Moeda de 20 dólares Liberty Head

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Con lixeiras variantes, o deseño de James Longacre da moeda de 20 dólares Liberty Head estivo vixente entre 1850 e 1907.[1]

A moeda de 20 dólares Liberty Head (coñecida tamén como dobre aguia Liberty Head) é unha moeda de ouro co valor facial de 20 dólares, cuñada entre 1850 e 1907 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos, deseñada polo seu gravador xefe James B. Longacre e caracterizada pola representación da cabeza da Liberdade no seu anverso.

A moeda de maior valor facial das autorizadas pola Lei da Moeda dos Estados Unidos de 1792 foi a de 10 dólares de ouro (ou aguia, en inglés eagle), mais a gran cantidade de ouro que se transportaba cara ao leste logo da descuberta deste metal en California na década de 1840 fixo que o Congreso tomase en consideración a idea de crear novas moedas de ouro non previstas naquela lei. O resultado foron o dólar de ouro e a dobre aguia ou moeda de 20 dólares.

Logo de considerables loitas internas na Ceca de Filadelfia, o gravador xefe James B. Longacre encargouse do deseño da nova moeda de 20 dólares, que comezou a producirse para a circulación en 1850 —coñécese tamén un único exemplar dunha proba con data de 1849, conservado na Colección Numismática Nacional dos Estados Unidos, do Instituto Smithsoniano—.

O éxito da nova moeda foi incuestionable, e tanto os comerciantes como os bancos utilizárona adoito no comercio. Mantívose en produción ata 1907, cando foi substituída por un novo modelo deseñado por Augustus Saint-Gaudens, e moitas foron fundidas posteriormente, cando o presidente Franklin D. Roosevelt retirou as moedas de ouro da circulación en 1933.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Consonte a Lei da Moeda de 1792,[2] as moedas de ouro autorizadas nos Estados Unidos foron a de 10 dólares (ou eagle), a de 5 dólares (half eagle) e a de 2½ dólares (quarter eagle).[3][4] A conxuntura económica facía que parte da produción de ouro saíse fóra dos Estados Unidos entre finais do século XVIII e principios do século XIX, e o tamaño da moeda de 10 dólares resultaba conveniente para o seu uso nas transaccións comerciais internacionais.[5] Para non correr o perigo de que a maior parte das moedas dese valor acabasen saíndo do país, o daquela director da Casa da Moeda dos EEUU, Elias Boudinot, ordenou a paralización da súa produción en 1804.[6] En 1838 retomouse a cuñaxe dos 10 dólares, logo de que o Congreso revisase o peso e a lei das moedas de ouro estadounidenses. Esta nova aguia cuñouse cos deseños de Christian Gobrecht, que era un dos gravadores da Casa da Moeda.[3]

En 1836, o xornal de Filadelfia Public Ledger propuxo a creación de dúas novas moedas de ouro, unha dun dólar e outra de 20 dólares. Sobre esta última, podíase ler no xornal:[7]

Vinte moedas dun dólar de prata son un estorbo no peto [...]; se imos ter moedas meirandes, que sexan de ouro. Xunto coa aguia [10 dólares], que ten o mesmo tamaño que o medio dólar de prata, recomendariamos a dobre aguia [20 dólares], que sería do tamaño do noso dólar de prata e contería o valor de vinte.

Outros percibiron tamén a conveniencia dunha moeda de ouro estadounidense de gran tamaño para a utilizar nas transaccións comerciais internacionais, xa que ata entón moitos comerciantes se vían obrigados a utilizar neses casos as moedas españolas e hispanoamericanas de oito escudos.[8]

Percorrido lexislativo[editar | editar a fonte]

James Iver McKay (1792-1853), representante de Carolina do Norte, promotor da creación da moeda de 20 dólares.[9]

A proposta da creación dunha moeda de ouro de 20 dólares non se tomou en consideración oficialmente ata que, ao xurdir a febre do ouro de California en 1848, aumentou considerablemente a cantidade dispoñible deste metal nos Estados Unidos.[10] O aumento da oferta de ouro fixo que as moedas de prata comezasen a valer máis polo seu metal do que indicaba o seu valor nominal, o que entre outras cousas provocou que se exportasen masivamente. Isto xerou o apoio popular para que a moeda de ouro pasase a ocupar o seu lugar no comercio. A cantidade de ouro fixo tamén que fose desexable a creación dunha moeda superior á de 10 dólares, para aumentar a eficacia da conversión do ouro en moeda.[11] En xaneiro de 1849, o congresista por Carolina do Norte James Iver McKay modificou un proxecto de lei que presentara anteriormente no que solicitaba a creación do dólar de ouro, para pedir que se emitise tamén a moeda de 20 dólares. Para tal efecto escribiulle ao entón director da Casa da Moeda dos EEUU, Robert M. Patterson, quen lle contestou: "non pode haber outra obxección á aguia dobre salvo que non sexa necesaria. Será unha moeda atractiva, cun tamaño entre o do medio dólar e o do dólar [de prata]".[10]

Preocupado pola probable oposición dos whigs ao proxecto de lei sobre a moeda, McKay conseguiu que o seu compañeiro demócrata o senador por New Hampshire Charles Atherton, presidente do Comité de Finanzas do Senado, presentase o proxecto de lei nesa cámara o 1 de febreiro de 1849. McKay presentou unha versión do proxecto de lei na Cámara de Representantes o 20 de febreiro e os debates comezaron ese mesmo día. O dólar de ouro foi atacado co argumento de que tería que ser demasiado pequeno, e a moeda de 20 dólares co de que se desgastaría moito na circulación e acabaría alixeirando o seu peso. McKay non contestou dun xeito taxativo, mais declarou que se ninguén quería esas novas moedas, non se solicitarían á Casa da Moeda e non se cuñarían.[12]

