Détroit de Davis; e en danés, Davisstrædet), é un estreito mariño que se atopa entre a costa occidental de Groenlandia e a costa oriental da illa de Baffin, a maior das illas do arquipélago ártico canadense. O estreito foi nomeado na memoria do explorador inglés John Davis (1550-1605), quen explorou a zona, mentres buscaba unha pasaxe polo noroeste que unira os océanos Atlántico e Pacífico.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Segundo a Organización Hidrográfica Internacional («International Hydrographic Organization», IHO), na súa publicación Limits of oceans and seas (3ª edición de 1953), o estreito de David (que ten o número de identificación 15) ten os seguintes límites:[1]

  • ao norte, o paralelo 70º entre Groenlandia e a illa de Baffin, que é o límite sur da baía de Baffin;
  • ao leste, a costa occidental de Groenlandia;
  • ao sur, o paralelo 60ºN, entre Groenlandia e a península de Labrador;
  • ao oeste, o límite leste da Pasaxe do Nororeste, ao sur do paralelo 70º, e o estreito de Hudson.

Ten unha anchura de entre 338 a 664 km e na costa de illa Baffin ten dous importantes entrantes, o Cumberland Sound e a baía de Frobisher. É un dos tramos da ruta marítima do paso do Noroeste.

Correntes[editar | editar a fonte]

A corrente mariña fría do Labrador atravesa o estreito cara ao sur, ao longo de Illa de Baffin, arrastrando xeo flotante durante a maior parte do ano. Unha corrente cálida, derivada da corrente do golfo, flúe cara ao norte ao longo da costa de Groenlandia na rexión das principais rutas marítimas do estreito. O estreito é famoso polas súas feroces mareas, que poden ir desde 30 a 60 pés, o que desalentou a moitos antigos exploradores.

Xeoloxicamente, o estreito caracterizouse tamén por ter unha profundidade, entre 1000 e 2000 m, moito menor que o mar do Labrador (ao sur), e que a baía de Baffin (ao norte).

Historia[editar | editar a fonte]

O primeiro europeo do que se teñen noticias de que cruzou as augas do estreito foi o navegante inglés Martin Frobisher, que, durante a súa expedición de 1576 en procura do paso do Noroeste, arribou cun único barco, o Gabriel, o 28 de xullo, case con seguridade ás costas da illa Resolución, na boca da baía Frobisher. Frobisher volveu na súa segunda expedición ao ano seguinte, o 17 de xullo de 1577, á fronte dunha pequena frota de tres barcos, o Ayde, o Gabriel e o Michael na que levaba mineiros e refineiros a bordo. Nesa ocasión arribou ao que el chamou Terra Hall -en honra dun dos seus capitáns, Christopher Hall, ao mando do Gabriel- no bordo setentrional da boca da baía de Frobisher. Uns días máis tarde tomou posesión solemnemente desas terras e da parte sur da baía en nome da raíña de Inglaterra.

O primeiro europeo que realmente navegou e recoñeceu o estreito foi John Davis en 1583. Davis partiu de Darmouth o 7 de xuño dese ano, á fronte do Sunneshine de Londres (50 ton.) e o Mooneshine de Dartmouth (35 ton.). Tras atoparse coa fronteira de xeo na costa oriental de Groenlandia, seguiu cara ao sur ata dobrar o cabo Farewell; desde alí volveu unha vez máis ao norte, costeando o litoral occidental de Groenlandia, ata que, ao atopar mar libre de xeo, se dirixiu ao oeste pensando dar coa vía cara á China. Cruzou as augas que hoxe levan o seu nome (estreito de Davis) e nos 66° N, con todo, atopouse coas costas da illa de Baffin, e, a pesar de que seguiu cara ao norte internándose en augas do Cumberland Sound coa esperanza de que fose o anhelado paso, tivo que regresar a finais de agosto. Arribou a Inglaterra o 30 de setembro.

Davis volveu á zona nas súas outras dúas expedicións ao ártico. En 1586 partiu á fronte de catro barcos, pero só o Mooneshine logrou chegar polas difíciles condicións atmosféricas da viaxe. Repetiu o percorrido da anterior viaxe, logrando chegar ata os 67ºN, algo máis ao norte do cabo Dyer, pasado o Cumberland Sound. Volveu tres anos máis tarde, en 1589, esta vez a bordo dunha pequena pinaza de 20 toneladas, a Ellen, do porto de Londres. Navegou con condicións excepcionais costeando ao longo da ribeira occidental de Groenlandia en augas libres ata os 72°92' N (algo máis ao norte de Upernavik) antes de que o xeo lle impedise o paso. Seguiu cara ao oeste ata que novamente foi bloqueado polo xeo. Virou ao sur costeando illa de Baffin e explorou de novo o golfo do Cumberland Sound. Logo seguiu cara ao sur retornando a casa o 15 de setembro, tras navegar con éxito na súa pequena embarcación a través de máis de 20° de augas árticas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. International Hydrographic Organization, ed. (1953). "Limits of Oceans and Seas, 3rd edition" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08-10-2011. Consultado o 6-2-2010. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Boertmann, David. Mapping of Oil Spill Sensitive Areas in the Davis Strait, West Greenland A Review of Biological Data in Relation to Oil Spill Sensitivity Mapping, with an Identification of Data Gaps. Copenhagen, Denmark: Greenland Environmental Research Institute, 1992.
  • Crawford, R. E. Life History of the Davis Strait Greenland Halibut, with Reference to the Cumberland Sound Fishery. Winnipeg: Dept. of Fisheries and Oceans, 1992.
  • Dr̐ưue , C., and G. Heinemann . 2001. "Airborne Investigation Of Arctic Boundary-Layer Fronts Over The Marginal Ice Zone Of The Davis Strait". Boundary-Layer Meteorology. 101, no. 2: 261-292.
  • Heide-Jorgensen, M P, H Stern, and K L Laidre. 2007. "Dynamics of the Sea Ice Edge in Davis Strait". Journal of Marine Systems : Journal of the European Association of Marine Sciences and Techniques. 67, no. 1: 170.
  • Jones, A G E, and Arthur Credland. 1998. "The Greenland and Davis Strait Trade, 1740-1880". The Polar Record. 34, no. 189: 162.
  • J̐ưrgensen, O, C Hvingel, P M̐ưller, and M Treble. 2005. "Identification and Mapping of Bottom Fish Assemblages in Davis Strait and Southern Baffin Bay". Canadian Journal of Fisheries and Aquatic Sciences. 62: 1833-1852.
  • Mallory ML, GJ Roberston, and A Moenting. 2006. "Marine Plastic Debris in Northern Fulmars from Davis Strait, Nunavut, Canadá". Marine Pollution Bulletin. 52, no. 7: 813-5.
  • Ross, W. Gillies. Arctic Whalers, Icy Seas Narratives of the Davis Strait Whale Fishery. Toronto, Canadá: Irwin Pub, 1985. ISBN 0-7725-1524-7

Outros artigos[editar | editar a fonte]