Napoleón I de Francia

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Napoleón»)

Napoleón I de Francia
Napulione Buonaparte e Napoleone di Buonaparte
Emperador de Francia
Período18 de maio de 1804 - 6 de abril de 1814
AntecesorPrimeira República Francesa
SucesorNapoleón II de Francia
Emperador de Francia
Período1 de marzo - 22 de xuño de 1815
AntecesorLois XVIII
(como rei de Francia)
SucesorLois XVIII
(como rei de Francia)
Datos persoais
Nacemento15 de agosto de 1769 e 1769
 Ajaccio
Falecemento5 de maio de 1821 e 1821
 Illa de Santa Helena
PaiCarlo Maria Bonaparte
NaiMaria Letícia Ramolino
CónxuxeJoséphine de Beauharnais
Marie Louise von Österreich
FillosNapoleón II de Francia, Charles Léon, Alexandre Colonna Walewski e Eugen Megerle von Mühlfeld
Alma máterEscola Militar de Paris
ProfesiónMilitar
Relixióncatolicismo e Deísmo
Na rede
IMDB: nm1927416 IMSLP: Category:Napoléon_I WikiTree: Bonaparte-1 Find a Grave: 1350 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Napoleone di Buonaparte ou Napoleón Bonaparte (en francés [napoleɔ̃ bɔnɑpaʁt]), nado en Ajaccio (Córsega) o 15 de agosto de 1769 e finado en Santa Helena o 5 de maio de 1821, foi emperador de Francia a principios do século XIX e o home máis poderoso e influente de Europa. O seu reinado dá nome a toda unha época da historia de Europa, a unha longa serie de guerras, e simboliza a loita entre as correntes liberais da Revolución Francesa e o absolutismo e tradicionalismo do antigo réxime. A súa pegada quedaría na permanencia das súas reformas legais e administrativas, e no recoñecemento unánime do seu prodixioso talento militar.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Napoleón retratado como primeiro cónsul por Jean Auguste Ingres.

Procedente dunha familia da baixa nobreza de Córsega, o seu acento foi albo das burlas dos seus compañeiros de escola en Francia, onde desenvolveu un carácter adusto e decidido. Foi alumno da Escola Militar de Brienne e de París.

Trala Revolución Francesa Napoleón apoiou os revolucionarios, e en 1791 comprometeuse baixo xuramento na defensa do novo réxime. En 1792 retornou a Córsega onde participou na axitación nacionalista e revolucionaria na illa, ata a súa ruptura con Pasquale Paoli. Foi subindo rapidamente de rango militar ata se converter en xeneral, tras destacar no asedio de Tolón (1793).

Foi detido por xacobino, pero posteriormente recibiu o encargo de reprimir o levantamento monárquico de París (5 de outubro de 1795; 13 de vendimario). O 9 de marzo de 1796, contraeu matrimonio civil con Joséphine de Beauharnais viúva dun xeneral da República e nai de dous fillos.

Vitorias en Italia[editar | editar a fonte]

Nomeado polo Directorio comandante en xefe do exército de Italia en 1796, esmagou os sardos en Mondovi e derrotou os austríacos en Lodi, Rívoli e Arcole. Un transformado exército francés tomou Milán e Mantua, cruzou os Alpes e puxo en xaque Viena.

Napoleón atopou unhas tropas mal alimentadas, deficientemente equipadas e absolutamente desorganizadas. En pouco tempo converteunas no exército máis dinámico e eficaz do momento, malia a súa inferioridade numérica (tan só 37.600 homes realmente dispoñibles). A rapidez de movementos e a súa flexibilidade, a capacidade de concentrar forzas no momento e localización máis axeitadas deixaban constancia do seu xenio militar.

