Portal:Celtas/Biografía destacada/Arquivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aquí están todos as biografías destacadas no portal Celtas de América:

1[editar a fonte]

Breno (en latín: Brennus) foi un líder dos senóns. Derrotou ós romanos na batalla de Alia (18 de xullo de -390). En -387 liderou un exército de galos cisalpinos no seu ataque de Roma e capturou a maioría da cidade, mantendoa durante varios meses. O saqueo de Roma de Breno foi a única vez que a cidade foi ocupada por un exército non romano antes do caída da cidade ante os visigodos en 410.

Despois de cruzar os Apeninos atacou Clusium sen éxito. O val do Clanis permitiulle descender cara ó río Tíber, que cruzou, pasandi polo país dos sabinos e avanzando pola via Salaria cara a Roma. Dispoñía duns 70 000 homes (segundo Diodoro Sículo).

Encontrouse co exército romano na batalla de Alia (Allia) cuns 40 000 homes. Breno, nunha gran manobra, cargou sobre a á dereita romana e arrasouna, derrotando despois a á esquerda; a continuación ben puido avanzar cara a Roma indefensa, pero perdeu unhas horas matando os romanos feridos e despois os soldados durmíronse por estar bébedos, o cal permitiulles ós romanos asegurar o Capitolio.


2[editar a fonte]

Óengus, fillo de Fergus (en picto: *Onuist map Urguist; en irlandés antigo: Óengus mac Fergusso, "Angus mac Fergus"), foi rei dos pictos dende 732 até a súa morte en 761. O seu reinado pode ser reconstruído a partir dos detalles de diferentes fontes.

Óengus converteuse en xefe e rei dos pictos despois dun período de guerra civil a finais da década de 720. Durante o seu reinado, o reino veciño de Dál Riata foi subxugado e o reino de Strathclyde foi atacado con menos éxito. O gobernante máis poderoso de Escocia durante máis de dúas décadas, estivo involucrado en guerras en Irlanda e Inglaterra. Os reis da familia Óengus dominaron as terras pictas até 839, cando unha desastrosa derrota contra os viquingos provocou un novo período de inestabilidade que rematou coa chegada ó poder de Cináed mac Ailpín.


3[editar a fonte]

Mailoc (ou Maeloc) foi un bispo galego de orixe bretoa do século VI. O seu nome aparece entre os prelados participantes no Primeiro Concilio de Lugo, no ano 569, e no Segundo Concilio de Braga, no ano 572, asinando: "Mayloc, Brittinorum eclesiae episcopus”.

Representaría a colonia britana estabelecida, no norte de Galiza, por brito-romanos emigrantes que abandonaran a illa de Bretaña, a actual Gran Bretaña, fuxindo das invasións de anglosaxóns xermánicos, acaecidas entre o século V e o VII. Esta hipótese foi formulada por primeira vez por Filgueira Valverde, se ben no existen fontes documentais que o demostren.

Mailoc figura como bispo da diocese de Britonia, lugar que os expertos identifican habitualmente coa actual parroquia de Santa María de Bretoña, situado no concello lucense da Pastoriza.


4[editar a fonte]

Cadwallon ap Cadfan, finado en 634, foi rei de Gwynedd desde o ano 625, aproximadamente, ata a súa morte en combate. Fillo e sucesor de Cadfan ap Iago, é lembrado principalmente por ser o rei britano que derrotou ao rei anglo Edwin de Northumbria. Posteriormente loitou e morreu na batalla contra o seu sucesor, Oswald de Bernicia. O historiador Beda, escribindo un século despois da morte de Cadwallon, menciona que o poderoso reino de Edwin se estendía ata as illas de Man e Anglesey. Os Annales Cambriae indican que Cadwallon foi cercado en Glannauc (ou Illa Puffin), unha pequena illa o leste de Anglesey, no ano 629. O legado poético galés tamén se refire a Cadwallon como un líder heroico e á súa loita contra Edwin. Relata unha batalla en Digoll (Long Mountain) e que Cadwallon pasou un tempo en Irlanda antes do seu regreso a Britania para derrotar a Edwin


5[editar a fonte]

Conan IV da Bretaña (en bretón: Konan IV Penteur ou Konan Breizh), nado en 1138 e finado o 20 de febreiro de 1171, foi duque da Bretaña (1156 - 1166) e conde de Richmond (1146-1171).

