Óengus I

Este é un artigo de calidade da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Óengus I
Rei dos pictos
A figura do Antigo Testamento que amosa o rei David matando un león no sartego de St Andrews crese que representa o rei Óengus. A figura está vestida como un emperador romano da antigüidade tardía e leva unha fíbula como a do emperador Xustiniano I no mosaico da Basílica de San Vital de Rávena.[1]

Reinado732–761
Falecemento761
SepulturaSt Andrews
PredecesorNechtan mac Der-Ilei
SucesorBridei V
DescendenciaBridei
Talorgan
Casa realCasa de Óengus
ProxenitoresFergus

Na rede
WikiTree: Mac_Fergusa-3

Óengus, fillo de Fergus (en picto: *Onuist map Urguist;[2] en irlandés antigo: Óengus mac Fergusso, "Angus mac Fergus"), foi rei dos pictos dende 732 até a súa morte en 761. O seu reinado pode ser reconstruído a partir dos detalles de diferentes fontes.

Óengus converteuse en xefe e rei dos pictos despois dun período de guerra civil a finais da década de 720. Durante o seu reinado, o reino veciño de Dál Riata foi subxugado e o reino de Strathclyde foi atacado con menos éxito. O gobernante máis poderoso de Escocia durante máis de dúas décadas, estivo involucrado en guerras en Irlanda e Inglaterra. Os reis da familia Óengus dominaron as terras pictas até 839, cando unha desastrosa derrota contra os viquingos provocou un novo período de inestabilidade que rematou coa chegada ó poder de Cináed mac Ailpín.

Fontes e antecedentes[editar | editar a fonte]

As fontes pictas da época son moi escasas, limitadas a listas de reis, sendo a lista orixinal creada a comezos da década de 720,[3] e algunhas fontes relacionadas coa fundación de St Andrews, daquela chamada Cennrígmonaid. Alén do reino dos pictos, as principais fontes son os anais irlandeses, dos cales os Anais do Ulster e os Anais de Tigernach son as máis fiables. Estes inclúen materiais dun anal mantido no mosteiro de Iona, en Escocia. Óengus e os pictos aparecen de xeito ocasional nas fontes galesas, como os Annales Cambriae, e máis frecuentemente nas fontes de Northumbria, das cales a Continuación da Crónica de Beda e a Historia Regum Anglorum atribuída a Simeón de Durham son as máis importantes.[4]

Principais actores políticos no norte de Gran Bretaña arredor de 740.

Os pictos foron un dos catro grupos políticos do norte de Gran Bretaña a comezos do século VIII. O reino picto abranguía dende o río Forth cara ó norte, incluíndo as Orcadas, as Shetland e as Hébridas Exteriores. Antes da era viquinga, o principal poder na terra dos pictos semellou ser o reino de Fortriu. Importantes lugares de Fortriu foron Burghead e Craig Phádraig, preto de Inverness. Semella que os pictos tiveron só un bispo con sede en Rosemarkie.[5][6][7][8][9]

Dende o río Forth cara ó sur até o río Humber estendíase Northumbria. Outrora a forza dominante de Gran Bretaña, seguía a ser un poderoso reino, mais a fin da antiga dinastía de reis coa morte de Osric en 729 levou a un conflito entre familias rivais polo trono. O crecemento do poder do reino de Mercia no sur supuxo un problema máis para os reis de Northumbria. Durante a meirande parte do reinado de Óengus, Northumbria foi gobernado polo rei Eadberht.[10]

Cara ó suroeste dos pictos estaban os gaels de Dál Riata, onde o reinado estaba disputado entre Cenél Loairn do norte de Argyll e Cenél nGabráin de Kintyre. En 723, Selbach mac Ferchair abdicou como xefe de Cenél Loairn e rei de Dál Riata en favor do seu fillo Dúngal, quen foi expulsado como rei de Dál Riata por Eochaid mac Echdach de Cenél nGabráin en 726. Dúngal e Eochaid estaban aínda en conflito a finais do ano 731, cando Dúngal queimou Tarbert.[11]

