Moeda de 20 dólares Saint-Gaudens

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
20 dólares Saint-Gaudens [1][2]
A/: a Liberdade en pé, camiñando, cun facho e unha póla de oliveira. Detrás raios e ao fondo á esquerda o Capitolio. 46 estrelas arredor. Data. Marcas de ceca e de gravador.

Lenda: LIBERTY.

R/: aguia voando cara á esquerda, sobre os raios dun Sol que está no exergo.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / TWENTY DOLLARS / IN GOD WE TRUST (o lema engadiuse en 1908).


A moeda de 20 dólares Saint-Gaudens (coñecida tamén como dobre aguia Saint-Gaudens) é unha moeda de ouro co valor facial de 20 dólares, cuñada entre 1907 e 1933 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos, chamada así por estar deseñada polo escultor Augustus Saint-Gaudens.

En 1904, o presidente Theodore Roosevelt iniciou unha renovación estética xeral da moeda estadounidense, tarefa que lle encomendou a Saint-Gaudens. Malia as malas experiencias previas coa Casa da Moeda e co seu gravador xefe, Charles E. Barber, o escultor aceptou a proposta do presidente. Os traballos sufriron importantes atrasos, por mor das dificultades xeradas polo altorrelevo dos deseños iniciais de Saint-Gaudens e tamén pola súa mala saúde, xa que estaba afectado por unha grave doenza que o conduciu á morte en 1907, logo de completar os deseños da moeda de 20 dólares pero antes de que os cuños estivesen listos para o inicio da produción.

Ante as dificultades técnicas que ocasionarían os deseños de Saint-Gaudens para a cuñaxe, o gravador Barber fixo modificacións neste deseño, rebaixando o relevo para que as moedas se puidesen estampar dun só golpe de cuño.

Cando finalmente se puxo en circulación en 1907, a dobre aguia de Saint-Gaudens xerou controversia por carecer do lema nacional IN GOD WE TRUST, o que resultaba contrario á lei. O Congreso interveu e esixiu a inclusión do lema, que se engadiu en 1908. A partir de aí continuou cuñándose ata 1933, fundamentalmente para o seu uso no comercio internacional.

Practicamente todas as moedas cuñadas en 1933 foron refundidas antes da súa posta en circulación, cando se decidiu a retirada da moeda. Coñécense só 13 exemplares datados nese ano, e só un deles está en mans privadas, o que o converte nunha das moedas máis valiosas dos Estados Unidos.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

A dobre aguia ou moeda de 20 dólares de ouro emitiuse por vez primeira en 1850; o Congreso autorizouna como resposta ante a crecente cantidade de ouro dispoñible como resultado da febre do ouro de California.[3] Aqueles 20 dólares Liberty Head, deseñados polo gravador xefe da Casa da Moeda, James Longacre, cuñáronse durante toda a segunda metade do século XIX con só pequenos axustes no seu deseño. Aquela moeda, por mor do seu elevado valor nominal, non tivo unha ampla circulación no comercio cotián, aínda que si que foi moi utilizada para as grandes transaccións internacionais, nas que a liquidación debía producirse en ouro. No Oeste, onde se preferían as moedas de ouro ou prata ao papel moeda —cuxo uso mesmo foi ilegal en California trala febre do ouro, a dobre aguia tivo algo máis de circulación.[4]

Deseño de Saint-Gaudens rexeitado para unha medalla da Exposición Mundial Colombina.

A primeira relación de Augustus Saint-Gaudens coa Casa da Moeda dos EEUU foi en 1891, cando formou parte dunha comisión que xulgaba as candidaturas presentadas para o deseño das novas moedas de prata.[5] A Casa da Moeda só ofrecera un premio de pouca entidade para o gañador e todos os artistas invitados —entre eles Saint-Gaudens— rexeitaran o ofrecemento para presentar traballos propios. O concurso estaba aberto ao público e a comisión de avaliación —formada por Saint-Gaudens e os gravadores Charles E. Barber e Henry Mitchell— non achou ningún deseño axeitado.[6] Isto non sorprendeu a Saint-Gaudens, quen lle dixo ao director da Casa da Moeda, Edward O. Leech, que só había catro persoas no mundo capaces de realizar aquel traballo, dos cales tres estaban en Francia e o cuarto era el mesmo. Barber, que fora gravador xefe desde 1879, considerou que Saint-Gaudens se sobrevaloraba e contestou que realmente só había un home capaz de facelo: o propio Barber.[7] A postura do director Leech ante o fracaso do concurso foi encargarlle a Barber que presentase os seus propios deseños para as moedas de prata de dez centavos, dun cuarto de dólar e de medio dólar, o que deu lugar á coñecida como "serie Barber",[6] que xerou un notable descontento na poboación.[8]

En 1892, pedíuselle a Saint-Gaudens unha proposta de deseño para a medalla oficial da Exposición Mundial Colombina de Chicago, que se lle entregaría aos expositores premiados. O seu deseño para o anverso, que representaba a Cristovo Colón desembarcando, non suscitou controversia, mais o reverso, que amosaba un rapaz de corpo enteiro, espido, cun facho e dúas coroas da vitoria, foi criticado polo axente censor, Anthony Comstock, que o cualificou como obsceno. Os directores da exposición substituíron este reverso na medalla por outro creado por Barber, que segundo o escritor numismático Walter Breen era "destacable só pola súa banalidade". Saint-Gaudens, furioso, xurou non ter nada máis que ver no futuro coa Casa da Moeda dos EEUU nin cos seus empregados, e durante a década seguinte rexeitou todas as encargas que gardasen algunha relación coa ceca pública.[5]

Inicio e proceso de deseño[editar | editar a fonte]

Primeiro deseño de Saint-Gaudens para o anverso dos 20 dólares.