Conan era fillo de Alan da Bretaña e Berta da Bretaña, filla de Conan III da Bretaña, quen designou a Conan IV como o seu herdeiro baixo a rexencia de Eudon de Porhoet, segundo marido de Berta, desherdando por ilexitimidade ao seu fillo Hoel que tras a súa derrota por Eudon ten que se conformar co título de conde de Nantes.

Ao chegar Conan á maioría de idade Eudon négase a deixarlle o poder, Conan colle as armas e aliado de Hoel enfróntase a Eudon, porén tras ser derrotados en 1154 Conan refuxiase en Inglaterra co apoio de Henrique II de Inglaterra quen lle confirma o título e posesións de conde de Richmond, herdado do seu pai. Ademais grazas á axuda militar inglesa volve a Bretaña para se facer co poder, porén a súa condición de vasalo do rei inglés provoca unha revolta dos señores bretóns dirixida por Eudon pero Conan vence e Eudon ten que se refuxiar fóra da Bretaña. Conan IV queda proclamado duque en 1156, aínda así nese ano os nanteses matan a Hoel e proclaman conde a Godofredo Plantagenêt, irmán pequeno de Henrique II.

En 1160, coa benzón do rei de Inglaterra, Conan casou con Margarida Huntingdon, filla de Henrique de Escocia. Constanza naceu pouco tempo despois.

Unha nova revolta dirixida por Eudon de Porhoet déulle a Henrique II o pretexto para intervir na Bretaña co seu exército, obrigou a abdicar a Conan en favor dun dos seus fillos, Godofredo en 1166.


6[editar a fonte]

Owain Glyndŵr (ˈoʊain ɡlɨ̞nˈduːr) ou Owain Glyn Dŵr, nado c. 1349 ou 1359 e finado c. 1415, foi un gobernante galés e o derradeiro nativo en ter o título de Príncipe de Gales (Tywysog Cymru). Instigou unha forte pero non exitosa revolta contra o dominio do Reino de Inglaterra sobre Gales.

Glyndŵr era descendente dos Príncipes de Powys a través do seu pai Gruffudd Fychan II, herdeiro Tywysog de Powys Fadog e Señor de Glyndyfrdwy, e de Deheubarth a través da súa nai Elen ferch Tomas ap Llywelyn. O 16 de setembro de 1400, Glyndŵr instigou Revolta galesa contra o goberno de Henrique IV de Inglaterra. O alzamento foi exitoso ó comezo, e axiña gañou o control de grandes áreas de Gales, pero sufriu por mor da falta de artillaría, que facía que capturar fortificacións fose moi difícil, e de barcos, que facía as súa liña costeira vulnerable. A revolta foi subxugada debido ós recursos superiores dos ingleses. Glyndŵr foi illado no seu último reduto en 1409, pero evitou ser capturado. O último avistamento documentado del data do ano 1412. Rexeitou por dúas veces as ofertas de perdón do seu inimigo militar, o novo rei Henrique V de Inglaterra, e malia as grandes recompensas ofrecidas, Glyndŵr nunca foi traizoado. A súa morte foi gravado por un ex-seguidor seu no ano 1415.


7[editar a fonte]

Kenneth I de Escocia, coñecido na súa época como Cináed mac Ailpín (gaélico moderno: Coinneach mac Ailpein), e tamén pola súa forma anglicizada Kenneth MacAlpin, nado en 810 e finado o 13 de febreiro de 858, foi rei dos pictos e segundo a tradición está considerado o primeiro rei dos escoceses, levando o alcume An Ferbasach ("o Conquistador") e o fundador da dinastía que gobernou Escocia por gran parte do período medieval, e que pasou á monarquía británica.