A historia do cuarto grupo, os britanos de Alt Clut, posteriormente o reino de Strathclyde, deixou pouca pegada nos rexistros. O rei Teudebur map Beli gobernou dende Dumbarton Rock dende 722 até a súa morte en 752, intre no cal o sucedeu o seu fillo Dumnagual.[12][13]

Suba ó poder[editar | editar a fonte]

As xenealoxías irlandesas falan de Óengus como membro Eóganachta de Munster, descendente de Coirpre Cruthnechán ou "Cairbre o pequeno picto", unha emanación mitolóxica ou dobre de Coirpre Luachra mac Cuirc,[14] fillo lendario de Conall Corc,[15] e devanceiro de Eóganacht Locha Léin, gobernantes do reino de Iarmuman. A póla da parentela da que provén, coñecida nos anais como Eoghanachta Magh Geirginn, dicíase que estaba localizada nunha área coñecida como Circinn, usualmente asociada cos modernos Angus e Mearns.[16][17] Os seus primeiros anos de vida son descoñecidos; Óengus era un home de mediana idade cando entrou na historia.[18] Os seus parentes máis achegados inclúen cando menos dous fillos, Bridei (finado en 736) e Talorgan (finado en 782), e dous irmáns, Talorgan (finado en 750) e Bridei (finado en 763).[19][20]

O rei Nechtan, fillo de Der-Ile abdicou para entrar nun mosteiro en 724 e foi encarcerado polo seu sucesor Drest en 726. En 728 e 729, catro reis competiron polo poder no reino dos pictos: Drest; Nechtan; Alpín, do cal se coñece moi pouco; e por último Óengus, que era partidario de Nechtan, e quizais o seu herdeiro recoñecido.[21]

Libráronse catro batallas en 728 e 729, grandes de abondo para ser rexistradas en Irlanda. Alpín foi derrotado dúas veces por Óengus, despois do cal Nechtan recuperou o poder. En 729, desatouse unha batalla entre os partidarios de Óengus e os inimigos de Nechtan en Monith Carno (tradicionalmente Cairn o' Mount, preto de Fettercairn) onde os homes de Óengus saíron vitoriosos. Nechtan restaurou o seu reinado probablemente até a súa morte no ano 732.[22] O 12 de agosto de 729, Óengus derrotou e asasinou a Drest en batalla en Druimm Derg Blathuug, un lugar que non foi identificado.

Conflito con Dal Riata[editar | editar a fonte]

Imaxe satélite do norte da illa de Gran Bretaña e da illa de Irlanda, amosando a área aproximada de Dál Riata.

Na década de 730, Óengus loitou contra Dál Riata, cuxos tradicionais señores e protectores de Irlanda, os Cenél Conaill, estaban daquela debilitados. Unha frota de Dál Riata loitou a prol de Flaithbertach mac Loingsig, xefe dos Cenél Conaill, na súa guerra contra Áed Allán dos Cenél nEógan, e sufriu graves perdas en 733.[18][23] Dál Riata estaba gobernada por Eochaid mac Echdach dos Cenél nGabráin, que morreu en 733, as listas de reis non son claras sobre quen o sucedeu, se é que alguén o fixo. Os Cenél Loairn do norte de Argyll estaban gobernados por Dúngal mac Selbaig, en quen Eochaid depositara o reinado de Dál Riata na década de 720.

A loita entre os pictos, liderados polo fillo de Óengus, Bridei, e Dál Riata, liderada por Talorgan mac Congussa, está rexistrada no ano 731. En 733, Dúngal mac Selbaig "profanou [o santuario] da illa Tory cando sacou a Bridei de alí". Dúngal, previamente deposto como rei de Dál Riata, foi derrocado como rei dos Cenél Loairn e substituído polo seu curmán Muiredach mac Ainbcellaig.[24]

En 734, Talorgan mac Congussa foi entregado ós pictos polo seu propio irmán e morreu afogado por eles.[25] Talorgan, fillo de Drostan foi capturado preto de Dún Ollaigh. Semella que foi rei de Atholl, e foi afogado por orde de Óengus en 739.[26][27] Dúngal tamén foi un obxectivo ese mesmo ano. Resultou ferido, a torre non identificada de Dún Leithfinn foi destruída, e "fuxiu cara a Irlanda, para estar fóra do poder de Óengus".[28]

