Casa da Moeda de Filadelfia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 39°57′12.93″N 75°8′50.64″L / 39.9535917, -75.1474000

Casa da Moeda de Filadelfia
(US Mint)
New US Mint Logo Black.svg
United States Mint, Philadelphia, Aug 2019.jpg
Edificio actual da
Casa da Moeda de Filadelfia
TipoEstablecemento público de carácter industrial e comercial.
Fundación1792
MatrizCasa da Moeda dos Estados Unidos
LocalizaciónSeal of Philadelphia, Pennsylvania.svg Filadelfia.
Flag of Pennsylvania.svg Pensilvania.
Estados Unidos de América Estados Unidos.
Persoas claveDavid Rittenhouse (1732-1796), primeiro director.
IndustriaMetal.
ProdutosMoedas, medallas e lingotes.
Páxina webSitio web da entidade
Notas
Marca de ceca: P.
editar datos en Wikidata ]

A Casa da Moeda de Filadelfia (en inglés: Philadelphia Mint) foi a primeira ceca establecida nos Estados Unidos de América, creada polas necesidades comerciais da nova nación no mometo do seu nacemento. A súa institución foi a segunda prioridade dos "pais fundadores", logo da ratificación da Constitución dos EEUU.[1][2][3]

No século XXI segue a ser unha das ramas operativas da Casa da Moeda dos Estados Unidos.[4][3]

Historia[editar | editar a fonte]

Inmediatamente despois da ratificación constitucional, o presidente Washington e o resto do Goberno quixeron crear unha moeda nacional, non só para satisfacer as necesidades do comercio, senón que tamén eran conscientes de que a lenda ESTADOS UNIDOS DE AMÉRICA sobre as moedas fortalecería o sentimento nacional dos cidadáns.[1][2]

O 2 de abril de 1792 aprobouse a Lei da moeda, que entre outros asuntos prevía a inmediata creación dunha Casa da Moeda en Filadelfia, que daquela era a capital da nación.[5] Outras cuestións capitais recollidas nesta lei foron a instauración do dólar como unidade monetaria nacional, acolléndose ao sistema decimal, así como a composición das aliaxes e os pesos e valores das moedas. Rexeitouse a inclusión do busto presidencial nas moedas polas reminiscencias monárquicas que iso tería e acordouse utilizar no canto del representacións alegóricas da Liberdade.[1][2]

Primeiro edificio[editar | editar a fonte]

Primeiro edificio da Casa da Moeda de Filadelfia

David Rittenhouse (1732-1796), un científico norteamericano, foi nomeado como primeiro director da casa da moeda polo presidente George Washington. En xullo de 1792, Rittenhouse levou a cabo as xestións para a adquisición de dúas parcelas en Filadelfia, unha na rúa Sétima e outra no número 631 da rúa Filbert, por un importe de 4.266,67 dólares. O día seguinte á súa compra tiráronse unhas ruínas que existían no terreo dunha antiga destilaría de whisky e axiña comezou a construírse o primeiro dos edificios que máis tarde comporían a planta, a casa de fundición, que estaba xa acabada o 7 de setembro. Este foi o primeiro edificio público levantado a expensas do Goberno dos Estados Unidos. Uns meses despois construíuse o edificio de cuñaxe, cunha estrutura de ladrillo e con tres pisos, coa fachada cara á rúa Sétima, que medía 11 metros de ancho e tiña un fondo doutros 10.[2]

David Rittenhouse, primeiro director da Casa da Moeda de Filadelfia

O ouro e a prata para a casa da moeda estiveron almacenados en cámaras acoirazadas situadas nos sotos do edificio da ceca. O primeiro andar albergaba as salas de depósito e de pesaxe, xunto coa sala da prensa, onde se levaba a cabo a tarefa principal da institución: a cuñaxe de moedas. As instalacións administrativas da empresa estaban situadas no segundo andar e a oficina de ensaios no terceiro.[2]

En xaneiro de 1816, a fundición acabou destruída por mor dun incendio e o edificio foi substituído por un novo, en cuxo soto se instalou unha nova máquina de vapor para impulsar a maquinaria.[2]

Ata 1833, estes edificios foron os únicos que abasteceron os Estados Unidos de moeda circulante, ata que as operacións se trasladaron á segunda casa de moeda de Filadelfia. As primeiras instalacións foron vendidas e acabaron por ser demolidas entre 1907 e 1911. Consérvase unha fotografía tomada arredor de 1908 na que se aprecia a fachada do edificio, que amosaba a inscrición Ye Olde Mint (entre comiñas) e o seu ano de construción: 1792. Logo da súa demolición do edificio, unha pequena placa conmemora a significación histórica do lugar.[2]

Segundo edificio[editar | editar a fonte]

Segundo edificio

O 4 de xullo de 1829 produciuse a colocación da primeira pedra do segundo edificio da Casa da Moeda de Filadelfia, situado na intersección das rúas Chestnut e Juniper. O arquitecto que se encargou do seu deseño foi William Strickland (1788-1854) e foi construído en mármore branco con columnas de estilo grego. A súa fachada medía 46 metros e a súa profundidade era de 62 metros, o cal supuña unha substancial mellora con respecto ao primeiro edificio, tanto pola súa imaxe como polos seus espazos fabrís.[2]