O representante whig por Pensilvania Joseph Ingersoll pronunciouse en contra do proxecto de lei e asegurou que o director Patterson se opuña ás novas moedas. Ingersoll declarou que unha moeda de 20 dólares resultaría "duplicada en tamaño e cun peso sen parangón". No entanto, á hora das votacións o proxecto de lei foi aprobado por ambas as cámaras cunha ampla marxe e o presidente James Knox Polk converteuno en lei coa súa sinatura o 3 de marzo de 1849.[13][14] Segundo o numismático David Lange, "a dobre aguia era unha moeda bancaria destinada a simplificar as transferencias de grandes sumas entre institucións financeiras e entre nacións".[15]

Preparación[editar | editar a fonte]

A lei pola que se autorizaba a creación do dólar de ouro e da moeda de 20 dólares precipitou o conflito na Ceca de Filadelfia, onde tanto os funcionarios como o seu cuñador xefe, Franklin Peale, eran na súa maior parte parentes e amigos do director Patterson. A figura en discordancia era o gravador xefe,[16] James B. Longacre,[17] sucesor de Gobrecht —que finara en 1844—. Longacre, antigo gravador de pranchas de cobre, fora nomeado grazas á influencia política do senador de Carolina do Sur John C. Calhoun.[18] Patterson desprezaba a Calhoun e Longacre carecía de apoios na Casa da Moeda. A maior parte das tarefas propias de Peale como cuñador xefe levábaas a cabo o seu predecesor, Adam Eckfeldt, que continuaba ocupándose delas mesmo despois da súa xubilación.[19] Así as cousas, Peale dedicaba o seu tempo libre a un negocio privado de fabricación de medallas, utilizando para iso as instalacións públicas e os equipamentos da Casa da Moeda,[18] entre eles o seu pantógrafo Contamin.[20] Este dispositivo, utilizado por Peale para as súas medallas, precisábase para reducir os modelos dos novos deseños ao tamaño das moedas, a partir dos cales se podían facer os cuños de traballo.[21] En tanto que non se necesitasen novos deseños de moedas, os cuños podían producirse mecanicamente, sen utilizar o aparello Contamin.[22] Aínda que pertencía ao seu departamento, Longacre non utilizara moito este dispositivo ata que o Congreso ordenou que se cuñasen as dúas novas moedas.[23]

James Barton Longacre (1794-1869), gravador xefe da US Mint, autor dos deseños da moeda de 20 dólares.[24]

Cando Longacre comezou a traballar nas dúas novas moedas de ouro a principios de 1849, non tiña axudantes. Primeiro completou o traballo para a preparación do dólar de ouro, ansioso por demostrar que podería crear o deseño dunha moeda. En maio solicitoulle a Patterson que contratase un novo gravador para que lle axudase, ao que o director se negou, disposto a contratar o traballo de gravado fóra da Casa da Moeda. Isto contrariou a Longacre, que era, consonte a lei, o responsable da correcta execución dos cuños, e non quería converterse un simple supervisor dun traballo externo.[23]

Mentres Longacre traballaba no deseño da moeda de 20 dólares, segundo o numismático Walter Breen, "Peale, coa aprobación tácita de Patterson, comezou a acosalo".[25] Longacre preparou un gran modelo da nova moeda en cera e recibiu instrucións de darllo a Peale para que o utilizase na preparación dun galvano de metal, que podería ser utilizado no pantógrafo. Mais a operación fallou e o modelo de Longacre acabou destruído.[26] Porén, Longacre fixera un molde do seu modelo en xeso e puido utilizalo na máquina. O cuño de aceiro resultante tivo que ser endurecido no departamento de Peale e, como dixo o propio Longacre, "por desgraza, partiuse no proceso".[27] Consonte o historiador numismático Don Taxay, "a adopción por parte de Peale dun proceso que non se utilizaba normalmente na Casa da Moeda, xunto cos seus catastróficos fallos, parecen algo máis que unha coincidencia".[28]

Longacre emprendeu un terceiro intento para a creación dos cuños e viuse obstaculizado non só pola obstinada oposición de Peale, senón tamén polo deficiente alumamento e polos fumes nocivos que entraban no seu obradoiro da Ceca de Filadelfia. Un amigo seu, o gravador de Nova York Charles Cushing, conseguiu que Peter F. Cross axudase a Longacre a producir as matrices e os cuños.[20] Cross gravou o primeiro cuño do anverso entre novembro e decembro de 1849, baixo a dirección de Longacre, e este encargouse persoalmente do reverso. O 22 de decembro de 1849, o director Patterson escribiulle ao secretario do Tesouro, William M. Meredith, para lle comunicar que os cuños estaban rematados; envioulle unha cuñaxe de mostra e pediulle que, se aprobaba a peza, llo comunicase o antes posible para posibilitar o inicio da produción masiva de dobres aguias en 1849. Antes de recibir unha resposta, Peale opúxose o 24 de decembro, queixándose de que o relevo da cabeza da Liberdade era tan alto que as pezas cuñadas coa maquinaria a vapor da Ceca de Filadelfia non poderían resaltar completamente o deseño —a moeda enviada a Meredith fora cuñada á man nunha prensa para medallas—. Ademais, Peale alegou que a moeda tiña un relevo tan alto que as moedas non poderían amorearse. Patterson envioulle a carta de Peale a Meredith o 25 de decembro, indicando que tal situación supuña que se produciría un longo atraso.[20]

A cabeza da Liberdade, tomada dun centavo de cobre, similar á do anverso dos 20 dólares.