Os anais detallan unha segunda campaña de Óengus contra Dál Riata en 736. Dúngal, que regresara de Irlanda, e o seu irmán Feradach, foron capturados e postos en cadeas. As fortificacións de Creic e Dunadd foron tomadas. Muiredach, dos Cenél Loairn, foi derrotado con grandes perdas polo irmán de Óengus, Talorgan mac Fergusa, quizais no lago Awe. Unha campaña final en 741 tivo como resultado unha nova derrota de Dál Riata. Isto quedou rexistrado nos Anais do Ulster como Percutio Dál Riatai la h-Óengus m. Forggusso, a "ferida de Dál Riata por Óengus, fillo de Fergus".[29] Por mor destes sucesos, Dál Riata desaparece das fontes durante unha xeración.[30][31][32][33]

Óengus puido estar involucrado en guerras en Irlanda, quizais loitando con Áed Allán, ou contra el como aliado de Cathal mac Finguine.[34] As evidencias desta participación son limitadas. Están a presenza de Bridei, fillo de Óengus, na illa Tory, na costa noroeste de Donegal en 733, preto das terras do inimigo de Áed Allán, Flaithbertach mac Loingsig. Con menos certeza, os Anais fragmentarios de Irlanda mencionan a presenza dunha frota picta de Fortriu loitando para Flaithbertach en 733.[18][35][36]

Alt Clut, Northumbria e Mercia[editar | editar a fonte]

En 740, está rexistrada unha guerra entre os pictos e Northumbria, durante a cal Æthelbald, rei de Mercia, tomou a vantaxe da ausencia de Eadberht de Northumbria para estragar as súas terras, e se cadra queimar York.[37] A razón desta guerra non está clara, pero suxeriuse que estivo relacionada co asasinato de Earnwine, fillo de Eadwulf por orde de Eadberht. O pai de Earnwine estivera en exilio no norte despois da súa derrota na guerra civil de 705–706, e puido ocorrer que Óengus, ou Æthelbald, ou ambos, tentaran poñelo no trono de Northumbria.[38]

Igrexa de Escomb, no condado de Durham. As igrexas de pedra construídas por Nechtan, e quizais a igrexa de St Andrews de Óengus, puideron ter sido semellantes.[39]

As batallas entre os pictos e os britanos de Alt Clut, ou Strathclyde, están rexistradas nos anos 744 e 750, cando Kyle, en Alt Clut, foi tomada por Eadberht de Northumbria. A batalla de 750 entre os britanos e os pictos tivo lugar nun sitio chamado Mocetauc (quizais Mugdock, preto de Milngavie) na cal morreu Talorgan mac Fergusa, irmán de Óengus.[40][41] Despois da derrota de 750, os Anais do Ulster rexistran "a diminución da soberanía de Óengus".[42] Isto debeuse á chegada ó poder de Áed Find, fillo de Eochaid mac Echdach, en toda ou parte de Dál Riata, e o seu rexeitamento do goberno de Óengus.[43][44][45]

Ademais da narración directa dos ataques de Dál Riata, ofrecéronse gran número de interpretacións das relacións entre Óengus, Eadberht e Æthelbald no período dende 740 até 750. Unha desas interpretacións suxire que Óengus e Æthelbald eran aliados contra Eadberht, ou mesmo que exercían un dominio conxunto de Gran Bretaña, ou unha bretwalda, é dicir, Óengus recollía os tributos ó norte do Humber e Æthelbald ó sur. Isto baséase principalmente nunha confusa pasaxe da Historia Regum Anglorum de Simeón de Durham, e polo xeral considérase que a interpretación ofrecida por Frank Stenton (que está baseada nun erro textual e en que Óengus e Æthelbald non estaban relacionados en ningunha clase de reinado conxunto) é a correcta.[41][43]

En 756, Óengus atópase en campaña xunto con Eadberht de Northumbria. A campaña é relatada como segue a continuación:

