Wallis Simpson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Wallis Simpson
Nome completoBessie Wallis Warfield
Nacemento19 de xuño de 1896
Lugar de nacementoBlue Ridge Summit
Falecemento24 de abril de 1986
Lugar de falecementoVilla Windsor
SoterradaRoyal Burial Ground
NacionalidadeEstados Unidos de América
Etniaestadounidense
RelixiónIgrexa católica e Igrexa episcopal nos Estados Unidos
Alma máterOldfields School
Ocupaciónsocialité, coleccionista e aristócrata
PaiTeackle Wallis Warfield
NaiAlice Montague
CónxuxeEarl Winfield Spencer, Ernest Aldrich Simpson e Eduardo VIII do Reino Unido
PremiosPersoa de Ano da revista Time
Na rede
IMDB: nm0239846 WikiTree: Warfield-8 Find a Grave: 4252 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Wallis, duquesa de Windsor, rexistrada ao nacer como Bessie Wallis Warfield e máis tarde, por matrimonio, chamada Wallis Spencer e despois Wallis Simpson, nada en Blue Ridge Summit (Pensilvania) o 19 de xuño de 1896[1] e finada en París o 24 de abril de 1986, foi unha socialite estadounidense que, despois de divorciarse dúas veces, casou en terceiras nupcias, o 3 de xuño de 1937, co príncipe Eduardo, duque de Windsor, quen antes do seu matrimonio fora Eduardo VIII, rei do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte e Emperador da India.

O pai de Wallis morreu pouco despois do seu nacemento, e Wallis, xunto á súa nai viúva, recibiu o apoio dalgúns parentes ricos. O seu primeiro matrimonio, cun oficial da Armada dos Estados Unidos, caracterizouse por varios períodos de separación e finalmente terminou en divorcio. En 1934, durante o transcurso do seu segundo matrimonio, supostamente fíxose amante de Eduardo, por entón príncipe de Gales. Dous anos máis tarde, despois da morte de Xurxo V e o ascenso ao trono de Eduardo VIII, Wallis divorciouse do seu segundo marido e Eduardo propúxolle matrimonio. O desexo do rei de contraer nupcias cunha muller que tiña dous ex-maridos vivos provocou unha crise constitucional no Reino Unido e os seus dominios, o que finalmente conduciu a que abdicase ao trono en decembro de 1936 e casase, segundo as súas propias palabras, coa "muller que amo".[2] Despois da abdicación, o antigo rei foi nomeado duque de Windsor polo seu irmán, o rei Xurxo VI. Eduardo casou con Wallis seis meses máis tarde, despois do cal ela foi coñecida formalmente como a duquesa de Windsor, sen o tratamento de A Súa Alteza Real.

Antes, durante e despois da segunda guerra mundial, moitas persoas do goberno e da sociedade sospeitaban que o duque e a duquesa de Windsor simpatizaban cos nazis. No transcurso das décadas de 1950 e 1960, a parella viviu entre Europa e os Estados Unidos, gozando dunha vida de lecer como celebridades sociais. Ao morrer o duque en 1972, a duquesa recluíuse e só de cando en vez volveu ser vista en público. A súa vida privada foi fonte de múltiples especulacións e aínda segue a ser unha figura controvertida na historia británica.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Bessie Wallis Warfield era filla única e naceu en Square Cottage, no Monterey Inn, un hotel situado alén da estrada fronte ao Monterey Country Club, en Blue Ridge Summit, Pensilvania, Estados Unidos.[3] Como centro de vacacións estival situado preto da fronteira entre Maryland e Pensilvania, Blue Ridge Summit era popular entre os membros da sociedade de Baltimore que desexaban escapar da calor da tempada, e o Monterey Inn, que tiña un edificio central e tamén cabanas individuais, era o hotel máis grande da cidade.[4][5][6][7][8] O seu pai foi Teackle Wallis Warfield, o menor dos cinco fillos de Henry Mactier Warfield, comerciante de fariña descrito como «un dos máis coñecidos e persoalmente un dos máis populares cidadáns de Baltimore», que se postulou para alcalde en 1875.[9] A súa nai era Alice Montague, filla de William Montague, vendedor de seguros. En honra ao seu pai e á irmá máis vella da súa nai, Wallis recibiu o nome de Bessie —a señora D. Buchanan Merryman— e era chamada Bessie Wallis, ata que nalgún momento durante a súa mocidade «o Bessie perdeuse e a nena foi chamada simplemente Wallis».[10]

As datas do matrimonio dos seus pais e do seu nacemento permanecen confusas.[1][11] Ningún destes acontecementos parece ser rexistrado, pero as datas aceptadas polo xeral son o 19 de novembro de 1895 e o 19 de xuño de 1896, respectivamente. O seu pai morreu de tuberculose o 15 de novembro de 1896. Nos seus primeiros anos, Wallis e a súa nai dependeron da caridade do irmán rico do seu pai, Solomon Warfield Davies, presidente e fundador da Continental Trust Company. Ao principio viviron na gran casa que Solomon compartía coa súa nai, en East Preston Street, 34.[12][13]

A súa tía Bessie Merryman quedou viúva en 1901 e ao ano seguinte Alice e Wallis mudáronse á súa mansión en West Chase Street, 9 en Baltimore. Alice volveu casar en 1908 con John Freeman Rasin, Jr., fillo dun prominente membro do Partido Demócrata dos Estados Unidos.[14] O 17 de abril de 1910, Wallis foi confirmada na Igrexa Episcopal de Cristo en Baltimore, e de 1912 a 1914, Solomon Warfield pagou pola súa asistencia a Oldfields School, a escola de nenas máis cara de Maryland. Alí trabó amizade coa herdeira Renée du Pont, filla do senador T. Coleman du Pont, da familia du Pont, e con Mary Kirk, cuxa familia fundou Kirk Silverware.[15] Un compañeiro dunha das escolas ás que asistiu lembra: «Era brillante, máis brillante que todos nós. Tomou a decisión de ir á cabeza da clase e fíxoo». Wallis sempre estaba impecablemente vestida e metíase bastante presión para facer ben as cousas.[16][17]

Primeiro matrimonio[editar | editar a fonte]

Earl Winfield Spencer Jr., primeiro esposo de Wallis, en 1920.