Longacre completou o arranxo dos cuños para lles rebaixar o relevo o 12 de xaneiro de 1850. Peale non fixo ningunha comprobación con eles durante dúas semanas e cando o fixo rexeitounos novamente, afirmando que a cabeza da Liberdade se opuña á aguia do reverso, o que entorpecería que na cuñaxe resultasen completamente gravadas ambas as faces. Peale indicou que Longacre tería que modificar a posición da cabeza, e este, indignado, apelou ao director Patterson, que non tomou medida inmediata ningunha ao respecto, mais a finais de mes foi a ver a Longacre ao seu obradoiro, para lle dicir que o Goberno de Zachary Taylor —que tomara posesión en marzo de 1849— decidira a súa destitución, e suxeriulle a Longacre que enviase a súa carta de dimisión o antes posible. Mais Longacre non se resignou e non dimitiu, senón que se desprazou a Washington para se entrevistar co secretario do Tesouro, Meredith. Alí descubriu que Patterson lle mentira a Meredith sobre varios asuntos; por exemplo, cando Longacre sacou do seu peto unha proba cuñada da moeda de 20 dólares, Meredith amosou a súa sorpresa, xa que fora falsamente informado de que os cuños romperan. Aquela entrevista con Meredith serviulle a Longacre para conservar o seu posto como gravador xefe.[29]

Segundo o escritor numismático Q. David Bowers, o último xogo de cuños de Longacre completouse en febreiro de 1850, e foi aceptado.[20] No entanto, Breen sostén que as primeiras moedas de produción apareceron arredor do 26 de xaneiro de 1850.[25] Só se coñece un único exemplar das cuñaxes de proba da moeda de 20 dólares realizadas con data de 1849, que forma parte da Colección Numismática nacional dos Estados Unidos, custodiada polo Instituto Smithsoniano.[20][30][31] O espécime enviado ao secretario Meredith non está localizado e dise que na década de 1950 foi propiedade do comerciante de moedas William K. Nagy, cuxo antigo socio comercial, John W. Haseltine, llo tería adquirido aos herdeiros de Meredith. Ao parecer, Nagy declarou que lle vendeu a peza a un coleccionista privado. O numismático e farmacéutico de Filadelfia Robert Coulton Davis, que tiña vínculos estreitos coa Ceca de Filadelfia, cuñou posteriormente de xeito privado unha dobre aguia con data de 1849 en latón dourado, cuxa localización tamén se descoñece.[32]

Deseño[editar | editar a fonte]

Debuxo á man de Longacre do reverso da moeda, cunha proposta non adoptada do lema OUR TRUST IS IN GOD.

O anverso representa unha cabeza da Liberdade con estilo grecorromano,[33] ollando cara á esquerda, co pelo recollido —segundo os numismáticos Jeff Garrett e Ron Guth "dun xeito atractivo"— cun moño, en tanto que unha parte do seu cabelo descende pola súa caluga.[34] A Liberdade porta unha coroa ou un diadema coa inscrición LIBERTY e está rodeada por trece estrelas, alusivas das trece colonias ou estados orixinais, así como o ano de emisión.[35]

O reverso representa unha aguia heráldica que sostén unha cinta dobre na que está inscrito o lema nacional estadounidense E PLURIBUS UNUM.[35] A cinta dobre é unha alusión de Longacre ao valor facial da moeda que estaba a crear (dobre aguia).[25] O deseño do reverso é unha variante do Gran Selo dos Estados Unidos: a aguia protexe un escudo que representa a nación,[36] e sostén unha póla de oliveira e unhas frechas.[37] Sobre a aguia, Longacre colocou novamente trece estrelas, dispostas a modo de halo, xunto cun arco de raios.[36][38]

As iniciais de Longacre, "JBL", aparecen a modo de marca de gravador no truncamento da cabeza. A moeda dun dólar de ouro e a de 20 dólares foron as primeiras moedas federais estadounidenses nas que se incluíu a marca do gravador —no dólar úsase só o "L", por cuestión do espazo—.[39] Os deseños de Longacre para os anversos da dobre aguia e do dólar de ouro "tipo 1" (1850-1854)[40] son similares.[41]

Ao historiador da arte Cornelius Vermeule non lle gustou nin a moeda de 20 dólares Liberty Head nin o resto das creacións numismáticas de Longacre que amosan a representación alegórica da Liberdade, que cualificou como rutineiras. Porén, el considerou que o reverso "ten algúns aspectos encomiables de imaxinaría heráldica"[33] e comparou esta face da moeda co "frontispicio dun folleto patriótico".[42]

O xornal The Daily Alta California reproduciu en maio de 1850 un artigo dun xornal oriental, sen citar o seu nome, que dicía en relación coa nova moeda: "non podemos dicir que a admiremos [...] A aguia está imperfectamente formada e estragada por algunha flamíxera adxacente destinada ao resplandor que, na nosa opinión, o fai confuso".[20]

Outro xornal, The Journal of Commerce de Nova York, propuxo que se cambiase esta moeda por outra que amosase a George Washington no anverso e "unha fermosa aguia que destaque como se non se avergoñase de si mesma" no reverso. Pola súa banda, o Boston Evening Transcript suxeriu que as autoridades da Casa da Moeda dos Estados Unidos debían "deter a emisión dunha moeda tan cutre. O director da Casa da Moeda parece carecer totalmente de gusto ao permitir que se emita semellante exemplar".[43] Bowers escribiu en 2004 que, malia a reacción negativa da época, o deseño da moeda de 20 dólares Liberty Head é agora moi popular entre os coleccionistas..[20]

Produción[editar | editar a fonte]

Tipo I (1849-1866)[editar | editar a fonte]

Tipo I (1849-1866) [38]
A/: Cabeza da Liberdade cara á esquerda, rodeada por 13 estrelas. Marca de gravador (JBL). Data.

Lenda: LIBERTY (no diadema).

R/: Aguia heráldica co escudo da Unión, que sostén 3 frechas e unha póla de oliveira; dous estandartes co lema E PLURIBUS UNUM. Sobre o conxunto, 13 estrelas e raios. Marca de ceca.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / TWENTY D.