O 27 de decembro de 1904, o presidente Theodore Roosevelt, amigo persoal de Saint-Gaudens,[5] escribiu ao secretario do Tesouro, Leslie Mortier Shaw:[9]

Creo que o estado da nosa moeda é artisticamente dunha fealdade atroz. Sería posible, sen lle pedir autorización ao Congreso, empregar un home como Saint-Gaudens para que nos dea unha moeda que teña algo de beleza?

Roosevelt indicoulle ao daquela director da Casa da Moeda, George E. Roberts, que lle enviase unha carta a Saint-Gaudens, quen respondeu: "Estou extremadamente interesado no asunto dos novos deseños da moeda [...] Asegúrolle que será un gran pracer axudar a conseguir on bo traballo".[10] Roosevelt ordenou á Casa da Moeda que contratase a Saint-Gaudens para que se encargase do redeseño dalgunhas das catro moedas de ouro ou do centavo de cobre que estaban en circulación, que podían cambiarse sen necesidade de aprobación por parte do Congreso por levaren máis de 25 anos en uso.[11] Ata aquel momento, ningunha moeda dos Estados Unidos fora deseñada por alguén que non formase parte do cadro da Casa da Moeda.[12]

Deseño do reverso.

En novembro de 1905, Roosevelt escribiu a Saint-Gaudens para lle preguntar acerca dos progresos da renovación das moedas de ouro. O presidente comentoulle que estivera a observar as moedas de ouro da Antiga Grecia e que as máis fermosas tiñan un relevo moi alto, polo que lle suxeriu a Saint-Gaudens que fixese uns deseños cun relevo similar, e cun bordo alto, para protexer as moedas do desgaste. O escultor contestoulle cunha carta na que lle amosaba a súa conformidade anuncioulle a presentación dun primeiro deseño para a dobre aguia, nestes termos:[13]

Unha especie de figura, (probablemente alada) da Liberdade, avanzando a grandes zancadas como se estivese no cumio dunha montaña, sostendo nun brazo un escudo coas estrelas e os raios coa palabra LIBERTY marcada no campo; na outra man quizais un facho aceso, o pano [do vestido da Liberdade] fluiría coa brisa. A miña idea é que sexa algo "vivo e propio do progreso.
Modelo inicial do reverso, coa data no exergo en números romanos

O 2 de xaneiro de 1906, Saint-Gaudens escribiu ao secretario Shaw, para lle preguntar se resultaría práctico un relevo alto para as moedas cuñadas na Casa da Moeda. Antes de lle dar unha resposta, Shaw reuniuse co presidente Roosevelt, que non puxo obxección ningunha para que as moedas, moitas das cales se almacenarían en bóvedas bancarias e non terían moito uso, fosen "tan artísticas como os gregos puidesen desexar".[14] Roosevelt asegurouse o apoio de Shaw para o deseño de Saint-Gaudens.[15]

Shaw escribiulle ao escultor o 13 de xaneiro de 1906, reproducindo unha copia dunha carta do director da Casa da Moeda, George E. Roberts, na que se advertía de que "a postura das autoridades de todos os países é de que as moedas modernas deben ter un relevo baixo", mais como o presidente non estaba de acordo con esa opinión, víase autorizado para seguir adiante co seu deseño de relevo alto. O historiador numismático Roger W. Burdette comentou a este respecto: "esta é tamén unha desas ocasións en que os egos imperiosos do artista e do presidente poderían ter prestado máis atención aos comentarios de Roberts. Ao continuaren co deseño nun relevo alto que non resultaría cuñable, Saint-Gaudens perdeu a súa mellor oportunidade de explorar os límites da arte nas moedas de curso legal".[16]

Saint-Gaudens envioulle unha carta ao presidente a finais de xaneiro, na que lle dicía: "ningunha cousa que se produza pode ser peor que as inanidades que agora se amosan nas nosas moedas".[5] Con todo, o escultor prevía a resistencia do gravador xefe Barber. En maio de 1906, escribiu novamente a Roosevelt e comentoulle que enviara un axudante a Washington para obter detalles técnicos acerca do redeseño mais que, "se consegue sacar o mellor do educado señor Barber ou dos outros responsables, terá feito unha obra superior á da construción da Canle de Panamá". Non obstante, eu mantereime firme, mesmo ata a morte".[15]

En maio de 1906, Saint-Gaudens escribiu ao secretario Shaw e preguntoulle se había algunha obxección a que a data estivese en números romanos, ao que Shaw respondeu "mentres fagamos moedas para o pobo dos Estados Unidos, considero que deberiamos limitarnos ao idioma inglés. Lembreilles aos nosos arquitectos que despedirei o primeiro que poña un "V" nun edificio público onde estea previsto un "U"".[17] Porén, Roosevelt desautorizou a Shaw, e o escultor continuou coa súa proposta de utilizar a numeración romana.[18]