En maio de 1916, durante a visita que fixo á súa prima Corinne Mustin en Pensacola, Florida, Wallis coñeceu a Earl Winfield Spencer, Jr., piloto da Armada dos Estados Unidos.[18] Por esas datas foi ademais testemuña de dous accidentes de aviación con aproximadamente dúas semanas de diferenza, o que lle causou un medo permanente a voar.[19] O 8 de novembro de 1916, a parella casou na Igrexa Episcopal de Cristo en Baltimore, que fora a parroquia de Wallis. O seu marido era alcohólico, bebía mesmo antes de voar e unha vez estrelouse no mar pero logrou saír case ileso.[20] Despois de que os Estados Unidos entrasen na primeira guerra mundial en 1917, Spencer foi enviado a San Diego como primeiro oficial ao mando dunha base de adestramento en Coronado, onde permaneceron ata 1920.[21] En 1920, Eduardo, príncipe de Gales, visitou San Diego, pero non coñeceu a Wallis nesa época.[22] Pouco despois, Spencer deixou a súa esposa por un período de catro meses, pero reuníronse en Washington, D.C. na primavera de 1921, aínda que pronto se separaron de novo. En 1923, cando Spencer foi enviado ao Extremo Oriente como comandante do Pampanga, Wallis quedou nos Estados Unidos e mantivo unha relación amorosa co diplomático arxentino Felipe Aja Espil.[23] En xaneiro de 1924, visitou París acompañada da súa curmá Corinne Mustin, quen acababa de enviuvar, antes de partir cara ao Oriente a bordo dun transporte para tropas.[24] Os Spencer reuníronse por un breve período ata que Wallis enfermou por beber auga contaminada, despois do cal foi evacuada a Hong Kong.[25]

Un diplomático italiano lembrábaa do tempo que permaneceu na China: «A súa charla era brillante e tiña o costume de traer a colación o tema correcto de conversación con calquera persoa que entrase en contacto con ela e entretelos con ese tema».[26] Segundo Hui lan-Koo, a segunda esposa do diplomático e político chinés Wellington Koo, a única frase que Wallis aprendeu en mandarín durante a súa estancia en Asia foi: «Mozo, páseme o champaña»[27][28]

Wallis realizou un percorrido pola China e hospedouse con Katherine e Herman Rogers, quen seguirían a ser os seus amigos mentres estivo en Pequín.[29] De acordo coa esposa de Milton E. Miles, un dos compañeiros do seu marido, foi alí onde Wallis coñeceu o conde Galeazzo Ciano, máis tarde xenro de Benito Mussolini e ministro de Relacións Exteriores italiano, con quen tivo un romance, como resultado do cal quedou embarazada; a consecuencia dun aborto mal practicado, perdeu para sempre a capacidade de concibir.[30] Este rumor estendeuse posteriormente, pero nunca puido demostrarse, e a esposa de Ciano, Edda Mussolini, negábao.[31] Para setembro de 1925, Wallis e o seu marido estaban de regreso nos Estados Unidos, aínda que vivían separados.[32] A parella divorciouse finalmente o 10 de decembro de 1927.

Segundo matrimonio[editar | editar a fonte]

Para o momento en que se disolveu o seu matrimonio con Spencer, Wallis xa se involucrou con Ernest Aldrich Simpson, un angloestadounidense executivo de transporte marítimo e excapitán da Garda Coldstream.[33] Simpson divorciouse da súa primeira esposa, Dorothea —con quen tivera unha filla chamada Audrey—, para casar con Wallis Spencer o 21 de xullo de 1928, na Oficina de Rexistro de Chelsea, Londres. Dende Cannes, onde se aloxaba cos seus amigos, o señor e a señora Rogers, Wallis telegrafáralle que aceptaba a súa proposta de matrimonio.[34]

Eduardo, príncipe de Gales, en 1932.

Os Simpson instaláronse temporalmente nunha casa amoblada con catro criados en Mayfair.[35] En 1929, Wallis navegou de regreso aos Estados Unidos para visitar a súa nai enferma, que nese momento estaba casada con Charles Gordon Allen. Durante a viaxe, os investimentos de Wallis fixéronse po no crack de Wall Street e a súa nai morreu sen un centavo o 2 de novembro de 1929. Wallis regresou a Inglaterra e como o negocio navieiro continuaba florecente, os Simpson mudáronse a un apartamento grande cun persoal de criados.[36]

A través dunha amiga súa, Consuelo Thaw, Wallis coñeceu a Lady Thelma Furness, irmá de Consuelo e nese entón amante de Eduardo, príncipe de Gales.[37] O 10 de xaneiro de 1931, Lady Furness presentouna ao príncipe.[38] Eduardo era o fillo máis vello do rei Xurxo V e a raíña María e herdeiro ao trono británico. Entre 1931 e 1934, reuniuse cos Simpson en diversas festas e Wallis foi presentada na Corte. Ernest comezaba a ter dificultades financeiras debido a que vivían fóra do alcance dos seus medios e por ese motivo tiveron que despedir o persoal.[39]

Relación con Eduardo, príncipe de Gales[editar | editar a fonte]

En decembro de 1933, mentres Lady Furness se atopaba en Nova York, Wallis converteuse ao parecer en amante do príncipe. Eduardo negouno ante o seu pai, a pesar de que o seu persoal chegou a velos xuntos na cama, así como atopar «evidencia física dun acto sexual».[40] Wallis pronto derrocou a Lady Furness e distanciou o príncipe dunha antiga amante e confidente, a herdeira angloestadounidense de téxtiles Freda Dudley Ward.[41]

Para 1934, o príncipe estaba perdidamente namorado, atopaba atractivas as súas maneiras dominantes e a abrasiva irreverencia cara á súa posición; en palabras do seu biógrafo oficial, converteuse en «servilmente dependente» dela. De acordo con Wallis, foi durante un cruceiro en 1934, no iate privado de Walter Guinness, primeiro barón de Moyne, chamado Rosaura, que ela se namorou de Eduardo.[42] Nunha velada no palacio de Buckingham, o príncipe presentouna á súa nai, o que causou a indignación do seu pai, principalmente pola súa historia marital, xa que os divorciados xeralmente eran excluídos da Corte.[43][44] Eduardo cubría a Wallis con diñeiro e xoias, ademais en febreiro de 1935 e máis tarde ese mesmo ano, viaxaron xuntos por Europa.[45][46] Os cortesáns estaban cada vez máis alarmados porque o romance comezou a interferir coas actividades oficiais do príncipe.[47]