As súas fulminantes vitorias obrigaron o Imperio Austrohúngaro a pedir a fin das hostilidades. Napoleón impuxo as súas propias condicións sen ter en conta o Directorio. O 17 de outubro de 1797, asinouse a Paz de Campoformio, que obrigaba a Austria a ceder a beira esquerda do Rin, Bélxica e Milán. Desaparece a República de Venecia que, como contrapartida, é outorgada a Austria.

Napoleón creou a República Cisalpina con capital en Milán e a República de Ligur con capital en Xénova, a República Helvética, a República Romana e a República Partenopea. Outórgalles constitucións de nidia inspiración revolucionaria e convérteas en satélites de Francia. Neutraliza a Nápoles. O papa Pío VI é detido. O resultado das vitorias supuxo un alivio financeiro para o Directorio e a fin da hexemonía de Austria sobre o norte de Italia.

Campaña de Exipto[editar | editar a fonte]

Bonaparte ante a esfinxe, por Jean-Léon Gérôme, c. 1868.

No ano 1798 o goberno francés, temendo a súa popularidade, enviouno a Exipto co pretexto de intentar debilitar o Reino Unido. O obxectivo teórico era interceptar a rota cara á India. Napoleón conquistou Malta e desembarcou en Alexandría. Sen sufrir apenas baixas, derrotou o exército mameluco na lendaria batalla das Pirámides. A hostilidade climática e xeográfica non compensou a táctica medieval dos mamelucos fronte á moderna formación do exército de Bonaparte. O Cairo abriulle as portas. A seguinte batalla en Salalieh permitiulle facerse dono de todo o país, pero a derrota da frota francesa en Abukir por Nelson deixouno illado. A empresa de facer de Exipto unha colonia estable viuse abaixo, e Turquía declarou a guerra a Francia.

Co fin de disuadir o Sultán, avanzou a través de Siria, tomou a gornición de El Arish (que non estaba nos seus mapas) e rendeu Gaza e Xaffa, onde un gromo de peste detivo o seu avance. Malia os éxitos iniciais, fracasou na toma de San Xoán de Acre, ben fornecida dende o mar polos británicos. Francia, que facía fronte xa a unha Segunda Coalición, seguía deixándoo á súa sorte.

Turquía pretendía tomar vantaxe da situación facéndose con Exipto. O paxá de Damasco adiantouse a facer pinza sobre Napoleón, pero este desbaratou os 25.000 xinetes sirios no Monte Tabor sen apenas sufrir baixas. Decatándose do comprometido da súa avanzada posición, decidiu volver a Exipto onde a súa cabalaría varreu o exército otomán en Abukir. Tras esta vitoria, decidiu regresar a Francia. A recente noticia do seu último éxito militar permitiulle ser recibido como un heroe.

Os científicos dos que Napoleón se fixo acompañar deron lugar á exiptoloxía. Isto, especialmente tralo descubrimento da pedra Rosetta coa clave para descifrar os xeroglíficos, revolucionou os coñecementos arqueolóxicos e históricos da historia da humanidade.

Golpe de Estado, Consulado e Imperio[editar | editar a fonte]

Napoleón cruzando os Alpes, obra de Jacques-Louis David.

Cando Napoleón chegou de Exipto lanzou unha dura invectiva contra o Directorio: Que fixestes da Francia que eu vos deixei puxante?. Coa revolución estancada nunha dura crise e exhausta despois de duras represións e conflitos, o sentir popular buscaba un cambio enérxico. O 10 de novembro de 1799 (18 de Brumario, ano VII) Napoleón derrubou o Directorio e disolveu o Consello dos Cincocentos coa axuda do presidente da Asemblea, o seu irmán Luciano: a toma do poder estaba consumada. Constituíu un triunvirato de cónsules con el á cabeza. Os outros dous cónsules serán provisionalmente Emmanuel Joseph Sieyès e Roger Ducos. Fouché como xefe de orde pública e Talleyrand en Asuntos Exteriores serán, non obstante, os persoeiros fundamentais do novo réxime.