A dobre aguia converteuse axiña na moeda de ouro máis popular nos Estados Unidos en termos de tiraxe. Durante a existencia das moedas de ouro con este valor facial (1850 a 1933), cuñouse máis ouro na moeda de 20 dólares que en todos os demais valores cuñados en ouro xuntos.[44] De todas as moedas de ouro cuñadas para a circulación desde o inicio das emisións neste metal en 1795 ata o seu remate en 1933, algo menos da metade foron dobres aguias, e mais o 78% do ouro cuñado foino en moedas de 20 dólares.[45] Segundo Bowers, esta moeda "representaba o xeito máis eficaz de cuñar unha cantidade determinada de ouro en forma de moeda".[41]

A produción regular para a circulación da moeda de 20 dólares Liberty Head comezou en 1850 na Ceca de Filadelfia, cunha tiraxe de máis dun millón de exemplares, e na Ceca de Nova Orleáns, cunha tiraxe máis modesta de 141.000 pezas. Entre 1850 e 1861, en Nova Orleáns cuñouse ininterrompidamente esta moeda, aínda que en cantidades moi pequenas.[46][47]

Durante os seus primeiros anos de vida, cando non había ningunha ceca no Vello Oeste, xurdiu a necesidade de converter alí en moeda parte do ouro aparecido en California.[48] Logo do establecemento da Ceca de San Francisco en 1854, as cuñaxes en Nova Orleáns volvéronse escasas, xa que na súa maior parte o ouro que cuñaba era de procedencia local, e non había alí moito metal. Pola súa Banda, a Ceca de Filadelfia seguiu a recibir unha parte importante do ouro de California. Despois de que a Luisiana se separase da Unión en 1861, algunhas das moedas de 20 dólares de Nova Orleáns dese ano, aínda que amosaban os deseños estándar, foron cuñadas baixo a autoridade do Estado de Luisiana e, máis tarde, da Confederación.[49] Esa ceca pechou naquel momento e abriu novamente en 1879.[50] As outras delegacións da Casa da Moeda dos Estados Unidos, a Ceca de Charlotte e a Ceca de Dahlonega, tamén cesaron a súa actividade durante a Guerra Civil, xa que as súas instalacións eran moi limitadas, e nelas non se cuñou ningunha moeda de ouro de valor facial superior ao de 5 dólares (media aguia).[50]

A principios da década de 1850 produciuse en California e no Vello Oeste unha escaseza de moedas de ouro. As autoridades federais negáronse a aceptar o po de ouro para o pagamento dos dereitos alfandegueiros e os mineiros privados non tardaron en intervir. O senador californiano William Gwin presentou un proxecto de lei para establecer oficinas de ensaio en California e para a emisión de moedas de ouro de valores faciais altos, de ata os 10.000 dólares. Aínda que a maior parte das súas propostas foron rexeitadas, estableceuse unha oficina de ensaios en San Francisco. No entanto, dúas ondas de pánico relacionadas co diñeiro sacudiron California e, en 1852, o Congreso converteu a oficina de ensaios na nova Ceca de San Francisco.[51] A primeira moeda de 20 dólares cuñada nesta nova ceca saíu das prensas o 3 de abril de 1854, en condición de proba numismática, e hoxe forma parte da Colección Numismática Nacional dos Estados Unidos.[52][53] Algo máis da metade das moedas de 20 dólares cuñadas entre 1850 e 1933 proceden da Ceca de San Francisco.[45][46]

Moitas das moedas de 20 dólares Liberty Head do "tipo I" da Ceca de San Francisco que chegaron aos nosos días en condicións de conservación excelentes proveñen de naufraxios e foron recuperadas despois de estaren máis dun século debaixo do mar. Entre os naufraxios nos que se acharon máis exemplares cómpre salientar os do SS Brother Jonathan, o SS Central America e o SS Yankee Blade.[54] Milleiros de dobres aguias de 1857 da Ceca de San Francisco que non chegaran a circular afundíronse co buque Central America fronte a costa dos Estados Unidos en setembro dese mesmo ano, igual que as 435 que viaxaban nel, entre elas o capitán William Herndon. O cargamento foi rescatado a partir da década de 1980 e, logo de resoltos os litixios acerca da súa propiedade, acabaron no mercado numismático.[55] Pola súa banda o Brother Jonathan, un luxoso barco de vapor de paletas que ía do norte de San Francisco ata Portland, afundiuse en xullo de 1865; poucos sobreviviron ao naufraxio. Os milleiros de moedas de ouro de 20 dólares e doutros valores que se achaban a bordo foron rescatadas a partir de 1996 e, arranxadas as cuestións legais, saíron tamén ao mercado numismático, a maioría en estados de conservación excelentes.[56][57]

A palabra LIBERTY do diadema do anverso nas moedas de 20 dólares cuñadas entre 1850 e 1858 foron cuñadas con cuños que orixinariamente Longacre gravara como LLBERTY, quen converteu posteriormente segundo "L" nun "I"; esta característica é apreciable con lentes de aumento.[58]

Exemplar de 1861 co reverso reaxustado por Paquet.[59][60]

En 1860, o gravador axudante Anthony C. Paquet levou a cabo unha revisión do reverso da moeda, que logo dos seus axustes resultou coas letras máis altas e máis estreitas. Logo de iniciada a produción a principios de 1861 con estes cuños axustados, observouse ademais que o deseño carecía dun bordo o suficientemente alto como para protexer o deseño da abrasión, e a Casa da Moeda acabou por recuperar os antigos cuños do reverso, non afectados polos axustes de Paquet. Ordenouse fundir os exemplares xa cuñados coas características defectuosas, máis un número escaso de pezas cuñadas en Filadelfia non se refundiron. Ademais, cando chegou ao outro lado do país, á Ceca de San Francisco, a noticia de que cumpría deter a produción, xa se cuñara unha tiraxe de 20.000 exemplares.[61][60] Hoxe estas raras pezas acadan no mercado numismático prezos moi elevados; un exemplar procedente da Ceca de Filadelfia vendeuse nunha poxa pública en agosto de 2006 por 1.610.000 dólares, o que supuxo o récord de cotización dunha moeda de 20 dólares da serie Liberty Head.[62]

A partir de 1858 comezaron a cuñarse na Ceca de Filadelfia tiraxes extremadamente limitadas de dobres aguias con acabamento proof —fondo espello e relevo mate—para a súa venda a coleccionistas. Segundo Breen, "poucos coleccionistas podían permitirse adquirilas, mesmo daquela".[25][63]

Tipo II (1866-1876)[editar | editar a fonte]

Tipo II (1866-1876) [64]
Igual deseño e características métricas, coa inclusión do lema IN GOOD WE TRUST entre as estrelas do reverso.

