Pirámide (construción)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Pirámide de Quefrén.

Unha pirámide (do grego "πυραμίς" – pyrámis[1] a través do latín pyrămis, -ĭdis) é unha estrutura na que as superficies exteriores son triangulares e converxen nun punto. A base dunha piramide pode formar calquera forma poligonal con máis de tres lados, o que significa que unha pirámide ten polo menos tres superficies triangulares. A pirámide cadrada, cunha base cadrada e catro superficies exteriores triangulares é a versión máis común.

Un deseño piramidal, coa meirande parte do peso preto do chan,[2] e co piramidión no cumio implica un menor empuxe do material superior cara abaixo: esta distribución do peso permitiu ás primeiras civilizacións crear estruturas monumentais estables.

Durante miles de anos, as maiores estruturas do mundo foron pirámides: primeiro a Pirámide Vermella na Necrópole de Dashur e logo a Gran Pirámide de Queops, as dúas en Exipto, sendo a última a única das sete marabillas do mundo antigo que aínda está en pé. A pirámide de Khufu foi construída por completo con pedra calcaria, e é considerada unha obra-prima da arquitectura. Contén arredor de 1,3 millóns de bloques que pesan entre 2,5 e 15 toneladas e está construída sobre unha base cadrada de arredor de 230 m de lado, cubrindo unha superficie de máis de 50.000 m². As súas catro caras están orientadas cara aos catro puntos cardinais de xeito moi preciso e ten un ángulo de 52º. A altura orixinal da pirámide era de 146,5 m, pero hoxe é de só 137 m; a falta deses 9 m débese ao roubo da cuberta de pedra calcaria de gran calidade para construír casas e mesquitas no Cairo. É aínda a pirámide máis alta. A maior pirámide do mundo xamais construída, por volume, é a Gran Pirámide de Cholula, no estado mexicano de Puebla. Esta pirámide aínda está a ser escavada.

As primeiras pirámides (chamadas «clásicas»), que xa representan completamente paredes lisas, están datadas cara ao 2500 a. C., coma a pirámide de Meidum, que se atopa medio derrubada. Así, as pirámides que se poden considerar de referencia son as das dinastías III-VI (2650 - 2345 a. C.). Máis tarde, na época dos césares romanos, comezaron a construírse tumbas xigantescas e algunhas delas, como a chamada Pirámide de Cestio, están claramente inspiradas nos modelos existentes no Exipto dos Ptolemeos. Neste amplo espectro de construcións piramidais tamén hai exemplos máis actuais, construídos en pleno século XX, coma a Transamerica Pyramid de San Francisco (1972) ou a do Museo do Louvre (1980).[3]

Historia[editar | editar a fonte]

Esquema dunha mastaba.

Discutiuse moito sobre a orixe da forma piramidal na construción humana. As pirámides xurdiron en distintas civilizacións sen contacto entre si, o que deu pé a multitude de especulacións de toda índole. Non obstante, dende un punto de vista só estrutural ou construtivo, a forma piramidal é un resultado case inevitábel do simple desexo de gañar altura empregando pedra. De feito, as primeiras construcións en poboados primitivos eran de planta circular, normalmente coa parte baixa de pedras, os muros de barro e cercadas de tal xeito que remataban sendo como unhas bólas semiesféricas. Así se pode observar nunha reconstrución do poboado de Khirokitia, en Chipre, un poboado que se remonta a mediados do século IV a. C.[4]

Na antigüidade, a arquitectura común empregaba materiais doados de conseguir e manipular, tales coma o barro ou a madeira. Non obstante, este tipo de construcións non perduraban no tempo. Cando se desexaba un edificio máis lonxevo, coma unha tumba, ou un edificio emblemático, recorríase entón á pedra (ou ao ladrillo se non se dispoñía daquela). As primeiras construcións de pedra polo tanto obedeceron a propósitos funerarios ou relixiosos, e tanto en Exipto (mastabas) coma en América, inda que miles de anos despois, xa adoptaron unha forma troncopiramidal. A razón desta forma tamén se debía á necesidade de estabilizar as moreas de pedra, posto que, a causa da presión exercida pola acumulación de material, o terreo adoitaba ceder e afundirse polos lados, ocasionando gretas ou, no peor dos casos, derrubas.[5]

