Río Xallas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Río Xallas
Río Xallas, desembocadura
Desembocadura do río Xallas
País España España
Comunidade Autónoma Galicia Galicia
Nacemento A Toxa (Santa Comba) [1]
Altitude 385 m [1]
Lonxitude 64,5 km [2][3]
Conca 504,2 km² [2][3]
Caudal medio 19,6 m³/s [3]
Caudal relativo 38,9 L/s/km² [3]
Desembocadura Fervenza do Ézaro [2]
Altitude desembocadura 100 m [2]
Hidrogalicia rio xallas.svg
Cunca do río Xallas marcada en azul escuro

O río Xallas pertence á vertente atlántica galega. Nace no monte Castelo (Coristanco), discorre polos concellos de Coristanco, Santa Comba, A Baña, Zas, e forma o límite entre Mazaricos, Carnota e Dumbría. Finalmente, desemboca na enseada de Ézaro, formando unha fervenza rodeada de espectaculares microformas graníticas no Monte Pindo. As augas céibanse os domingos do verán ao mediodía e, desde 2006, os sábados á noite, con espectáculo de luces.

Descrición[editar | editar a fonte]

Algúns dos seus afluentes son: O Bazar, Castiñeira, A Regueira, Mira, Esternande, Ancha, Dornas, Guisande ou Vilar García.

O caudal do Xallas mantense constante por causa dos numerosos encoros que nel se teñen construído. En 1897, a Sociedade Española de Carburos Metálicos, hoxe parte do grupo FerroAtlántica, asentouse na zona e daquela datan as primeiras construcións para obter enerxía. O encoro máis importante é o de Fervenza, construído na década dos anos 60 do século XX. En Ponte Olveira hai outra central. Máis abaixo, da presa de Brazal parten as canalizacións cara a Ézaro; máis abaixo, atópase o encoro de Santa Uxía, construído na década dos anos 80. Na súa desembocadura están situadas tres centrais hidroeléctricas: Castrelo, Santa Uxía e Pindo, esta última de principios do século XX.

Aforamentos[editar | editar a fonte]

Augas de Galicia dispón de 2 estacións para medida de aforamentos. As devanditas estacións, denominadas Xallas 1 (n.º 512) e Xallas 2 (n.º 514), sitúanse na ponte de Truebe, no municipio de Santa Comba, e na ponte Olveira, no municipio de Mazaricos, respectivamente. Entre ámbalas dúas estacións atópase o encoro de Fervenza. Segundo datos publicados por Augas de Galicia, no ano hidrolóxico 2009-2010, o caudal medio diario oscilou entre 0,48 e 96,81 m³/s, en Xallas 1, e entre 4,11 e 188,34 m³/s, en Xallas 2.

Encoro[editar | editar a fonte]

Na canle do río existen catro encoros, que, segundo o seu curso, son Fervenza, ponte Olveira, Castrelo e Santa Uxía. Todos eles teñen aproveitamento hidroeléctrico e para usos industriais, e o de Santa Uxía para abastecemento urbano.

En 1897, a Sociedade Española de Carburos Metálicos, hoxe parte do grupo Ferroatlántica, asentouse na zona e de entón datan as primeiras construcións para obter enerxía. O encoro máis importante é o de Fervenza, construído na década de 1960. En ponte Olveira hai outra central. Máis abaixo, da presa de Brazal parten as canalizacións cara á ría de Ézaro; máis abaixo, encóntrase o encoro de Santa Uxía, construído na década de 1980. O Xallas atravesa o Monte Pindo e precipítase nunha caída practicamente libre coñecida coma fervenza do Ézaro, de algo máis de 100 metros, á ría de Concurbión fronte ao cabo Fisterra no océano Atlántico. Na súa desembocadura están situadas tres centrais hidroeléctricas: Castrelo, Santa Uxía e Pindo, esta última de principios do século XX.

A construción do encoro de Fervenza supuxo, segundo o informe Concas Internas de Galicia Costa de Greenpeace España, un punto negro por destrución da paisaxe ao manter seca a fervenza de Ézaro. Segundo o devandito informe, a central non respecta sequera o caudal ecolóxico considerado no Plan Hidrolóxico de Galicia Costa e dende 2000, a fervenza só se pode observar os domingos de 12:00 a 13:30, grazas aos grupos locais que piden a demolición do encoro.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Instituto Geográfico Nacional de España. "GoolZoom - Cartografía Raster" (Mapa). Mapa Topográfico Nacional (WMTS de cartografía raster do IGN ed.). 1:25.000. MTN25. Consultado o 15/11/2015. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Cañada, Silverio, ed. (2003). "Xallas 6". Gran Enciclopedia Galega 44. El Progreso - Diario de Pontevedra. pp. 146–147. ISBN 84-87804-26-8. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Núñez Pérez, Manuel; Lois Lois, Adela; Daporta Padín, Mon (2007). Os ríos de Galiza. A Nosa Terra. Promocións Culturais Galegas, S.A. p. 103. ISBN 978-84-8341-136-0. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]