No ano da encarnación do Señor 756, o rei Eadberht no ano dezaoito do seu reinado, e Unust, rei dos pictos, lideraron os seus exércitos á vila de Dumbarton. E polo tanto, os britanos aceptaron alí os seus termos, o primeiro día do mes de agosto. Mais o décimo día do mesmo mes, pereceu case todo o exército que liderou dende Ouania até Niwanbirig.[46]

Existen certezas razoables de que Ouania sexa Govan,[47][48] mais a localización de Newanbirig non as ten. Malia que existen moitos Newburghs, Newburgh-on-Tyne, preto de Hexham, é a localización preferida.[49] Unha intepretación alternativa dos eventos de 756 identifica Newanbirig con Newborough, preto de Lichfield, no reino de Mercia. Unha derrota de Eadberht e Óengus nese lugar polas tropas de Æthelbald correspondería coa lenda da fundación de Saint Andrews, segundo a cal un rei chamado Óengus, fillo de Fergus, fundou unha igrexa para agradecer a André Apóstolo por telo salvado despois da derrota en Mercia.[50][51]

Culto de Saint Andrew[editar | editar a fonte]

O sartego de St Andrews.

A historia da fundación de St Andrews, orixinalmente Cennrígmonaid, non é contemporánea e pode conter moitas invencións. Os anais irlandeses falan da morte de "Tuathalán, abade de Cinrigh Móna", en 747, dando por certo o dato de que St Andrews foi fundada antes desa data, probablemente por Óengus ou por Nechtan, fillo de Der-Ilei.[34][52][53][54][55] Está xeralmente aceptado que o sartego de St Andrews foi creado por orde de Óengus.[34][56][57][58] As xeracións posteriores puideron confundir este rei Óengus co rei homónimo do século IX.[59][60] A escolla de David como modelo é, segundo Alex Woolf, certamente axeitada: David tamén foi un usurpador.[61]

O culto de André Apóstolo puido chegar ó reino dos pictos dende Northumbria, como o culto de San Pedro que foi favorecido por Nechtan, e en particular dende o mosteiro de Hexham que estaba dedicado a Santo André. Esta aparente conexión coa igrexa de Northumbria puido ter deixado un rexistro histórico. Óengus, como os seus sucesores e posibles parentes Caustantín e Eógan, aparece rexistrado en Liber Vitae Ecclesiae Dunelmensis, unha lista de 3000 benfeitores para os que se dicían oracións en institucións relixiosas conectadas con Durham.[62][63][64]

Morte e legado[editar | editar a fonte]

Óengus morreu no ano 761, "probablemente con máis de 70 anos, ... sendo a figura dominante na política do norte de Gran Bretaña".[65] A súa morte está rexistrada no estilo breve típico dos analistas, agás polo continuador de Bede en Northumbria, posiblemente confiando nunha fonte de Dál Riata, quen escribiu:

Óengus, rei dos pictos, morreu. Dende o comezo do seu reinado até o final perpetrou crimes sanguentos, coma un asasino tiránico.[66][67][68][69]

A lista de reis da crónica picta conta que foi sucedido polo seu irmán Bridei. O seu fillo Talorgan tamén foi rei despois, e é o primeiro fillo dun rei picto que se sabe que se converteu tamén en rei.[70][71]

O seguinte poema irlandés do século IX do Libro de Leinster está asociado con Óengus:[16]

Fó sén dia ngab Óengus Alpain,
Alpu thulchach trethantríathach;
tuc do chaithrib costud clárach,
cossach lámach lethanscíathach.
Bo o día no que Óengus tomou Alba,
a montañosa Alba cos seus fortes xefes;
trouxo a batalla ás cidades empalizadas,
cos pés, coas mans, cos amplos escudos.