Co tempo, comezouse a edificar tumbas e plataformas relixiosas enriba das anteriores (quizais coa intención de manifestar maior poder que o predecesor).[6] Este tipo de prácticas derivou nas pirámides graduadas; un tipo de construción moi similar aos cigurat mesopotámicos, que apareceron no século IV a. C. e que a partir do século III a. C. convertéronse en templos relixiosos. Coñécense unhas trinta e cinco torres cigurats construídas en vinte e sete cidades que datan desta época, e que perduran até a chegada do Imperio Neobabilónico ou Segundo Imperio Babilónico (626 a. C. -539 a. C.). A construción en Babilonia da torre chamada Etemenanki, dedicada a Marduk, foi asociada coa torre bíblica de Babel, unha edificación que foi reconstruída varias veces até a súa completa destrución cara ao ano 323 a. C., ao pouco da derradeira tentativa de conservala por parte de Alexandre o Grande.[7]

Non queda constancia dos motivos que impulsaron o paso dende este punto á típica pirámide pentaédrica, inda que non é desatinado pensar que o salto formal fose simplemente estético.[6] Existen dúas teorías fundamentais sobre esta cuestión:

  • A dos positivistas —coma Ludwig Borchardt e Flinders Petrie—, que consideran que o resultado da forma da pirámide é o traballo de varias xeracións de arquitectos que, xunto coas posibilidades técnicas de cada momento, acadaron a forma arquitectónica perfecta.
  • A dos simbolistas —coma Ernesto Schiaparelli—, que se fundamentan en significados de tipo simbólico, coma a asociación da pirámide ao disco solar, imaxe que se colle cando o sol xorde entre dúas montañas, polo cal, amais do seu uso funerario, tamén servía coma parte do culto ao deus Ra e á deusa Hator. Tamén Plinio afirmaba que os obeliscos eran coma raios de sol petrificados e que a súa forma xeométrica non era casual senón que representaba raios de luz que comezaban no extremo superior da pequena pirámide e chegaban até a súa base co fin de quentar a terra. Así as escaleiras das pirámides permitían aos faraóns a súa ascensión á rexión celestial e, amais, o feito representaba de xeito simbólico a enerxía imprescindíbel para a existencia da vida.[8]
Pirámide clásica en Dashur.

Pirámides de Exipto[editar | editar a fonte]

No período das primeiras dinastías do Antigo Exipto, os poderosos que tiñan medios económicos eran enterrados nunhas estruturas en forma de banco chamadas mastabas.[9][10] Posteriormente está documentada a construción dun tipo de pirámide atribuída ao arquitecto Imhotep, que deseñou o que os exiptólogos cren que é unha tumba para o faraón Djoser. Imhotep está considerado como o primeiro en concibir a idea de amorear mastabas unha sobre outra, creando así un edificio composto por unha serie de chanzos conseguidos cunha diminución da medida da base cara ao ápice. O resultado foi a pirámide graduada de Djoser, que foi deseñada para servir coma unha escaleira xigantesca mediante a cal a alma do faraón morto podía ascender cara aos ceos. Tal foi a importancia dos éxitos de Imhotep que, máis tarde, deificouse polos mesmos exipcios.[11]

En Exipto, atopáronse 138 pirámides.[12][13][14] A maioría foron construídas como tumbas para os faraóns do imperio e os seus consortes durante o Imperio Antigo e o Imperio Mediano.[15][16] A Gran Pirámide de Giza, construída por Keops (Jufu), é unha das Sete Marabillas do Mundo Antigo e é a única delas que sobrevive e pode ser vista na actualidade.

Simbolismo[editar | editar a fonte]

A forma das pirámides exipcias crese que representa o outeiro primordial, concepto que se basea nas crenzas que tiñan os exipcios sobre a creación da Terra. A forma dunha pirámide suponse que representa os raios do sol de poñente, e a maioría das pirámides revestíronse con pedra calcaria puída, dunha cor moi branca e reflectante que ó ser observadas dende a distancia, presentan un aspecto brillante; polo tanto, as pirámides mateñen unha relación coa luz solar. Por exemplo, o antigo nome da Pirámide curvada de Dahshur era «A pirámide luminosa do sur», e a Pirámide de Lahun de Senusret II, en Lahun, «Senusret luminoso».

