Cooperativa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cooperativa de Lago (Valdoviño).

Unha cooperativa é unha asociación voluntaria de traballo cooperativo, por medio da cal un grupo de persoas pode obter bens de consumo en condicións máis vantaxosas que pola comercialización común.

Xa en 1887 existía o precedente galego das cooperativas nas sociedades de mariñeiros, e en 1907 creáronse as sociedades agrarias como organizacións portadoras dos valores solidarios e de axuda mutua. En 1915 os pósitos de pescadores funcionaban como auténticas cooperativas en múltiples aspectos: produción, comercialización, seguridade social e mesmo actividades formativas.

O pensador, xurista, sociólogo e economista Xoaquín Díaz de Rábago (1837-1898) que presidirá a Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela ou a primeira sucursal do Banco de España e que será Delegado Rexio da Escola de Artes e Oficios será un dos impulsores deste movemento no noso país.

No comezo do século XXI hai en Galiza máis de mil cooperativas, sendo Vigo e a súa bisbarra a cidade onde se atopan máis. Entre os diferentes tipos de cooperativas destacan polo seu número as de traballo asociado e as agrarias.

As Nacións Unidas declararon o ano 2012 como o Ano Internacional das Cooperativas[1].

Valores cooperativos[editar | editar a fonte]

  • Axuda mutua: é a acción dun grupo para a solución de problemas comúns.
  • Esforzo propio: é a motivación, a forza de vontade dos membros co fin de acadar as metas previstas.
  • Responsabilidade: nivel de desempeño no cumprimento das actividades para a consecución de metas, sentindo un compromiso moral cos asociados.
  • Democracia: toma de decisións colectivas polos asociados (coa participación e o protagonismo) no que se refire á xestión da cooperativa.
  • Igualdade: todos os asociados teñen iguais deberes e dereitos.
  • Equidade: xusta distribución dos excedentes entre os membros da cooperativa.
  • Solidariedade: apoiar, cooperar na solución dos problemas dos asociados, a familia e a comunidade. Tamén promove os valores éticos da honestidade, transparencia, responsabilidade social e compromiso cos demais.

Tipos de cooperativas[editar | editar a fonte]

Aínda que poden facerse distintas clasificacións das cooperativas, normalmente faise con relación ó obxecto que desempeñan. As máis salientables son as seguintes:

Existen tamén algúns tipos máis específicos, como os de cooperativa de explotación comunitaria da terra, cooperativa de servizos públicos, cooperativa de electrificación rural ou cooperativa do mar.

Diferenzas entre empresa cooperativa e empresa capitalista[editar | editar a fonte]

Empresa capitalista Empresa cooperativa
As persoas buscan obter ganancias e beneficiarse uns sobre os outros As persoas buscan dar servizos e o beneficio común
Coas ganancias benefíciase o propietario do capital Coas ganancias benefíciase a prestación de servizos
Principal obxectivo: agrandar as marxes ata facelas o máis proveitoso posible para o capital Principal obxectivo: ofrecer servizos o máis próximos posibles a prezo de custo
O beneficio acadado distribúese entre os accionistas O excedente dispoñible devólvese aos socios en proporción ás súas actividades ou servizos
O capital dirixe, a persoa non A persoa dirixe, o capital non
A persoa non ten nin voz nin voto A persoa ten voz e voto
O número de socios é limitado O número de socios é ilimitado. Poden ser socios todas as persoas que o desexen, segundo os estatutos
Os obxectivos son independentes do socio Os obxectivos son dependentes das necesidades dos socios
Administrada por un número reducido de persoas Gobérnase coa participación de todos os socios
Organízase internamente por medio da competencia Organízase internamente por medio da axuda mutua

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cooperativa