Saltar ao contido

Moeda dun centavo de dólar Lincoln

Este é un artigo de calidade da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

1 centavo Lincoln
Modelo orixinal (1909-1958) [1]
A/: Retrato de Abraham Lincoln cara á dereita. Marca de ceca e de gravador (V.D.B.). Data.

Lendas: IN GOD WE TRUST / LIBERTY.

R/: Dúas espigas de trigo rodeando as lendas.

Lendas: E PLURUBUS UNUM / ONE CENT / UNITED STATES OF AMERICA

A moeda dun centavo de dólar Lincoln (en inglés: Lincoln cent ou Lincoln penny) é unha moeda emitida con ese valor facial desde 1909 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos, caracterizada por amosar no seu anverso o retrato do expresidente Abraham Lincoln, deseñado por Victor Brenner.

Brenner foi tamén o autor do reverso orixinal da moeda (1909-1958), que foi posteriormente substituído por outro deseñado por Frank Gasparro (1959-2008), no sesquicentenario do nacemento de Lincoln, e finalmente por un terceiro creado por Lyndall Bass (desde 2010). Ademais, en 2009 houbo unha serie de reversos conmemorativos do bicentenario do nacemento do expresidente.

En 1905, o escultor Augustus Saint-Gaudens foi contratado pola Casa da Moeda dos Estados Unidos para se encargar do redeseño da moeda dun centavo e das catro moedas de ouro dos sistema, que por levaren máis de 25 anos en circulación non precisaban a aprobación do Congreso para a súa substitución ou modificación. Dous dos deseños propostos por Saint-Gaudens para o centavo foron finalmente adaptados para as moedas de ouro, e o escultor faleceu en 1907, antes de propor un deseño definitivo para o centavo. Nesta conxuntura, a Casa da Moeda dos Estados Unidos encargoulle en xaneiro de 1909 a Victor David Brenner o deseño da moeda dun centavo coa imaxe do defunto presidente Abraham Lincoln, co gallo de conmemorar o centenario do pasamento ese mesmo ano. Tratábase do primeiro presidente do país que protagonizaba unha moeda de circulación ordinaria, unha idea que anos antes tería sido considerada como herdeira dunha tradición monárquica. Con todo, o deseño de Brenner foi finalmente aprobado e as novas moedas dun centavo foron postas en circulación o 2 de agosto de 1909, cun grande interese por parte da poboación.

As iniciais de Brenner (V.D.B.) no exergo no reverso consideráronse demasiado prominentes e foron retiradas dos cuños no mesmo 1909, aos poucos días do lanzamento, e non volveron aparecer na moeda ata 1918, daquela no truncamento do ombreiro de Lincoln, no reverso.

A emisión orixinaria do centavo Lincoln era dun 95% de cobre. En 1943 cambiouse polo aceiro recuberto de cinc, cando o cobre se encareceu por mor do esforzo da segunda guerra mundial, e finalizada esta volveu á súa composición inicial. En 1982, a inflación do prezo do cobre motivou un novo cambio e a partir de entón o centavo pasou a ter un núcleo de cinc revestido por unha fina capa de cobre.

Primeiro modelo (1909-1958)

[editar | editar a fonte]

En 1904, o daquela presidente dos Estados Unidos Theodore Roosevelt escribiulle ao secretario do Tesouro, Leslie Mortier Shaw, para se queixar da falta de nivel artístico das moedas circulantes do país e preguntoulle se sería posible contratar un artista privado, como o escultor Augustus Saint-Gaudens, para que se encargase dun redeseño xeneralizado das moedas estadounidenses.[3] Seguindo esta idea de Roosevelt, o director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, George E. Roberts, contratou a Saint-Gaudens para o redeseño da moeda dun centavo e das catro moedas de ouro do sistema (20 dólares, 10 dólares, 5 dólares e 2½ dólares). Como os deseños vixentes destas moedas levaban máis de 25 en uso, non se precisaba do trámite da súa aprobación por parte do Congreso, senón unicamente polo secretario do Tesouro.[4] O centavo tipo Indian Head, que foi substituído polo do busto de Lincoln, levaba en circulación desde 1859.[5]

Saint-Gaudens concibiu orixinariamente un deseño dunha aguia en voo para o centavo,[6] pero por petición de Roosevelt acabou desenvolvéndoo para a moeda de 20 dólares, xa que a lei impedía que unha aguia aparecese sobre unha moeda dun centavo.[7] O escritor numismático Witter Bynner, amigo de Saint-Gaudens, lembraba que o deseñador —daquela gravemente enfermo de cancro— criticaba diariamente os seus colaboradores no redeseño das moedas, incluída a dun centavo. Saint-Gaudens envioulle a Roosevelt un novo deseño para o anverso do centavo en febreiro, que representaba a Estatua da Liberdade; Roosevelt suxeriulle que lle engadise un gorro de guerra dos nativos americanos e díxolle, "non vexo por que non poderiamos ter un toucado convencional americano para a figura da Liberdade".[8] En maio de 1907, Roosevelt deu instrucións de que o deseño de inspiración india se destinase para a moeda de ouro de 10 dólares. Daquela a saúde de Saint-Gaudens estaba xa moi deteriorada e finalmente morreu o 3 de agosto, sen ter presentado un deseño alternativo para o centavo.[4]

Fotografía de Abraham Lincoln de perfil, obra de Anthony Berger, que puido servir de modelo para o centavo (Washington, 9 de febreiro de 1864).[9]

Logo de completar o redeseño das catro moedas de ouro en 1908, Roosevelt centrou a súa atención no centavo. O centenario do nacemento do asasinado presidente Lincoln tería lugar en febreiro de 1909 e xa se estaba a comercializar unha grande cantidade de recordos e obxectos conmemorativos por iniciativa privada. Moitos cidadáns escribiran ao Departamento do Tesouro para propor a creación dunha moeda na honra de Lincoln, e Roosevelt estaba moi interesado en lembrar o seu compañeiro republicano. Isto supuña unha ruptura coa tradición numismática estadounidense, xa que antes do centavo ningunha moeda do país de circulación ordinaria representara unha persoa real, senón que aparecían adoito personificacións alegóricas, como a da Liberdade.[10] Varios autores suxeriran unha moeda conmemorativa de medio dólar para honrar a Lincoln, mais o deseño desa moeda modificárase en 1892 e aínda non podía ser alterado sen a aprobación do Congreso. Naquel momento, Roosevelt aproximábase ao final do seu mandato e non quería involucrar o Congreso.[11]