Inda que, en xeral, hai acordo en afirmar que as pirámides eran monumentos funerarios, hai un desacordo sobre os principios teolóxicos que poderían ter enmarcado esta funcionalidade. Unha teoría afirma que podería haber sido deseñada como unha especie de «máquina de resurrección».[17] Os exipcios crían que a zona escura do ceo nocturno, arredor da cal semellan xirar as estrelas, era a entrada física aos ceos. Un dos eixes estreitos que se estenden dende a cámara mortuoria principal a traves de todo o corpo da Gran Pirámide apunta directamente cara ao centro desta parte do ceo. Isto suxire que a pirámide podería haber sido deseñada como un medio para axudar a alma do faraón defunto na súa viaxe cara á residencia dos deuses. Todas as pirámides de Exipto foron construídas na ribeira oeste do Nilo, xa que na mitoloxía exipcia o solpor se asociaba co reino dos mortos.[18]

As pirámides elevábanse até o ceo e axudaban ao faraón, considerado un ser divino, no momento de abandonar a terra para facilitarlle o retorno á morada dos deuses, lugar de onde viñera. Por esta mesma razón, os exipcios crían que era necesario conservar o corpo e impedir que se corrompese; conseguíano mediante un método moi elaborado de embalsamamento. Xusto no centro da pirámide atopábase o sepulcro, normalmente de pedra, e arredor da cámara mortuoria había escritos con feitizos e conxuros para axudar o tránsito do morto cara ao outro mundo. Non só era importante conservar o corpo, senón que era necesario que houbese unha escultura co seu busto que se colocaba dentro da cámara sen que a vise ninguén, así a maxia funcionaba e a alma podía revivir. Os exipcios chamaban ao escultor como «aquel que mantén vivo».[19]

Sistema e tipos de construcións[editar | editar a fonte]

Falsa cúpula en Giza.

Algunhas pirámides non eran simples amoreamentos de pedra, xa que requerían para a súa construción moita habilidade, enxeño, capacidade organizativa e forza de man de obra. Inda que algunhas civilizacións, coma a exipcia, xa coñecen o arco de descarga, tomaron prestado dun xeito preferente as estruturas doeladas. De todos os xeitos, as padeiras de pedra non podían soportar as fortes presións exercidas sobre elas sen crebarse, de xeito que para abrir estadas e pasadizos interiores recorreron á técnica da falsa bóveda, solución arquitectónica que consiste en andar aproximando lixeiramente e de forma graduada as ringleiras dos muros; isto fai necesario facelo até conseguir un efecto similar ao dun arco apuntado, mais con doelas horizontais. Inda que todas as pirámides tiñan a mesma base cadrada e as mesmas diagonais que se elevaban en dirección ao punto central superior, as inspeccións arqueolóxicas demostraron que cada pirámide presentaba unhas variacións construtivas interiores diferentes, debidas principalmente a como se construía o núcleo central.[20]

A falla de documentos non permitiu coñecer os métodos construtivos empregados na construción das pirámides antigas, pero non hai constancia do emprego da roda, polo que as teorías máis aceptadas apostan polo uso de ramplas ou espirais exteriores sobre as cales se arrastraban os bloques mediante pancas.[21][22]

Os recubrimentos exteriores destes edificios varían moito dunhas culturas á outras, e atópanse dende revestimentos de pedra calcaria até estucos. O núcleo interior podía construírse con capas de pedra e barro —que se inclinaban no interior da pirámide—, por moreas de pedras dentro de muros de carga ou por adobes. Co paso dos anos, as pedras que tapaban o exterior foron empregadas noutras construcións e, como consecuencia, o núcleo interior quedou á intemperie, exposto aos elementos exteriores, degradándose e chegando a quedar destruído.[20]

Aliñamento[editar | editar a fonte]

Medida «cóbado exipcio» no Museo do Louvre

As caras das pirámides están orientadas en dirección aos catro puntos cardinais. Xa no Imperio Antigo orientábanse dun xeito moi preciso, feito que se pode observar moi claramente na disposición da pirámide de Queops: a desviación máis grande é de 3'26" de bóveda. O exiptólogo Edwards declarou que esta precisión só podían vela grazas a uns bos coñecementos astronómicos, con cálculos realizados tendo presente a disposición das estrelas.[23] Outra teoría propón que podía calcularse coa observación do Sol cando sae e cando se pon, medindo os ángulos iguais mais opostos dende o norte. Este método baséase na colocación dunha estaca cunha chumbada para que estea ben vertical e se mida a súa sombra unhas tres horas antes do mediodía: a lonxitude é o radio dun círculo. A sombra desprazouse até chegar a coller o círculo e forma un ángulo recto coa liña anterior da sombra do mediodía; na bisección do ángulo atópase o norte. Este método é máis preciso durante os solsticios.[24]