Unha avaliación do reinado de Óengus é problemática, xa que as fontes analíticas achegan moi pouca información de Escocia nas seguintes xeracións. Os seus aparentes lazos irlandeses engádense á longa lista de argumentos que defenden a idea de que a "gaelización" do leste de Escocia comezou na época de Cináed mac Ailpín; de feito, hai boas razóns para crer que o proceso comezou antes do reinado de Óengus.[73][74] Moitos dos reis pictos até a morte de Eóganan mac Óengusa en 839, pertenceron á familia de Óengus, en particular os fillos de Fergus Caustantín e Óengus.[61][75][76]

A cantidade de información que sobreviviu sobre Óengus comparada con outros reis pictos, a natureza e o alcance xeográfico das súas accións e a duración do seu reinado fan que o rei Óengus sexa un dos gobernantes máis salientables da Idade Escura insular.[77]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase (Charles-Edwards 2000), (Yorke 2006, pp. 236–237) e (Henderson 1998, pp. 105ff). Para imaxes semellantes, véxase (Henderson & Henderson 2004, pp. 130–132).
  2. (Forsyth 2000)
  3. (Anderson 1980, pp. 88–102)
  4. Moitas das fontes están recollidas en Early Sources of Scottish History (ESSH) e Scottish Annals from English Chroniclers (SAEC), editadas por Alan Orr Anderson.
  5. A comezos do século VIII, os bispos foron Curetán, Fergus e Brecc.
  6. (Anderson 1990, p. 221)
  7. (Yorke 2006, pp. 153–155)
  8. Mencións ó norte de Gran Bretaña poden atoparse en D. W. Harding, The Iron Age in Northern Britain: Celts and Romans, Natives and Invaders (2004), e Leslie Alcock, Kings & Warriors, Craftsmen & Priests in Northern Britain AD 550–850 (2003).
  9. (Foster 2004) excluíndo o sur de Escocia e o norte de Inglaterra.
  10. Estudos sobre Northumbria inclúen Northumbria, 500–1100: Creation and Destruction of a Kingdom de David Rollason (2003), e The Kingdom of Northumbria AD 350–1100 de Nick Higham (1993).
  11. John Bannerman, Studies in the History of Dalriada (1974), segue a ser o traballo estándar sobre Dál Riata.
  12. (Anderson 1990, pp. 240–241 & 243)
  13. "Rotri, rei dos britanos", cuxa morte está rexistrada nos Annales Cambriae s.a. 754, foi identificado frecuentemente como rei de Alt Clut, pero este rexistro refírese en realidade a Rhodri Molwynog ap Idwal, rei de Gwynedd.
  14. (Byrne 2001, pp. 193–194, 291)
  15. Un ciclo temperán de relatos conta que Conall Corc viaxou ó reino dos pictos e tomou como a súa primeira muller á filla do rei dos pictos, de alí o epíteto de Coirpre. En calquera caso, os contactos entre Escocia e a afastada Munster son coñecidos dende os primeiros tempos. Dicíase que os primeiros Dál Riata vivían en Munster Occidental (Iarmuman) antes de emigrar ao Ulster e ó oeste de Escocia.
  16. 16,0 16,1 (Forsyth 2000, pp. 27–28)
  17. A xenealoxía aparece no manuscrito Rawlinson B 502, ¶1083.
  18. 18,0 18,1 18,2 (Woolf 2005, p. 36)
  19. (Yorke 2006, pp. 49–50, 54 & 288–289)
  20. (Anderson 1990, p. 253, note 2)
  21. Para os eventos entre 724 e 729, véxase (Anderson 1990, pp. 221–227). Para Óengus como partidario de Nechtan, (Henderson 1998, pp. 155–156) e (Woolf 2005, p. 36).
  22. (Woolf 2006a)
  23. (Anderson 1990, pp. 229–230)
  24. (Anderson 1990, pp. 227–229)
  25. (Anderson 1990, p. 232 & corrigenda, p. xviii)
  26. Talorgan estaba relacionado con Nechtan, e chamado irmán del no ano 713, o que podería referirse a que eran medio irmáns, irmán adoptivo ou cuñado.
  27. (Anderson 1990, pp. 214, 236)
  28. (Anderson 1990, p. 232)