En 1935, o xefe da Sección Especial da Policía Metropolitana de Londres informou o comisionado de que Wallis tamén tiña un romance con Guy Marcus Trundle, que "se dicía era empregado da Ford Motor Company".[48] Estes informes fixéronse públicos por primeira vez en 2003.[49] Con todo, a tese sobre un romance é posta en dúbida polo capitán Val Bailey, que coñecía ben a Trundle e cuxa nai tivo un romance con este durante case dúas décadas,[50] e tamén pola historiadora Susan Williams.[51]

Crise de abdicación[editar | editar a fonte]

Xurxo V morreu o 20 de xaneiro de 1936 e o príncipe de Gales subiu ao trono como Eduardo VIII. Ao día seguinte rompeu o protocolo real cando observou a proclamación do seu ascenso ao trono dende unha xanela do palacio de St. James en compañía de Wallis, que naquel momento permanecía casada.[52] Cada vez era máis evidente para a corte e os círculos gobernamentais que Eduardo tiña a intención de casar con ela.[53][54] O comportamento do rei e a súa relación con Wallis volveuno impopular co Partido Conservador que nese momento dirixía o goberno británico e angustiaba a súa nai e o seu irmán.[55] A pesar de que os medios británicos da época prebélica se mantiñan respectuosos coa monarquía e non se publicaban historias sobre o romance na prensa nacional, os medios de comunicación estranxeiros informaron amplamente da relación.[56]

O monarca do Reino Unido é tamén o gobernador supremo da igrexa de Inglaterra e ao momento da proposta de matrimonio —e ata o ano 2002— a igrexa de Inglaterra non permitía que volvesen casar as persoas divorciadas cuxo excónxuxe seguise vivo.[57] En consecuencia, aínda que non había unha barreira imposta pola lei civil para que Eduardo casase, a posición constitucional era que un rei non podía casar cunha divorciada e permanecer como rei; de facelo entraría en conflito co seu papel de gobernador supremo.[58] Por outra banda, o goberno británico e os gobernos dos dominios estaban en contra da idea do matrimonio entre o rei e unha estadounidense divorciada dúas veces por outras razóns, considerábana política, social e moralmente inadecuada como consorte.[59] No Imperio Británico era percibida por moitos como unha muller de «ambición ilimitada», que perseguía o rei pola súa riqueza e posición.[60][61]

Wallis presentáralle unha demanda de divorcio ao seu segundo marido alegando que cometera adulterio coa súa amiga da infancia Mary Kirk e a sentenza condicional foille concedida o 27 de outubro de 1936.[62] A súa relación co rei volveuse do dominio público no Reino Unido a principios de decembro e Wallis decidiu fuxir do país no momento en que estalou o escándalo. Foi levada ao sur de Francia nunha dramática carreira por escapar da prensa e permaneceu asediada polos medios de comunicación durante os seguintes tres meses na Vila Lou Viei, casa dos seus amigos Herman e Katherine Rogers situada preto de Cannes.[63]

De volta no Reino Unido, Eduardo consultou co primeiro ministro Stanley Baldwin tratando de atopar a forma de casar con Wallis e conservar no trono. Propuxo un matrimonio morganático, onde el seguiría a ser rei aínda que a súa esposa non sería raíña, pero isto foi rexeitado por Baldwin e os primeiros ministros de Australia e Suráfrica. Se Eduardo casase en contra do consello de Baldwin, o goberno estaría obrigado a dimitir, causando unha crise constitucional.[64]

Carta de abdicación de Eduardo VIII do Reino Unido.

Mentres tanto, Peregrine Cust, sexto barón Brownlow e Lord in Waiting do rei, presionaba a Wallis no seu agocho no sur de Francia, para que renunciase a Eduardo.[65] O 7 de decembro de 1936, Lord Brownlow leu á prensa a declaración que axudara a redactar e que anunciaba a resolución de Wallis de renunciar ao rei.[66] Con todo, Eduardo estaba decidido a casar. Como o asunto da abdicación cobrou forza, John Theodore Goddard, procurador de Wallis, declarou que: «[a súa] clienta estaba disposta a facer algo para aliviar a situación, pero o outro extremo da cancha [Eduardo VIII] estaba decidido». Isto indicaba, aparentemente, que o rei decidira que non tiña máis remedio que abdicar se quería casar.[67]

O 10 de decembro de 1936, Eduardo VIII asinou o instrumento de abdicación en presenza dos seus tres irmáns sobreviventes, o duque de York —que ascendeu ao trono ao día seguinte como Xurxo VI—, o duque de Gloucester e o duque de Kent. Algunhas leis especiais aprobadas polos parlamentos dos dominios finalizaron o proceso da abdicación ao día seguinte e no caso de Irlanda, un día despois. O 11 de decembro de 1936, Eduardo emitiu unha declaración pública que dicía:[68]

Todos vostedes coñecen as razóns que me induciron a renunciar ao trono. Quixera facerlles comprender que, ao tomar esta resolución, non esquecín en absoluto o país ou o Imperio, aos cales, primeiro como príncipe de Gales e máis tarde como rei, dediquei vinte e cinco anos de servizo. Mais poden crerme se lles digo que me resultou imposible soportar a pesada carga da responsabilidade e desempeñar as miñas funcións como rei, na forma en que desexaría facelo, sen a axuda e o apoio da muller que amo.[69]

Eduardo partiu de Gran Bretaña a Austria, onde se aloxou no castelo Enzesfeld, casa do barón e a baronesa Eugen e Kitty de Rothschild. Tivo que permanecer afastado de Wallis ata que non houbese perigo de comprometer a concesión dun decreto absoluto no proceso de divorcio. Cando o divorcio se resolveu en maio de 1937, Wallis volveu empregar o seu nome de solteira Wallis Warfield. A parella reuniuse no castelo de Candé, en Monts, Francia, o 4 de maio de 1937.[70]

Terceiro matrimonio: duquesa de Windsor[editar | editar a fonte]

Un mes máis tarde, o 3 de xuño de 1937, Wallis e Eduardo casaron no castelo de Candé,[71] que lles prestou Charles Bedaux, quen máis tarde traballou activamente en favor da Alemaña nazi na segunda guerra mundial.[72] A data coincidía co que sería o 72.º aniversario do rei Xurxo V; raíña María pensou que a voda foi programada nesa data como un desaire deliberado.[73] Ningún membro da familia real británica asistiu.