A finais de 1908, Roosevelt reuniuse co escultor Victor David Brenner, que daquela estaba a deseñar unha medalla para a Comisión da Canle de Panamá. Aínda que non se redactou acta do contido desta reunión, parece que trataron os plans de Roosevelt de redeseñar por completo os deseños das moedas. Roosevelt admirara publicamente unha placa co busto de Lincoln que Brenner realizara en 1907.[12] Non se coñece con certeza o motivo polo que se seleccionou a Brenner para o redeseño da moeda dun centavo, pero en xaneiro de 1909 o director da US Mint, Frank A. Leach, contactou con el para falar dos seus honorarios por este deseño. Brenner mencionou na súa correspondencia con Leach que ao presidente lle gustara o seu deseño de Lincoln e non hai constancia de que Brenner partise de ningún outro modelo para o seu deseño do anverso do centavo.[13]

Deseño e preparación

[editar | editar a fonte]
Placa de bronce elaborada por Victor David Brenner (1907), co busto de Abraham Lincoln.[14]

O deseño de Brenner para o anverso do centavo segue de preto un perfil de Lincoln que xa se utilizara noutros traballos, como a placa de escritorio que el mesmo elaborara en 1907 para a Gorham Manufacturing Company. O historiador numismático Roger Burdette suxire que Brenner se baseou para esta placa nunha fotografía de Lincoln tomada en 1864 no estudio de Mathew Brady, en Washington, por un dos seus axudantes, Anthony Berger. No entanto, Burdette engade que nunha carta do 1 de abril de 1909 Brenner mencionou que ao concibir o deseño imaxinou a Lincoln léndolle a un neno, situación na que o escultor consideraba que Lincoln tería un cariz axeitado. Isto fai pensar que Brenner podería terse inspirado na coñecida fotografía de Brady de Lincoln co seu fillo, Tad.[15] Nun estudo de 2012 publicado na revista numismática Coin World, o historiador numismático Fred Reed avogou por que o traballo de Brenner sobre Lincoln se baseou nun retrato de Lincoln de perfil dereito feito por Brady que fora tomado o mesmo día que a foto co seu fillo —tomáronse varias fotos naquela sesión—.[16] Como a fotografía en cuestión só amosaba a cabeza e os ombreiros de Lincoln, Reed indica que Brenner obtivo o resto dos detalles dunha fotografía da campaña de 1860, dun Lincoln daquela sen barba.[17]

Abraham Lincoln e o seu fillo Tad ollando un álbum fotográfico.[18]

O 18 de xaneiro de 1909, Brenner presentou na Casa da Moeda os seus modelos dun perfil de Lincoln para o anverso e un deseño do reverso moi similar ao das moedas francesas de prata da época, que amosaba unha póla dunha árbore. Tamén propuxo modelos para un medio dólar de prata de Lincoln, co defunto presidente nunha das súas faces e unha representación da Liberdade en pé na outra, case idéntico á da outra cada da mesma moeda francesa, coa imaxe da "Sementadora". O director da US Mint, Leach, contestoulle o 2 de febreiro que non se podían facer cambios na moeda de medio dólar sen a aprobación do Congreso. O 9 de febreiro, Leach deu mostras de que coñecía a inspiración francesa do deseño da póla de árbore —o historiador numismático Don Taxay sinala que é estraño que non dixese nada tamén acerca da orixe do deseño da Liberdade en pé, dado que procedía da outra cara da mesma moeda francesa—. Leach non debateu co escultor acerca da orixe destes deseños e limitouse a rexeitalos por inadecuados para o reverso do centavo.[19]

Leach instou o escultor a que dispuxese un deseño sinxelo, simplemente coa indicación do poder facial e o lema nacional E PLURIBUS UNUM.[20] Brenner traballou con rapidez e o 17 de febreiro entregou modelos do anverso e do reverso xa moi semellantes aos da moeda final, aínda que cun busto de Lincoln algo meirande e sen o lema IN GOD WE TRUST.[21] Como elemento de deseño para o reverso, Brenner utilizou dúas espigas de trigo duro.[22] Estes deseños foron analizados polo presidente Roosevelt, quen os aprobou coa condición de que se modificase a grafía da palabra VNITED, proposta por Brenner, por UNITED, como se escribía habitualmente.[23] Logo da análise dos modelos por parte de Leach, este obxectou que Brenner colocara no anverso o seu apelido enteiro, ao que o escultor contestou: "quitareino e poreino en letras pequenas no reverso".[21]

O 4 de marzo de 1909 —o día en que Roosevelt deixou o cargo e foi substituído por William Howard Taft— Brenner reuniuse en Filadelfia co gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Charles E. Barber, quen lle escribira ao director Leach para lle suxerir que os deseños de Brenner deberían ser modificados para que fose posible cuñalos nunha moeda.[24] O 15 de marzo, Brenner díxolle por carta a Leach que non parecía que Barber tivese ningunha présa en producir as novas moedas,[25] e tamén se queixou de que a Casa da Moeda fixera que se perdesen algúns detalles dos deseños das moedas de ouro ao reducilos ao tamaño dos cuños das moedas. O gravador xefe Barber sentiuse molesto por estes comentarios e non puxo obxección a que ese proceso de redución o realizase outro profesional externo.[26] Logo de que a compañía Medallic Art Company, de Nova York, preparase varias matrices, Barber confeccionou un cuño mestre e envioullo a Brenner para que o puidese retocar.[27]

Cuñáronse algúns espécimes de proba a partir dese cuño, mais nin Barber nin Leach estaban satisfeitos co resultado. O 22 de maio, Leach escribiulle a Brenner:[28]

Teño que informalo de que non quedei satisfeito coa primeira proba do centavo de Lincoln. Vexo que non se rebaixou o retrato de Lincoln para que a cabeza se achegase ao centro da moeda [...] Xa que logo, pedinlle ao señor Barber que me fixese unha proba deste cambio e, como isto deixaba tanto espazo en branco na parte superior, chegamos á conclusión de que sería mellor colocar o lema IN GOD WE TRUST. Este cambio mellorou notablemente o aspecto da moeda.

O 26 de maio amosáronselle ao presidente Taft as novas moedas, tanto co lema como sen el, e o presidente elixiu a versión con lema.[29] A moeda foi aprobada finalmente o 14 de xullo polo secretario do Tesouro, Franklin MacVeagh, e fixouse o 2 de agosto como a data prevista para a súa posta en circulación.[27]

Lanzamento

[editar | editar a fonte]
Colas de público para facerse co centavo Lincoln fronte á delegación do Tesouro en Nova York (2 de agosto de 1909).[30]

Dos máis de cen millóns de exemplares do novo centavo producidos pola Ceca de Filadelfia en 1909 —o primeiro ano de emisión—,[31] vinte millóns de pezas cuñáronse mesmo antes de que o secretario do Tesouro anunciase oficialmente o seu deseño. Pola súa banda, os cuños coa marca de ceca "S" para o seu uso na Ceca de San Francisco, producidos en Filadelfia, estaban listos para o seu envío a San Francisco o 22 de xuño.[32]

