Gilroy Roberts
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 11 de marzo de 1905 Filadelfia |
| Morte | 26 de xaneiro de 1992 |
| Lugar de sepultura | Ivy Hill Cemetery (en) |
| Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos | |
| 22 de xullo de 1948 – 8 de outubro de 1964 ← John R. Sinnock | |
| Actividade | |
| Ocupación | gravador, medallista |
Gilroy Roberts, nado o 11 de marzo de 1905 en Filadelfia e finado o 26 de xaneiro de 1992 en Havertown, Pensilvania, foi un escultor, gravador e deseñador de medallas e moedas, que ocupou o posto de gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos (1948-1964).[1][2][3]
A súa marca de gravador, que estampou nas moedas e medallas da súa creación, é GR.[2][3][4]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Gilriy Roberts naceu o 11 de marzo de 1905 en Filadelfia, fillo de John Taylor Roberts (1978-1922) e de Blanch Dawson Gilroy (1872-1954).[1] Desde os seus primeiros anos estivo en contacto coa arte, xa que o seu pai era tamén escultor profesional. Isto permitiulle aprender a esculpir xa desde neno. Na súa adolescencia perfeccionou a súa técnica asistindo a clases nocturnas cun escultor chamado Paul Remy, en tanto que cursaba o ensino secundario.[2]

En 1936 produciuse un paso moi salientable cara á súa profesionalización, cando Roberts solicitou o seu ingreso na Casa da Moeda dos Estados Unidos, como gravador e escultor axudante. A súa solicitude foi aceptada, mais por vontade proia abandonou a ceca estadounidense logo dun ano e medio de exercicio, e marchou a ocupar un posto como titular na Oficina de Gravado e Impresión, en Washington, onde se imprimen os billetes e os selos de correo dos EEUU. Nesa institución acadou sona polo deseño de retratos para selos de personaxes como Stephen Foster, Eli Whitney ou Ralph Waldo Emerson.[2][3][4][5]
Entre 1939 e 1943 continuou a súa formación na escola da Galería de Arte Corcoran, na cidade de Washington.[3]
O 1 de maio de 1944 reingresou na Casa da Moeda como axudante principal de gravado, no equipo do daquela gravador xefe, John R. Sinnock.[3] Logo duns anos traballando xuntos, a saúde de Sinnock resentiuse e en 1947 faleceu, cando estaba en proceso de concluír unha moeda de medio dólar co busto de Benjamin Franklin; o anverso estaba concluído, mais non así o reverso, e Roberts tivo que asumir a culminación do deseño e o gravado da tradicional campá da liberdade que o caracteriza.[2][4]
Logo do falecemento de Sinnock, o daquela presidente dos EEUU, Harry Truman, designou a Gilroy Roberts como sucesor no posto de gravador xefe da US Mint, o 22 de xullo de 1948.[3] Ao longo dos 16 anos que ocupou este posto foi o responsable da cuñaxe de diversas medallas presidenciais, como as de Harry Truman, Dwight Eisenhower, John F. Kennedy e Lyndon Johnson. Nesa época, a US Mint recibiu encargas para o deseño e a cuñaxe de moedas para outros países, labor que o propio Roberts asumiu persoalmente en moitos casos.[4] Entre estes países están Colombia, Dinamarca (para Groenlandia), Cuba, Etiopía, Haití, Liberia, o Líbano, O Salvador e o Uruguai.[2][3][5][6]

O 1/2 dólar de Kenedy
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Medio dólar Kennedy.
O asasinato de John F. Kennedy o 22 de novembro de 1963 foi o detonante para a creación dunha moeda na súa memoria, que por decisión da súa viúva foi a de medio dólar. Como base para o deseño da nova moeda escolleuse unha medalla presidencial xa existente, obra do propio Roberts (anverso) e do seu axudante Frank Gasparro (reverso), e ambos encargáronse de facer as modificacións oportunas para o deseño do medio dólar, para o que contaron coas suxestións e coa aprobación de Jackie Kennedy. Esta moeda atribuíulle a Roberts moita notoriedade, xa que se mantén en circulación (con diferentes reversos) desde 1964 ata os nosos días, e está considerada como o seu traballo cumio como gravador da US Mint.[2][4]
Tan só uns meses despois da posta en circulación desta moeda, Gilroy Roberts xubilouse como gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos o 8 de outubro de 1964, e o ata entón axudante, Frank Gasparro, sucedeuno no cargo. A partir dese momento, Roberts continuou traballando como medallista independente; pouco despois pasou a presidir a compañía General Numismatics Corporation e tamén tivo vinculación coa ceca privada The Franklin Mint, desde a súa fundación no propio 1964 ata 1972, na que ocupou postos de dirección.[2][3][4] Na Franklin Mint deseñou e gravou moedas por encarga de países como Belize, as Illas Virxes Británicas e Panamá.[6]
A súa xubilación completa non se produciu ata 1980, cando tiña 75 anos. No entanto, en 1986 recibiu a encarga da Encyclopaedia Britannica para a elaboración dunha medalla que servise como Premio Britannia; este foi un dos seus derradeiros traballos.[2]
Gilroy Roberts finou o 26 de xaneiro de 1992, un ano despois de doar a súa colección de ferramentas de gravado á American Numismatic Association.[2] Roberts foi soterrado no cemiterio Ivy Hills, de Filadelfia, xunto coa súa esposa, Lilian Sharpless Pancoast (1908-1989), coa que casara o 25 de novembro de 1927.[1][3][5]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- (1967): Premio á Arte Numismática, pola excelencia na escultura medallística, da American Numismatic Association.[3][8]
- (1991): Premio Glenn Smedley Memorial, da American Numismatic Association.[3][9]
Outros traballos de Gilroy Roberts
[editar | editar a fonte]- Selo de 1940.
"Ralph W. Emerson".
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 "Gilroy Roberts". Find a Grave.
- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 "Gilroy Roberts". USA Coin Book.
- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 Smith, P. (2012).
- 1 2 3 4 5 6 Reiter, E. (1981).
- 1 2 3 Bowers, Q. D. (2021) Arquivado 24 de abril de 2021 en Wayback Machine..
- 1 2 "Gilroy Roberts". Numista.com
- ↑ "Kennedy Half Dollar". Numista.com
- ↑ "Numismatic Art Award for Excellence in Medallic Sculpture Arquivado 21 de abril de 2021 en Wayback Machine.". American Numismatic Association.
- ↑ "Glenn Smedley Memorial Award Arquivado 21 de abril de 2021 en Wayback Machine.". American Numismatic Association.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bowers, Q. D. (2021). "Remembering Chief Engraver Gilroy Roberts Arquivado 24 de abril de 2021 en Wayback Machine.". Stack's & Bowers.
- Reiter, E. (1981). "Numismatics: Roberts is best known for Kennedy Half". En The New York Times. 9 de agosto.
- Smith, P. (2012). "Roberts, Gilroy". En American Numismatic Biographies. Páxina 300.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Vídeo: "Gilroy Roberts Numismatic Profile". Newman Nunmismatic Portal
| Predecesor: John R. Sinnock |
Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos 1948 - 1964 |
Sucesor: Frank Gasparro |