Eduardo foi nomeado duque de Windsor polo seu irmán, Xurxo VI; con todo, a patente real aprobada polo novo rei e apoiada por unanimidade polos gobernos dos dominios, impedía a Wallis, agora duquesa de Windsor, usar o tratamento de A Súa Alteza Real.[74] O rei tiña a firme idea de que Wallis non debía recibir un tratamento real e esta opinión era compartida pola súa nai, a raíña María, e pola súa esposa, a raíña Isabel.[75] Ao principio, a familia real non aceptou a duquesa e non a recibiu formalmente, aínda que Eduardo se reuniu varias veces coa súa nai e os seus irmáns despois da súa abdicación. Algúns biógrafos suxeriron que a raíña Isabel, cuñada de Eduardo, estaba resentida con Wallis polo papel que desempeñou na chegada ao trono de Xurxo VI —que puido ver como un factor influente na temperá morte deste—, e por comportarse prematuramente como o consorte de Eduardo, cando só era a súa amante.[76][77] Estas afirmacións foron negadas por amigos próximos da raíña Isabel; por exemplo, o duque de Grafton escribiu que "nunca dixo algo desagradable sobre a duquesa de Windsor, con excepción de que realmente non tiña nin idea de con que estaba a tratar".[78] Por outra banda, a duquesa de Windsor referíase á raíña Isabel como a "señora Temple" (Señora Templo) e "Cookies" (Galletas), en alusión á súa figura sólida e o seu gusto polos alimentos, e á súa filla, a princesa Isabel, como "Shirley", en alusión a Shirley Temple.[79] A duquesa resentiu amargamente que lle negasen o tratamento real e que os familiares de Eduardo non a aceptasen como parte da familia.[23][80] Con todo, dentro do círculo dos duques de Windsor, o tratamento de A Súa Alteza Real era utilizado por aqueles que estaban preto da parella.[81]

Segundo Diana Mitford, esposa do ex-líder da Unión Británica de Fascistas, Oswald Mosley, que coñecía a futura raíña nai e a Wallis, pero só era amiga desta última, a antipatía da raíña cara á súa concuñada podía ter unha fonte máis profunda. Lady Mosley escribiu á súa irmá, a duquesa de Devonshire, trala morte do duque de Windsor, "probablemente a teoría dos seus contemporáneos [dos Windsor] de que Cake [un alcume de Mitford para a raíña nai, que derivaba da súa exclamación de alegría na festa na que Deborah Devonshire a coñeceu] estaba máis ben namorada del [o duque] —como unha nena— e levou ao segundo mellor, pode explicar moitas cousas".[82]

Os duques viviron en Francia os anos anteriores á guerra. En 1937, realizaron unha visita de alto perfil a Alemaña e reuníronse co líder nazi Adolf Hitler, quen, segundo informes, dixo da duquesa que "sería unha boa raíña".[83] Esa visita apoiaba as fortes sospeitas que tiñan moitas persoas no goberno e na sociedade, de que a duquesa era unha axente alemá, afirmación que Wallis ridiculizou nas súas cartas a Eduardo.[84] Os arquivos do FBI recompilados na década de 1930, tamén a retratan como posible simpatizante nazi. O ex-duque Carlos Alexandre de Württemberg díxolle ao FBI que Wallis e o líder nazi Joachim von Ribbentrop foran amantes en Londres.[85] Mesmo houbo informes aínda máis inverosímiles sobre as súas circunstancias na segunda guerra mundial, como que Wallis conservaba unha fotografía asinada de Ribbentrop na súa mesa de noite, e que seguira pasándolle información, mesmo durante a invasión de Francia.[86][87]

Segunda guerra mundial[editar | editar a fonte]

Tralo estalido da guerra en 1939, a Eduardo asignóuselle un posto militar no exército británico destinado en Francia. Segundo o fillo de William Edmund Ironside, primeiro barón Ironside, Wallis seguiu a recibir os seus amigos relacionados co movemento fascista e filtroulles detalles das defensas francesas e belgas que obtiña do duque.[88] Cando os alemáns invadiron o norte de Francia e bombardearon Gran Bretaña en maio de 1940, a duquesa díxolle a un xornalista estadounidense: «non podo dicir que sinto mágoa por eles».[89] Como as tropas alemás avanzaban, os duques fuxiron da súa casa en París con destino cara ao sur, primeiro a Biarritz e logo en xuño a España. Alí, Wallis díxolle ao embaixador dos Estados Unidos, Alexander W. Weddell, que Francia perdera porque estaba «internamente enferma».[90] En xullo a parella mudouse a Lisboa, Portugal, onde se aloxaron na casa de Ricardo Espírito Santo Silva, un banqueiro que era sospeitoso de ser axente alemán.[91] En agosto, un buque de guerra británico trasladou a parella ás Bahamas, onde Eduardo foi instalado como gobernador.

Wallis realizou competentemente o seu papel como esposa do gobernador durante cinco anos. Con todo, odiaba Nassau, que cualificou de "a nosa Santa Helena", en referencia ao último lugar de exilio de Napoleón. Foi duramente criticada polas súas extravagantes viaxes de compras aos Estados Unidos, que levaron a cabo cando Gran Bretaña estaba a soportar privacións como racionamentos e cortes de luz nas vías públicas.[92][93] As súas actitudes racistas cara á poboación local —aos que chamaba «negros vagos e prósperos» en cartas á súa tía— eran reflexo da súa educación.[94][95] En 1941, o primeiro ministro Winston Churchill opúxose enerxicamente cando a parella planeaba visitar o Caribe a bordo dun iate que pertencía ao magnate sueco Axel Wenner-Gren, a quen Churchill declarou "proalemán". Churchill viuse obrigado a queixarse de novo cando o duque outorgou unha entrevista de ton "derrotista".[96] O establishment británico desconfiaba da duquesa; sir Alexander Hardinge escribiu que as súas actividades antibritánicas estaban motivadas por un desexo de vinganza contra un país que a rexeitou como raíña.[97] Despois da derrota da Alemaña nazi, a parella regresou a Francia e retirouse.