  29. AU 741.10
  30. (Anderson 1990, pp. 182, 232–238)
  31. (Woolf 2005, pp. 36–37)
  32. (Anderson 1980, pp. 184–186)
  33. Descoñécese quen liderou Dál Riata en 741: os fillos de Fiannamail ua Dúnchado mencionados polos Anais do Ulster poden non ter relación, e a mención de Alpín, fillo de Crup, ás veces considerado a mesma persoa que o Alpín derrocado en 729, pode estar fóra de lugar.
  34. 34,0 34,1 34,2 (Woolf 2002)
  35. (Anderson 1990, pp. 227–228)
  36. Como xa se comentou, a maioría de anais irlandeses din que Flaithbertach foi apoiado por unha frota dende Dál Riata.
  37. (Anderson 1908, pp. 55–56)
  38. (Woolf 2005, p. 37). Para Earnwine, véxase (Kirby 1991, p. 150), (Yorke 1990, p. 90)
  39. (Foster 2004, p. 89)
  40. (Anderson 1990, pp. 238–239)
  41. 41,0 41,1 (Anderson 1908, p. 56)
  42. (Anderson 1990, p. 240)
  43. 43,0 43,1 (Woolf 2005, p. 38)
  44. (Anderson 1980, pp. 186–187)
  45. A entrada para o ano 752 nos Anais de Tigernach, rexistrando "a batalla de Asreth en Circinn", crese que está fóra de lugar.
  46. (Forsyth 2000, p. 29); véxase tamén (Anderson 1908, p. 57).
  47. (Forsyth 2000, pp. 29–30)
  48. (Woolf 2005, p. 39)
  49. (Kirby 1991, p. 150)
  50. (Woolf 2005, pp. 39–40).
  51. Esta versión da lenda fundacional de St Andrews aparece en (Anderson 1980, pp. 258–260).
  52. (Anderson 1990, p. 238)
  53. (Forsyth 2000, pp. 21–22)
  54. (Foster 1998, pp. 42–43)
  55. O máis recente estudo, (Yorke 2006), favorece a "Óengus".
  56. (Henderson 1998, pp. 155–156)
  57. (MacLean 2000, pp. 200–201)
  58. Está menos claro de quen son os restos que contén. Woolf e (MacLean 2000) defenden que conteñen a Óengus, mentres que Henderson está a favor de Nechtan mac Der Ilei. Clancy, defende que son restos do século IX de "Caustantín".
  59. (Foster 1998, p. 42)
  60. (Broun 1998, pp. 80–81)
  61. 61,0 61,1 (Woolf 2005, p. 40)
  62. (Forsyth 2000, pp. 25–26)
  63. (Yorke 2006, p. 167)
  64. Óengus aparece no posto 43, Caustantín no 80 e Eógan no 100.
  65. (Forsyth 2000, p. 21)
  66. (Forsyth 2000, p. 22)
  67. (Anderson 1990, p. 244)
  68. (Anderson 1908, p. 57)
  69. (Woolf 2005, p. 37)
  70. (Yorke 2006, p. 49)
  71. Os fillos dos reis convertíanse en reis de forma máis frecuente no século IX, pero non foi até o século XI que os reis eran sucedidos polos seus fillos de xeito máis frecuente que os seus irmáns e curmáns.
  72. Clancy 2007, pp. 64.
  73. Nechtan, fillo de Der-Ilei e o seu irmán Bridei tiveron un pai de orixe gaélica, Dargart mac Finguine dos Cenél Comgaill.
  74. Véxase (Clancy 2002b) e (Yorke 2006, pp. 54–55).
  75. (Broun 1998, passim)
  76. Para argumentos en contra, véxase (Bannerman 1999, passim). Os agumentos son comparados en (Yorke 2006, pp. 49–50, 54 & 288–289).
  77. As afirmacións máis fortes fanse entre os estudosos que din que Óengus gobernou en Bretwalda con Æthelbald, como Charles-Edwards, Forsyth e Yorke. Outros, como Broun e Woolf, fan afirmacións menos radicais, pero contan a Óengus entre os reis pictos máis poderosos e a forza dominante no norte de Gran Bretaña. Para ver a relevacia de Óengus a nivel artístico e cultural, véxase (Henderson & Henderson 2004, p. 12) e (MacLean 2000, pp. 200–201).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Fontes principais
Fontes secundarias

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Óengus I
Nacemento: século VII Falecemento: 761


Títulos Reais
Precedido por
Nechtan fillo de Der-Ile


Rei dos Pictos
732–761
Sucedido  por
Bridei fillo de Fergus