Finalmente, ademais do propio Bonaparte, os outros dous cónsules definitivos serán Cambecérès, un prestixioso xurista que votara a prol da execución do rei, e Lebrun experto en finanzas e un antigo monárquico reformista acomodaticio cos novos tempos. Napoleón instalouse nas Tullerías e iniciou un traballo frenético en tódolos terreos.

O primeiro desafío era conter o avance de austríacos e rusos que expulsaran o exército francés de Italia. Decontado Napoleón ofertou a paz a Austria e a Inglaterra. Rexeitada esta, tomou o mando das tropas en Italia, cruzou os Alpes e en menos dun mes chegou a Milán, e logrou manobrar sobre a retagarda dos austríacos. Procurou atraer o groso do exército inimigo e asestarlle un golpe decisivo. Este tivo lugar coa vitoria de Marengo (14 de xuño de 1800). Austria resignouse a volver á situación da paz de Campoformio.

En 1802 Napoleón restaurou o Estado Pontificio e proclamouse primeiro Cónsul da República Italiana. En 1803, outorgou aos cantóns suízos un texto constitucional denominado Acta de Mediación que restablecía o réxime confederal nunha República Helvética satélite de Francia pero mantiña os avances revolucionarios importados desta como a supresión das aduanas interiores.

Os triunfos militares consolidaron a súa posición. No interior tanto a oposición xacobina como a realista organizaron varios complots. O 24 de decembro de 1800, un estoupido ao paso da carruaxe do primeiro cónsul causou 22 mortos, pero o atentado non acadou o seu obxectivo. Estes feitos foron a escusa perfecta para desencadear detencións e fusilamentos, ao mesmo tempo en que puñan a opinión pública ao seu favor. Napoleón foi elixido mediante plebiscito cónsul vitalicio en 1802. Unha nova consulta gañada por inmensa maioría deu lugar ao paso definitivo: O 2 de decembro de 1804, coroouse como Emperador de Francia en Notre Dame de París baixo o nome de Napoleón I. Á solemne cerimonia asistiu como testemuña o papa Pío VII. Esvaíase así o ideal revolucionario.

Goberno[editar | editar a fonte]

Napoleón I nunha moeda de 2 francos (1815). Gravador: N. P. Tiolier.

Elaborouse unha Constitución redactada por Sieyes: O Senado elixía o primeiro Cónsul e os cónsules auxiliares. O primeiro Cónsul controlaba o exército e a administración. Consolidábase unha administración centralizada que dividía o territorio en departamentos dependentes directamente do poder executivo.

A Igrexa foi expulsada do ámbito educativo. A educación inculcaba a fidelidade ao novo réxime. O papa Pío VII, asinou o Concordato (1801) que evitaba a persecución aos eclesiásticos a cambio de lealdade ao Estado. En 1800 creouse o Banco de Francia, e en 1802 as cámaras de comercio. Un Tribunal de Contas fiscalizaba a xestión da Facenda Pública.

Comezaba unha importante mellora económica. A unidade de mercado favoreceu a produción agrícola e industrial. Incrementouse o consumo de viño e carne, o que era síntoma dunha mellora do poder adquisitivo da poboación. Industrias como a azucreira, a téxtil e a do ferro desenvolvéronse con rapidez. Subsidios, feiras e exposicións estatais contribuían ao novo dinamismo mercantil. Pulo importante foron tamén as grandes e innovadoras obras públicas: a ponte das Artes, a cúpula do mercado de graos, o porto de Cherburgo e Antuerpen, novas redes de estradas de dimensión continental, o Arco de Triunfo e a columna da praza de Vemdome, as pontes cos nomes das grandes vitorias etc.

No ámbito do dereito garantíanse as liberdades civís mediante a promulgación do Código Civil, o Código Penal, o Código de Comercio e o Código de Instrución Criminal. Pero as liberdades políticas foron afogadas pola censura, a subordinación do poder xudicial e a hexemonía do aparello policial.

