Ubaque

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 4°28′59″N 73°56′4″O / 4.48306, -73.93444

Ubaque
Flag of Ubaque.svg
Escudo de Ubaque.svg
2019 Ubaque - Laguna y cerro El Quinto.jpg
Localización
Ubaque en Colombia
Ubaque
Ubaque
PaísFlag of Colombia.svg Colombia
DepartamentoCundinamarca
RexiónOriente
Xeografía
Altitude1867 msnm
Superficie105 km²
Demografía
Poboación6 166 (2015)
Densidade58,72 hab/km²
XentilicioUbaquense
Outros datos
AlcaldeEdgar Orlando "Chilaco" (2016-2019)
Páxina oficial

Ubaque é un concello do departamento de Cundinamarca (Colombia), que se atopa na provincia de Oriente, a 50 km de Bogotá. A cabeceira municipal atópase a unha altitude de 1867 m s. n. m., e a temperatura media anual é de 18 °C.

Toponimia[editar | editar a fonte]

O topónimo «Ubaque» (tamén denominado «Ebaque»), provén do muysc cubun e significa «árbore de sangue»; de hyba (sangue) e quye (árbore), por un arbusto da rexión que ao cortarse exuda un zume de cor vermello.[1][2][3]

Historia[editar | editar a fonte]

Cacique de Ubaque nun gravado da Historia Xeral das Conquistas do Novo Reino de Granada (1688), do cronista Lucas Fernández de Piedrahita.

Época precolombiana[editar | editar a fonte]

Na época precolombiana, o territorio do actual municipio de Ubaque estaba habitado polos muiscas. O seu cacique era o terceiro na sucesión do Zipazgo de Bacatá.

O Zipa Saguamanchica aproveitou o feito de que a batalla contra Hunza non tivese lugar, e reuniu un exército numeroso para someter ó cacique de Ubaque que, rompendo a súa antiga suxeición ó Zipa, pretendía aliarse co Zaque Michuá, e ademais atacara os uta (poboados) de Pasca e Usme. Polas terras de Chipaque e Une, o Zipa dirixiuse ó encontro do Ubaque, ó que achou desprevido. Porén, este logrou escapar a unha pena de moi difícil acceso con todas as súas riquezas, co fin de que o Zipa non se apoderase delas. Desalentado pola imposibilidade de capturar rapidamente ó Ubaque, o Zipa tivo que regresar a Bacatá ante as novas que un mensaxeiro lle levou dunha segunda rebelión de Guatavita, e dunha invasión dos panches.

O Zipa Nemequene, logo de someter Guatavita, marchou co seu exército contra Ubaque, cuxo asedio durou sete meses, durante os cales houbo continuas batallas e loitas. Ó cabo, o cacique de Ubaque, preocupado pola penosa situación da súa xente ante a fame e as epidemias provocadas polo asedio, decidiu renderse e pactar a paz co Zipa. O acordo consistiu no total sometemento de Ubaque, o pago de tributos e o dereito do Zipa a realizar visitas de inspección cada vez que o estimase conveniente. Ademais, o cacique de Ubaque cedeu ao Zipa ás súas dúas fillas máis fermosas como esposas. Nemequene só tomou á maior, mentres que a menor deulla ó seu irmán, o novo cacique de Guatavita. Logo estabeleceu unha gornición permanente en Ubaque e dispúxose a regresar a Funza, cargado dun inmenso botín. En Funza celebráronse varios días de festas e sacrificios ós deuses, en agradecemento polas continuas vitorias do Zipa.

Os caciques de Ubaté, Simijaca e Susa aliáronse para facer fronte común contra o Zipa. Porén, non se puxeron de acordo sobre quen deles lideraría a alianza, polo que, cando Nemequene partiu para confrontalos, estes atopábanse en completo desacordo.

En camiño a Ubaté, as tropas do Zipa tiñan que pasar polo boquerón de Tausa, onde o cacique de Ubaté lles tiña preparada unha emboscada. Porén, Nemequene fixo pregoar que estaba disposto a darlle morte a todos os habitantes de Ubaté, sen perdoar a vida a ninguén, polo que estes, presas do medo, fuxiron, deixando paso libre ó Zipa, quen ocupou a poboación e obtivo un cuantioso botín. De inmediato, Nemequene marchou contra Simijaca e Susa, ós que venceu sen dificultade, fixando aquelas terras como fronteira cos muzos e anexándoas baixo a xurisdición de Guatavita. Logo de deixar estabelecidas gornicións militares, regresou á Corte de Bacatá.

Trala morte do Zipa Nemequene, o novo Zipa, Tisquesusa nomeou ó seu irmán, Zaquesazipa, como xeral dos seus exércitos. Zaquesazipa logrou moi pronto someter ó cacique de Ubaque, que se quería aliar co Zaque Quemuenchatocha.

Algúns anos antes da chegada dos españois, un sacerdote muisca de Ubaque, chamado Popón, profetizáralle ó Zipa Tisquesusa que morrería «afogado no seu propio sangue» por mor duns estranxeiros vindos de terras afastadas.

Conquista e colonia española[editar | editar a fonte]

O poboado colonial foi fundado polo sacerdote español Custodio Lesaca en 1651. En 1594, cando visitou a rexión o oidor Miguel de Ibarra había tres poboados, Ubaque, Quescabita e Santa Ana, dos cales formouse un só co primeiro nome.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]