Portal:Celtas/Lugar de interese/Arquivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aquí están todos os lugares de interese destacados no portal Celtas:

1[editar a fonte]

Dumnonia é o nome latinizado dun reino ou conxunto de sub-reinos britanos da Britania posromana que existiu entre o século IV e o século VIII d.C., na península hoxe coñecida como Cornualla. Incluía a área coñecida posteriormente como Devon, así como partes de Somerset e, posiblemente, Dorset. A súa fronteira oriental estaba suxeita a continuos cambios.

Interprétase xeralmente que incluía "Cornubia" ou Cornualla, aínda que o reino de Cornualla estaba poboado por unha subtribo, os cornovii, que aparentemente posuíron un alto grao de independencia que mantiveron mesmo despois de que outras zonas de Dumnonia caesen baixo control anglosaxón, entre os séculos VII e X d.C.

O nome do reino procede dos Dumnonii, unha tribo celta britónica que habitaba xa o suroeste da illa cando os romanos chegaron a Britania, de acordo coa Geographia de Claudio Tolomeo. Variacións do nome Dumnonia inclúen “Domnonia” e “Damnonia”, sendo acuñado este último por San Gildas no século VI d.C., facendo un xogo de palabras coa expresión latina “damnum”, que significa condenación. Era un xeito un tanto xocoso de manifestar a negativa opinión que lle merecía o entón gobernante do reino, Constantino de Dumnonia. O nome ten orixes etimolóxicas na raíz protocéltica “*dumno-“, que significa tanto “fondo” como “mundo”. Outras tribos con nomes similares existiron en Escocia (Damnonii) e Irlanda (Fir Domnann). Posteriormente, a área empezou a ser coñecida polos anglos do veciño Wessex como o reino de Gales Occidental, e chamaron ós seus habitantes “Defnas” (xente de Dumnonia). En galés antigo, e de xeito similar, en britónico suroccidental, a expresión utilizada era “Dyfneint”, que sobreviviu no nome do condado de Devon (galés moderno: “Dyfnant”, córnico: “Dewnans”).


2[editar a fonte]

A Gallaecia foi unha provincia romana do noroeste da Península Ibérica que ía da Lusitania no sur até a Terraconense polo leste. Abranguía o que hoxe é a comunidade autónoma de Galicia, o norte de Portugal e as provincias españolas de Asturias, León e Zamora. As súas capitais estaban en Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga).

Os romanos déronlle o nome de Gallaecia ao noroeste da Península Ibérica polos callaeci, que constituían unha amálgama de pobos máis ou menos celtizados que vivían entre o Douro e o Miño, que os romanos coñecen por vez primeira coa chegada de Décimo Xunio Bruto ao norte do río Douro no 139 a. C. Décimo Xunio Bruto, quen recibiu o sobrenome de Galaicus, continuou a súa expedición cara ao norte, sometendo ós pobos castrexos, ata chegar ó río Limia, considerado o Lethes ou río do esquecemento. Alí vence a superstición e continúa ata o río Miño onde se detivo. Como resultado deste primeiro acercamento o territorio costeiro entre o Douro e o Miño quedou explorado e sometido, mal que ben, a control romano. A partir de entón a sociedade indíxena galaica comeza a recibir influxos romanos, realizando xa intercambios comerciais directamente con Roma.


3[editar a fonte]

Dalriada ou Dál Riata foi o reino da tribo dos escotos existente no norte de Irlanda e na costa oeste de Escocia desde a fin do século V ata mediados do século IX. O derradeiro rei de Dalriada, Kenneth MacAlpin conseguiu unificar o seu reino co dos veciños pictos dando lugar ao reino que sería coñecido a partir de entón como Alba ou Escocia.

Tradicionalmente considérase que na fin do turbulento século V, mentres o Imperio Romano de Occidente sucumbía ante a presión dos pobos bárbaros, un extenso clan irlandés chamado Dalriada ocupaba a costa oeste da actual Escocia (onde actualmente está o Condado de Argyll) e establecía un reino. Os dalriadanos proviñan do norte da Irlanda, do Ulster e máis precisamente do Reino de Oriel. Os romanos chamaban escotos aos piratas e saqueadores de orixe irlandesa que falaban gaélico, de onde se explica porque os dalriadanos serían coñecidos posteriormente por este nome latino, que sería a orixe etimolóxica da denominación de Escocia.


4[editar a fonte]

Irlanda celta ou Irlanda gaélica corresponde á orde política establecida na illa de Irlanda ata a conclusión da reconquista Tudor de Irlanda. Durante a maior parte deste período, Irlanda foi un mosaico de clans e tribos organizados en torno a catro provincias históricas e que competían continuamente polo control do territorio e os recursos.