No ámbito social, parte da nobreza retornou e compartiu coa alta burguesía a configuración dunha nova clase dirixente. Co nacemento do Imperio francés, xurdiu un novo espírito cortesán.

En 1810, Napoleón casou coa filla de Francisco I de Austria, María Luísa, co propósito de facer agromar unha nova dinastía imperial.

Dono de Europa[editar | editar a fonte]

Napoleón I.

En 1805, creouse a terceira coalición internacional, que declarou a guerra a Napoleón. Ao non conseguir o control dos mares, Napoleón abandona a idea de invadir Gran Bretaña e organiza unha fulgurante marcha cara a Austria. A principios de outubro os xenerais Murat e Soult vencen a un sorprendido exército austríaco en Donauworth e cruzan o Danubio. Tras a vitoria de Elchingen, Napoleón atrapou ao exército austríaco en Ulm. Caeron 50.000 prisioneiros e tomou Viena. Nun alarde estratéxico espectacular e nun falso intento de retirada envolveu e esmagou o groso do exército austríaco e ruso en Austerlitz e deixou fóra de xogo as tropas prusianas. Malia a súa inferioridade numérica, os franceses perderon só 8.000 homes fronte aos 35.000 aliados.

Austria aceptou unha rendición humillante: asinou o Tratado de Presburgo (25 de decembro de 1805), e cedeu Venecia, Dalmacia e o Tirol e Lindau. Prusia e Austria recoñeceron a Confederación do Rin, na que Napoleón experimentou un primeiro ensaio de unidade dos principados alemáns, todos eles submisos ao seu poderío. Secularizou os principados eclesiásticos e xerou un contrapoder de pequenos estados alemáns fronte a Prusia. O 6 de agosto de 1806, Francisco II de Austria foi obrigado a renunciar á coroa imperial, chegando así á súa fin a milenaria historia do Sacro Imperio Romano Xermánico.

O poderío en Europa central era total, pero as derrotas da frota franco-española a mans de Robert Calder na terceira batalla do cabo Fisterra e de Nelson en Trafalgar, consolidaron o dominio británico dos mares. Abandonada a idea de invadir Inglaterra, ordenou o bloqueo continental co fin de atafegala comercialmente.

En 1806 un ultimato de Prusia, Rusia e Saxonia esixiu a retirada das tropas francesas da beira dereita do Rin e a desaparición da Confederación do mesmo nome; erguíase a cuarta coalición. Un primeiro choque acabou coa vida do príncipe Luís Fernando en Saafeld. Napoleón venceu en Iena e Auerstadt e entrou en Berlín. Perseguiu as tropas prusianas, que foron aniquiladas en Prenzlau, Lübeck, Ratkau e Magdebourg. En pouco máis dun mes de campaña as forzas xermanas comandadas por Blücher e o príncipe de Hohenlohe quedaron reducidas ao nada.

Rusia seguía coas espadas en alto. Napoleón avanzou ao seu encontro cruzando Polonia como un liberador. En maio de 1807, caía a estratéxica Dantzig, o que supuxo a rendición dun exército aliado de 11.000 homes e a fin da ameaza para a á esquerda da invasión francesa.

Tras a dura vitoria de Eylau, os franceses acubíllanse nos seus cuarteis de inverno. Na primavera, unha ofensiva rusa é rexeitada en Heilsberg, reiniciándose unha persecución na que Napoleón conseguiu derrotar con claridade o exército ruso en Friedland (xuño de 1807). Nesta batalla, con 20.000 baixas, por 8.000 das francesas, os rusos perderon máis do 30 % dos seus efectivos. O mariscal francés Soult apoderouse de Königsberg. Murat ameazou as fronteiras naturais da Santa Rusia.

Os éxitos militares franceses forzaron o tsar Alexandre I a asinar a Paz de Tilsit, pola que Francia quedaba como dona da Prusia Oriental e Polonia. Napoleón creou dous novos estados satélites: o reino de Wetsfalia que entregou ao seu irmán Xerome Bonaparte e o Gran Ducado de Varsovia, primeira experiencia dun estado polaco contemporáneo.