Para obter as características dun corpo piramidal cuadrangular créanse alternativamente diversos cadrados, un sobre outro, sempre diminuíndo de xeito proporciona á súa medida. Este cálculo xeométrico, que semella simple, require unha gran precisión cando se realiza a unha escala monumental, xa que con tan só unha pequena desviación nas diagonais, o cumio quedaría descentrado. Os construtores exipcios tiñan unha medida chamada esped ou "cóbado real exipcio", que son aproximadamente uns 52,4 centímetros, e podían ser capaces de obter a pendente medindo unidades de altura e base. Para a inclinación da pirámide de Queps terían que ter medido 14 unidades cara a arriba e 11 cara ao interior.[25]

Piramidión[editar | editar a fonte]

O piramidión é a peza pétrea de forma piramidal cuadrangular que se situaba na parte máis alta dos obeliscos e as pirámides. Simbolizaba o lugar onde se situaba o deus solar Ra ou Amón, no cumio do monumento, no punto de unión entre o Ceo e a Terra. O piramidión adoitaba realizarse con materiais coma pedra calcaria de Tura —por exemplo na Pirámide vermella de Snefru (dinastía IV)— , ou granito negro —coma se fixo na pirámide de Khendjer (dinastía XIII). Esta peza, normalmente, recubríase de ouro, bronce ou outra aliaxe de metal para conseguir que resplandecese cando a luz incidía sobre esta parte da pirámide.[26]

O piramidión da Pirámide negra do faraón Amenemhet III atópase en Dahshur, a uns 20 quilómetros do Cairo; descubriuse no ano 1990. Ten nunha das súas caras un gravado dunha esfera solar alada esculpida en relevo e dous ollos sagrados que representan os ollos do faraón que está a mirar o sol dende o interior da pirámide; baixo eles hai grafados tres signos que queren dicir nefer (perfección ou beleza), así coma un xeróglifo co nome e o título do faraón.[26]

Canteiras[editar | editar a fonte]

As primeiras pirámides construíronse en pedra e suponse que todas elas tiñan preto unha pedreira para o abastecemento do material principal; por exemplo, a pedreira de Queops áchase a uns trescentos metros da Gran Pirámide, e alí apréciase unha gran cavidade en forma de ferradura duns trinta metros de profundidade. A pedra calcaria branca precisa para o recubrimento final procede de Tura, unha localidade que estaba preto do actual O Cairo. Outros materiais que se empregaron foron o granito, que se levaba dende Asuán, o basalto e o xeso procedentes de Madinat al-Fayyum, e o cobre, transportado dende o Sinaí.[27]

Nas canteiras hai unhas grandes canles, amplas e profundas; crese que é preciso facelas pola falla de ferramentas de ferro. Cando tiñan ferramentas deste material, as canles que se abren preto dun bloque que se quere extraer cávanse con fouces de ferro até que o bloque desexado escache por abaixo. Naqueles tempos os obreiros tiñan que empregar grandes pancas de madeira para separar os bloques e, polo tanto, precisaban dun espazo máis grande para as canles de paso necesarias para manobrar. Nas pedreiras de Tura, onde había unha pedra calcaria dunha gran calidade, os traballadores abrían túneles por baixo das primeiras capas, quedando como unha especie de galería onde se podía escavar para conseguir a pedra.[28]

Ferramentas empregadas[editar | editar a fonte]

Martelos exipcios.
Relevo onde se aprecia o transporte de pedra mediante bois.
Zorra de Sesostris III.