Vida posterior e falecemento[editar | editar a fonte]

Os duques de Windsor co presidente Richard Nixon durante un evento na Casa Branca en abril de 1970.

En 1946, Wallis aloxábase en Ednam Lodge, a casa do conde de Dudley, cando algunhas das súas xoias foron roubadas. Houbo rumores de que o roubo fora planeado pola familia real británica, nun intento por recuperar as xoias que Eduardo tomara da Royal Collection, ou polos propios duques de Windsor, como parte dunha fraude contra a aseguradora, xa que o ano seguinte a parella realizou un gran depósito de pedras soltas en Cartier. Con todo, en 1960, Richard Dunphie confesou o delito. As pezas roubadas eran só unha pequena parte das xoias dos Windsor que foran compradas de forma privada, herdadas polo duque ou que lle foran regaladas cando era príncipe de Gales.[98]

Eduardo regresou a Inglaterra en febreiro de 1952, para asistir ao funeral de Xurxo VI. Wallis non quixo asistir; na súa estadía previa en Londres, o mes de outubro anterior, dixéralle ao seu marido: "odio este país. Seguirei odiándoo ata a tumba".[99] Máis tarde ese ano, as autoridades municipais de París ofrecéronlles o uso dunha casa. A parella viviu no número 4 da rue du Champ d'Entraînement en Neuilly-sur-Seine a maior parte do resto das súas vidas; en esencia tiveron unha vida cómoda.[100] Tamén compraron unha segunda residencia no país, onde pronto se converteron en amigos íntimos dos seus veciños Oswald e Diana Mosley.[101] Anos máis tarde, Diana Mosley afirmou que os duques de Windsor compartían o punto de vista dela e do seu home de que a Hitler se lle debía dar man libre para destruír o comunismo.[102] O propio Eduardo escribiu no New York Daily News o 13 de decembro de 1966, "[...] era do interese de Gran Bretaña e de Europa tamén, que Alemaña se animase a atacar o Leste e esmagase o comunismo para sempre [...]. Pensei que o resto de nós podería manterse neutral, mentres que os nazis e os vermellos pelexaban".[103]

En 1965, cando os duques de Windsor visitaron Londres porque Eduardo necesitaba unha cirurxía ocular, a raíña Isabel II e a princesa Mariña, duquesa de Kent, os visitaron. Máis tarde, en 1967, a parella uniuse á familia real en Londres cando Isabel II desvelou unha placa para conmemorar o centenario do nacemento da raíña María.[104] Isabel II e o príncipe Carlos visitaron os Windsor en París nos últimos anos do duque; de feito a visita ocorreu pouco antes da súa morte.[105]

Cando Eduardo morreu de cancro en 1972, Wallis viaxou a Inglaterra para asistir ao funeral e durante a súa visita aloxouse no palacio de Buckingham.[106][107] Cada vez máis senil e fráxil, viviu o resto da súa vida como recluída, co apoio do patrimonio do seu marido e dun subsidio da raíña.[108] En outubro de 1976, esperábase que recibise a raíña nai Isabel, pero estaba demasiado enferma de demencia e o seu persoal cancelou a visita no último minuto. A raíña nai enviou flores cun cartón en que se lía, «Con amizade, Elizabeth».[109] Despois da morte do seu home, a duquesa outorgoulle a súa autoridade legal á avogada francesa Suzanne Blum.[110] Esta relación de potencial explotación foi explorada en libro de Caroline Blackwood, The Last of the Duchess, escrito en 1980, pero que non se publicou ata despois da morte de Blum en 1995.[111] En 1980, Wallis perdeu a capacidade de falar.[112] Ao final permaneceu confinada na súa cama e non recibía visitas fóra do seu médico e enfermeiras.

A duquesa de Windsor morreu na súa casa no Bois de Boulogne de París o 24 de abril de 1986. O seu funeral celebrouse na capela de San Xurxo do castelo de Windsor e contou coa asistencia das súas dúas cuñadas sobreviventes: a raíña nai e a princesa Alicia, duquesa de Gloucester. Isabel II, o príncipe Felipe, o príncipe e a princesa de Gales asistiron á cerimonia fúnebre e ao enterro. Foi sepultada xunto a Eduardo no cemiterio real próximo ao castelo de Windsor, como «Wallis, duquesa de Windsor».[113] Ata que chegaron a un acordo con Isabel II en 1965, os duques tiñan planeado que o seu enterro se realizase nunha parcela do Green Mount Cemetery en Baltimore, lugar onde foi sepultado o pai de Wallis.[114]

A maior parte da súa herdanza foi á fundación para a investigación médica do Instituto Pasteur, segundo as instrucións de Suzanne Blum. A decisión colleu por sorpresa a familia real e os amigos da duquesa, porque durante a súa vida nunca mostrara algún interese na caridade.[115] En abril de 1987, a notable colección de xoiaría de Wallis recadou 45 millóns de dólares para o instituto nunha poxa en Sotheby's, aproximadamente sete veces o seu prezo estimado;[116] ademais atraeu ofertas de famosas personalidades como Elizabeth Taylor, Calvin Klein e Jacqueline Onassis.[117] En recoñecemento á axuda que Francia lles brindou fornecéndoos dunha casa, en lugar dos impostos por defunción, a colección de mobles estilo Lois XVI, algunhas pezas de porcelana e pinturas pasaron a ser propiedade do estado francés.[118] A familia real británica non recibiu legados importantes. O empresario exipcio Mohamed Al-Fayed comprou gran parte do patrimonio non financeiro, incluíndo o usufruto da mansión de París. A maior parte da súa colección vendeuse en 1998, un ano despois da morte do seu fillo no accidente automobilístico que tamén cobrou a vida de Diana, princesa de Gales. A venda recadou máis de 14 millóns de libras para a caridade.