A poboación amosou moito interese polo lanzamento do novo centavo, sobre todo porque a Casa da Moeda non permitira que se publicasen previamente imaxes dos deseños nos xornais. A omnipresencia da imaxe de Lincoln por mor do centenario de Lincoln aínda non remitira e a xente especulaba acerca da súa presenza na nova moeda.[33] A Casa da Moeda decidiu planificar a súa posta en circulación de xeito simultáneo en todos os Estados Unidos o día 2 de agosto, para o que se enviou unha cantidade adecuada de exemplares a cada delegación do Departamento do Tesouro.[34]

Na mañá do 2 de agosto de 1909 formáronse longas colas fronte ás delegacións do Tesouro ao longo de todo o país. Algúns dos primeiros solicitantes puideron acadar todas as moedas que desexaban, mais de camiño houbo que racionalas: aos solicitantes de Nova York permitíronselles 100 pezas por persoa, en tanto que na distribución que se facía directamente na Ceca de Filadelfia só se permitiu dúas moedas por persoa.[34] En tanto que non houbo unha cantidade suficiente de moedas en circulación, algunhas das existentes entraron no mercado secundario, no que alcanzaban prezos de ata 25 centavos cada unha.[35]

As iniciais de Brenner

[editar | editar a fonte]

A marca de gravador que Brenner colocara no exergo do reverso, consistente nas súas iniciais V.D.B., convertéronse axiña nunha fonte de controversia. A tarde do 2 de agosto de 1909 o xornal The Washington Star preguntou publicamente ao Tesouro acerca da presenza destas iniciais e noutros xornais apareceron declaracións de funcionarios non identificados da Ceca de Filadelfia que afirmaban que as moedas eran ilegais por mor destas iniciais, que se poderían considerar como publicidade.[36] O 5 de agosto, o secretario MacVeagh ordenou que se suspendese a produción do centavo ata que a moeda puidese ser producida só cun pequeno "B" (de Brenner) nun lugar discreto da moeda.[37] No entanto, aínda que a simple eliminación das iniciais e a cuñaxe das novas moedas sen elas provocaría un atraso de só tres días no proceso de produción, a inserción da nova marca "B" implicaría unha demora de ata 14 días. Ante isto, o subsecretario do Tesouro, Eliot Norton, logo de se reunir con Barber, ordenou que as moedas se cuñasen sen inicial ningunha.[38] O avogado do Departamento do Tesouro Maurice O'Connell sostivo que a inclusión das iniciais non constituía un cambio de deseño, que só podería terse producido esperando a que a moeda estivese 25 anos en circulación ou obtendo o permiso do Congreso.[39] Barber tamén se opuxo a que se mantivese unha única inicial "B", ao temer que, como o propio Barber xa utilizara en moedas súas esa mesma inicial, o novo centavo se considerase obra súa e, segundo o subsecretario Norton, "non está disposto a que se considere responsable do centavo Lincoln, ao que sempre se opuxo e que non considera unha moeda de éxito".[37] Como era esperable, Brenner si que se opuxo á eliminación das súas iniciais, aínda que as súas protestas resultaron infrutuosas. O 12 de agosto de 1909 comezou a produción dos centavos sen as iniciais.[40]

Durante a paralización, os propietarios das máquinas expendedoras e comecartos queixáronse de que os novos centavos eran demasiado grosos para poderen ser utilizados nas súas máquinas.[41] Barber foi reclamado durante as súas vacacións en Cape May, Nova Jersey, para atender a estas queixas. Leach ordenou cambios no novo centavo, mais Barber resistiuse a estas ordes e ao final tivo éxito: foron os fabricantes das máquinas os que se viron obrigados a modificar as súas máquinas para que aceptasen o novo centavo, e non ao revés.[42]

Cara á fin de 1909, a oferta dos novos centavos acadou un equilibrio coa súa demanda.[43] Ao longo de todo o ano cuñáronse uns 103 millóns de moedas entre as cecas de Filadelfia e de San Francisco, dos que algo menos dun terzo amosan as iniciais do gravador. Mentres que en Filadelfia a cantidade de moedas cuñadas coas iniciais VDB ascende a 28 millóns, o que as fai bastante comúns, os centavos cuñados en San Francisco con estas iniciais son moito máis escasos, xa que non chegaron ao medio millón de exemplares.[31][44]

O historiador numismático Roger Burdette suxire que se o secretario do Tesouro MacVeagh tivese máis experiencia no seu traballo se tería ocupado menos pola presenza das iniciais no centavo. Saint-Gaudens asinara no anverso da moeda de ouro de 20 dólares e tamén o deseño de George T. Morgan para o dólar Morgan incluía un "M" como marca a ambos os lados da moeda.[39]

En 1918, as iniciais de Brenner foron restauradas na moeda, aínda que máis pequenas e colocadas no truncamento do ombreiro de Lincoln, na parte inferior do anverso.[42]

Produción

[editar | editar a fonte]

En 1909 só produciron os novos centavos Lincoln as cecas de Filadelfia e San Francisco. Como era habitual na época, os cuñados en Filadelfia carecen de marca de ceca, en tanto que as producidas en San Francisco amosan un "S".[45] En 1911, a Ceca de Denver comezou tamén a súa produción de centavos Lincoln, coa marca de ceca "D", e na maioría dos anos seguintes as tres cecas continuaron coa súa cuñaxe desta moeda.[46] En 1916, o gravador xefe Barber fixo uns lixeiros reaxustes no deseño, facendo que a fazula e o abrigo de Lincoln parecesen menos engurrados.[22] O motivo deste axuste foi procurar unha maior vida útil para os cuños.[47]

En 1917, o ano en que Barber finou aos 77 anos, durante o exercicio do seu cargo, a economía de guerra provocada pola primeira guerra mundial provocou a escaseza de moedas dun centavo. Nesta época, o centavo Lincoln aínda non chegara a se converter no modelo dominante na circulación, xa que catro quintas partes se correspondían ao anterior modelo Indian Head. A demanda do centavo seguiu aumentando cando se instituíu un imposto de luxo e os centavos se fixeron necesarios para facilitar o cambio.[48]

Durante a recesión de 1922, a demanda de moedas no comercio foi menor do habitual e cuñáronse poucos centavos (pouco máis de sete millóns, unicamente na Ceca de Denver).[31] Nese momento a fabricación dos cuños estaba centralizada en Filadelfia e, cando a Ceca de Denver lle solicitou máis cuños para atender as encargas previstas, contestóuselle que a Ceca de Filadelfia non podía atender esta solicitude, xa que estaba totalmente ocupada preparando os cuños para a nova moeda dun dólar de prata, o dólar Peace. Denver tivo que cumprir os seus compromisos cun cuño do anverso bastante desgastado, co que moitas moedas deste ano amosan o seu gravado máis frouxo do habitual.[22] En moitas das cuñaxes, a marca de ceca nos cuños encheuse de aceite e sucidade, o que repercutiu en que a marca non se reproducise nalgunhas moedas ou o fixese dun xeito débil ou deteriorado. O centavo de Denver de 1922 carente de marca de ceca por este motivo é un dos máis raros da serie de centavos Lincoln.[49][50]

Cando expirou o período dos 25 anos en circulación durante o cal o centavo Lincoln non podía modificar o seu deseño sen a aprobación do Congreso, non houbo interese por realizar cambio ningún. A partir de 1936 comezaron a facerse na Ceca de Filadelfia cuñaxes con acabamento especial proof —fondo espello e relevo mate— para coleccionistas; estas emisións especiais comezaran a facerse en 1910 mais cesaran en 1916.[51]

Emisión de guerra (1943)

[editar | editar a fonte]
Proba dun centavo en aluminio (1942).

