Saltar ao contido

Portal:Celtas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Portal dos celtas

Os celtas son un conxunto de pobos indoeuropeos de Europa identificados polo uso das linguas celtas e outras semellanzas culturais. A historia da Europa precelta e a relación exacta entre os diferentes grupos étnicos, lingüísticos e culturais dentro do espazo celta é tema de debate e controversia. Por outra banda, o alcance xeográfico dos antigos celtas tamén está en disputa; particularmente, se os habitantes da Idade de Ferro de Gran Bretaña e Irlanda deberían ser considerados ou non como celtas. Segundo unha teoría, a orixe común das linguas celtas, a lingua protocelta, xurdiu na cultura dos Campos de Urnas a finais da Idade de Bronce en Europa central, a cal floreceu arredor do ano -1200.

De acordo con outra teoría proposta no século XIX, o primeiro pobo en amosar características culturais consideradas como celtas foi o pobo da cultura de Hallstatt da Idade de Ferro, en Europa central (c. -800 e -450), chamada así polos ricos achados de tumas en Hallstatt, Austria. É por iso que ás veces a zona é coñecida como a "patria celta". Durante o período de La Tène (c. -450 BC até a conquista romana), chamado así polo sitio arqueolóxico de La Tène, en Suíza, esta cultura celta supostamente expandiuse por difusión transcultural ou migración até as Illas Británicas (celtas insulares), Francia e os Países Baixos (galos), Bohemia, Polonia e gran parte de Europa central, a Península Ibérica (celtiberos, célticos, lusitanos e galaicos) e o norte de Italia (cultura de Golasecca e galos cisalpinos) e, posteriormente o asentamento celta en Europa oriental que comezou no ano -279, chegando ao leste até Anatolia central (gálatas) na actual Turquía.

Artigo destacado

editar

O Samaín (do irlandés antigo Samain, pronunciado /ˈsˠaunʲ/) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano. Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor. Atópase a medio camiño entre o equinoccio de outono e o solsticio de inverno. É unha das catro festividades estacionais celtas, xunto co Imbolc, Beltane e Lughnasadh. Historicamente, foi amplamente celebrado en Irlanda, Escocia e a Illa de Man. Festividades semellantes celébranse na mesma época do ano noutros territorios celtas, como as britónicas Calan Gaeaf (en Gales), Kalan Gwav (en Cornualla) e Kalan Goañv (na Bretaña), sendo estas dúas pólas da festividade igual de antigas. En Galicia, é unha celebración que se está a recuperar e promocionar dende a década de 1990, que está baseada na tradición do Día dos Fieis Defuntos, na de tallar caveiras en melóns e cabazas e de vestir como espíritos ou pantasmas.

Crese que o Samaín ten a súa orixe no politeísmo celta e existen evidencias de que foi unha data de importancia dende a antigüidade. Algunhas tumbas de andadeiro neolíticas de Irlanda están aliñadas co amencer na época do Samaín. É mencionado nalgúns textos irlandeses antigos e moitos eventos importantes da mitoloxía irlandesa ocorren ou comezan no Samaín. Era o momento no que o gando baixaba dos pasteiros de verán e era sacrificado durante o inverno. Ó igual que no Beltane, acendíanse fogueiras especiais. Isto era considerado como formas de protección e limpeza e había rituais específicos que implicaban as fogueiras.

Lugar de interese

editar

A Gallaecia foi unha provincia romana do noroeste da Península Ibérica que ía da Lusitania no sur até a Terraconense polo leste. Abranguía o que hoxe é a comunidade autónoma de Galicia, o norte de Portugal e as provincias españolas de Asturias, León e Zamora. As súas capitais estaban en Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga).

Os romanos déronlle o nome de Gallaecia ao noroeste da Península Ibérica polos callaeci, que constituían unha amálgama de pobos máis ou menos celtizados que vivían entre o Douro e o Miño, que os romanos coñecen por vez primeira coa chegada de Décimo Xunio Bruto ao norte do río Douro no 139 a. C. Décimo Xunio Bruto, quen recibiu o sobrenome de Galaicus, continuou a súa expedición cara ao norte, sometendo ós pobos castrexos, ata chegar ó río Limia, considerado o Lethes ou río do esquecemento. Alí vence a superstición e continúa ata o río Miño onde se detivo. Como resultado deste primeiro acercamento o territorio costeiro entre o Douro e o Miño quedou explorado e sometido, mal que ben, a control romano. A partir de entón a sociedade indíxena galaica comeza a recibir influxos romanos, realizando xa intercambios comerciais directamente con Roma.

Artigos de calidade (2)

Artigos bos (0)

Imaxe destacada
...Arquivo
Biografía destacada

editar

Óengus, fillo de Fergus (en picto: *Onuist map Urguist; en irlandés antigo: Óengus mac Fergusso, "Angus mac Fergus"), foi rei dos pictos dende 732 até a súa morte en 761. O seu reinado pode ser reconstruído a partir dos detalles de diferentes fontes.

Óengus converteuse en xefe e rei dos pictos despois dun período de guerra civil a finais da década de 720. Durante o seu reinado, o reino veciño de Dál Riata foi subxugado e o reino de Strathclyde foi atacado con menos éxito. O gobernante máis poderoso de Escocia durante máis de dúas décadas, estivo involucrado en guerras en Irlanda e Inglaterra. Os reis da familia Óengus dominaron as terras pictas até 839, cando unha desastrosa derrota contra os viquingos provocou un novo período de inestabilidade que rematou coa chegada ó poder de Cináed mac Ailpín.

Sabías que...?

editar

Boadicea nun carro de combate.

  • ...que os celtas seguiron a empregar carros para o combate moito tempo despois de que os romanos e os gregos os relegasen a usos cerimoniais?


...Arquivo
Portais relacionados
Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

Wiktionary
Wiktionary

no Galizionario