Saint-Gaudens pensara no deseño dunha aguia voadora para a moeda dun céntimo de cobre,[19] mais finalmente desenvolveu este deseño para a moeda de 20 dólares de ouro, logo de se informar de que a lei impedía que na moeda dun céntimo se representase a figura dunha aguia.[20] Por outra banda, a saúde do escultor empeorou ao longo de 1906, e o cancro que máis tarde acabaría coa súa vida obrigou a que o seu axudante, Henry Hering, pasase a encargarse de moitos detalles do traballo. Saint-Gaudens mandou elaborar os modelos das moedas en París, no canto da propia Casa da Moeda, para evitar calquera posibilidade de obstrución dentro da propia institución.[5] Non foi ata decembro de 1906 cando Roosevelt recibiu por fin de mans de Hering os modelos do tamaño dunha moeda deseñados por Saint-Gaudens, e o presidente escribiulle ao escultor, xa gravemente enfermo: "dei instrucións ao director da Casa da Moeda para que estes cuños se produzan o máis rapidamente posible tal e como están; é simplemente espléndido. Supoño que o Congreso me censurará por isto, pero considerareino un pagamento moi barato!"[21]

A estatua da Vitoria de Saint-Gaudens (1902), parte do monumento a Sherman en Nova York, serviu de base para o deseño do anverso.

O anverso do deseño final de Saint-Gaudens para a moeda de 20 dólares amosa unha representación feminina da Liberdade, que ao mesmo tempo representa a Vitoria. O escultor baseouse para iso na figura feminina que deseñara para crear o monumento ao xeneral William Tecumseh Sherman na cidade de Nova York,[22] aínda que a súa inspiración definitiva foi a da Vitoria de Samotracia.[23] A figura do monumento a Sherman foi modelada por Henrietta Anderson, un dos temas favoritos da artista.[22] Na moeda, a Liberdade sostén un facho nunha man, como representación do coñecemento, e na outra unha póla de oliveira, símbolo da paz.[24] A Liberdade atravesa uns penedos a grandes zancadas e detrás dela hai uns raios de Sol e, ao fondo, en pequeno, represéntase o Capitolio dos Estados Unidos. Todo o conxunto está rodeado por 46 estrelas, unha por cada un dos estados que en 1907 conformaban os EEUU.[22]

O reverso é unha vista lateral dunha aguia en voo cara á esquerda, cun sol nacente e os raios detrás.[22] Pola súa banda, o canto leva gravado o lema E PLURIBUS UNUM. Saint-Gaudens considerou que non podía dispor unha terceira liña de texto debaixo do nome do país e o valor facial da moeda, xa que se desequilibraría a composición, e por este motivo decidiu colocar o lema no canto.[25]

Problemas para a elaboración dos cuños[editar | editar a fonte]

Versión de "relevo extraalto"[editar | editar a fonte]

O gravador xefe da Casa da Moeda, Charles E. Barber, seguira de preto todo o proceso do deseño da nova moeda de 20 dólares e escribiulle ao daquela director en funcións da institución, Robert Preston, o 26 de novembro de 1906:[26]

[Saint-Gaudens] fala moito de experimentos; poida que sexa para el, mais para nós non é ningún experimento, xa que estamos tan seguros de que o relevo da súa aguia nunca se cuñará como de que o Sol sairá cada mañá, e o único obxecto en todo este problema e gasto de diñeiro é convencer a quen non se convencerá de ningún outro xeito [...] Creo que o noso amigo [Saint-Gaudens] está a xogar a un xogo [...] pero a nosa vontade, máis aínda, o noso desexo de deixar que a obra conte a súa propia historia chamou a súa atención; el non está disposto a amosala e, xa que logo, está a aforrar o tempo.
En 1907 cuñáronse arredor de dúas ducias de exemplares de proba con "relevo extraalto" e coa data en números romanos.

Como consecuencia da carta de Barber, o director en funcións Preston escribiulle a Saint-Gaudens: "non hai prensas en ningures, nin nas cecas nin nos obradoiros dos prateiros, que poidan facer xurdir o seu relevo proposto dun só golpe".[27] Cando se levaron os modelos á Casa da Moeda, Barber examinounos e rexeitounos, e só despois dunha acalorada discusión se amosou disposto a experimentar ao respecto, na procura dunha solución.[28] Naqueles momentos, a Casa da Moeda estaba moi ocupada creando deseños para as novas moedas de Filipinas e de Cuba, e Barber era non era partidario de perder o tempo co que el consideraba unha peza experimental que nunca chegaría a producirse para a circulación.[29] A partir do modelo en xeso elaboráronse os primeiros cuños,[28] cos que se cuñaron arredor de 24 moedas de proba. A Casa da Moeda utilizou para iso unha prensa para medallas axustada á máxima presión, e mesmo así cumpriron ata nove golpes de cuño para que o deseño se gravase completamente.[21] Estas primeiras probas coñécense no ámbito numismático como de "relevo extraalto", e só se coñece a existencia de 20 espécimes[30] —un deles acadou en 2005 nunha poxa o prezo de 2.990.000 dólares.[31]

O 8 de maio de 1907, o presidente escribiu a Saint-Gaudens para lle comentar: "ata o de agora demostrouse que resulta imposible cuñalas dun só golpe, o que é necesario nas condicións de produción actuais".[32] Uns días despois, o 11 de maio, Saint-Gaudens respondeulle: "dáme mágoa que a cuñaxe non dese os mellores resultados. Evidentemente, non se trata dun asunto insignificante facer que a arte grega se axuste á numismática moderna".[33]

Versión de "relevo alto"[editar | editar a fonte]

Vista lateral das segundas probas cuñadas en 1907 con "relevo alto".

