Saltar ao contido

Coin World

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coin World
PaísEstados Unidos de América
LugarSidney, Ohio.
LinguaInglés.
EspecialidadeNumismática
Fundación1960.
FundadorJ. Oliver Amos.
Primeira ediciónMarzo de 1960 (Vol.1. Nº0).
Última ediciónVixente.
Desenvolvemento
EditorWilliam Gibbs.
PublicadorAmos Hobby Publishing.
Circulación
FrecuenciaSemanal e mensual.
ISSN0010-0447
Na rede
http://www.coinworld.com/ e http://www.coinworldonline.com
Facebook: CoinWorld Twitter: coinworld Youtube: UCkPGvIEUEmSXxLkOHWSL54w Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Coin World é unha revista numismática estadounidense de periodicidade semanal e mensual.[1] Trátase dunha das revistas non académicas máis populares entre os coleccionistas de moedas dos Estados Unidos e abrangue todos os campos da numismática, entre eles as moedas, os billetes, as fichas comerciais e as medallas.

Fundación e primeira época (1960-1962)

[editar | editar a fonte]

Coin World foi fundada como unha revista de periodicidade semanal en 1960 por J. Oliver Amos, un profesional pertencente á terceira xeración de editores de xornais.[2][3] Amos levou ao mundo da numismática a súa experiencia como editor do The Sidney Daily News un xornal local da localidade de Sidney, en Ohio, e aplicou ó que aprendera coa edición da revista filatélica Linn's Stamp News. En 1960, o concepto dunha publicación semanal era anovador; no 25º aniversario de Coin World en 1985, Amos indicou que el vira "todas as oportunidades que se poderían desenvolver a partir dunha aparición semanal: reunións de clubs por todo o país, personalidades e moitas outras ideas aprendidas coa publicación de The Sidney Daily News como un xornal comunitario".[4]

Coa colaboración de James F. Kelly, de Ohio, concibiuse a idea de incluír unha sección semanal de tendencias que reflectise os cambios no valor das moedas no mercado.[5] Kelly foi contratado para ser o editor inaugural de Coin World Trends, e D. Wayne Johnson, de Kansas, foi o escollido para ser o editor xefe inaugural.[6]

A edición de mostra de Coin World (volume 1, número 0) imprimiuse en marzo de 1960, e as súas oito páxinas deseñáronse para lles amosar aos potenciais subscritores e anunciantes o aspecto da nova publicación. O primeiro número de tiraxe regular saíu á rúa o 21 de abril dese mesmo ano. Un ano despois, a publicación tiña xa 53.000 subscritores de pagamento.[7]

Etapa de Margo Russell (1962-1985)

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Margo Russell.

Margo Russell converteuse en editora de Coin World en 1962.[8] Russell comezara a súa traxectoria xornalística no The Sidney Daily News e inicialmente unírase ao quipo de Coin World staff como investigadora histórica.[9] Logo da súa xubilación como editora o 28 de febreiro de 1985, logo de 23 anos no posto, moitos numismáticos considerábana unha das persoas máis influentes no terreo numismático estadounidense e coñecíana como a "primeira dama da numismática”.[10] En 1975, Russell recibiu o premio Farran Zerbe Memorial, o máis alto recoñecemento da American Numismatic Association, e en 1986 foi incluída no Salón da Fama desta entidade.[11][12][13]

No período de Russell, a publicación xogou un papel relevante na promoción do coñecemento da numismática como afección, ao manter estreitas relacións coa Casa da Moeda dos Estados Unidos. Russell soubo asumir os desexos e as inquedanzas dos coleccionistas numismáticos.[14]

Etapa de Beth Deisher (1985-2012)

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Beth Deisher.

Logo do retiro de Margo Russell en 1985, foi sucedida por Beth Deisher como editora da revista, posto no que permaneceu ata 2012.[15]

Na etapa de Deisher como editora a revista foi testemuña, en 1995, do nacemento do programa de cuñaxe das 50 moedas de medio dólar conmemorativas de cada estado dos EEUU.[16]

Durante este mandato comezou a editarse un suplemento da revista titulado Coin World's Coin Values, que se publicou ata 2012.[17]

Etapa de Steve Roach (2012-2015)

[editar | editar a fonte]

Steve Roach, que ata a data fora editor asociado, asumiu o cargo de editor xefe do Coin World o 30 de abril de 2012.[15]

Nesta época a revista amplía a súa cobertura ás noticias dun ámbito numismático máis global, como é o caso da gran cantidade de falsificacións chinesas de moedas que inundou o mercado.[18]

Etapa de William T. Gibbs (desde 2015)

[editar | editar a fonte]