Cando os Estados unidos entraron na segunda guerra mundial en 1941, tanto o cobre como o estaño —ambos utilizados na aliaxe de bronce do centavo—[52] comezaron a escasear. Varias empresas contratadas pola Casa da Moeda dos Estados Unidos comezaron a facer experimentos con diferentes mesturas metálicas e non metálicas como fibras, vidro temperado e varios tipos de plástico. Estas substancias probáronse con varios deseños, xa que os cuños reais das moedas dun centavo non podían saír da custodia do Goberno.[53]

Á medida que avanzaban estes experimentos, a produción de centavos de bronce reduciuse drasticamente en xullo de 1942 e cesou en decembro.[54] O 18 de decembro dese ano, o Congreso autorizou a Casa da Moeda para cambiar a composición do centavo durante un período de tres anos; cinco días despois, o secretario do Tesouro Henry Morgenthau anunciou que a moeda se fabricaría en aceiro recuberto de cinc.[55] O cinc e o ferro forman un "par electromagnético" e os dous metais corróense axiña ao entraren nunha atmosfera húmida.[22] A poboación non tardou en queixarse de que a nova moeda manchaba e outro motivo de protesta era que se confundía coa moeda de dez centavos, que aínda que era lixeiramente máis pequena, compartía a cor,[56] e comezou a xurdir a suxestión de que o centavo se perforase para facilitar a identificación. Morgenthau contestou que as novas moedas de aceiro e cinc escurecerían axiña e que a Casa da Moeda estaba disposta a acelerar ese escurecemento se se achase o procedemento axeitado.[57]

Centavo Lincoln cuñado en aceiro en 1943.[2]

A lei do Congreso que aprobaba a produción destes centavos de guerra tamén establecía unha data límite da autorización para o 31 de decembro de 1946. O aceiro con carbono de baixa calidade constituía o núcleo desas moedas, ao que se lle aplicaba un recubrimento de cinc de 0,013 milímetros de grosor en cada face por vía electrolítica, para previr a oxidación. Este recubrimento aplicábaselle ao aceiro antes de fabricar os discos, polo que ao recortalos para a súa posterior cuñaxe, os bordos das moedas quedaban sen recubrimento e extremadamente expostos á oxidación. O tamaño das moedas mantívose, aínda que o seu peso diminuíu desde os 3,11 gramos aos 2,70 gramos. A produción comezou o 27 de febreiro de 1943 e o 31 de decembro dese ano as cecas de Filadelfia, Denver e San Francisco cuñaran 1.093.838.670 centavos.[31] O cobre liberado para o esforzo de guerra foi suficiente para satisfacer as necesidades combinadas de dous cruceiros, dous destrutores, 1.243 Flying Fortresses e 120 canóns de campo e outros tantos obuses, ou, doutro xeito, 1.250.000 proxectís para os grandes canóns de campo.[58]

En decembro de 1943, o Departamento do Tesouro anunciou que o centavo deixaría de fabricarse en aceiro despois dese ano, para ser substituído por moedas cunha aliaxe do 95% de cobre e o 5% de cinc —as emisións anteriores a 1943 tiñan a mesma porcentaxe de cobre, mais o 5% restante non era de cinc, senón de estaño—.[52] O Tesouro tamén declarou que parte do metal para as novas moedas se obtería fundindo munición de armas lixeiras.[59] No entanto, o escritor numismático Shane Anderson, no seu estudo dos centavos Lincoln, amosa as súas dúbidas de que esta fundición se levase a cabo, agás quizais dun xeito cerimonial.[60]

Despois da guerra, o Tesouro foi retirando paseniño da circulación todos os centavos de aceiro que puido, aínda que negaba que o estivese a facer. Este programa de retirada non se fixo público ata 1959, xa que o Tesouro temía que se se coñecese publicamente as moedas acabasen sendo acaparadas.[59]

Contrariamente ao que cabería esperar, coñécese a existencia de escasos exemplares datados en 1943 cuñados en bronce, e doutros datados en 1944 e cuñados en aceiro, e os seus prezos no mercado numismático son moi elevados.[61] Só se coñece un exemplar de 1943-D en bronce, que se vendeu en setembro de 2010 por 1,7 millóns de dólares.[62][63] Un dos catro coñecidos de 1943-S en bronce foi adquirido polo copresidente do equipo de béisbol Texas Rangers, Bob R. Simpson, por un millón de dólares.[64] É frecuente a alteración de centavos xenuínos datados en 1943 aos que se lles engade un recubrimento de cobre de xeito fraudulento, aínda que estes son doadamente detectables mediante o uso dun imán.[61] Por outra parte, en 2019 autenticouse tamén un exemplar composto por un 86,41% de estaño e un 8,37% de antimonio.[65]

Centavo de 1955 con lendas e data duplicadas.

Os discos sobre os que se produciron todas estas cuñaxes en aliaxes inesperadas entre 1943 e 1944 é probable que estivesen ocultos nos depósitos das prensas de cuñaxe e foron cuñados cando se restituíu a produción logo da fin de 1943.[60][66]

O centavo Lincoln recuperou en 1944 a súa composición habitual de antes da guerra.[52][67] Varios milleiros de pezas con data de 1955 foron cuñadas na Ceca de Filadelfia cun cuño defectuoso que amosaba a data e as lendas do anverso por duplicado. A Casa da Moeda estaba ao tanto de que se estaban a producir estas cuñaxes defectuosas, mais optou por lanzalas igualmente á circulación, no canto de destruír o lote completo. Esta variante de data duplicada non se deu a coñecer ata varios anos despois.[68][69][70][71]

Segundo deseño (1959-2008)

[editar | editar a fonte]
1 centavo Lincoln
Segundo modelo (1959-1982)[72] (1982-2008)[73]
A/: Retrato de Abraham Lincoln cara á dereita. Marca de ceca e de gravador (VDB). Data.

Lendas: IN GOD WE TRUST / LIBERTY.