Legado[editar | editar a fonte]

Monograma de Wallis e Eduardo.

A vida de Wallis estivo chea de rumores de que tiña outros amantes. O playboy estadounidense Jimmy Donahue, herdeiro da fortuna Woolworth, que ademais era homosexual, afirmou que tivo unha relación coa duquesa na década de 1950, pero Donahue era coñecido polas súas bromas enxeñosas e a súa afección a facer circular rumores.[119] Case todos os historiadores e biógrafos negaron a existencia do chamado "expediente da China", que se supón detalla as fazañas sexuais e criminais de Wallis nese país.[120] Aínda que houbo certos rumores sobre un embarazo e posterior aborto mentres Wallis viviu na China, especialmente aqueles relacionados co conde Ciano, non hai probas contundentes de que quedase embarazada de calquera dos seus amantes ou dos seus tres maridos. As afirmacións de que sufría de síndrome de insensibilidade aos andróxenos, tamén coñecido como feminización testicular, parecen improbables, por non dicir imposibles, tendo en conta da súa cirurxía por miomas uterinos en 1951.[121][122]

En 1956, a duquesa publicou as súas memorias realizadas por un escritor pantasma, The Heart Has Its Reasons. O autor Charles Higham dixo do libro, «os feitos foron reordenados sen remorsos no que equivalía a un lifting facial autorrealizado [...] reflectindo en abundancia a personalidade da súa autora, politicamente equivocada pero encantadora e conveniente». Higham describiu a duquesa como «carismática, electrizante e compulsivamente ambiciosa».[123] A avaliación da vida da duquesa de Windsor foi enturbada por rumores, conxecturas e propaganda politicamente motivada, sen que fose necesaria a axuda da súa propia manipulación da verdade; pero non existe ningún documento que probe directamente que Wallis sexa outra cousa máis que unha vítima da súa propia ambición, que viviu un gran romance que se converteu nunha gran traxedia. En opinión dos seus biógrafos, "experimentou o supremo conto de fadas, converténdose na adorada favorita do solteiro con máis glamour do seu tempo. O idilio tomou o camiño equivocado cando facendo caso omiso das súas súplicas, el abandonou a súa posición para pasar o resto da súa vida con ela".[124] Os académicos coinciden en que Wallis ascendeu ao bordo dun precipicio que:

a deixou con menos alternativas do que prevera. Dalgún xeito pensou que o establishment podería ser superado unha vez que [Eduardo] fose rei e confesou con franqueza á tía Bessie as súas «ambicións insaciables» [...]. Atrapado na súa evasión da responsabilidade en exactamente o papel que ela buscara, de súpeto ela advertiule nunha carta, «ti e mais eu só podemos crear desastres xuntos» [...] [Wallis] predixo á anfitrioa social Sybil Colefax, «dúas persoas van sufrir» por causa «do funcionamento dun sistema» [...]. Negándoselle a dignidade e sen nada útil que facer, o novo duque de Windsor e a súa duquesa serían para unha xeración, os parasitos da sociedade máis coñecidos internacionalmente, mentres se aburrían profundamente entre si [...]. Ela pensou que el era emocionalmente como Peter Pan e víase a ela mesma como Alicia no País das Marabillas. Porén, o libro que escribiron en conxunto foi máis Paradise Lost.[125]

Dise que Wallis resumiu a súa vida nunha frase: «Non tes idea do difícil que é vivir un gran romance».[126][127]

A duquesa de Windsor na cultura popular[editar | editar a fonte]

A personaxe de Wallis foi interpretado por Faye Dunaway en The Woman I Love (telefilme de 1972), Cynthia Harris en Edward and Mrs. Simpson (miniserie de sete capítulos de 1978), Jane Seymour en The Woman He Loved (telefilme de 1988), Amber Sealey en Bertie and Elizabeth (telefilme de 2002), Joely Richardson en Wallis and Edward (telefilme de 2005), Gillian Anderson en Any Human Heart (miniserie do 2010), Emma Clifford en Upstairs, Downstairs (miniserie de 2010), Eve Best en The King's Speech (filme de 2010) e Andrea Riseborough en W.E. (filme de 2011).[128] Jane Hartley representouna en Always, un musical do West End de 1997.[129]