Logo fabricouse un segundo grupo de cuños aos que se lles rebaixou un pouco o relevo —"relevo alto"—, mais mesmo así seguiu resultando alto demais para unha produción masiva, xa que se requirían tres golpes de cuño para a plasmación completa do deseño.[34] Saint-Gaudens elaborara os modelos para estes cuños baixo a idea errónea de que as primeiras pezas foran cuñadas nunha prensa de produción, en lugar da prensa de medallas que realmente utilizou a Casa da Moeda, e polo tanto pensaba que só lles cumpriría un pequeno axuste.[35] Cando Saint-Gaudens morreu o 3 de agosto de 1907, o seu axudante, Hering, estaba ba traballar nun terceiro modelo. Mais ao non saber como atopar a Hering, o presidente Roosevelt ordenoulle ao novo secretario do Tesouro, George Cortelyou, que a Casa da Moeda finalizase o deseño de maneira que se puidese pór a primeira moeda en circulación o 1 de setembro.[34]

Nesa conxuntura, pedíuselle a Barber que interrompese as súas vacacións en Ocean Grove, Nova Jersey, para cumprir as ordes do presidente.[36] Barber escribiu o 14 de agosto ao superintendente da Ceca de Filadelfia, John Landis, para lle asegurar que o que Roosevelt desexaba era imposible, xa que nin tiña cuños nin tampouco unha idea clara da maneira que Saint-Gaudens concibira para unha terceira redución do relevo. O gravador xefe Barber alegou que non podía tomar ningunha medida con respecto á moeda de 20 dólares.[34]

Así as cousas, o 28 de setembro, o gravador axudante Hering presentouse á fin na Casa da Moeda cun novo xogo de modelos, que foron rexeitados novamente por Barber.[37] Este escribiulle a Preston: "ao examinalos comprobouse que o relevo dos modelos era tan grande que sería unha perda de tempo facer unha redución para a fabricación das moedas, xa que resultaría imposible cuñalas cando se fixesen os cuños".[38] Pola contra, Barber comezou a traballar na súa propia versión do deseño de Saint-Gaudens, mais con relevo baixo.[39]

En agosto de 1907, Roosevelt nomeou o ata entón superintendente da Ceca de San Francisco, Frank Leach, como novo director da US Mint, cargo do que tomou posesión o 1 de novembro.[40] Nas súas memorias, Leach lembrou a súa primeira reunión co presidente sobre a cuestión da moeda de 20 dólares:[41]

Antes de me familiarizar coa miña nova contorna, o presidente chamoume. Na entrevista que mantivemos díxome o que quería e cales foran os seus fracasos e as súas decepcións, e procedeu a aconsellarme sobre o que debía facer para lograr o que se determinara para a nova moeda. Nesta conversa suxeriume algunhas accións drásticas que el estaba convencido de que cumpría adoptar para ter éxito. Todo isto díxoo coa súa habitual enerxía, enfatizando moitos puntos con golpes co seu puño no escritorio.

Versión final: "relevo baixo"[editar | editar a fonte]

Exemplar de 1907, con "relevo baixo" e a data en números arábigos.

O 18 de novembro de 1807, un impaciente Roosevelt determinou que se utilizase o segundo xogo de cuños para cuñar as moedas e ordenou expresamente á Casa da Moeda "que comece a cuñaxe, aínda que se tarde todo o día en cuñar unha peza!"[5] Consecuentemente, producíronse máis de 12.000 pezas con ese "alto relevo", que se puxeron en circulación entre 1907 e 1908.[42] Barber escribiu ao superintendente da Ceca de Filadelfia, Landis, sobre o asunto das moedas de "relevo alto": "O señor Hart puxo en marcha a maquinaria de cuñaxe e envíolle dúas moedas que amosan o resultado; non están seleccionadas, xa que todas as que se están a producir son idénticas a estas dúas, cousa que me alarma, por estaren tan ben feitas que temo que o presidente poida esixir a continuidade desta versión en particular".[43]

Mais ao mesmo tempo, Barber completou o seu traballo de redución do relevo a partir dos cuños do segundo xogo, que finalmente foron os utilizados pola Casa da Moeda para a produción da moeda a grande escala. En 1907 producíronse 361.667 moedas de "relevo baixo" con estes cuños revisados, que se puxeron en circulación a finais de decembro dese ano.[44] As modificacións de Barber foron denunciadas tanto pola familia do escultor como polo seu axudante Hering. Entre outros aspectos, Barber cambiou a data en números romanos MCMVII pola súa correspondente en números arábigos, 1907.[39] Malia as modificacións, segundo o autor R. S. Yeoman, en A Guide Book of United States Coins, moitos críticos seguen a considerar que a dobre aguia Saint-Gaudens é a moeda máis fermosa da historia dos Estados Unidos.[45]

No seu libro sobre os redeseños das moedas estadounidenses entre 1905 e 1908, Burdette responsabiliza todas as partes dos atrasos na nova moeda:[46]

A responsabilidade na maior parte das demoras na produción da nova moeda debe recaer no obradoiro de Saint-Gaudens por non entregar os modelos a tempo. A Casa da Moeda non cumpriu cona súa responsabilidade de lle comunicar claramente ao presidente e ao artista as súas limitacións e os requisitos técnicos para a cuñaxe a gran escala. O presidente Roosevelt, así mesmo, debe asumir a responsabilidade de confundir constantemente o proxecto cunha comunicación conflitiva ou incompleta co artista e coa Casa da Moeda.