R/: Fachada principal do edificio Lincoln Memorial. Marca de gravador (FG)

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURUBUS UNUM / ONE CENT /

En 1952, a Casa da Moeda dos Estados Unidos comezou a tomar en consideración a substitución do deseño do centavo Lincoln por un novo creado polo entón gravador xefe Gilroy Roberts,[74] mais ao mesmo tempo temíase que a administración entrante de Eisenhower se amosase hostil a substituír a figura dun republicano na moeda.[75]

Na mañá do domingo 21 de decembo de 1958, o secretario de Prensa do presidente Eisenhower, James Hargerty, emitiu un comunicado no que anunciaba que o 2 de xaneiro de 1959 comezaría a producirse un novo deseño do reverso do centavo Lincoln. Este novo deseño, realizado por Frank Gasparro, fora desenvolvido polo Departamento do Tesouro, en consulta coa Comisión do Sesquicentenenario de Lincoln. Logo da aprobación por parte do presidente e do secretario do Tesouro, Robert B. Anderson, presentouse o novo deseño do reverso, que representaba o monumento a Lincoln coñecido como Lincoln Memorial, en Washington. Este redeseño supuxo unha importante sorpresa, xa que ata a data non se filtrara nada sobre esa posibilidade.[76]

O novo deseño da moeda dun centavo Lincoln lanzouse oficialmente o 12 de febreiro de 1959, coincidindo co 150 aniversario do nacemento de Abraham Lincoln, aínda que algunhas pezas xa foran postas en circulación uns días antes.[77]

O deseño seleccionado para este novo reverso do centavo foi o resultado dun concurso interno entre os gravadores da Casa da Moeda dos Estados Unidos realizado en 1958. Gasparro non fora en persoa a ver o Lincoln Memorial e o seu deseño gañador suscitou opinións encontradas entre os críticos numismáticos: en tanto que para Anderson Gasparro creou unha imaxe "impresionante" do monumento,[78] para Taxay o deseño "parece a primeira vista un tranvía".[79] O historiador numismático Walter Breen describiu o traballo de Gasparro como "un desastre artístico".[80]

Estes son algúns dos deseños propostos por Frank Gasparro no concurso de 1958, incluído o gañador do Lincoln Memorial:

Detalle da estatua de Lincoln entre as columnas do Lincoln Memorial, no reverso da moeda.

En 1960 suscitou a curiosidade dos coleccionistas unha variante de "data grande" —máis común— e "data pequena" —máis rara— nos centavos Lincoln cuñados en Filadelfia e en Denver nese ano. A Casa da Moeda temía que o interior do cero perforado no cuño rompese durante o proceso de cuñaxe e, para evitar esa posibilidade, ampliou o tamaño da data logo de iniciado o proceso de cuñaxe.[87][88] Os coleccionistas e os curiosos procuraban esta variante; as bolsas seladas da Casa da Moeda que contiñan un valor nominal de 50 dólares en moedas dun centavo chegaron a venderse por 12.000 dólares e os prezos das moedas coa data pequena da Ceca de Filadelfia, das que se cuñaran aproximadamente dous millóns de exemplares, seguiron aumentando ata 1964, cando a burbulla de prezos estoupou.[89] En palabras do Bowers, coñécense suficientes exemplares con data pequena da Ceca de Filadelfia como para abastecer a todos os membros da American Numismatic Association e a todos os subscritores das principais publicacións periódicas de numismática.[90] Pola súa banda, en Denver cuñáronse arredor de 500 millóns de moedas coa data pequena, dunha cantidade total de 1.500 millóns, o que supón que non sexan especialmente raras.[91]

A composición do centavo Lincoln sufriu unha lixeira modificación en 1962. Os funcionarios da Casa da Moeda consideraron que a hipotética supresión do contido de estaño non traería consigo ningún efecto adverso sobre as condicións de desgaste da moeda, entanto que as vantaxes orixinadas pola substitución do estaño polo cinc suporían unha aliaxe máis estabilizada.[52] O Congreso autorizou esta modificación dentro dunha lei aprobada o 5 de setembro de 1962.[92]

En 1964, a subida do prezo da prata fixo que a poboación acaparase as moedas deste metal e, ao escasear o cambio, o acaparamento chegou a afectar tamén o centavo, que por ese motivo comezou a escasear na circulación. A daquela directora da US Mint, Eva Adams, considerou que parte da razón da escaseza radicaba tamén en que os coleccionistas retiraban moitas destas moedas da circulación e, en consecuencia, ordenou que as marcas de ceca deixasen de aparecer nas moedas, para ofrecer menos variantes ao coleccionismo. Os centavos continuaron a ser cuñados con data de 1964 ao longo de todo 1965, en virtude da autoridade que lle confería á Casa da Moeda a Lei da Moeda de 1965, e case todos os datados en 1965 foron cuñados realmente en 1966.[93] A Casa da Moeda comezou e cuñar moedas de dez centavos Roosevelt e os cuartos de dólar Washington en metal común en lugar de facelo en prata, para favorecer o seu uso e evitar o acaparamento.[94] En 1968 restaurouse o uso da marca de ceca nos centavos Lincoln e a Ceca de San Francisco sumouse ás de Filadelfia e de Denver na cuñaxe de centavos para a circulación[95] (ata 1974, cando cesou novamente),[96] e comezou a cuñar tamén moedas con acabamento proof para coleccionistas.[95]

Detalle da data 1969-S con dobre cuñaxe.[97]

En 1968, as matrices dos cuños estaban xa moi desgastadas e os trazos de Lincoln no anverso eran cada vez máis tenues. Para as moedas de 1969 elaboráronse novas matrices dos cuños, cos trazos máis afinados e máis afastados do bordo da moeda, e tamén se agrandou o tamaño das letras.[98] Nesta última data, na Ceca de San Francisco produciuse unha serie de centavos que, por un erro no cuño, locen unha dobre cuñaxe similar á ocorrida en 1955 na Ceca de Filadelfia, que afecta principalmente ás letras e á data. Estímase que os exemplares con esta variante non superan a centena, polo que acadan prezos moi elevados no mercado do coleccionismo; a principios de 2008 un deles foi vendido por 126.500 dólares.[97]

Cambios na composición

[editar | editar a fonte]

Os prezos do cobre comezaron a subir en 1973, ata o punto en que o valor intrínseco da moeda se achegaba ao seu valor facial dun centavo, e a poboación comezou a acaparar a moeda coa esperanza de poder obter algún beneficio. Ante esta situación, a Casa da Moeda decidiu cambiar a composición do centavo e cuñalo en aluminio, un metal moito máis barato. No segundo semestre de 1973 produciuse máis dun millón e medio de centavos en aluminio, aínda que estes amosan a data de 1974, cando se proxectaba pólos en circulación.[99] En comparecencias no Congreso, representantes da industria das máquinas expendedoras protestaron e declararon que os centavos de aluminio atascarían os seus equipamentos, e a Casa da Moeda botouse atrás na súa proposta.[100] A daquela directora da US Mint, Mary Brooks, intentou que se devolvesen todos os centavos de aluminio que lles foran entregados a diversos membros do Congreso, mais 14 exemplares espécimes seguían desaparecidos e os seus receptores afirmaban descoñecer o que acontecera con eles. Un destes centavos de aluminio doóuselle ao Instituto Smithsoniano para a Colección Numismática Nacional dos EEUU;[101][102] outro, ao parecer, foi atopado por un axente de policía do Capitolio.[101]