Para a extracción de granito das pedreiras de Asuán abríronse canles empregando martelos de diabase. Esta técnica está ben referenciada, xa que se atoparon grandes cantidades de mazas na mesma canteira. Segundo o arqueólogo Mark Lehner: «Ser enviado ás pedreiras de granito era, sen dúbida, ser condenado ao máis miserábel dos traballos dos construtores das pirámides».[29]

O proceso de tallado das pedras era extremadamente lento, xa que as pedras de tipo granítico son duras. Para traballalas empregáronse ferramentas de bronce e sílex, e o puimento acadábase mediante o roce co propio po das pedras ou con abrasivos máis duros coma o po da cuarcita.[30]

Subministración e transporte[editar | editar a fonte]

Outro material que se precisaba en cantidade era a madeira, empregada coma combustíbel para o lume das cachelas e para poder fabricar ferramentas, mais tamén era necesario acendelo para os fornos onde se elaboraba o pan, un alimento básico dos traballadores. Tamén era preciso unha infraestrutura para facer chegar outros tipos de alimentos, como cereal, peixe e carne. O combustíbel e o alimento transportábanse en pequenos barcos, naves que quedaron ben representadas nos relevos das tumbas do Imperio Antigo.[27]

O transporte a través do Nilo foi unha vía de comunicación esencial para os antigos exipcios; dispoñían de barcos adaptados a todo tipo de cargas, como pódese observar nunha escena dun relevo da calzada de Unas. Unha vez descargados, o transporte por terra realizábase mediante a tracción animal, pero tamén con moita man de obra, ocupando a acción de azorrar os materiais; así quedou rexistrado en diversos relevos. A ausencia da roda fai posíbel pensar que se axudaban dunha especie de zorras.[31]

Rampla[editar | editar a fonte]

Tipos de ramplas: rampla en zigzag (esquerda), rampla recta (centro) e rampla en espiral (dereita).

Os estudos feitos para descubrir que clase de ramplas se empregaban para facer posíbel a construción dunha pirámide deron pé a unha morea de teorías. Hai quen opina que empregaban unha rampla recta recostada contra unha cara da obra, mais aquí ábrense diversas opcións porque podería ser que precisasen ocupar toda unha cara da pirámide ou só unha parte dela; neste segundo caso, era necesario que a rampla fose moi estreita e coa altura precisa para chegar até o final da pirámide. Amais, para manter unha pendente axeitada tería que ter ido elaborándose a medida que se levantaba a construción.[32]

Os partidarios doutro sistema apostan por unha rampla con forma de espiral que rodeaba a pirámide e ascendía sobre as ringleiras da pirámide graduada cando esta inda non se cubrira coa última capa de pedra. Porén, as probas realizadas na cara norte da pirámide de Micerinos mostraron que, polo menos, as caras inacabadas non estaban graduadas e, polo tanto, non podían facer posíbel este tipo de rampla. Outra teoría similar presenta unha rampla en zigzag realizada sobre unha cara da pirámide pero que presenta case os mesmos problemas que a rampla en espiral.[32]

Lista de pirámides exipcias[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Pirámides de Exipto.

Hai 138 pirámides atopadas en Exipto até o ano 2008.[33][34] Entre as pirámides exipcias máis importantes pódense salientar:

Pirámides de Nubia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Pirámides de Nubia.
Pirámides en Meroe.
Pirámides do cemiterio sur.

As pirámides de Nubia, en Sudán, construíronse para servir como monumentos para os reis e raíñas de Napata e Meroe. En Nubia comezouse a construír pirámides máis de 800 anos despois dos derradeiros sepulcros reais que se levantaron en Exipto.[35] Estas pirámides diferéncianse das exipcias principalmente porque se construían cun ángulo moito máis pronunciado, dun 70 graos, así como por ser dunha altura moito máis pequena; coñécense 223.[36] Moitas das pirámides tiñan capelas construídas contra o seu muro oriental e estaban decoradas con relevos. Case todas as estruturas eran de tipo estándar cunhas escalinatas, situadas ao este das capelas, que entraban até as cámaras mortuorias. Estas cámaras estaban compostas de dúas ou tres salas nas cales nas paredes, ás veces, había inscricións do Libro dos Mortos.[37]

Piankhi rematou a conquista do Alto Exipto, campaña iniciada polo seu pai, e despois de reinar uns trinta anos foi enterrado en Al-Kurru, nunha pirámide de estilo exipcio. Cando en 1918 George Reisner dirixiu unhas escavacións só se atopaba en bo estado unha das pirámides; as outras estaban derrubadas e cubertas de entullos. De todos os xeitos, púidose constatar que a pirámide de Piankhi era dunha lonxitude dun 8 metros de lado e tiña unha inclinación de 68 graos; unha escalinata conducía á cámara sepulcral a través de 19 chanzos. Atopáronse diferentes tumbas dos reis en Al-Kurru, incluída a de Tanutamon, monarca que reinou do 664 ao 653 a. C. O seu predecesor, Taharqa, cara ao 664 a. C. inaugurou o cemiterio de Nuri que substituíu o de Al-Kurru.[35]