O galardoado escritor canadense Timothy Findley, na súa novela Famous Last Words de 1981, presentou unha "señora Simpson" manipuladora, pero tamén tráxica. En 1991, Anne Edwards escribiu un empático relato dos primeiros anos de Wallis que culmina cando contrae matrimonio con Eduardo no seu libro Wallis: The Novel. Wallis tamén aparece nun relato curto de Rose Tremain, chamado "The Darkness of Wallis Simpson"; nunha obra chamada The Duchess de Linda Griffith; no suspense ucrónico de 1992, Fatherland, de Robert Harris; e nun libro da serie "Young Bond" de Charlie Higson, By Royal Command. En 2001, o xornalista Christopher Wilson publicou o libro Dancing with the Devil, no que relata a suposta relación de Wallis con Jimmy Donahue.[130] Kate Auspitz, na súa novela de 2010, The War Memoirs of HRH Wallis, Duchess of Windsor, retrátaa como un instrumento dos aliados, que a empregaron para facer que o rei Eduardo VIII, simpatizante fascista, abandonase o trono.[131]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 No rexistro de pasaxeiros do buque SS France de 1924, accesible na páxina web de ellisisland.org, a súa data de nacemento dáse como o 19 de febreiro de 1892, a pesar de que a súa idade foi anotada como 28 anos. Segundo os resultados do censo de 1900, citados polo autor Charles Higham, naceu en xuño de 1895, antes do matrimonio dos seus pais (Higham, páx. 4). O autor Greg King sinalou que, aínda que a «escandalosa afirmación de ilexitimidade anima a narración da vida da duquesa», «a evidencia para apoiar isto é escasa de feito» e que «forza a credibilidade» (King, páx. 11).
  2. Windsor, duque de, páx. 413.
  3. Weir, páx. 328
  4. «Baltimore in Her Centennial Year», Frank Leslie's Popular Monthly, volume 43 (Frank Leslie Publishing House, 1897), páx. 702
  5. Blue Ridge Summit é referido como «un lugar de veraneo de moda [...] entón moi frecuentado polas persoas de Baltimore» no libro de Francis F. Bierne, The Amiable Baltimoreans (Johns Hopkins University Press, 1984), páx. 118
  6. Windsor, duquesa de, páx. C-3
  7. Un anuncio do Monterrey Inn declaraba que abrían do "1 de xuño ao 1 de outubro" todos os anos. Ver: The Automobile Blue Book, volume 3 (The Automobile Blue Book Publishing Co., 1918), páx. 533
  8. Franklin P. Woodring e Suzanne K. Woodring, Pen Mar (Arcadia Publishing, 2005), páx. 21
  9. Carroll, páx. 28
  10. King, páx. 13
  11. Higham, páx. 4
  12. Carroll, vol. 3, páx. 24–43; Higham, páx. 5; King, páx. 14–15; Windsor, duquesa de, páx. C-7
  13. O domicilio da casa de Warfield era East Preston Street, 34, citado en The Financial Red Book of America (Financial Director Association, 1905), páx. 114, así como en Michael Thornton, Royal Feud: The Queen Mother and the Duchess of Windsor (M. Joseph, 1985), páx. 19
  14. Laura Lou Brookman, Her Name was Wallis Warfield (E. P. Dutton, 1936), páx. 36
  15. Higham, páx. 12–13
  16. Higham, páx. 7
  17. Higham, páx. 8
  18. Higham, páx. 18
  19. Higham, páx. 20
  20. Higham, páx. 23–24
  21. Higham, páx. 26–28
  22. Higham, páx. 29
  23. 23,0 23,1 Ziegler, Philip (2004) «Windsor, (Bessie) Wallis, duchess of Windsor (1896–1986)», Oxford Dictionary of National Biography, Oxford University Press, doi:10.1093/ref:odnb/38277. Consultado o 2 de maio de 2010.
  24. Bloch, The Duchess of Windsor, páx. 22
  25. Higham, páx. 38
  26. Higham, páx. 46
  27. Koo, Madame Wellington (1943). Hui-Lan Koo: An Autobiography as told to Mary van Rensselaer Thayer. Nova York: Dial Press. 
  28. Maher, Catherine (31 de outubro de 1943). Madame Wellington Koo's Life Story. New York Times. p. BR7. 
  29. Higham, páx. 47
  30. Higham, páx. 50
  31. Moseley, Ray (1999). Mussolini's Shadow: The Double Life of Count Galeazzo Ciano. New Haven: Yale University Press. pp. 9–10. ISBN 0300079176. 
  32. Higham, páx. 50–51
  33. Higham, páx. 53–54
  34. Higham, páx. 58
  35. Higham, páx. 64
  36. Higham, páx. 67
  37. Bloch, The Duchess of Windsor, páx. 33; Higham, páx. 68
  38. Bloch, The Duchess of Windsor, páx. 37
  39. Bloch, The Duchess of Windsor, páx. 37–41; Higham, páx. 73–80
  40. Diario del barón Clive Wigram citado en Bradford, páx. 145–147
  41. Ziegler, King Edward VIII: The official biography, páx. 227–228
  42. Rosenberg, Jennifer. "King Edward VIII Abdicated for Love (Page 2)" (en inglés). About.com. Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2011. Consultado o 23 de abril de 2011. 
  43. Ziegler, páx. 231
  44. Beaverbrook, páx. 111
  45. Ziegler, páx. 238
  46. Higham, páx. 113 e páx. 125
  47. Bloch, The Duchess of Windsor, páx. 58 e 71
  48. Informe do superintendente A. Canning para sir Philip Game, 3 de xullo de 1935, National Archives, PRO MEPO 10/35, citado en Williams, páx. 75
  49. Iglesias, Graciela (31 de xaneiro de 2003). "Revelan la historia del amante secreto de Wallis Simpson". La Nación. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2019. Consultado o 25 de abril de 2011. 
  50. Fox, James (1 de setembro de 2003). The Oddest Couple. Vanity Fair. pp. 276–291. ISSN 0733-8899. 
  51. Williams, páx. 75
  52. Windsor, duque de, páx. 265
  53. Ziegler, páx. 277–278
  54. "Abdication Crisis". BBC News (en inglés). Consultado o 25 de abril de 2011. 
  55. Ziegler, páx. 289–292
  56. Broad, Lewis (1961). The Abdication. Londres: Frederick Muller Ltd. p. 44. 
  57. Ebor, David (novembro de 2002). "Marriage in Church After a Divorce" (en inglés). The Church of England. Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2015. Consultado o 25 de abril de 2011. 
  58. Beaverbrook, páx. 39–44 e páx. 122
  59. Ziegler, páx. 305–307
  60. Como escribiu sir Horace Wilson a Neville Chamberlain citado en Higham, páx. 191
  61. Ziegler, páx. 234 e páx. 312
  62. Bloch, The Duchess of Windsor, páx. 82, 92
  63. Windsor, duque de, páx. 359
  64. Beaverbrook, páx. 57