Malia as dificultades do deseño, Roosevelt estivo moi satisfeito coa nova moeda de 20 dólares. O director da Casa da Moeda, Leach, lembraba: "cando puxen sobre a súa mesa unha mostra das dobres aguias fermosamente executadas a partir do deseño de Saint-Gaudens amosouse moi entusiasmado e expresou pracer e satisfacción. [...] felicitoume calorosamente polo meu éxito e foi moi eloxioso cos seus comentarios".[47]

En xaneiro de 1908, o presidente escribiulle ao seu amigo, o doutor William Sturgis Bigelow:[47]

Estou encantado de que che guste esta moeda. Terei todo tipo de problemas con ela, mais creo que o que dis é certo; é dicir, que é a mellor moeda que se cuñou en dous mil anos e que, sexa cal for o seu destino temporal, ha servir de modelo para os futuros creadores de moedas, e que finalmente se superarán as dificultades relacionadas coa fabricación de moedas coma esta.

Produción[editar | editar a fonte]

Proba dos cuños en bronce para a inclusión do lema IN GOD WE TRUST no reverso.[48]

No seu momento, Roosevelt pedíralle especificamente a Saint-Gaudens que non incluíse o lema IN GOD WE TRUST na moeda de 20 dólares, xa que consideraba que a presenza deste lema supuña unha degradación do nome de Deus, tendo en conta que as moedas podían usarse para promover actividades criminais.[49] Saint-Gaudens non tivo ningún problema en atender a suxestión do presidente, xa que ademais consideraba que o lema lle restaba importancia aos elementos do deseño.[50] Mais a omisión do lema provocou unha protesta pública, e o Congreso, que Breen cualifica como "indignado e furioso", ordenou que o lema se incorporase á moeda en 1908. Barber modificou oportunamente os cuños para engadir esas palabras no contorno do Sol do reverso e aproveitou a ocasión para realizar tamén algúns axustes menores no deseño. Ademais, en 1912 engadíronse dúas novas estrelas no anverso, para reflectir a incorporación aos Estados Unidos de Novo México e de Arizona. Para iso, non se alterou a repartición das estrelas anteriores, senón que as dúas novas se engadiron no conxunto vexetal da parte inferior dereita do anverso.[49]

A única variante salientable produciuse en 1909; trátase dunha superposición de datas na que se aprecia un 8 por debaixo do derradeiro 9 da data. O máis probable é que isto se producise por fabricarse un cuño de 1908 cunha matriz correspondente a 1909, o que ocasionou a dobre data. Estímase que arredor da metade da tiraxe de 161.282 moedas de 20 dólares cuñadas ese ano na Ceca de Filadelfia amosen esa variante.[51]

En 1916 cesou a cuñaxe da moeda de 20 dólares Saint-Gaudens, xa que os prezos do ouro estaban a subir por mor da primeira guerra mundial, que tamén provocou unha afluencia de moedas de ouro estadounidenses procedentes de Europa. Os posuidores de moedas de ouro, como os bancos, negáronse a pagalas polo seu valor nominal, polo que desapareceron da circulación. Logo de acabada a guerra restableceuse a demanda internacional da moeda; moitos europeos desconfiaban das súas moedas locais e vían un valor seguro na posesión de dobres aguias. Tras o reinicio da cuñaxe da moeda en 1920, comezou a producirse en grandes cantidades, convertida xa case exclusivamente nunha moeda de uso internacional e que tamén lles servía aos bancos como apoio dos certificados de ouro, mais que rara vez se vía na circulación ordinaria nos Estados Unidos.[52]

O inicio da Gran Depresión de 1929 non foi quen de deter a emisión dos 20 dólares, aínda que as moedas que se ían cuñando se gardaban na súa maior parte nas bóvedas acoirazadas do Tesouro. Moitas das grandes rarezas desta moeda proceden destes derradeiros anos de emisión. Malia a cuñaxe de case 1,8 millóns de exemplares en 1929, estímase que chegaron aos nosos días menos de 2.000, xa que todo o resto foi fundido polo Goberno a finais da década de 1930.[53]

Fin da serie: a dobre aguia de 1933[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Moeda de 20 dólares de 1933.
Exemplar dos 20 dólares de 1933, da Colección Numismática Nacional dos EEUU (Instituto Smithsoniano).[54]

Segundo o historiador numismático Roger Burdette, os primeiros exemplares de moedas de 20 dólares Saint-Gaudens de 1933 cuñáronse o 2 de marzo dese ano.[55] O 15 de marzo entregáronselle 25.000 pezas ao caixeiro da Casa da Moeda, Harry Powell, e segundo o que era habitual na institución, estaban dispoñibles para seren pagadas. No entanto, o 6 de marzo o novo presidente, Franklin Roosevelt, que estreaba o cargo, ordenáralle ao Tesouro que non pagase ningún ouro, e ordenou tamén que os bancos que tivesen ouro llo transmitisen á súa delegación do Banco da Reserva Federal. Os numismáticos e os comerciantes de moedas seguían tendo autorización para ter e comerciar con moedas de ouro, mais todos os demais precisaban unha licenza especial. A dobre aguia continuou en produción ata maio. O 28 de decembro de 1933, o secretario do Tesouro en funcións, Henry Morgenthau, ordenou que toda a poboación entregase todas as moedas e os certificados de ouro, con limitadas excepcións, e a cambio entregouse papel moeda.[56] Nos anos seguintes, o Tesouro fundiu millóns de moedas de ouro. Dous exemplares da moeda de 20 dólares de 1933 foron entregadas ao Instituto Smithsoniano para conservar na Colección Numismática Nacional dos Estados Unidos.[57][58] Outros 10 exemplares desta mítica moeda están conservados no Depósito de Metais Preciosos de Fort Knox, en Kentucky.[59]