Co país no medio dunha guerra interna, en novembro de 1861 o secretario do Tesouro Salmon P. Chase recibiu unha proposta para que as moedas dos Estados Unidos amosasen unha lenda alusiva á fe en Deus. Despois de tomar en consideración varios textos optouse por colocar a inscrición IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") na moeda de dous centavos de 1864. A Lei do 3 de marzo de 1865 que autorizou a moeda de tres centavos de cuproníquel tamén esixía que ese lema aparecese en todas as moedas que tivesen o tamaño suficiente para o levar. En cumprimento deste mandato, Longacre comezou a regravar os cuños de todas as moedas dos Estados Unidos. En 1866 engadiu o lema IN GOD WE TRUST en todas as moedas que aínda non o levaban, exceptuando as de diámetro inferior aos cinco centavos, moeda que comezou a cuñarse aquel ano.[65] A Ceca de San Francisco utilizou os cuños sobrantes do reverso da moeda de 20 dólares de 1865 antes de os cambiar durante 1866.[66]

Longacre fixo a adición necesaria á moeda de 20 dólares ampliando lixeiramente o óvalo de estrelas do reverso e situando o lema dentro del, e aproveitou a conxuntura para facer algúns outros leves axustes. Os lados do escudo do reverso, que antes eran máis rectos, adquiriron uns trazos máis rococó; engadiuse unha novena folla á póla de oliveira e cambiouse a forma das outras follas; os remates dos estandartes fixéronse máis pequenos, aínda que máis elaborados, de xeito que no da esquerda os remates inciden menos que antes nas letras IBUS de PLURIBUS.[67] Ademais, as ás e as plumas da cola da aguia alongáronse lixeiramente.[68]

En 1870,[69] inaugurouse en Nevada a Ceca de Carson City por instancias dos intereses mineiros da prata, para poder refinar o mineral e convertelo en moeda de uso local.[70] Mais, a maiores da prata, esta nova ceca cuñou tamén moedas de ouro de 5, de 10e de 20 dólares. A dobre aguia de Carson City de 1870, igual que as outras moedas do primeiro ano de actividade do establecemento, é dunha gran rareza[71] —só 3.789 exemplares—,[72] e unha delas acadou os 414.000 dólares nunha poxa pública realizada en marzo de 2009.[73] A circulación das moedas de 20 dólares cuñadas en Carson City limitouse case exclusivamente ao ámbito local, xa que estas moedas só se cuñaron como consecuencia das extraccións de ouro da zona e da petición dos seus propietarios para a súa conversión en moeda. Pola súa banda, a produción masiva de dobres aguias levouse a cabo na Ceca de San Francisco, para satisfacer as necesidades da poboación de toda California e do comercio de exportación.[74] Como o ouro non circulaba no Leste, a maioría das pezas producidas na Ceca de Filadelfia foron tamén enviadas ao Oeste ou dedicadas á exportación.[75]

Data de 1873, co 3 pechado (arriba) e aberto (abaixo).

En novembro de 1872, o daquela gravador xefe William Barber, sucesor de Longacre nese cargo, presentou unha serie de deseños para amosar como aparecería representada a data na moeda de 20 dólares correspondente ao ano seguinte. Aínda que estes esbozos foron aprobados, o novo xefe de cuñaxe, Loudon Snowden, presentou unha queixa por escrito o día 18 de xaneiro de 1873, ao pouco tempo de iniciarse a produción dese ano, na que afirmaba que o "3" da data se parecía demasiado a un "8". Como consecuencia, ordenóuselle a Barber que modificase o seu traballo, algo que afectou á maior parte das moedas estadounidenses dese ano.[76]

Este reaxuste logo de iniciada a cuñaxe deu lugar á variante coñecida como "3 aberto" e "3 pechado", unha diferenza pequena a simple vista, que se manifesta máis claramente no tamaño dos remates do díxito: en tanto que no "3 pechado" ambos os remates son do mesmo tamaño, no "3 pechado" o remate inferior é algo máis grande. Todas as moedas cuñadas en 1873 na Ceca de Carson City corresponden á variante "pechada", do mesmo xeito que a maioría das producidas na Ceca de San Francisco.[76]

Tipo III (1877-1907)[editar | editar a fonte]

Tipo III (1877-1907) [77]
Igual deseño e características métricas, con pequenos axustes no busto da Liberdade, co lema IN GOOD WE TRUST en letra máis grosa e co valor expresado como TWENTY DOLLARS.