A finais do século XII produciuse a coñecida invasión normanda, que situaría a unha parte importante da illa baixo o control da nobreza cambro-normanda. Esta área controlada polos invasores recibiría o nome de Señorío de Irlanda. Porén, durante os séculos seguintes, a Irlanda gaélica recuperaría terreo, ben mediante a conquista, ben mediante a asimilación cultural dos acabados de chegar. A finais do século XV, unicamente unha pequena franxa de terreo en torno a Dublín (coñecida como "Pale") quedaba fóra da influencia gaélica.

Porén, o acceso ó poder da dinastía Tudor en Inglaterra provocaría unha serie de campañas militares para someter a resistencia da nobreza gaélica. En 1541, o Señorío de Irlanda transformouse no Reino de Irlanda, cuxa coroa recaía no rei de Inglaterra e a posterior "Fuga dos Condes" en 1607, significaría a fin da reconquista Tudor da illa e da Irlanda celta propiamente dita.


5[editar a fonte]

A diocese de Britonia (tamén chamada de Bretoña) foi unha antiga división episcopal da Gallaecia, e na actualidade é unha sé titular da Igrexa católica. A diocese de Britonia debeu ser fundada por bretóns insulares, os primitivos bretóns ou britanos, como habitantes da illa de Bretaña, a actual Gran Bretaña. Compelidos polas invasións anglosaxoas, grupos xermanos que desembarcan na Gran Bretaña, comunidades bretoas abandonan a illa entre o século IV e VII, dirixíndose basicamente ás costas galas, onde se asentan na península de Armórica, que acabará por tomar o nome actual de Bretaña, a consecuencia deste poboamento.

É indubidábel que se dirixiran tamén para outras partes. Certos grupos deberon chegar até as costas setentrionais galegas, onde se organizaron en comunidades, e onde introduciron a a súa peculiar organización relixioso-cristiá algo diferente. Os toponimistas non dubidan en identificar os seus asentamentos cos varios lugares denominados Bretoña na Galiza, á parte do da Pastoriza: Bretoña (Barro), Bertonía, Bertoña etc.

Tamén o nome propio do bispo Mailoc é de ascendencia celta-insular, relacionado con diferentes variantes, Maeloc, Maedoc ou Mailog, co significado de príncipe ou xefe.


6[editar a fonte]

A Bretaña (en bretónBreizh[bʁɛjs] ou [bʁɛχ] (AFI); en galóBertaèyn[bəʁ.taɛɲ] (AFI); en francésBretagne[bʁə.taɲ] (AFI)fr-Bretagne.ogg escoitar), é unha rexión xeográfica e cultural que se atopa nunha península no extremo noroeste de Francia. Nos tempos do Imperio Romano a rexión era coñecida co nome de Armórica, aínda que posteriormente chegou a ser un reino independente e tamén un ducado, antes de pasar a ser unha provincia do Reino de Francia en 1532, gobernada como se fose unha nación separada dentro da coroa. A península limita co canal da Mancha ao norte, o mar Céltico e o océano Atlántico ao oeste, e o golfo de Biscaia ao sur. Ten unha superficie de 34 023 km².

A provincia histórica da Bretaña está hoxe en día dividida en cinco departamentos: Finistère, Côtes-d'Armor, Ille e Vilaine, Loira Atlántico e Morbihan. Dende a reorganización de 1956, a actual rexión administrativa da Bretaña só abrangue catro dos cinco departamentos bretóns, mentres que o departamento do Loira Atlántico pertence á rexión dos Países do Loira. A súa reunificación administrativa é obxecto de debate.

Segundo o censo de 2010, a poboación da Bretaña era de 4 475 295 persoas, das que o 71% viven na rexión da Bretaña e o 29% no departamento do Loira Atlántico. No ano 2012, as áreas metropolitanas máis grandes eran a de Nantes (897 713 habitantes), Rennes (690 467 habitantes) e Brest (314 844 habitantes). A Bretaña é a nación tradicional do pobo bretón e está recoñecida pola Celtic League como membro das Nacións celtas. Existen movementos nacionalistas que reclaman máis autonomía e a reunificación dos departamentos bretóns.


7[editar a fonte]

A antiga Galacia (grego Γαλατία) foi unha área das terras altas da península de Anatolia, na moderna Turquía. Galacia recibe o nome dos invasores galos chegados dende Tracia, que se estableceron alí e se converteron na caste dominante no século III a.C., seguindo a invasión celta dos Balcáns no 279 a.C.. Tamén foi chamada a "Galia" do leste, xa que os historiadores romanos chamaron ós seus habitantes Galli (Galo ou Celta). Os termo gálatas é un exónimo, e o termo co que se denominaban a si mesmos é descoñecido.