Proba en aluminio do centavo de 1974.[99]

Logo deste intento infrutuoso, realizáronse tamén experimentos de centavos cun núcleo de aceiro recuberto de bronce, mais tamén se decidiu non seguir adiante con esta idea e os exemplares que se cuñaran a modo de proba destináronse á refundición. No entanto, algúns exemplares foron parar ao peto dalgúns empregados e, do mesmo xeito que ocorreu cos centavos de aluminio desaparecidos, pasaron a ser considerados como unha posesión ilegal dunha propiedade do Goberno.[103]

Recoñecendo que un cambio na composición do centavo Lincoln resultaba inevitable, o Congreso aprobou a Lei Pública 93-441 o 11 de outubro de 1974, na que se declaraba que "cando o secretario do Tesouro o considere necesario para asegurar unha subministración axeitada de moedas para satisfacer as necesidades nacionais, poderá prescribir a composición de cobre e cinc na aliaxe da peza dun centavo que considere apropiada".[104][105]

En 1981, ante unha nova subida no prezo do cobre, a Casa da Moeda decidiu acollerse ao previsto na lei de 1974 e cambiou a composición do centavo por un núcleo de cinc recuberto por unha capa de cobre. Logo dalgunhas dificultades contractuais e atrasos de produción, a Ceca de Filadelfia cuñou os primeiros centavos Lincoln con esta composición o 7 de xaneiro de 1982. A ceca de Denver non adoptou a nova composición ata o 21 de outubro.[106] Coñécense algúns exemplares cuñados por erro en bronce e datados en 1983, que son extremadamente raros.[107]

Na década de 1990 e no principio da de 2000 producíronse pequenos axustes no deseño do anverso da moeda.[108]

Detalle de dobre cuñaxe nun centavo de 1995.[109]

En 1995 produciuse un novo episodio de dobre cuñaxe similar aos xa vistos de Filadelfia en 1955 e de San Francisco de 1996. Nesta ocasión, a Ceca de Filadelfia cuñou arredor de medio millón de exemplares nos que se aprecia unha dobre cuñaxe sinaladamente na palabra LIBERTY e na secuencia IN GOD. Ao se tratar dunha tiraxe relativamente ampla, os prezos desta variante no mercado do coleccionismo son máis accesibles e non acadan as cantidades das anteriores.[109]

Emisión conmemorativa do Bicentenario de Lincoln (2009)

[editar | editar a fonte]
Nacemento e primeira infancia en Kentucky.[110][111]
Anos de formación en Indiana.[112][113]

A Lei de Moedas dun Dólar Presidencial,[114] do 22 de decembro de 2005, esixía que se modificase o deseño do reverso do centavo para 2009 e que se emitisen catro modelos diferentes para conmemorar o bicentenario do nacemento de Abraham Lincoln, en tanto que o anverso seguiría a ser o habitual de Brenner, utilizado desde 1909. Os catro novos reversos deberían ser emblemáticos de varios momentos da vida de Lincoln: a súa primeira etapa en Kentucky e en Indiana, a súa vida profesional en Illinois e a súa presidencia.[115][116][117] Os catro deseños foron presentados publicamente o 22 de setembro de 2008 nunha cerimonia que tivo lugar no Lincoln Memorial:[118]

A lei que aprobou estas emisións requiría tamén a cuñaxe de xogos para a súa venda a coleccionistas con acabamento proof, elaborados na mesma aliaxe que a utilizada en 1909.[114][117][123]

Novo modelo (desde 2010)

[editar | editar a fonte]
1 centavo Lincoln
Novo modelo (desde 2010) [124]
A/: Retrato de Abraham Lincoln cara á dereita. Marca de ceca e de gravador (VDB). Data.

Lendas: IN GOD WE TRUST / LIBERTY.

R/: Escudo cunha cinta por riba, coa indicación do valor facial. Marcas de gravadores (LB e JFM)

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURUBUS UNUM / ONE CENT /

A mesma Lei de Moedas dun Dólar Presidencial, de 2005, determinaba que o centavo Lincoln debería amosar no reverso a partir de 2010 "unha imaxe emblemática da preservación do presidente Lincoln dos Estados Unidos como un país único e unido".[114][125]

O 16 de abril de 2009, a Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos reuniuse para recomendar un deseño que amosaba 13 monllos de trigo unidos por un anel, como símbolo da unidade nacional dos EEUU.[126] Posteriormente, esta proposta foi retirada polas súas semellanzas coas moedas emitidas en Alemaña na década de 1920. O Comité Consultivo Cidadán sobre a Moeda tamén se reuniu e recomendou un deseño que amosaba un escudo da Unión coa expresión do valor facial ONE CENT superposta nun pergamiño e co lema nacional E PLURIBUS UNUM na parte superior do escudo.[127]

En xuño de 2009, a Comisión de Belas artes reuniuse novamente e, en substitución da súa proposta anterior, decantouse agora por unha interpretación moderna da bandeira estadounidense.[128]

No marco da cerimonia de lanzamento do derradeiro centavo conmemorativo de 2009, anunciouse formalmente o deseño escollido para esa moeda a partir de 2010, que coincidiu co proposto polo Comité Consultivo, baseado no escudo da Unión.[129] Consonte a Casa da Moeda, as 13 franxas do escudo "representan os EEUU nunha unión compacta para apoiar o Goberno federal, representado pola barra horizontal superior".[130] Este novo reverso foi deseñado pola artista Lyndall Bass e gravado polo gravador da US Mint Joseph Menna.[125][131] No relativo ao anverso, a Casa da Moeda gravouno novamente desde o principio, retomando o galvano orixinal de 1909 para preparar os novos cuños;[132] no entanto, non recuperou o relevo orixinal das primeiras emisións, que era claramente superior ao actual.[133]

En xaneiro de 2010 puxéronse en circulación anticipadamente as moedas con este novo deseño en Porto Rico,[134] por mor da escaseza de moedas dun centavo que estaba a sufrir a illa.[132] A cerimonia de lanzamento oficial do novo deseño tivo lugar na Biblioteca Presidencial Abraham Lincoln en Springfield, Illinois, o 11 de febreiro de 2010.[135]

A principios de xaneiro de 2017 apareceron en circulación centavos con esa data e coa marca de ceca "P" —a Ceca de Filadelfia non pon nunca a súa marca "P" na moeda dun centavo—. A US Mint non anunciara previamente este cambio, mais confirmou a súa oficialidade e afirmou que a inclusión da marca de ceca tiña como obxecto honrar os 225 anos da existencia deste establecemento. A inclusión da marca "P" foi xeneralizada para toda a tiraxe de 2017 de Filadelfia, e en 2018 os centavos desa ceca volveron saír sen marca ningunha.[136][137]