En 1807, decretouse o bloqueo continental contra Inglaterra. Ocupáronse os países que non o acataron: Portugal, Roma, Etruria, Holanda e Wetsfalia. Lois Bonaparte foi proclamado rei de Holanda, e Xerome Bonaparte rei de Wetsfalia.

O 27 de outubro de 1807 asinou con España o Tratado de Fontainebleau no que acorda a división de Portugal. Un exército de 100.000 homes ocupou España e, tras o Motín de Aranjuez, abdicou Carlos IV en Fernando VII. Ámbolos dous renunciaron en Baiona e Napoleón proclamou rei de España o seu irmán Xosé Bonaparte, recoñecido polo Consello de Castela. Porén a Xunta do Reino de Galicia e outras xuntas subleváronse e apareceu unha resistencia de carácter popular. Iniciouse o que se coñece como a guerra da Independencia española.

Napoleón en España[editar | editar a fonte]

O 19 de agosto de 1808 o xeneral francés Dupont sufriu unha tremenda derrota na batalla de Bailén: 18.000 soldados franceses rendéronse perante o xeneral Castaños. Arthur Wallesley (futuro duque de Wellington) fíxose con Portugal e as tropas francesas batéronse en retirada.

Ante o desastre español, Napoleón púxose persoalmente á fronte do exército o 30 de agosto de 1808. En dous meses, tras derrotar as forzas españolas en Gamonal, Espinosa e Tudela, e acadar unha vitoria na batalla de Somosierra, rendeu Madrid. Quedando abolidas en España a Inquisición e os privilexios feudais, creouse un mercado único e restableceuse a Constitución de Baiona. Napoleón avanzou ata o noroeste; dividindo as forzas británicas: Wallesley fuxiu a Lisboa; Sir John Moore escapou a marchas forzadas ata A Coruña. Cando estaba a piques de alcanzalo, Napoleón tivo que volver a Francia debido ao levantamento de Austria. Poucos días despois Moore caeu na batalla de Elviña.

A finais de 1810 toda a Península Ibérica estaba ocupada polo exército francés, agás Lisboa, Cádiz e o Reino de Galicia. A Igrexa alentaba a guerrilla contra os impíos franceses. Convocáronse as Cortes de Cádiz. Pero, co tempo, España converteuse nunha sangría de homes e recursos para Francia. O propio Napoleón decatouse de que se trataba dunha guerra sen fronte nin retagarda.

Levantamento austríaco[editar | editar a fonte]

Retrato de Napoleón, obra de Jacques-Louis David (1812).

Austria pretendía aglutinar un levantamento popular alemán e o arquiduque Carlos reorganizou un poderoso exército de 340.000 homes inspirándose no modelo francés. Calculábase que Francia non podería enviar un grande exército debido á necesidade de controlar España e Portugal. O ataque austríaco desencadeouse o 9 de abril de 1809 sen mediar previa declaración de guerra.

Napoleón volveu de España, e tomando man dun importante recrutamento de mozos de substitución organizou un avance polo val do río Danubio. Venceu en Abensberg e Eckmühl facéndose con Baviera. Tras estas vitorias marchou sobre Viena e, tras a batalla de Ebersberg, entrou na capital imperial. Esta última acción primou o criterio político sobre o militar e supuxo deixar de premer directamente as castigadas forzas inimigas. Estas, con tempo para reorganizarse, achegáronse a Viena e, aproveitando as enchentes do Danubio, atraparon as tropas napoleónicas na sanguenta batalla de Aspern-Essling (arredor de 22.000 baixas en cada bando). Era a primeira vez que o Emperador de Francia era vencido á fronte das súas tropas.