A pirámide máis grande e a máis antiga da zona Nuri é a de Taharqa, faraón e tamén rei de Napata, que pertencía á XXV dinastía. As medidas da pirámide son de 51,75 m² de base e uns 50 metros de altura. Foi construída en dúas etapas, cunha pirámide interior máis pequena, cuberta de pedra areosa, e o interior que se realiza con reas graduadas. O acceso efectuábase por unha escalinata colocada na parte oriental; no interior había unha antecámara con bóveda de canón e a cámara funeraria dividíase en dúas naves laterais e unha de central sostidas por seis piares tallados na rocha.[38]

A uns cen quilómetros de Khartum atópanse as pirámides de Meroe, que están agrupadas en tres cemiterios: o do oeste, o do sur e o do norte. Probabelmente, o primeiro rei que construíu o seu sepulcro na zona foi Arqamani (Ergamenes), que o fixo no cemiterio sur; máis tarde, as sepulturas reais trasladáronse ao cemiterio do norte. As pirámides eran granduadas, inda que cada cara do triángulo estaba enmarcada por franxas lisas nos seus ángulos. As capelas das pirámides estaban decoradas con relevos, e a súa construción realizouse empregando pedra areosa. As derradeiras pirámides construíronse de adobe e a superficie enxesábase. As pirámides construídas no cemiterio oeste foron ocupadas principalmente por xente da nobreza e por familias importantes de Meroe. Cara ao ano 350, co crepúsculo do imperio, deixouse de construír pirámides na zona.[39]

Construcións precolombinas[editar | editar a fonte]

Pirámide do Sol. Teotihuacan.

As construcións precolombinas pertencen ao tipo de pirámides truncadas, é dicir, que están finalizadas cun plano paralelo á súa base; polo tanto, teñen truncado o vértice común dos seus triángulos. As pirámides truncadas preincaicas construíronse xeralmente con adobe, un material moi pouco resistente á erosión e ao paso do tempo, pola cal a maioría destas construcións desapareceron ou atópanse en ruínas. Preto do lago de Texcoco, no val de México, atópase a primeira pirámide coñecida da América Central, pertencente ao período chamado Ticomán-Cuicuilco e datada entre o 400 a. C. e o 300 a. C. A pirámide de Cuicuilco é de planta circular, cuns 135 metros de diámetro e 20 metros de altura. Trátase dunha construción realizada con adobe, cunha fachada de pedra lisa e un altar ao ar libre situado no seu cumio.[40]

Dende o punto de vista funcional, a pirámide precolombina era diferente da exipcia, xa que non estaba construída cunha finalidade funeraria, senón coma un templo, coma unha residencia dunha deidade. De todos os xeitos, escavacións recentes confirman que tiñan o costume de incorporar sepulcros, tal como se comprobou na pirámide graduada maia de Palenque, chamada Templo das Inscricións; nesta pirámide, no ano 1952, o arqueólogo Ruz Lhuillier descubriu o sepulcro de Pacal o Grande. Unha gran lousa cubría a escalinata que baixaba cara ao interior do templo e en dous tramos chegaba á cripta funeraria, que foi construída cara ao ano 675.[41]

Na parte do muro de cada distribución de niveis moitas das pirámides presentan un recubrimento de pedra tallada dunha ringleira continuada; neste recubrimento hai esculpidas representacións de xaguares, pumas, aguias ou serpes, así como todo tipo de ornamentos xeométricos. Os templos estaban situados na parte superior da pirámide, e algúns tiñan un gran pórtico diante da entrada que estaba chea de imaxes, normalmente policromadas.[42]

En Teotihuacan atópase a Pirámide do Sol, un dos exemplos máis abraiantes da antiga arquitectura azteca. Ten a singularidade de construírse nun determinado momento histórico sen engadidos posteriores; a maioría das pirámides aztecas fixéronse ao longo de diversos períodos aproveitando sempre as estruturas feitas con anterioridade. A Pirámide do Sol está formada por cinco tramos moi empinados construídos sobre unha base case cuadrangular. Ten uns costados de entre 220 e 225 metros, e unha altura de 63 metros. A diferenza doutras construcións piramidais mesoamericanas, consta dunha única escaleira central que se interrompe en cada tramo.[43]