En febreiro de 2019, a Casa da Moeda dos Estados Unidos anunciou que a súa Ceca de West Point cuñaría centavos Lincoln nas súas instalacións, coa marca de ceca "W". Non se trata de moedas para a súa circulación ordinaria, senón producidas para a súa inclusión nos estoxos de presentación para coleccionistas, en tres acabamentos distintos: ordinario, proof e proof inverso.[138][139][140]

A Lei de Redeseño de Moedas Circulantes de Colección (Lei Pública 116-330)[141], asinada polo presidente Donald Trump o 13 de xaneiro de 2021, prevé, entre outras cousas, deseños especiais durante un ano para a moeda circulante en 2026, incluído o centavo Lincoln, para conmemorar o 250º aniversario dos Estados Unidos.[142]

  1. "1 Cent "Lincoln - Wheat Ears Reverse"". Numista.com
  2. 2,0 2,1 "1 Cent "Steel Cent"". Numista.com
  3. Burdette, R. W. (2007). Páxina 19.
  4. 4,0 4,1 Burdette, R. W. (2007). Páxina 20.
  5. Breen, W. (1988). Páxina 217.
  6. Moran, M. F. (2008). Páxina 264.
  7. Moran, M. F. (2008). Páxina 270.
  8. Moran, M. F. (2008). Páxina 285.
  9. "President Abraham Lincoln, with beard; half-length portrait, seated profile". Library of Congress.
  10. Vinciguerra, T. (2009). "Now if Only We Could Mint Lincoln Himself". En The New York Times. 7 de febreiro.
  11. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 20-21, 24.
  12. Bowers, Q. D. (2008). Páxina 12.
  13. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 25-26.
  14. "LOT #38097. Auction #6066". Heritage Auctions. 30 de novembro de 2011.
  15. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 30-32. Aínda que tradicionalmente se pensou que Lincoln estaba a ler a Tad nesta fotografía, na descrición da fotografía feita pola Biblioteca de Congreso afírmase que sostiña un álbum de fotografías.
  16. "Photograph of President Abraham Lincoln". Library of Congress.
  17. Reed, F. (2012). "Not the Lincoln You Know". En Coin World. 53 (2704). Febreiro. Páxinas 4–5, 14, 20, 22–24, 28, 32, 36, 40.
  18. "Abraham Lincoln and his son Tad looking at an album of photographs". Library of Congress.
  19. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 331.
  20. Burdette, R. W. (2007). Páxina 37.
  21. 21,0 21,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 335.
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 Breen, W. (1988). Páxina 226.
  23. Burdette, R. W. (2007). Páxina 38.
  24. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 41-42.
  25. Burdette, R. W. (2007). Páxina 43.
  26. Moran, M. F. (2008). Páxina 342.
  27. 27,0 27,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 336.
  28. Bowers, Q. D. (2008). Páxinas 17-18.
  29. Burdette, R. W. (2007). Páxina 50.
  30. "Crowd in line at Sub-Treasury Bldg, for "Lincoln Cents", New York". Library of the Congress.
  31. 31,0 31,1 31,2 31,3 "Lincoln Cent Mintages". Lincolncents.net
  32. Burdette, R. W. (2007). Páxina 51.
  33. Burdette, R. W. (2007). Páxina 53.
  34. 34,0 34,1 Bowers, Q. D. (2008). Páxina 19.
  35. Bowers, Q. D. (2008). Páxinas 20-21.
  36. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 54-58.
  37. 37,0 37,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 337.
  38. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 59-60.
  39. 39,0 39,1 Burdette, R. W. (2007). Páxina 61.
  40. Bowers, Q. D. (2008). Páxina 28.
  41. "Too Thick for Slots". En The Washington Post. 8 de agosto de 1909. Páxina 2.
  42. 42,0 42,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 338.
  43. Bowers, Q. D. (2008). Páxina 29.
  44. "1909-S VDB Lincoln Cent". Lincolncents.net
  45. Bowers, Q. D. (2008). Páxinas 131-135.
  46. Bowers, Q. D. (2008). Páxina 27.
  47. Anderson, S. A. (1996). Páxina 48.
  48. Bowers, Q. D. (2008). Páxina 30.
  49. Anderson, S. A. (1996). Páxina 53.
  50. "1922 No D Lincoln Cent". Lincolncents.net
  51. Bowers, Q. D. (2008). Páxinas 31-33.
  52. 52,0 52,1 52,2 52,3 "Composition and Specifications". Lincolncents.net
  53. Bowers, Q. D. (2008). Páxina 33.
  54. Bowers, Q. D. (2008). Páxina 196.
  55. Bowers, Q. D. (2008). Páxina 34.
  56. "1943 Lincoln Steel Cents". Lincolncents.net
  57. Bowers, Q. D. (2008). Páxina 35.
  58. Herbert, A. (2007). "1943 Cent in Steel - One Year Type Looked to Help With the War Effort". En COINS Magazine. 14. Setembro.
  59. 59,0 59,1 Bowers, Q. D. (2008). Páxinas 36-37.
  60. 60,0 60,1 Anderson, S. A. (1996). Páxinas 75-77.
  61. 61,0 61,1 Bowers, Q. D. (2008). Páxinas 198-201.
  62. "Cent fetches big bucks". En The Numismatist. 123 (11): 28. Novembro de 2010.
  63. "Coin Rarities & Related Topics: 1943-D copper cent, 1795 Reeded Edge cent, 1811/0 cent, and half cent errors". En Coin Week. 29 de setembro de 2010.
  64. "U.S. penny worth $1 million". Upi.com. 19 de Setembro de 2012.
  65. Gilkes, P. (2019). "1943 Lincoln cent mostly tin, plus other metals". En Coin World. 8 de xuño.
  66. "What’s So Special About the 1943 Copper Penny?". United States Mint.
  67. Anderson, S. A. (1996). Páxina 80.
  68. "1955 Doubled Die Lincoln Cent". Lincolncents.net
  69. "The 1955 Double Die Lincoln Penny". TheSpruceCrafts.com
  70. Russo, A. (2021)."Lincoln 1955 penny explained – and what makes the coin worth up to $16,644". En The Sun. 2 de decembro de 2021.
  71. Anderson, S. A. (1996). Páxina 91.
  72. 72,0 72,1 "1 Cent "Lincoln Memorial Cent" (bronze)". Numista.com
  73. 73,0 73,1 "1 Cent "Lincoln Memorial Cent" (Copper plated zinc)". Numista.com
  74. "Lincoln Penny (1959–2008)". United States Mint.
  75. Bowers, Q. D. (2008). Páxina 213.
  76. Bowers, Q. D. (2008). Páxina 41.
  77. Bowers, Q. D. (2008). Páxina 45.