Facendo gala dunha contundente capacidade de resposta e de sisuda destreza táctica, fíxose de novo coa iniciativa e derrotou as tropas austríacas na batalla de Wagram (xullo de 1809), unha batalla de proporcións descoñecidas ata entón onde se enfrontaron directamente ao redor de 330.000 homes.

Austria viuse obrigada a asinar a Paz de Schönbrunn, na que perdeu gran parte do seu territorio a prol de Baviera, o Gran Ducado de Varsovia, Francia e Rusia, amais de renunciar a toda saída ao mar. Austria foi de novo humillada, pero Europa comprobou que Napoleón non é invencible.

Napoleón buscou selar unha alianza perpetua cos Habsburgo, e o 1 de abril de 1810 casou coa arquiduquesa de Austria María Luísa, filla de Francisco II. Vencellábanse así as monarquías máis nova e máis vella de Europa. O herdeiro que Napoleón buscaba naceu o 20 de marzo de 1811. Outorgaríaselle o título de Rei de Roma. Con Masséna controlando a axitada España, toda Europa volvía estar aos pés do Imperio francés.

Campaña de Rusia[editar | editar a fonte]

Napoleón retirándose de Moscova.

O afogo económico fixo que Rusia abandonase o bloqueo continental imposto a Inglaterra. Napoleón creu necesaria unha acción directa contra Rusia. Co apoio de Prusia e Austria reuniu un exército de 600.000 homes para invadir Rusia. Acadou as vitorias de Smolensko en agosto de 1812. Os rusos empezaron unha longa retirada mediante unha estratexia autodestrutiva de terra queimada. Buscaban illar os franceses na inmensidade de Rusia. Por fin ofreceron resistencia ás portas de Moscova, onde foron vencidos na batalla de Borodino. Napoleón tomou Moscova, que tamén foi incendiada polos rusos. Agardaba en balde unha mensaxe de paz do Tsar.

Un forte inverno forzou unha retirada tardía que sepultou o exército baixo a neve, o frío e a fame. Napoleón conseguiu forzar o paso do Beresina, á custa de grandes perdas. Só uns poucos miles lograron sobrevivir. O Grande Exército quedou reducido ao nada. Toda Europa levantouse contra Napoleón.

Todos contra Napoleón[editar | editar a fonte]

As ideas nacionalistas, inspiradas no espírito revolucionario francés, prenderon entre os pobos de Europa. Os exércitos franceses perderon o apoio popular dende Varsovia ata Madrid. As grandes potencias puxeron a funcionar a súa maquinaria de guerra, pero non o tiveron doado.

Napoleón improvisou un novo exército e, nun alarde de velocidade, derrotou os prusianos en Lutzen e Bautzen. Tiña á súa mercé todo o flanco sur de Berlín, pero ante a inferioridade numérica e o esgotamento das súas tropas novatas, optou por asinar un armisticio en Pläswitx (o que máis adiante cualificaría como a maior parvada da súa vida).

Os exércitos austríacos, prusianos, rusos, suecos e outras unidades menores gañaron tempo para organizarse e intentar acurralalo. Napoleón volveu a vencer en Dresde. Nunha estratexia concéntrica, os aliados buscaron embolsalo en Leipzig, onde en outubro de 1813 tivo lugar a denominada batalla das Nacións. Na realidade un conxunto de durísimos encontros onde os 150.000 franceses contiveron durante catro días o pulo dos 300.000 homes das tropas coligadas. Napoleón conseguiu retirar ordenadamente as súas tropas, pero á custa de cuantiosas baixas (38.000, polas 54.000 aliadas). Arrasou o exército bávaro que pretendía pecharlle o paso en Hanau, e volveu a Francia onde pretendía reorganizar novamente o seu exército.

Alemaña, Italia, Holanda, Nápoles e España revólvéronse contra o declinante Imperio Francés. O xeneral prusiano Blücher e o austríaco Schwarzenberg entraron en Francia.