O destacado comerciante de moedas e escritor numismático Q. David Bowers apunta a que, malia a prohibición de desembolsar ouro, poderían obterse legalmente exemplares da dobre aguia de 1933 a través do caixeiro da Casa da Moeda, Powell, a cambio de moedas cuñadas en anos anteriores. Bowers sinala tamén que o secretario do Tesouro, William Woodin, era un numismático que, ademais de coleccionar moedas, escribira varios libros sobre o tema.[56] O comerciante William Nagy lembrou máis tarde que no seu día visitara o secretario Woodin e este lle ensinara cinco exemplares da moeda de 1933, e mesmo lle confesara que tiña máis.[60]

A comezos da década de 1940 coñecíanse entre oito e dez exemplares cuñados en 1933, dous dos cales foron vendidos polo comerciante de Texas B. Max Mehl.[61] En 1944, un xornalista preguntou á Casa da Moeda acerca das dobres aguias de 1933, mais os funcionarios non foron quen de atopar rexistro ningún da emisión das moedas e concluíron que as que estaban en mans privadas tiñan que ter saído da Casa da Moeda irregularmente. Nos anos seguintes o Servizo Secreto incautouse de varios exemplares, que posteriormente foron fundidos. Non obstante, un espécime acabou na importantísima colección do rei Faruq de Exipto, que mesmo acadou do Goberno unha licenza para a exportación da moeda.[62] Non está claro que foi o que pasou con este exemplar do rei Faruq tras a súa morte en 1965, mais a moeda reapareceu a mediados da década de 1990. Cando foi levada a Nova York para ser vendida, foi confiscada polas autoridades estadounidenses e, logo dun litixio, chegouse a un acordo para permitir que ese exemplar se sacase a poxa pública e que os ingresos se dividisen en partes iguais entre o Goberno e os propietarios privados. En 2002 este exemplar foi vendido nunha poxa da casa Sotheby's por 7.590.020 dólares.[63] No prezo de compra figuraba a cantidade de 20 dólares pagados ao Goberno federal para monetizar unha moeda que, segundo el, nunca fora lanzada á circulación oficialmente.[64] Este exemplar vendeuse novamente en 2021 por 18,9 millóns de dólares.[65]

O litixio da familia Langbord[editar | editar a fonte]

En 2004, os herdeiros dun xoieiro de Filadelfia que puido estar involucrado na súa obtención na Casa da Moeda en 1933, presentaron dez exemplares da dobre aguia dese ano para a súa autenticación. A Casa da Moeda, en efecto, autentificounas, pero se negou a devolvelas. Consecuentemente, os herdeiros presentaron unha demanda contra o Goberno en 2006 e un xuíz federal ordenou ao Goberno que presentase unha acción de confiscación en relación coas moedas. O Goberno presentouna en 2009 e foi tramitada no Tribunal de Distrito dos Estados Unidos para o Distrito de Pensilvania Oriental a partir do 7 de xullo de 2011. O 21 de xullo, un xurado decidiu que as moedas foran confiscadas correctamente polo Goberno federal.[66] O xuíz Legrome D. Davis confirmou o veredicto do xurado o 29 de agosto de 2012.[67] O 17 de abril de 2015, un xurado do Tribunal de Apelacións dos Estados Unidos determinou que o Goberno non presentara a súa acción de confiscación en prazo e que, en consecuencia, os herdeiros tiñan dereito á posesión das moedas.[68] Este fallo foi anulado polo pleno do mesmo tribunal o 28 de xullo de 2015 e o caso fixouse para unha nova argumentación.[69] O 1 de agosto de 2016, o pleno do tribunal fallou novamente a favor do Goberno, confirmando o veredicto do xurado.[70][71] Os herdeiros pedíronlle ao Tribunal Supremo que revisase o caso o 4 de novembro dese mesmo ano,[72] mais a solicitude non foi admitida, o que puxo fin a este complicado caso xudicial.[73]

Reutilización do deseño[editar | editar a fonte]

Reedición dos 20 dólares Saint-Gaudens de 2009, en tamaño reducido (27 mm).[74]

O anverso da dobre aguia Saint-Gaudens apareceu tamén en todas as moedas de investimento emitidas en ouro pola Casa da Moeda dos Estados Unidos a partir de 1986, con dúas estrelas engadidas ao lado das dúas xa sumadas en 1912, esta vez en referencia á incorporación á Unión dos estados de Alasca e Hawai. Nestas emisións non se utilizou o reverso de Saint-Gaudens, que deixou lugar ao deseño dunha familia de aguias creado polo escultor Miley Busiek.[75]

En 2009, a Casa da Moeda dos Estados Unidos cuñou unha peza similar á de 20 dólares aínda que en ouro de 999 milésimas, utilizando os deseños orixinais de Saint-Gaudens para ambas as faces, aínda que cun anverso dotado de 50 estrelas. Esta reedición foi cuñada cun diámetro sensiblemente inferior ao da moeda orixinal. O seu contido de ouro puro é dunha onza troy, lixeiramente por debaixo da dobre aguia Saint-Gaudens orixinal. Aínda que carece de marca de ceca, esta moeda foi producida pola Ceca de West Point.[76][77]

Tiraxes e rareza[editar | editar a fonte]

Na moeda de 20 dólares Saint Gaudens, a marca de ceca aparece como unha inicial en tamaño pequeno, encima da data e entre o segundo e o terceiro díxito desta, na parte inferior dereita do anverso.