En 1876, William Barber introduciu un axuste nos cuños do reverso da moeda de 20 dólares consistente en darlle un aspecto de letra máis grosa ao lema IN GOD WE TRUST, o que xerou unha nova variante, coñecida no ámbito numismático como "lema forte" e "lema lixeiro". Tamén se aumentou o tamaño das letras do lema E PLURIBUS UNUM, disposto nos dous estandartes a ambos os lados da aguia.[78]

Este reaxuste de Barber afectou tamén ao anverso, onde lle deu un ángulo algo máis agudo ao truncamento do pescozo da Liberdade que provoca unha maior distancia con respecto á data. Ademais, no deseño orixinal de Longacre a punta da coroa da Liberdade está moi próxima á sétima estrela contada desde a data e no sentido das agullas de reloxo, en tanto que a partir de 1877 se sitúa entre as estrelas sexta e sétima.[78]

Mais o cambio máis salientable introducido nas emisións de 1877 foi a modificación da expresión do valor facial, que pasou de TWNTY D. á súa forma plena, TWENTY DOLLAR. Toda esta serie de pequenos cambios introducidos en ambas as caras da moeda xeraron algunhas dificultades técnicas á hora da cuñaxe, que Barber foi solucionando con pequenos axustes no deseño durante os primeiros meses de produción, en 1877.[78]

Entre 1877 e 1883 cuñáronse grandes cantidades de dobres aguias na Ceca de San Francisco.[79] A partir de 1881, a produción desta moeda na Ceca de Filadelfia reduciuse drasticamente: entre 1881 e 1887 só se cuñaron en Filadelfia 4.521 exemplares para a súa posta en circulación, e non se cuñou ningún en 1882, en 1883 nin en 1887.[80] Durante eses anos, en Filadelfia emitíronse moedas con acabamento proof con tiraxes escasísimas —92 pezas en 1883, 71 pezas en 1884 e 121 pezas en 1887—, o que as converte en pezas extremadamente raras.[81][82] En 1879, a Ceca de Nova Orleáns produciu unha sorprendente tiraxe de 2.325 moedas,[46] a única despois da guerra, para a que os autores numismáticos actuais non atopan unha xustificación clara; a este respecto, Breen apunta a unha decisión persoal do superintendente desa ceca para xerar demanda da moeda entre a poboación, xa que era moi impopular no comercio do Sur.[79]

A partir da década de 1880 enviáronse a Europa millóns de moedas de 20 dólares Liberty Head, como pagamento en transaccións de comercio internacional. Estes envíos producíanse adoito en bolsas téxtiles que contiñan 250 moedas, por un importe total de 5.000 dólares por bolsa.[83]

O axuste de William Barber en 1900 permitiu un maior espazo para a data.

En 1900, o sucesor de William Barber no cargo de gravador xefe da US Mint, o seu fillo Charles E. Barber, reaxustou lixeiramente o deseño unha vez máis, no marco dunha revisión xeral dos cuños das moedas estadounidenses. Os cambios máis significativos foron o alisamento da parte posterior do pescozo da aguia, no reverso, e unha modificación da parte inferior da cabeza, no anverso, que permitiu dispor de maior espazo para a data. En 1904, a Casa da Moeda estableceu récords de produción de moedas de 20 dólares, con 6.256.699 exemplares en Filadelfia e 5.134.175 en San Francisco, o que supón os máximos destas cecas para as moedas desta serie.[84] A única emisión superior de moedas de 20 dólares tivo lugar en 1928, xa co modelo seguinte de Saint-Gaudens, cando en Filadelfia se acadaron os 8.816.000 exemplares.[85][86]

A descuberta de ouro en Cripple Creek, Colorado, en 1891 provocou alí unha nova febre do ouro. A maior disposición deste metal en Colorado foi unha das razóns polas que se autorizou o establecemento da Ceca de Denver en 1904, que abriu as súas portas en 1906.[83] Cando se inaugurou a produción de moedas de 20 dólares nesta nova ceca, o 4 de abril de 1906, cuñouse primeiro unha ducia de moedas de proba con acabamento proof para llas presentar ás autoridades.[87]

A proba Quintuple Stella (1879)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Stella (moeda).
Exemplar da proba Quintuple Stella (1879).[88]

A coñecida no ámbito numismático como Quintuple Stella é unha cuñaxe de proba realizada pola Ceca de Filadelfia en 1879 no marco da procura dunha moeda para o comercio internacional de aceptación universal. Neste contexto Quintuple Stella constitúe a resposta dos EEUU ás conferencias monetarias internacionais que, con tal propósito, estaban a ter lugar en Europa naqueles momentos.[89]

Esta emisión en proba toma o deseño dos 20 dólares Liberty Head, cunha cabeza da Liberdade lixeiramente modificada e ao que se lle engadiu unha lenda diseminada entre as trece estrelas do anverso: ★30★G★1.5★S★3.5★C★35★G★R★A★M★S★ ("30 de ouro, 1,5 de prata, 3,5 de cobre, 35 gramos de peso"), coa data de 1879 no exergo. O cambio máis salientable no reverso foi a substitución do lema IN GOD WE TRUST por un novo en latín: DEO EST GLORIA.[88]

Da súa cuñaxe en ouro coñécense cinco exemplares, un dos cales se conserva na Colección Numismática Nacional dos EEUU, do Instituto Smithsoniano.[90] Están rexistrados tamén doce exemplares dunha versión en cobre desta proba numismática, dos que polo menos cinco recibiron posteriormente un baño de ouro.[91]

Un dos poucos espécimes da Quintuple Stella que chegou ao mercado numismático nas últimas décadas foille adxudicado por 1.880.000 dólares a Greg Rohan, o presidente da compañía Heritage Auctions,[92] nunha poxa que tivo lugar en Nova Orleáns o 19 de maio de 2016.[93]

Substitución[editar | editar a fonte]

A moeda de 20 dólares Saint-Gaudens substituíu en 1907 o modelo da cabeza da Liberdade.[94]

En 1904, o presidente Theodore Roosevelt queixouse ao seu secretario do Tesouro, Leslie M. Shaw, acerca dos deseños das moedas estadounidenses, e preguntoulle se se podería contratar un escultor amigo do presidente, chamado Augustus Saint-Gaudens, para que proporcionase uns novos deseños actualizados.[95]

