Mary Brooks
Mary Brooks Directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos (1969-1977) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de novembro de 1907 Colby. Kansas. |
Morte | 11 de febreiro de 2002 (94 anos) Twin Falls. Idaho. |
Member of the State Senate of Idaho (en) | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Estadounidense |
Educación | Universidade de Idaho. |
Actividade | |
Ocupación | política e alta funcionaria. |
Partido político | Partido Republicano |
Mary Elizabeth Thomas Peavey Brooks, nada en Colby, Kansas, o 1 de novembro de 1907 e finada en Twin Falls, Idaho, o 11 de febreiro de 2002, foi unha política e alta funcionaria estadounidense, directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos entre setembro de 1969 e febreiro de 1977.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e educación
[editar | editar a fonte]Mary Elizabeth naceu o 1 de novembro de 1907 en Colby, Kansas, única filla de John W. Thomas e de Florence Johnson.[1] A principios de 1909 a súa familia trasladouse a Idaho, cando ela tiña un ano de idade. O seu pai era un gandeiro e banqueiro, que foi nomeado senador dos EEUU por Idaho en dúas ocasións, en 1928 e en 1940.[2]
Cursou o seu ensino secundario no instituto de Gooding, Idaho, onde se graduou en 1925, e logo continuou os seus estudos no Mills College de Oakland, California. En 1927 ingresou na Universidade de Idaho en Moscow, onde se graduou en Economía en 1929.[3]
Carreira pública
[editar | editar a fonte]Brooks foi elixida para o Senado do Estado de Idaho en 1964, posto no que permaneceu ata 1969, cando en setembro dese ano foi escollida polo presidente Richard Nixon para ocupar o posto de directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos, no que se mantivo ata a súa renuncia o 11 de febreiro de 1977.[4][5][6][7]
Na súa etapa de dirección da ceca pública, supervisou o lanzamento de moedas tan senlleiras como o dólar Eisenhower e a serie dedicada ao bicentenario dos EEUU.[4][6][8] Tamén se lle atribúe o mérito de ter recuperado o antigo edificio da Ceca de San Francisco, un dos poucos que sobreviviu ao terremoto de 1906 e que permanecía desocupado e moi deteriorado desde 1937.[6] En 1974, Brooks recibiu o premio I Left My Heart In San Francisco, polos seus esforzos na conservación do edificio.[5]
Ademais, Brooks tamén foi galardoada coa medalla ao mérito da American Numismatic Association en 1988,[9] e foi a primeira muller en recibir o máis alto recoñecemento do Departamento do Tesouro dos EEUU, o premio Alexander Hamilton, en 1977.[4][6][10]
En 1970 ingresou no Salón da Fama da Universidade de Idaho, que lle concedeu un doutoramento honorario en 1999.[10]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Brooks casou en 1939 con Arthur Jacob Peavey, con quen tivo un fillo e unha filla; Pavey faleceu nun accidente de caza en 1941.[7] Ao enviuvar e logo do pasamento da súa nai, trasladouse cos seus fillos a Washington, onde o seu pai ocupaba un posto como senador.[8]
En Washington casou en segundas nupcias, en maio de 1945, con C. Wayland Brooks, senador por Illinois.[7] Cando este cesou como senador, a familia marchou a vivir nas proximidades de Chicago, onde el faleceu dun infarto en 1957.[8]
Logo da súa renuncia á dirección da US Mint, Brroks regresou a Idaho para se facer cargo do rancho familiar.[4]
Brooks finou en 2002 en Twin Falls aos 94 anos.[5][8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "In Memoriam: Former Mint Director Mary Brooks". United States Mint.
- ↑ Bottcher, W. R. (1940). "John Thomas, only man in history of Idaho..." En Lewiston Morning Tribune. 28 de xaneiro. Idaho. Páxina 12.
- ↑ "In Memoriam: Former Mint Director Mary Brooks". United States Mint.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 "Mary Brooks Resigns as Director of the Mint". United States Mint.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 "In Memoriam: Former Mint Director Mary Brooks". United States Mint.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 McPike, S. (2015). "Six Women Who Have Led the United States Mint". United States Mint News. 18 de marzo.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxinas 167-179.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 "U.S. mint director, sheep rancher dies at 94". En Lewiston Morning Tribune. Idaho. 16 de febreiro de 2002. Páxina 13A.
- ↑ "Past Award Recipients". American Numismatic Association.
- ↑ 10,0 10,1 "In Memoriam: Former Mint Director Mary Brooks". United States Mint.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Medals of the United States Mint. US Government Printing Office.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Mary Brooks (Elizabeth Thomas Peavey). Idaho's Women of Influence
Predecesor: Eva Adams |
Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos 1969 - 1977 |
Sucesor: Stella Hackel Sims |