Galacia estaba delimitada ó norte por Bitinia e Paflagonia, ó leste por Ponto e Capadocia, ó sur por Cilicia e Licaonia, e ó oeste por Frixia. A súa capital era Ancyra (i.e. Ancara, a capital de Turquía).


8[editar a fonte]

O reino de Gwynedd (pr. [ˈɡwɪnɛð]) é un dos pequenos reinos que formaban Gales na Idade Media. Xurdiu no século V na Britania posromana. Tiña a súa base nas antigas terras britanas de tribos celtas como ordovicos, ganganos e os deceanglos, colectivamente coñecidas como Venedotia nos documentos romano-británicos tardíos. Entre os séculos V e XIII, Gwynedd creceu ata incluír Anglesey e todo Gales do Norte entre o río Dyfi no sur e o río Dee (en galés, Dyfrdwy) no nordés. O mar de Irlanda (Môr Iwerddon) baña as costas de Gwynedd polo oeste e o norte, mentres que as terras que foron parte do Reino de Powys limitan con Gwynedd ao sueste.

Parte da forza de Gwynedd residía en parte na montañosa xeografía da rexión, que facía difícil para os invasores acampar e impor a súa vontade efectivamente. Unha tradición popular atribuída a Nennio, un cronista galés do século X, atribúe a fundación de Gwynedd a Cunedda. Segundo Nennio, Cunedda migrou cos seus fillos e simpatizantes desde a rexión celta de Lothian, ao sur de Escocia, no século V.

A corte principal de Gwynedd atopábase orixinalmente en Deganwy, onde estaba a fortaleza de Maelgwn Gwynedd (morto en 547). A liña principal de descendentes de Rhodri o Grande convertería a Aberffraw en Ynys Mon na súa principal sede ata 1170, mentres que os gobernantes posteriores de Gwynedd adoptarían o título de "Príncipe de Aberffraw" ou "Señor de Snowdon". No século XIII Llywelyn Fawr, o seu fillo Dafydd ap Llywelyn e o seu neto Llywelyn ap Gruffydd terían o seu fogar en Abergwyngregyn na costa norte.


9[editar a fonte]

A Galia (Gallia en latín) é o conxunto de territorios ocupados polos galos, pobos denominados así polos romanos, e que corresponden coas actuais Francia, Bélxica e parte de Suíza, así como terras dos actuais Países Baixos e Alemaña situadas ao oeste do río Rin. A palabra galo refírese habitualmente aos habitantes celtas desa rexión nos tempos antigos e foi empregada principalmente polos romanos, que moi raras veces chamaban celtas a este conxunto de tribos diversas. O xentilicio conservouse a través dos tempos soamente na extensión de terras que hoxe compoñen a República francesa e aínda hoxe se continúa chamando galos aos franceses, e de feito Gallia é o nome de Francia en grego moderno.

Na Galia Central vivían os celtas que eran, con moito, os máis importantes poboadores da Galia, tanto en número como en extensión territorial. Non formaban unha nación en conxunto, nin tiñan xefe común. Hábiles loitadores, mellores metalúrxicos e ourives, só tiñan un elemento que os unía e ese era a relixión. Esta desunión era decote aproveitada polos seus veciños, as tribos xermánicas, e foi o elemento esencial para a súa conquista polos romanos.

Os galos estendéronse por toda Europa en tempos romanos, falando unhas linguas celtas que diverxeran en dous grupos. Ademais dos galos da actual Francia, outros estabelecéranse entre os séculos IV e III a.C. nas chairas do norte de Italia, na provincia que os romanos coñecían como Galia Cisalpina, ("Galos deste lado dos Alpes") Venetia e Istria.


10[editar a fonte]

Os celtas en Transilvania apareceron no período tardío da Cultura de La Tène (século -IV).

A escavación da gran necrópole de Apahida, Condado de Cluj, por S. Kovacs a comezos do século XX, revelou as primeiras evidencias da cultura celta en Romanía. O asentamento, que data entre o século -III e -II, é notable polos seus enterramentos de cremación e, sobre todo polos os vasos funerais.

A historia cronolóxica dos celtas de Transilvania pode ser investigada a partir dos achados arqueolóxicos de La Tène, pero case non hai rexistros antigos que permiten a reconstrución dos acontecementos políticos na zona. Os celtas exerceron goberno político-militar sobre Transilvania entre o século -IV e -II, e trouxeron con eles unha tecnoloxía máis avanzada, o ferro. Eles foron os responsables da difusión do roda de oleiro nunha área moito máis ampla da que ocupaban.