O ano seguinte, a Casa da Moeda dos Estados Unidos contratou a Saint-Gaudens para que crease catro novos modelos, tanto para o centavo como para as catro moedas de ouro en uso no momento, entre elas a moeda de 20 dólares.[96] A necesidade de atender outras encargas sumada á grave doenza que padecía Saint-Gaudens fixeron que estes cambios se demorasen.[97] O gravador xefe Barber opúxose en repetidas ocasións ao deseño que finalmente acabou por propor Saint-Gaudens, que amosaba no anverso a Liberdade de corpo enteiro dando pasos amplos sobre unha formación rochosa, alegando que o seu relevo era demasiado alto. Logo do falecemento de Saint-Gaudens o 3 de agosto de 1907,[98] Barber axustou o deseño de Saint-Gaudens para crear unha versión cun relevo máis baixo que se puidese cuñar con facilidade.[99] A cuñaxe deste novo modelo da dobre aguia comezou a finais de 1907 e púxose en circulación en decembro dese ano, pondo fin así á moeda de 20 dólares Liberty Head.[100]

Coleccionismo[editar | editar a fonte]

Na década de 1930, o Goberno dos Estados Unidos fundiu grandes cantidades de moedas de 20 dólares, seguindo indicacións do presidente Franklin D. Roosevelt.[101] Por outra banda, en tanto que moitas das dobres aguias exportadas en grandes cantidades a finais do século XIX —os rexistros amosan que a maioría das enviadas ao Reino Unido foron refundidas para producir soberanos—, outros millóns de moedas permaneceron nos bancos.[102]

A partir da década de 1940 acháronse grandes cantidades de moedas de 20 dólares nas cámaras acoirazadas de bancos europeos, que foron colocadas no mercado numismático,[103] e moitas das que presentaban peores estados de conservación foron parar ao mercado do investimento en metais preciosos,[104] valoradas unicamente polo prezo do seu contido en ouro.[105] Houbo tamén moitas dobres aguias Liberty Head do tipo I rescatadas de naufraxios, case sempre en estados de conservación de gran calidade, o cal incrementou a demanda dos coleccionistas cara a estas moedas.[106]

Durante o século XIX, as moedas de 20 dólares non eran un obxecto habitual de colección. Nesa época, ademais, os numismáticos non consideraban como un criterio diferenciador nas súas coleccións o feito de que as moedas tivesen unha ou outra marca de ceca, ou carecesen dela. Mesmo as cuñaxes en versión proof, algunhas delas con tiraxes de só decenas de exemplares, se vendían no mercado secundario con só un lixeiro aumento con respecto ao seu valor nominal, e é probable que algunhas delas se acabasen usando na circulación en tempos de conxuntura económica difícil. En 1909, o escritor numismático Edgar H. Adams publicou un catálogo das emisións de ouro estadounidenses, no que non se lle atribuía a ningunha moeda de 20 dólares Liberty Head ningún valor adicional por riba do seu valor facial.[107]

O interese dos coleccionistas polas moedas de 20 dólares creceu claramente cando na década de 1940 quedou de manifesto que a apresurada retirada da circulación do modelo Saint-Gaudens en 1933 tivera como consecuencia que varias destas moedas das últimas datas se convertesen en exemplares inesperaradamente raros. A importación masiva de moedas de 20 dólares que estaban no estranxeiro, logo de que aos estadounidenses se lles permitise novamente a posesión de ouro en 1974, fixo que a oferta desta moeda aumentase no mercado numismático. Así e todo, segundo o autor numismático e comerciante de moedas Q. David Bowers: "hoxe en día gozan de popularidade, unha fascinación e un interese tan grandes que os prezos récord acadados [nunha importante poxa de 1949] parecen gangas incribles".[108]