William T. Gibbs incorporouse á redacción de Coin World como editor axudante en 1976 e foi nomeado editor xefe o 1 de maio de 2015, logo de pasar por outros postos. Desde a súa posición actual, dirixe todas as publicacións de Coin World, tanto impresas como en liña, o que inclúe tamén a edición de libros.[19]

En marzo de 2019, Coin World lanzou un potcast semanal presentado polos editores asociados Chris Bulfinch e Jeff Starck.[20] En marzo de 2021 editouse un libro a modo de suplemento en conmemoración do 60º aniversario de Coin World, titulado Coin World Celebrating 60: The Most Influential People in Numismatics 1960-2020. Este volume foilles enviado aos subscritores conxuntamente co número de marzo de 2021, e nel faise unha listaxe das persoas máis influentes na numismática estadounidense durante esas seis décadas, como resultado dunha votación dos seus lectores.[21][22]

En cada número, a revista presenta unha serie de seccións fixas, ademais do noticias de actualidade:

  • News and Analysis: sección centrada na actualidade do ámbito numismático, como as poxas de moedas, achados, convencións comerciais, etc.
  • Readers Ask: os propios lectores son parte fundamental desta sección de preguntas e respostas.
  • Editorial Opinion: o editor xefe comenta a actualidade do sector desde a súa perspectiva.
  • Coin Values Spotlight: un seguimento en profundidade das apreciacións e as depreciacións de moedas concretas ao longo do tempo.
  • Coin Values Market Analysis: esta sección céntrase nos prezos alcanzados por moedas destacadas nas poxas máis recentes.
  • Coin Shop Lottery: Thomas Cohn comenta as súas adquisicións máis recentes
  • About VAMs: Sección dedicada aos "dólares Morgan" e as súas variedades, da man do especialista John Roberts.
  • The Joys Of Collecting: sección a cargo de Q. David Bowers.
  • Collecting Paper: dedicada ao papel moeda.
  • Collectors' Clearinghouse: Errors and Varieties: o experto Mike Diamond conduce esta sección de erros e variantes, a partir de casos enviados polos lectores.
  1. "Dick Johnson on Numismatic Periodical Publishing". En The E-Sylum. Vol. 20. Nº 3. Xaneiro de 2017.
  2. "Amos Family". EPNNES & Washington University in St. Louis.
  3. Bulfinsh, C. "Coin World Marketplace launches". En Coin World. 11 de outubro de 2018.
  4. "Coin World's first issue a reader find: Readers Ask". En Coin World. 19 de xuño de 2015.
  5. "James F. Kelly. Biography". EPNNES & Washington University in St. Louis.
  6. "Numismatics: The Art of Coins and Medals". Belskie Museum of Art & Science.
  7. "Coin World’s first issue a reader find: Readers Ask". En Coin World. 19 de xuño de 2015.
  8. "Kolbe & Fanning to offer Margo Russell Library". En Coin Week. 2 de xullo de 2015.
  9. Orzano, M. (2015). "Former Coin World Editor Margo Russell dies". En Coin World. 27 de xaneiro.
  10. "At NLG Bash, Margo Russell Remembered; CoinWeek Takes 6 Numismatic Literary Guild Awards Arquivado 02 de xuño de 2021 en Wayback Machine.". En Coin Week. 16 de agosto de 2015.
  11. "Margo Russell: We Remember a numismatic legend and her legacy". En Coin World.
  12. "Farran Zerbe Memorial Award Arquivado 03 de xuño de 2021 en Wayback Machine.". American Numismatic Association.
  13. "Numismatic Hall of Fame". American Numismatic Association.
  14. "Margo Russell 1919-2015". En The E-Sylum. Vol. 18. Nº 5. 1 de febreiro de 2015.
  15. 15,0 15,1 "Deisher Retire as Editor of Coin World". En E-Sylum. Vol. 15. Nº 18. 29 de abril de 2012.
  16. "Testimony of Beth Deisher, Editor, Coin Worldbefore the House Financial Services Subcommittee on Domestic and International Monetary Policy, Trade and Technology". U.S. House Committee on Financial Services.
  17. "Coin World's Coin Values". EPNNES & Washington University in St. Louis.
  18. "Detecting Counterfeits: Fake coin surprises ANACS staff". En Coin World. 2 de outubro de 2013.
  19. "Editorial Staff. William T. Gibbs - Managing Editor". Coin World.
  20. "Coin World Podcast". En Coin World. 25 de marzo de 2019.
  21. Coin World: Celebrating 60-The Most Influential People in Numismatics 1960-2020. Amos Media. (2021).
  22. Gibbs, W. (2020). "Monday Morning Brief for Oct. 26, 2020: Hobby's most influential people". En Coin World. 26 de outubro.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]