Ano Ceca Tiraxe [78]
Proof Circulación
1907 "extraalto" Ca. 19 / 22
"alto" 12.367
"baixo" 361.667
1908 sen lema 4.271.551
sen lema D 663.750
con lema 101 156.258
con lema D 349.500
con lema S 22.000
1909 67 161.282
D 52.500
S 2.774.925
1910 167 482.000
D 429.000
S 2.128.150
1911 100 197.250
D 846.500
S 775.750
1912 74 149.750
1913 58 168.780
D 393.500
S 34.000
70 95.250
1914 D 453.000
S 1.498.000
1915 50 152.000
S 567.500
1916 S 796.000
1920 228.250
S 558.000
1921 528.500
1922 1.375.500
S 2.658.000
1923 566.000
D 1.702.250
1924 4.323.500
D 3.049.500
S 2.927.500
1925 2.831.750
D 2.938.500
S 3.776.500
1926 816.750
D 481.000
S 2.041.500
1927 2.946.750
D 180.000
S 3.107.000
1928 8.816.000
1929 1.779.750
1930 S 74.000
1931 2.938.250
D 106.500
1932 1.101.750
1933 445.500

As tiraxes non son, en moitas ocasións, unha indicación fidedigna da rareza relativa das moedas de cada ano, debido a que moitas das moedas cuñadas e que permanecían nas bóvedas dos bancos dos Estados Unidos foron fundidas despois de 1933 —non así as que se atopaban almacenadas nos bancos estranxeiros—.[61]

Millóns de dobres aguias, tanto do modelo anterior, Liberty Head, como do deseñado por Saint-Gaudens, foron repatriadas con fins numismáticos e de investimento a partir de que foi legal facelo. A modo de exemplo, a dobre aguia Saint-Gaudens de 1924 sen marca de ceca (Filadelfia) considerouse no seu día como unha moeda rara, a pesar de que se cuñaran 4.323.500 de exemplares; cando a Casa da Moeda ofreceu unha listaxe de moedas dispoñibles ao seu valor facial mais o envío en 1932, a moeda de 1924 non figuraba nela. Posteriormente atopáronse grandes cantidades da dobre aguia de 1924 nas cámaras acoirazadas de bancos, o que trouxo como consecuencia que hoxe esta moeda se considere como unha das máis comúns da serie.[79]

Por outra banda e en sentido inverso, a moeda de 20 dólares Saint-Gaudens con marca de ceca S (San Francisco) tivo unha tiraxe de 3.776.500 exemplares, dos que moi poucos foron exportados, senón que permaneceron nas bóvedas do Tesouro e en bancos estadounidenses, polo que a maioría acabaron refundidos. Sábese que sobreviviron algo menos dun millar destas moedas,[79] unha das cales, en condicións case perfectas, foi adxudicada nunha poxa celebrada en 2005, en 287.500 dólares.[80]

O tesouro Hackney[editar | editar a fonte]

As moedas achadas no tesouro Hackey estaban depositadas neste tarro de cristal.

En xuño de 2007, dous veciños de Stoke Newington, un barrio do municipio londiniense de Hackney, atoparon un tarro de cristal cando escavaban no seu xardín para construír un estanque. Este tarro, cuberto por unha tapa de rosca, contiña 80 moedas de ouro de 20 dólares, cuñadas entre 1854 e 1913, polo que pertencían tanto ao modelo Liberty Head como ao de Saint-Gaudens. Realmente tratábase da segunda parte dun tesouro, xa que en 1952 se descubrira outro frasco con outras 82 moedas.[81][82][83]

Ao decatárense da relevancia do achado, os descubridores puxéronse en contacto coa institución responsable, Portable Antiquities Scheme, e as moedas foron levadas ao Museo de Londres, onde se catalogaron.[83]

Ao parecer, a orixe do soterramento está no banqueiro xudeu alemán Martin Sulzbacher, que emigrou coa súa familia no Reino Unido. Alí foi considerado como estranxeiro inimigo e expulsado do país xunto coa súa familia. Un irmán de Martin, residente en Londres, sacou dun banco as moedas por temor a que os nazis invadisen o Reino Unido e as requisasen, e soterrounas no xardín da casa familiar. Ao seu regreso ao Reino Unido en 1942, Martin Sulzbacher soubo o que sucedera e fixo grandes esforzos por recuperar as moedas, tendo en conta que os seus familiares que permaneceran no Reino Unido faleceran nun bombardeo e non foi posible coñecer o lugar exacto do soterramento.[82]

