Saltar ao contido

George T. Morgan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaGeorge T. Morgan

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento24 de novembro de 1845 Editar o valor en Wikidata
Birmingham, Reino Unido Editar o valor en Wikidata
Morte4 de xaneiro de 1925 Editar o valor en Wikidata (79 anos)
Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióngravador, medallista, deseñador Editar o valor en Wikidata

WikiTree: Morgan-39598 Find a Grave: 95266578 Editar o valor en Wikidata

George Thomas Morgan, nado en Birmingham, Inglaterra, o 24 de novembro de 1845, e finado en Germantown, Filadelfia, Estados Unidos, o 4 de xaneiro de 1925, foi un gravador da Royal Mint, de Londres, e posteriormente da Casa de Moeda dos Estados Unidos, coñecido por ser o responsable do deseño do popularmente coñecido como dólar Morgan.[1][2][3][4]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Medalla de George T. Morgan da súa época inglesa (ca. 1873), na honra de Alberte Eduardo, Príncipe de Gales.[5]

Etapa inglesa

[editar | editar a fonte]

Logo da súa formación inicial, Morgan estudou na Escola de Arte de Birmingham. Posteriormente gañou unha bolsa de estudos para recibir formación superior, durante dous anos, na Escola de Arte de South Kensington, en Londres.[1]

A carreira de Morgan como gravador comeza da man dos irmáns Pinches, unha prestixiosa familia de gravadores de Birmingham vinculada coa Casa da Moeda de Birmingham e coa Real Casa da Moeda de Londres (Royal Mint). Con eles colaborou, entre 1873 e 1875.[6]

Na Royal Mint traballou ás ordes do gravador xefe William Wyon.[4] Desta época coñécense algunhas medallas da súa autoría.[5]

No entanto, o máis salientable da súa carreira tivo lugar logo da súa marcha aos Estados Unidos en 1876, onde se lle encomendou inicialmente o deseño das novas moedas dun dólar de prata, que serían a súa obra máis salientable.[7][8]

Nos Estados Unidos chegou a se converter no sétimo gravador xefe da casa da moeda, logo do falecemento do seu antecesor, Charles E. Barber, en febreiro de 1917.[2] Logo do seu falecemento en 1925, foi sucedido no posto por John R. Sinnock.[9]

Etapa estadounidense

[editar | editar a fonte]
Proba do deseño proposto por George T. Morgan para unha peza de medio dólar
O popular "dólar Morgan" creado por George T. Morgan

Creación do "dólar Morgan"

[editar | editar a fonte]

En 1876, o director da Casa da Moeda dos Estados Unidos (United States Mint), Henry Linderman, que emprendera unha remodelación das moedas do seu país, púxose en contacto con C. W. Fremantle, director adxunto da Real Casa da Moeda de Londres (Royal Mint), e pediulle que atopase "un gravador de cuños primeira categoría disposto a ocupar o posto de gravador auxiliar da ceca de Filadelfia". Como resposta, Fremantle escribiulle: "as miñas consultas a respecto dun gravador auxiliar lévanme a recomendar decididamente para o posto a George Morgan, de 30 anos, quen se fixo unha reputación considerable, mais para quen non hai moito espazo actualmente neste país". Linderman e Morgan chegaron a un acordo polo que este último pasou a incorporarse á ceca de Filadelfia ás ordes do gravador xefe William Barber, a modo de proba durante seis meses.[3][10]

Morgan chegou a Filadelfia o 9 de outubro de 1876. Ao pouco de chegar, matriculouse como estudante na Academia de Belas Artes de Pensilvania co obxecto de se preparar para a creación dun deseño da cabeza da Liberdade, que pretendía utilizar nos anversos dos seus deseños para as moedas un dólar e de medio dólar. Morgan tamén estudou a natureza da aguia de cabeza branca para a preparación do deseño do reverso. Para a imaxe da Liberdade, Morgan buscou representar unha muller común estadounidense, no canto das figuras de estilo grego habituais. Un amigo seu, o pintor Thomas Eakins, suxeriulle como modelo a Anne Willess Williams, de Filadelfia. Morgan mantivo cinco sesións de traballo coa modelo, da que declarou que tiña o perfil máis perfecto que vira xamais.[3][11]

Os gravadores da ceca estadounidense. Morgan é o segundo pola dereita dos que están sentados.

O 18 de outubro de 1877, Linderman solicitoulle ao superintendente da ceca de Filadelfia, James Pollock, "dar instrucións a Morgan para preparar sen demora, cuños para un dólar de prata, cos deseños e as lendas iguais aos da impresión adxunta para o medio dólar e numerada co 2, substituíndo as palabras 'medio dólar' por 'un dólar'". Nun novo escrito de Linderman a Pollock do 21 de febreiro de 1878 dille: "teño que declarar, para a súa información, que é a miña intención, no caso de que o proxecto de lei da prata se converta en lei, solicitar que o Secretario do Tesouro aprobe os cuños preparados por Morgan".[12]

A produción das moeda dun dólar cos deseños de Morgan e cos cuños gravados por el comezou o 11 de marzo de 1878 e estendeuse, con interrupcións, ata 1921. Por mor da súa popularidade, esta moeda coñécese adoito no ámbito numismático como "dólar Morgan".[13][14][15]

Outros traballos

[editar | editar a fonte]

Á parte do dólar Morgan, foi autor de diversos deseños e probas numismáticas finalmente non adoptadas de moedas norteamericanas.[4] Ademais, a Morgan débeselle o reverso da moeda de medio dólar conmemorativo da Exposición Mundial Colombina de Chicago de 1893.[16][17]

Como medallista, foi o responsable de máis dunha trintena de creacións, partricularmente na súa etapa nos Estados Unidos.[4]

Galería de traballos de George T. Morgan

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 "Morgan, George T.". En Forrer, L. (1909). Páxina 148.
  2. 2,0 2,1 "George T. Morgan Arquivado 20 de xuño de 2019 en Wayback Machine.". En Mapping the Practice and Profession of Sculpture in Britain & Ireland 1851-1951. University of Glasgow.
  3. 3,0 3,1 3,2 "George T. Morgan". En Usspatterns.com
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 "Morgan, George T. Arquivado 01 de agosto de 2019 en Wayback Machine.. En Smith, P. (1992).
  5. 5,0 5,1 "Lot 384". En A. H. Baldwin & Sons Ltd. (2014). Argentum Auction Summer 2014. 7 de xuño.
  6. "Pinches". En Forrer, L. (1909). Páxinas 547-550.
  7. Schwarz, Ted. (1975).
  8. Brisset, Shaquille. (2015).
  9. "John R. Sinnock Biography". USA Coin Book.
  10. Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxinas 73-74.
  11. Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 75.
  12. Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxinas 79-83.
  13. Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 84.
  14. "Morgan Dollars". My Coin Guides.
  15. "1 Dollar "Morgan Dollar"". En Numista.
  16. Goldberg, I (2011). "Chicago Exposition coins". En The Numismatist. American Numismatic Association. Xuño. Páxinas 171-173.
  17. "Coin Profile – 1892-1893 Columbian Exposition Half Dollar Arquivado 08 de novembro de 2019 en Wayback Machine.". En Coin Week. 8 de outubro de 2018.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Charles E. Barber

Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos

1917 - 1925
Sucesor:
John R. Sinnock