Simbolismo[editar | editar a fonte]

Equinoccio formando unha serpe na escalinata do templo de Kukulcán (vídeo).[44]

O Templo de Kukulkán, a principal estrutura arquitectónica de Chichén Itzá, demostra que os maias posuían uns bos coñecementos en matemáticas, xeometría, acústica e astronomía. Nunha sociedade orixinalmente agrícola, os maias observaron con detemento o comportamento das estacións, as variacións das traxectorias do Sol e das estrelas, e aplicaron todos estes coñecementos na construción do templo dedicado ao seu deus, Kukulkán.

Na escalinata norte-nordés da pirámide de Kukulcán, durante os equinoccios de primavera e outono, á tardiña, obsérvase unha proxección solar serpentina que consiste en sete triángulos isósceles invertidos de luz, como resultado da sombra que proxectan as nove plataformas deste edificio durante a posta do Sol. En Chichén Itzá o fenómeno vese en todo o seu esplendor e a imaxe da serpe de triángulos de luz e sombra é proxectada á balaustrada norte-nordés; a medida que avanza o tempo semella que do templo baixe unha serpe e o último anaco de luz proxéctase á cabeza da serpe, figura representada en pedra e que se atopa na base da escalinata.[45]

Como as culturas mesoamericanas, a cultura maia empregou un calendario agrícola solar que denominaban Haab, o cal conta con 18 meses ou uinales; cada uinal ten 20 días ou kines. Así, o calendario comprende 18 x 20 = 360 días regulares ou kines, máis cinco días adicionais, considerados días infaustos, denominados uayeb. O templo de Kukulkán ten catro escalinatas, cada unha delas con 91 chanzos; isto fai a cifra de 364 chanzos, e considerando a plataforma superior do templo temos un total 365 unidades que representan os días do Haab.

Cara a finais do século XX incrementou o turismo en Chichén Itzá. Accidentalmente, os guías turísticos descubriron un efecto acústico que se produce na escalinata norte-nordés da pirámide. Se unha persoa aplaude de forma frontal á escalinata, o son do aplauso espállase cara ao peralte dos chanzos e rebota en forma dun eco distorsionado; é dicir, se se fai un aplauso, a reflexión do son escóitase diferente e pódese escoitar un chío que semella ao canto dun quetzal.[46][47]

Maias[editar | editar a fonte]

Pirámide do adiviño en Uxmal.
Artigo principal: Civilización maia.

As pirámides maias consistían habitualmente nunha construción graduada que conducía a un templo situado no cumio. Empregábanse con finalidades cerimoniais. Os restos máis antigos calcúlase que datan do ano 600.

Aztecas[editar | editar a fonte]

Pirámide dos Nichos en El Tajín.
Artigo principal: Azteca.

As pirámides aztecas eran bases piramidais característicos das culturas prehispánicas mexicanas; estas construcións tamén eran chamadas, ás veces, teocallis. A pirámide dos nichos mostra unha orixinal construción, realizada en sete tramos graduados; ten unha grande escalinata para a súa ascensión pola cara norte, e en todos os seus lados se atoparon uns nichos ou fornelas (en total 365), que se pensa que poden representar os días do ano.[49]

Incas[editar | editar a fonte]

Huaca do Sol en Perú.
Artigo principal: Inca.

As pirámides incas foron concibidas como residencias das diferentes deidades. De feito, a cultura quechua, denominaba huaca tanto ás deidades coma nos edificios nos cales lles rendía culto, se ben os mochicas empregáronas para finalidades administrativas. Inda que estas construcións se denominan comunmente pirámides, en realidade son bases piramidais dun ou varios pisos.[50]

Entre os quechuas era frecuente a construción dunha estrutura piramidal de pequenas ou medianas proporcións chamada ushnu, a cal lembraba unha montaña. Esta especie de pirámide, situada normalmente no centro das poboacións, cumpría funcións rituais —como un tipo de altar— e administrativas; dende alá os xerarcas adoitaban emitir os seus mandatos.