  65. Un Lord in Waiting é unha persoa da nobreza que ocupa un cargo destinado á asistencia do monarca
  66. Tinniswood, Adrian (1992). Belton House. The National Trust. p. 34. ISBN 0707801133. 
  67. Norton-Taylor, Richard; Evans, Rob (2 de marzo de 2000). "Edward and Mrs Simpson cast in new light". The Guardian (en inglés). Consultado o 9 de xaneiro de 2011. 
  68. Windsor, duque de, páx. 413
  69. Windsor, Eduardo, duque de (12 de xuño de 1950). "A King´s Story Part IV". Life (en inglés). p. 125. Consultado o 25 de abril de 2011. 
  70. Bloch, The Duchess of Windsor, páx. 106–118; Higham, páx. 224
  71. Ini, Luis (3 de xuño de 2009). "Se casaban Eduardo VIII y Wallis Simpson". La Nación. Arquivado dende o orixinal o 26 de novembro de 2011. Consultado o 25 de abril de 2011. 
  72. Howarth, Patrick (1987). George VI. Hutchinson. p. 73. ISBN 0091710006. 
  73. Carta da raíña María á raíña Isabel, 21 de maio de 1937, Royal Archives, QEQM/PRIV/RF, citado en Shawcross, William (2009). Queen Elizabeth The Queen Mother: The Official Biography. Macmillan. p. 422. ISBN 9781405048590. 
  74. Diario de Neville Chamberlain citado en Bradford, páx. 243
  75. "Home Office memo on the Duke and Duchess's title" (en inglés). Richmond, Surrey: National Archives. Arquivado dende o orixinal o 31 de decembro de 2010. Consultado o 25 de abril de 2011. 
  76. Higham, páx. 437
  77. Bradford, páx. 172
  78. Hogg, James; Mortimer, Michael (2002). The Queen Mother Remembered. BBC books. pp. 84–85. ISBN 0563362146. 
  79. Bloch, The Secret File of the Duke of Windsor, páx. 259
  80. Véxase tamén: Bloch, Michael (ed.) (1986). Wallis and Edward: Letters 1931–1937. Summit Books. pp. 231, 233. ISBN 0671612093.  citado en Bradford, p. 232
  81. Higham, páx. 232
  82. Carta de Lady Mosley á Deborah Mitford duquesa de Devonshire, 5 de xuño de 1972, en Mosley, Charlotte (ed.) (2007). The Mitfords: Letters Between Six Sisters. Londres: Fourth Estate, páx. 582.
  83. Bowcott, Owen; Bates, Stephen (30 de xaneiro de 2003). Fear that Windsors would 'flit' to Germany. The Guardian (en inglés). Consultado o 9 de xaneiro de 2011. 
  84. Higham, páx. 203
  85. Evans, Rob; Hencke, David (29 de xuño de 2002). Wallis Simpson, the Nazi minister, the telltale monk and an FBI plot. The Guardian (en inglés). Consultado o 9 de xaneiro de 2011. 
  86. Bloch, The Duke of Windsor's War, páx. 355
  87. Higham, páx. 317
  88. Higham, páx. 305
  89. Higham, páx. 313
  90. Higham, páx. 323
  91. Bloch, The Duke of Windsor's War, páx. 102; Parker, páx. 194
  92. Higham, páx. 330 e Bloch, The Duchess of Windsor, páx 153 e 159
  93. O orixinal usa o vocábulo blackout que significa "escurecemento da cidade para que esta non sexa visible dende os avións inimigos", véxase: "Blackout". Wordreference.com. Consultado o 9 de xaneiro de 2010. 
  94. Bloch, The Duchess of Windsor, páx. 165
  95. Ao contar unha historia de como Wallis se queixou de que aos negros se lles permitise andar por Park Avenue, Joanne Cummings, esposa de Nathan Cummings, dixo de Wallis, «creceu no Sur, nun tiempo determinado e con certos prexuízos». Fonte: Menkes, páx. 88
  96. Howarth, páx. 130
  97. Howarth, páx. 113
  98. Menkes, páx. 192–193
  99. Higham, p. 443
  100. Menkes, páx. 11–48
  101. Higham, páx. 449 e Ziegler, páx. 545
  102. Higham, páx. 450
  103. Higham, pp. 259–260
  104. Higham, páx. 466–469
  105. Higham, páx. 473 e Bloch, The Secret File of the Duke of Windsor, páx. 299
  106. Conducido por William Launcelot Scott Fleming, deán de Windsor (antigo bispo de Portsmouth e Norwich) The Times, luns 5 de xuño de 1972; páx. 2; número 58496; col. E
  107. Bloch, The Duchess of Windsor, páx. 216 e Higham, páx. 477–479
  108. Ziegler, páx. 555
  109. Higham, páx. 487–488
  110. Bloch, The Duchess of Windsor, páx. 221; Higham, páx. 490 e Menkes, páx. 199
  111. Blackwood, Lady Caroline (1995). The Last of the Duchess. Pantheon. ISBN 0679439706. 
  112. Bloch, The Duchess of Windsor, páx. 222
  113. "Simple funeral rites for Duchess". BBC (en inglés). 29 de abril de 1988. Consultado o 25 de abril de 2011. 
  114. Rasmussen, Frederick (29 de abril de 1986). Windsors had a plot at Green Mount. Baltimore: The Baltimore Sun. 
  115. Menkes, p. 200
  116. Culme, John; Rayner, Nicholas (1987). The Jewels of The Duchess of Windsor. Nova York: Vendome Press. p. 7. 
  117. Ralston Saul, John; Ralston, Saul John (1998). Los bastardos de Voltaire: la dictadura de la razón en Occidente. Andres Bello. p. 485. ISBN 9788489691377. 
  118. Menkes, pp. 198, 206 y 207
  119. Wilson, Christopher (2001). Dancing With the Devil: the Windsors and Jimmy Donahue. Londres: HarperCollins. ISBN 0006531598. 
  120. Higham, páx. 119 e Ziegler, páx. 224
  121. Bloch, The Duchess of Windsor, páx. 10, 13 e 230
  122. Ziegler, páx. 533 e Higham, páx. 496
  123. Higham, páx. 452–453
  124. Bloch, The Duchess of Windsor, páx. 231
  125. Weintraub, Stanley (8 de xuño de 1986). "The Love Letters of the Duchess of Windsor". Washington Post. p. X05. 
  126. Wilson, páx. 179
  127. "Great lovers: A celebration of true romance". The Independent (en inglés). 13 de febreiro de 2010. Consultado o 23 de abril de 2011. 
  128. "Wallis Simpson (Character)" (en inglés). IMDb. Arquivado dende o orixinal o 16 de febreiro de 2011. Consultado o 15 de xaneiro de 2010. 
  129. "Always" (en inglés). Record Cabinet. Arquivado dende o orixinal o 20 de novembro de 2011. Consultado o 23 de abril de 2011. 
  130. "Triángulo real". Semana.com. 19 de marzo de 2001. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2019. Consultado o 25 de abril de 2011. 
  131. "The War Memoirs of HRH Wallis, Duchess of Windsor" (en inglés). Penguin.ca. Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2012. Consultado o 23 de abril de 2011. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]