Campaña de Francia[editar | editar a fonte]

Con enorme rapidez Napoleón derrotou a Blucher en Brienne e asestou duros golpes aos aliados en Champaubert, Montmirail, Montereau e Vauchamps. Éxitos militares inexplicables pola inferioridade das súas tropas pero que impediron a rusos, prusianos e austríacos rodear París. Porén Xosé Bonaparte, á fronte da capital francesa, entendeu que a situación non podía sosterse indefinidamente e preferiu capitular. Os aliados entraron o 31 de marzo de 1814.

Napoleón conservou a capacidade operativa do seu reducidísimo exército, pero foi deposto por un goberno provisional con Talleyrand á fronte que o destituíu. O 6 de abril abdicou en Fontaneiblueau, e foi desterrado á illa de Elba.

O Imperio dos Cen Días[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Imperio dos Cen Días.
Tumba de Napoleón Bonaparte.

A restauración borbónica con Lois XVIII provocou un enorme descontento. Napoleón retornou en marzo de 1815. As tropas enviadas para detelo puxéronse ás súas ordes e foi aclamado en París. Fixo unha oferta de paz ás potencias europeas, mais non foi atendida. Os aliados organizaron un dobre ataque. Blucher entrou en Bélxica e foi derrotado por Napoleón en Ligny. Wellington, que avanzaba polo sur, recibiu durísimos ataques en Waterloo. A falta de iniciativa do xeneral francés Grouchy permitiu que Blücher acudise en auxilio de Wellington e as tropas napoleónicas foron finalmente derrotadas (xuño 1815).

As monarquías absolutas pretenderon recompoñer Europa no Congreso de Viena pero os seus pobos cambiaron para sempre. Napoleón foi desterrado á illa de Santa Helena, no sur do océano Atlántico, onde morreu en 1821.

Antepasados[editar | editar a fonte]

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
16. Giuseppe Maria Buonaparte
(1663–1703)
 
 
 
 
 
 
 
8. Sebastiano Nicola Buonaparte
(1683–1720/60)
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
17. Maria Colonna Bozzi
(1668–1704)
 
 
 
 
 
 
 
4. Giuseppe Maria Buonaparte
(1713–1763)
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
18. Carlo Tusoli
 
 
 
 
 
 
 
9. Maria Anna Tusoli
(1690–1760)
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
19. Isabella
 
 
 
 
 
 
 
2. Carlo Maria Buonaparte
(1746–1785)
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
10. Giuseppe Maria Paravicini
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
5. Maria Saveria Paravicini
(1715–antes de 1750)
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
22. Angelo Agostino Salineri
 
 
 
 
 
 
 
11. Maria Angela Salineri
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
23. Francetta Merezano
 
 
 
 
 
 
 
1. Napoleon I, Emperador de Francia e Rei de Italia
(1769–1821)
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
24. Giovanni Girolamo Ramolino
(1645–?)
 
 
 
 
 
 
 
12. Giovanni Agostino Ramolino
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
25. Maria Laetitia Boggiano
 
 
 
 
 
 
 
6. Giovanni Geronimo Ramolino (1723–1755)
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
26. Andrea Peri
(1669–?)
 
 
 
 
 
 
 
13. Angela Maria Peri
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
27. Maria Maddalena Colonna d'Istria
 
 
 
 
 
 
 
3. Maria Letizia Ramolino
(1750–1836)
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
28. Giovanni Antonio Pietrasanta
 
 
 
 
 
 
 
14. Giuseppe Maria Pietrasanta
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
29. Paola Brigida Sorba
 
 
 
 
 
 
 
7. Angela Maria Pietrasanta (1725–1790)
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
15. Maria Giuseppa Malerba
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • David Chandler, Las Campañas de Napoleón, Madrid 2005. ISBN 84-9734-335-2
  • Richard Holmes, Napoleón, Batallas y Campañas, Barcelona 2007. ISBN 978-84-96865-07-5
  • Emil Ludwig, Napoleón. Barcelona 1966

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]