A colección de moedas de 20 dólares Liberty Head pode ter diferentes enfoques. Algúns coleccionistas, que procuran unicamente unhas poucas pezas, poden elixir unha representativa de cada un dos tres tipos principais, ou tamén adquirir un exemplar de cada unha das cecas onde a moeda se cuñou (Filadelfia, Carson City, Nova Orleáns, San Francisco e Denver), por uns prezos que exceden pouco o do ouro da moeda no mercado de metais preciosos. Por outra banda, os coleccionistas que se decanten por reunir un exemplar de cada ano, independentemente da ceca, poderán ter problemas para adquirir o correspondente a 1886, un ano en que a moeda só se produciu en Filadelfia e no que só se cuñaron 1.000 pezas para a circulación e outras 106 con acabamento proof. A edición de 2015 do catálogo de R. S. Yeoman A Guide Book of United States Coins atribúelle á moeda de 1886 nun estado de conservación medio un prezo de 22.500 dólares.[109][110]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Yeoman, R. S. (2014). Páxinas 275-278.
  2. "Coinage Act of April 2, 1792". United States Mint.
  3. 3,0 3,1 Breen, W. (1988). Páxina 548.
  4. Garrett, J. & Guth, R. (2008). Páxina xi.
  5. Bowers, Q. D. (2001). Páxinas 57-61.
  6. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 125.
  7. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 201.
  8. Winter, D. & Fuljenz, M. (1999) [1996]. Páxina vii.
  9. "James J. [i.e. I.] McKay, Representative from North Carolina". Library of Congress.
  10. 10,0 10,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 202.
  11. Hobson, W. (1971). Páxina 116.
  12. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 203.
  13. "Act of March 3, 1849". United States Mint.
  14. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 204.
  15. Lange, D. W. (2006). Páxina 75.
  16. Formalmente: "gravador da Casa da Moeda dos Estados Unidos en Filadelfia"; daquela non tiña gravadores axudantes a tempo completo. Máis tarde, o cargo pasou a denominarse "gravador xefe". Véxase Bowers, Q. D. (2004). Páxina 25.
  17. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 205-206.
  18. 18,0 18,1 Bowers, Q. D. (2006). Páxina 56.
  19. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 183.
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 20,4 20,5 20,6 Bowers, Q. D. (2004). Páxina 26.
  21. Snow, R. (2009). Páxina 222.
  22. Breen, W. (1988). Páxina 476.
  23. 23,0 23,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 206.
  24. "James Barton Longacre". National Portrait Gallery. Smithsonian Institution.
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 Breen, W. (1988). Páxina 562.
  26. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 206-207.
  27. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 207.
  28. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 207, n. 5.
  29. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 207-209.
  30. "20 Dollars, Pattern, United States, 1849". National Museum of American History.
  31. "1849 Liberty Double Eagle". Libertydoubleeagle.org
  32. Bowers, Q. D. (2004). Páxinas 67-68.
  33. 33,0 33,1 Vermeule, C. (1971). Páxina 50.
  34. Breen, W. (1988). Páxinas 569.
  35. 35,0 35,1 Garrett, J. & Guth, R. (2008). Páxina 423.
  36. 36,0 36,1 Fuljenz, M. (2009). Páxina 1.
  37. Bowers, Q. D. (2006). Páxina 26.
  38. 38,0 38,1 "20 Dollars Liberty Head - Double Eagle, No motto". Numista.com
  39. Snow, R. (2009). Páxina 223.
  40. "1 Dollar "Liberty Head" Type 1". Numista.com
  41. 41,0 41,1 Bowers, Q. D. (2001). Páxina 356.
  42. Vermeule, C. (1971). Páxina 51.
  43. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 27.
  44. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 8.
  45. 45,0 45,1 Bowers, Q. D. (2004). Páxina 13.
  46. 46,0 46,1 46,2 "Liberty Double Eagle Mintages". Libertydoubleeagle.org
  47. Yeoman, R. S. (2014). Páxinas 275-276.
  48. Bowers, Q. D. (2004). Páxinas 30-31.
  49. Winter, D. & Crum, A. (2002). Páxina 161.
  50. 50,0 50,1 Bowers, Q. D. (2001). Páxina 76.
  51. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 209.
  52. "20 Dollars, United States, 1854-S". National Museum of American History.
  53. Bowers, Q. D. (2006). Páxina 78.
  54. Bowers, Q. D. (2004). Páxinas 11-12.
  55. Bowers, Q. D. (2004). Páxinas 87-91.
  56. "Bowers and Merena, Inc. will offer the sunken treasure... ". Professional Coin Grading Service. 1 de xaneiro de 2001.
  57. "S.S. Brother Jonathan Reveals Treasure Trove of $20 Gold Double Eagles". Superhometheater.com
  58. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 62.
  59. "20 Dollars Liberty Head - Double Eagle, No motto, Paquet reverse". Numista.com
  60. 60,0 60,1 "1861 Paquet Reverse Liberty Double Eagle". Libertydoubleeagle.org
  61. Breen, W. (1988). Páxina 562-563.
  62. Yeoman, R. S. (2014). Páxina 431.
  63. "Proof Liberty Double Eagles". Libertydoubleeagle.org
  64. "20 Dollars Liberty Head - Double Eagle, With motto". Numista.com
  65. Breen, W. (1988). Páxina 353.
  66. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 117.
  67. Breen, W. (1988). Páxinas 566-567.
  68. Winter, D. & Fuljenz, M. (1999) [1996]. Páxina viii.
  69. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 131.
  70. Yeoman, R. S. (2014). Páxina 19.
  71. Bowers, Q. D. (2001). Páxina 89.
  72. "1870-CC Liberty Double Eagle". Libertydoubleeagle.org
  73. Yeoman, R. S. (2014). Páxina 277.
  74. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 35.
  75. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 119.
  76. 76,0 76,1 Breen, W. (1988). Páxinas 567.
  77. "20 Dollars Liberty Head - Double Eagle, With motto". Numista.com
  78. 78,0 78,1 78,2 Bowers, Q. D. (2004). Páxina 148.
  79. 79,0 79,1 Breen, W. (1988). Páxinas 569-570.
  80. Fuljenz, M. (2009). Páxina 46.
  81. "1883, 1884, and 1887 Proof Only Double Eagles". Libertydoubleeagle.org
  82. Bowers, Q. D. (2004). Páxinas 169, 171, 176.
  83. 83,0 83,1 Bowers, Q. D. (2001). Páxina 97.
  84. Fuljenz, M. (2009). Páxinas 154, 156.
  85. "Saint Gaudens Double Eagle Mintages". Saintgaudensdoubleeagle.com
  86. Yeoman, R. S. (2014). Páxinas 280-283.
  87. Breen, W. (1988). Páxina 572.
  88. 88,0 88,1 "20 Dollars "1879 Quintuple Stella"". Numista.com
  89. "Patterns for an International Coinage". Uspatterns.com
  90. "20 Dollars, Pattern, United States, 1879". National Museum of American History.
  91. "J1643/P1843". Uspatterns.com
  92. "Heritage purchases $1.88 Million Quintuple Stella at auction". Heritage Auctions (Ha.com).
  93. Roach, S. (2016). "1879 Liberty Head double eagle pattern strong at sale". En Coin World. 31 de maio.
  94. "20 Dollars Saint-Gaudens - Double Eagle, With motto". Numista.com
  95. Burdette, R. W. (2006). Páxina 30.
  96. Burdette, R. W. (2006). Páxina 35.
  97. Moran, M. F. (2008). Páxinas 238, 241.
  98. Bowers, Q. D. (2004). Páxinas 220-224.
  99. Breen, W. (1988). Páxina 575.
  100. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 236.
  101. Lange, D. W. (2006). Páxinas 164-165.
  102. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 11.
  103. Bowers, Q. D. (2004). Páxinas 22-23.
  104. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 23.
  105. Yeoman, R. S. (2014). Páxina 275.
  106. Winter, D. & Crum, A. (2002). Páxinas 18-19.
  107. Bowers, Q. D. (2004). Páxinas 16-17.
  108. Bowers, Q. D. (2004). Páxinas 21-23.
  109. Yeoman, R. S. (2014). Páxina 278.
  110. Fuljenz, M. (2009). Páxinas 9-11.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Inexistente

20 dólares estadounidenses

(1850 - 1907)
Sucesor:
Moeda de 20 dólares Saint-Gaudens