O novo edificio empezou a ser operativo en xaneiro de 1833, aínda que, malia a amplitude dos seus espazos, a súa produción viuse desde o primeiro momento moi limitada debido ao estado obsoleto da súa maquinaria, que proviña integramente da que xa se utilizara nas instalacións orixinais. Para ver de solucionar tal situación, un dos empregados da ceca, Franklin Peale (1795-1870), foi enviado a Europa para estudar as tecnoloxías avanzadas de cuñaxe, que foron implantadas en Filadelfia logo do seu regreso, o que deu como resultado un aumento tanto da cantidade como da calidade da súa produción.[2]

En 1902, este segundo edificio foi vendido e posteriormente demolido. A primeira pedra angular do edificio foi desenterrada logo da súa demolición e viuse que contiña un tarro de lambetadas cun tapón de codia petrificado como tapa. O tarro contiña tres moedas, algúns xornais e un pergamiño con información sobre a primeira casa da moeda e sobre o proxecto de creación da segunda.[2]

Terceiro edificio[editar | editar a fonte]

Terceiro edificio

O terceiro edificio da Casa de Moeda de Filadelfia foi construído nuns terreos situados no número 1.700 da rúa Spring Garden e foi deseñado por James Knox Taylor (1857-1929), un arquitecto do Departamento do Tesouro dos Estados Unidos. O edificio comezou a actividade en 1901 e só no seu primeiro ano de produción alcanzouse a cantidade de 500 millóns de moedas cuñadas moedas para os Estados Unidos e outros 90 millóns de pezas por encarga para países estranxeiros.[2][6][7]

Os gravadores da Casa de moeda de Filadelfia en 1910. Arriba (esquerda a dereita): Charles Greth, John Beally, Harry Blythe, Charles Conway e James Blythe. Abaixo: William Key, Charles E. Barber, George T. Morgan e descoñecido.

O edificio é unha estrutura de grandes dimensións que practicamente abrangue unha mazá completa, que se caracteriza por presentar unha fachada inspirada nos templos romanos. No seu interior pódense apreciar sete mosaicos de vidro deseñados polo artista estadounidense Louis Comfort Tiffany (1848-1933), nun teito abovedado de cor dourada, que representan os antigos métodos romanos de cuñaxe.[2][6][7]

Desde 1973 o edificio pertence ao Community College de Filadelfia.[2][6][7]

Cuarto edificio[editar | editar a fonte]

Cuarto edificio

En 1969 abriu as súas portas o edificio que levou a Casa da Moeda de Filadelfia ao século XXI. Foi deseñado polo arquitecto Vincent G. Kling, quen tamén se ocupou doutros edificios moi representativos na cidade, como é o caso do Five Penn Center, o Centre Square e o Annenberg Center for the Performing Arts. No momento da súa inauguración era a ceca máis grande do mundo.[2]

A ceca de Filadelfia pode producir ata un millón de moedas en 30 minutos, o que á ceca orixinal de 1792 lle suporía a produción de tres anos.[2]

A factoría, que é unha das ramas da Casa da Moeda dos Estados Unidos, produce tamén condecoracións militares e medallas de moi distinto tipo, para entidades tanto gobernamentais como civís.[2]

As moedas cuñadas na ceca de Filadelfia levan desde 1981 a marca de ceca "P", excepto no caso das moedas dun centavo. Antes de 1980, as moedas cuñadas nesta ceca carecían de marca identificadora, agás as moedas de cinco centavos co busto de Thomas Jefferson emitidos entre 1942 e 1945, e as dun dólar co busto de Susan B. Anthony de 1979.[2]

Roubos[editar | editar a fonte]

O 19 de agosto de 1858, durante unha visita á Casa de Moeda de Filadelfia, dous ladróns utilizaron unha chave falsificada para abrir unha vitrina que contiña diversas rarezas numismáticas de ouro valoradas en 265.00 dólares, aínda que foron detidos ao pouco tempo cando pretendían comerciar con elas en establecementos da cidade.[8][9]

En 1893, Henry S. Cochran, un empregado da sección de pesaxe provocou unha malversación de 134.000 dólares na xestión dos lingotes de ouro da cámara acoirazada da ceca, durante un período de entre 8 e 10 anos. Chegáronse a recuperar uns 107.000 dólares da súa casa e dun acocho no sistema de ventilación dentro da mesma casa da moeda.[10]

En setembro de 2011, o antigo oficial de policía con destino na ceca, William Gris, foi declarado culpable de roubar moedas con erros de cuñaxe por un valor de arredor de 2,4 millóns de dólares, que colocaba no mercado grazas a un distribuidor.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Alexander, D. T. (2018).
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 2,15 2,16 "US Philadelphia Mint". Coin Values.
  3. 3,0 3,1 "The Philadelphia Mint of the United States". US-Mint.info
  4. "U.S. Mint Philadelphia Facility". United States Mint.
  5. "Coinage Act of April 2, 1792" (texto orixinal en inglés). United States Mint.
  6. 6,0 6,1 6,2 "Third Philadelphia Mint (1901-1969)". En Workshop of the World.
  7. 7,0 7,1 7,2 "Looking Back: History of the Mint Building". Community College of Philadelphia.
  8. "Daring Robery at the United States Mint". En The New York Times. 19 de agosto de 1858.
  9. "Another Report of the 1858 U. S. Mint Cabinet Robbery". En The E-Sylum.
  10. "The Mint Robbery Mystery is Cleared Up". En The New York Times. 17 de setembro de 1893.
  11. "US Mint officer admits taking $2.4M worth of coins". En Coin Talk. 9 de setembro de 2011.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]