  78. Anderson, S. A. (1996). Páxina 98.
  79. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 339.
  80. Breen, W. (1988). Páxina 233.
  81. "Birthplace of Lincoln One Cent Coin Sketch". National Museum of American History.
  82. "Pyramid One Cent Coin Sketch". National Museum of American History."
  83. "Ear of Corn One Cent Coin Sketch (2)". National Museum of American Huistory.
  84. "Ear of Corn One Cent Coin Sketch". National Museum of American Huistory.
  85. "Lincoln Memorial One Cent Coin Sketch". National Museum of American History.
  86. "Heraldic Shield One Cent Coin Sketch". National Museum of American History.
  87. Schechter, S. (2013). "Sorting 1960 Lincoln cents". En Coin World. 1 de febreiro.
  88. Lange, D. (2019). "The 1960 Small Date Cent: The Coin That Kicked off a Collecting Frenzy Arquivado 11 de novembro de 2022 en Wayback Machine.". En Coin Week. 12 de decembro.
  89. Bowers, Q. D. (2008). Páxinas 46-47.
  90. Bowers, Q. D. (2008). Páxina 227.
  91. Bowers, Q. D. (2008). Páxinas 227-228.
  92. "Public Law 87-643. SEPT. 5, 1962". Govinfo.gov
  93. Bowers, Q. D. (2008). Páxinas 233-234.
  94. Bowers, Q. D. (2008). Páxina 232.
  95. 95,0 95,1 Anderson, S. A. (1996). Páxinas 110-111.
  96. Anderson, S. A. (1996). Páxinas 119-120.
  97. 97,0 97,1 "1969-S Doubled Die Lincoln Cent". Lincolncents.net
  98. "San Francisco Mint Cents of 1968-74, Part Two". Numismatic Guaranty Company. 1 de abril de 2007.
  99. 99,0 99,1 "1 Cent "1974 Lincoln Memorial" Pattern". Numista.com
  100. Anderson, S. A. (1996). Páxinas 120-121.
  101. 101,0 101,1 Bowers, Q. D. (2008). Páxina 246.
  102. "United States, 1 cent, 1974 (aluminum)". Smithsonian National Museum of American History.
  103. Martin, E. (2012). "1974 bronze-clad steel cent? Arquivado 19/10/2021, en Wayback Machine.". En Coin World. 19 de maio.
  104. Lange,D. (2005). "The Transitional Cents of 1982". Numismatic Guaranty Company. 1 de xaneiro.
  105. "Public Law 93-441 - OCT. 11, 1974". Congress.gov
  106. Bowers, Q. D. (2008). Páxinas 48-49.
  107. Hernandez, J. (2009). "The 1983 Copper Cent". Professional Coin Grading Service. 1 de setembro.
  108. Bowers, Q. D. (2008). Páxina 49.
  109. 109,0 109,1 "1995 Double Die Lincoln Cent". Lincolncents.net
  110. 110,0 110,1 "Birth and Early Childhood in Kentucky Lincoln Penny". United States Mint.
  111. 111,0 111,1 "1 Cent "Lincoln Cent" Birth and Early Childhood". Numista.com
  112. 112,0 112,1 "Formative Years in Indiana Lincoln Penny". United States Mint.
  113. 113,0 113,1 "1 Cent "Lincoln Cent" Formative Years". Numista.com
  114. 114,0 114,1 114,2 "Public Law 109-145 - DEC. 22, 2005". Govinfo.gov
  115. "Lincoln Bicentennial One Cent Program". United States Mint.
  116. "2009 Lincoln Cents". Lincolncents.net
  117. 117,0 117,1 Bowers, Q. D. (2008). Páxinas 49-51.
  118. "United States Mint Unveils New 2009 Penny Designs". United States Mint. 22 de setembro de 2008.
  119. "Professional Life in Illinois Lincoln Penny". United States Mint.
  120. "1 Cent "Lincoln Cent" Professional Life". Numista.com
  121. "Presidency in Washington, D.C. Lincoln Penny". United States Mint.
  122. "1 Cent "Lincoln Cent" Presidency". Numista.com
  123. "Lincoln's 200th birthday Series". Numista.com
  124. "1 Cent "Lincoln Cent - Shield Reverse"". Numista.com
  125. 125,0 125,1 "Penny". United States Mint.
  126. McAllister, B. (2009). "Wheat Design may appear on the 2010 cent". En Coin World. 50 (2560). 4 de maio. Páxina 1.
  127. McAllister, B. (2009). "Mint withdraws 2010 'Wheat' cent design". En Coin World. 50 (2562). 18 de maio. Páxina 1.
  128. McAllister, B. (2009). "Commission votes for U.S. flag on 2010 1¢". En Coin World. 50 (2565). 18 de maio. Páxina 1.
  129. Gilkes, P. (2009). "Cent to bear Union Shield design in 2010". En Coin World. 50 (2590). 30 de novembro. Páxinas 1, 68.
  130. "United States Mint Releases Fourth 2009 Lincoln Bicentennial One–Cent Coin". United States Mint. 12 de novembro de 2009.
  131. "United States Mint Launches 2010 Lincoln One–Cent Coin". United States Mint. 11 de febreiro de 2010.
  132. 132,0 132,1 Gilkes, P. (2010). "Mint Returns to 1909 Galvano for Portrait". En Coin World. 51 (2601). 15 de febreiro. Páxinas 1, 24.
  133. Deisher, B. (2012). "Learn something new!". En Coin World. 53 (2704). Febreiro. Páxina 10.
  134. Gilkes, P. (2010). "First Circulation Reports of 2010 Cents From Puerto Rico". En Coin World. 51 (2600). 8 de febreiro. Páxina 5.
  135. Rushton, B. (2010). "New Lincoln penny design unveiled in Springfield". En State Journal-Register. 11 de febreiro.
  136. Gilkes, P. (2017). "Cents are bearing P Mint mark for the first time ever Arquivado 11 de novembro de 2022 en Wayback Machine.". En Coin World. 13 de xaneiro.
  137. McMorrow-Hernandez, J. (2017). "Philadelphia Mint Quietly Releases 2017-P Lincoln Cent". En Coin Week. 16 de xaneiro.
  138. Gilkes, P. (2019). "West Point Mint striking Lincoln cents for sets Arquivado 11 de novembro de 2022 en Wayback Machine.". En Coin World. 25 de febreiro.
  139. Gilkes, P. (2019). "2019-W Lincoln cents available only as premiums". En Coin World. 1 de marzo.
  140. Unser, M. (2019). "Three Special Edition 2019-W Lincoln Cents From West Point Mint". En CoinNews.net. 6 de marzo
  141. "Public Law 116-330-JAN. 13, 2021". Govinfo.gov
  142. Gilkes, P. (2021). "Circulating Collectible Coin Redesign Act of 2020 signed by president". En Coin World. 15 de xaneiro.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Indian Head

Moeda dun centavo
de dólar estadounidense

Desde 1909
Sucesor:
En uso