O 14 de outubro de 2010 abriuse unha investigación por parte do Tesouro británico sobre a titularidade destas moedas,[83] e en 2011 un xuíz recoñeceu a propiedade do achado para Max, o fillo de Martin Sulzbacher, que fora localizado en Israel. As moedas vendéronse en poxa pública o 29 de novembro de 2011 por máis de 150.000 dólares, e os beneficios repartíronse entre a familia, excepto un dos exemplares e o frasco do tesouro, que lle foron doados ao Museo de Hackney.[81][82]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "20 Dollars Saint-Gaudens - Double Eagle, No motto, Arabic numerals". Numista.com
  2. "20 Dollars Saint-Gaudens - Double Eagle, With motto". Numista.com
  3. Breen, W. (1988). Páxina 563.
  4. Bowers, Q. D. (2004). Páxinas 63-64.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Breen, W. (1988). Páxinas 572-573.
  6. 6,0 6,1 Lange, D. W. (2006). Páxina 134.
  7. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 287.
  8. Lange, D. W. (2006). Páxina 136.
  9. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 221.
  10. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 222.
  11. Burdette, R. W. (2006). Páxinas 41-42, 209, 322.
  12. Halperin, J. L. et al. (2006). Páxina 8.
  13. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 308-309.
  14. Burdette, R. W. (2006). Páxina 52.
  15. 15,0 15,1 Bowers, Q. D. (2004). Páxina 223.
  16. Burdette, R. W. (2006). Páxina 53.
  17. Burdette, R. W. (2006). Páxina 55.
  18. Burdette, R. W. (2006). Páxina 56.
  19. Burdette, R. W. (2006). Páxinas 58-59.
  20. Burdette, R. W. (2006). Páxina 76.
  21. 21,0 21,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 312.
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 Bowers, Q. D. (2004). Páxina 220.
  23. Halperin, J. L. et al. (2006). Páxina 111.
  24. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 111.
  25. Burdette, R. W. (2006). Páxinas 76-77.
  26. Burdette, R. W. (2006). Páxina 69. Nese momento, Saint-Gaudens seguía prevendo deseños idénticos para a aguia e para a dobre aguia.
  27. Burdette, R. W. (2006). Páxina 72.
  28. 28,0 28,1 Bowers, Q. D. (2004). Páxina 224.
  29. Burdette, R. W. (2006). Páxina 74.
  30. Bowers, Q. D. (2004). Páxinsa 224-225.
  31. Yeoman, R. S. (2013). Páxina 282.
  32. Burdette, R. W. (2006). Páxina 95.
  33. Halperin, J. L. et al. (2006). Páxina 10.
  34. 34,0 34,1 34,2 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 315-316.
  35. Burdette, R. W. (2006). Páxina 89.
  36. Burdette, R. W. (2006). Páxina 109.
  37. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 317.
  38. Burdette, R. W. (2006). Páxina 122.
  39. 39,0 39,1 Breen, W. (1988). Páxina 575.
  40. Burdette, R. W. (2006). Páxina 101.
  41. Leach, F. (1917). Páxinas 375-377
  42. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 228.
  43. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 319.
  44. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 236.
  45. Yeoman, R. S. (2013). Páxina 271.
  46. Burdette, R. W. (2006). Páxina 142.
  47. 47,0 47,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 319, 325.
  48. "20 Dollars, Trial Strike, United States, 1908". National Museum of American History.
  49. 49,0 49,1 Breen, W. (1988). Páxina 560.
  50. Garrett, J. & Guth, R. (2008). Páxina 476.
  51. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 250.
  52. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 240.
  53. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 273.
  54. "20 Dollars, United States, 1933". National Museum of American History.
  55. Deisher, B. (2011). "Even after the jury verdict, we still don't know for". En Coin World. 2 de agosto.
  56. 56,0 56,1 Bowers, Q. D. (2004). Páxinas 277-278.
  57. Lange, D. W. (2006). Páxina 165.
  58. "NU.39166.0001" e "39166.0002". National Museum of American History.
  59. Gilkes, P. (2018). "10 1933 gold double eagles safe from fed destruction". En Coin Week (Coinweek.com). 18 de maio.
  60. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 282.
  61. 61,0 61,1 Breen, W. (1988). Páxina 576.
  62. Garrett, J. & Guth, R. (2008). Páxina 492.
  63. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 284.
  64. Gilkes, P. (2012). "Smithsonian 1933 $20 goes on European tour". En Coin World. 13 de febreiro.
  65. "Double Eagle gold coin sells for record-setting $18.9 million". Reuters.com
  66. Dale, Maryclaire (2011). "Jury: US gov't rightfully seized 1933 gold coins". En The San Diego Union-Tribune. 20 de xullo.
  67. Roach, S. (2012). "Judge confirms jury decision on 1933 case". En Coin World. 24 de setembro.
  68. Roach, S. (2015). "Court rules in favor of Langbord family in 1933 double eagle case". En Coin World. 17 de abril.
  69. Roach, S. (2015). "1933 gold double eagle case continues as court vacates earlier ruling". En Coin World. 31 de xullo.
  70. Roach, S. (2016). "Will 1933 $20 case be appealed to Supreme Court?". En Coin World. 5 de agosto.
  71. Roach, S. (2015). "Langbord family loses appeal to regain ownership of 1933 double eagles". Coin World. 2 de agosto.
  72. Roach, S. (2016). "Langbords petition Supreme Court over double eagles". En Coin World. 11 de novembro.
  73. Gibbs, W. T. (2017). "Supreme Court declines 1933 double eagle case". En Coin World. 21 de abril.
  74. "20 Dollars "Saint-Gaudens - Double Eagle" Bullion Coinage". Numista.com
  75. Yeoman, R. S. (2013). Páxinas 357-358.
  76. Yeoman, R. S. (2013). Páxinas 363-364.
  77. "Ultra High Relief Double Eagle Gold Coin". United States Mint.
  78. "Saint Gaudens Double Eagle Mintages". Saintgaudensdoubleeagle.com
  79. 79,0 79,1 Bowers, Q. D. (2004). Páxinas 9-11.
  80. Garrett, J. & Guth, R. (2008). Páxina 488.
  81. 81,0 81,1 Starck, J. (2011). "Hackney hoard realizes $154,413 in auction". En Coin World. 24 de decembro.
  82. 82,0 82,1 82,2 "Stoke Newington’s Double Eagles - 'The Hackney Hoard'". Layersoflondon.org
  83. 83,0 83,1 83,2 "Hackney Double Eagles". En Current Archaeology. 1 de febreiro de 2011.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Moeda de 20 dólares Liberty Head

20 dólares estadounidenses

(1907 - 1933)
Sucesor:
Suprimida