Designado rei de Dalriada durante catro anos, axudouse da súa condición de fillo de escocés e picto para conquistar o país dos pictos e proclamarse o seu rei tras a destrución do seu reino polos viquingos no ano 843, pero non hai rexistros contemporáneos sobre a súa coroación. Mantivo unido o reino malia os ataques dos anglos en Strathclyde e dos viquingos no norte. A fonte máis importante sobre Kenneth é a Crónica dos reis de Alba de principios do século XI, que abrangue de Kenneth ao remate do século X mentres a data da súa morte procede da Crónica de Irlanda.


8[editar a fonte]

Vercinxetórix, nado c. 82 a. C. e finado en Roma no 46 a. C., era o xefe da tribo gala dos arvernos (situados na actual Auvernia) cando se produciu a invasión das Galias por parte das tropas romanas.

O nome celta Vercinxetórix está composto polo radical ver (o máis), o nome de persoa Cingetos, e o radical rix (rei), significado Cinxetos Rei Supremo. A historia contada por Xulio César di que federou aos pobos galos e aos seus xefes para levar a cabo a resistencia contra os romanos, sendo un dos primeiros xefes en lograr unificar a maioría do pobo galo. Non obstante, tras a derrota fatal da batalla de Alesia, non deu expulsado os exércitos romanos, capitulando finalmente no 52 a. C.


9[editar a fonte]

Boadicea, tamén coñecida como Boudica ou en galés como Buddug, foi raíña da tribo dos icenos, en Britania, unha tribo celta que liderou a rebelión conta as forzas do Imperio Romano.

O home de Boudica, Prasutagus, gobernante dos icenos, gobernou como un aliado independente de Roma, deixando o seu reino ás súas fillas e ó emperador romano no seu testamento; porén, cando morreu, o seu testamento foi ignorado e o seu reino foi anexionado, Boadicea foi azoutada e as súas fillas foron violadas.

No ano 60 ou 61, mentres o gobernador romano, Caio Suetonio Paulino, estaba liderando unha campaña na illa de Anglesey na costa noroeste de Gales, Boadicea revelou ós icenos, ós trinovantes e a outras tribos contra o imperio.


10[editar a fonte]

Arthur Uther Pendragon, nado como John Timothy Rothwell o 5 de abril de 1954, é un activista ecoloxista, líder neodruída moi coñecido nos medios de comunicación xa que se autoproclama como reencarnación do Rei Artur.

Pendragon naceu no seo dunha familia de clase obreira e seu pai era sarxento do exército británico, onde se alistou el tamén ata que se lesionou nun salto de paracaídas, debido a seu gusto polas motos rematou sendo xefe dunha banda de moteiros (coñecida como os sepultureiros) e nos 80 mudou o seu nome polo do nome do rei Artur (conformado mediante o nome Artur seguido do nome do pai do rei Artur, Uther Pendragon, como seus apelidos) sendo coroado a finais dos 90 como rei druída polos representantes doutras cinco ordes neodruídas.

Arthur Uther Pendragon comezou a ser coñecido en todo o Reino Unido debido ás súas protestas ante o monumento de Stonehenge para que o goberno abrise o lugar ao público nas datas dos solsticios e equinoccios mediante campañas de presión, acampadas de protesta etc conseguindo que Patrimonio abrise o monumento en 1999. En 2011 encetou unha batalla legal para que os restos humanos de enterramentos prehistóricos do lugar fosen soterrados en canto rematasen as investigacións sobre eles e que non se exhibisen no centro de visitas, foi detido máis de 30 veces por defender os seus propios puntos de vista fronte á burocracia estatal conseguindo que lle permitiran vestir no cárcere preventivo a súa túnica neodruída ao negarse a vestir o uniforme da cadea.