Outras pirámides[editar | editar a fonte]

Entre outros exemplos de construcións piramidais pódense destacar: as pirámides etruscas de Orvieto[51] e de Bomarzo,[52] as pirámides graduadas de barro dos ibo, a Pirámide de Cestio —un sepulcro dun maxistrado da Antiga Roma—, a stupa de Borobudur —unha construción budista a Indonesia—, os «mandir» da India, a Pirámide de Xi'an na China, e as Pirámides de Güímar ou «Majanos de Xacona» na illa de Tenerife.[53]

A etnia africana ibo, que procede principalmente de Nixeria, construíu na cidade de Nsude unhas pirámides graduadas feitas de barro. Non tiñan ningún carácter funerario e estaban dedicadas á deidade Uto ou Wadjet.

A Pirámide de Cestio é unha imitación romana do estilo exipcio; atópase xunto á Porta San Paolo, en Roma. Construíuse cara ao ano 12 a. C. como sepulcro do maxistrado Gai Cestio. A súa base é cadrada, ten preto de 30 metros de lado e logra unha altura de 36,40 metros. Está feita de ladrillo e recuberta de mármore. Aos lados oriental e occidental encóntranse inscricións en latín onde aparece tanto o nome de Cestio como detalles circunstanciais sobre a súa construción. No século III foi anexada á muralla Aureliana.[54]

O stupa de Borobudur áchase en Indonesia. É un monumento budista mahayana construído entre os anos 750 e 850, e consta de seis plataformas cadradas coroadas por outras tres circulares; está decorado con 2 672 relevos e 504 estatuas de Buda. Sen espazos interiores como teñen outros templos da zona e como que presenta unha forma piramidal, esta construción de Borobudur foi identificada máis como unha stupa, que como un templo (candi en indonesio). Ademais, en lugar de estar construído nunha chaira, edificouse sobre un outeiro natural.[55][56]

Na India non se construíron pirámides de pedra. Inda así, abundan as «mandir» cunha forma piramidal que, segundo o tipo, se denomina dun xeito xenérico «gopuram». Son como portas monumentais que permiten o acceso aos recintos sagrados. Dende terra o trazado piramidal é moi empinado como consecuencia da superposición dos pisos de planta rectangular. Como moitas pirámides, estas estruturas do hinduísmo buscan imitar unha montaña; neste caso, a sagrada Montaña Meru, que representa a simboloxía hinduísta da axis mundi).[57]

A Pirámide de Xi'an é unha das pirámides chinesas. Estas pirámides son realmente antigos túmulos, a maioría dos cales, se non todos, foron destinados a usos funerarios. Moitas destas pirámides están situadas nun radio de 100 quilómetros preto de Xi'an, na provincia de Shaanxi, na China central. A súa forma é a dunha pirámide truncada, con similitudes coas pirámides precolombinas. Xi'an é unha área dun gran valor arqueolóxico, e poucas pirámides foron inda exploradas.[58]

As Pirámides de Güímar, ou «Majanos de Xacona», atópanse no municipio de Güímar, na costa sueste da illa tinerfeña, a uns 26 quilómetros da cidade de Santa Cruz de Tenerife. Son seis construcións en forma de pirámides graduadas cunha orientación astronómica. A maioría dos arqueólogos cren que as pirámides foron construídas por agricultores que acumularan as rochas polos bordos das súas terras de cultivo, tal como se facía comunmente noutras zonas das Illas Canarias. Por outro lado, non se encontraron probas que demostren que estas pirámides fosen construídas polos guanches; de feito, hai probas arqueolóxicas que determinan unha antigüidade non superior aos 200 anos.[59]

En Sedeinga, Sudán hai 35 pirámides construídas durante o reino de Kush.[60]

Pirámides contemporáneas[editar | editar a fonte]

A Pyramid Arena en Memphis.

Durante os séculos XVIII e XIX houbo un renacemento no uso dos deseños piramidais na construción de casas, xardíns, parques, tumbas e monumentos conmemorativos, por parte de arquitectos e artistas entre os cales hai que destacar Giovanni Battista Piranesi, Johann Gottfried HerderÉtienne-Louis BaulléeClaude-Nicolas LedouxAntonio Canova, entre outros. En canto ao século XX, houbo un uso da estrutura piramidal aplicada a vivendas, edificios de negocios e lúdicos.[61]

A Pirámide do Louvre, inaugurada o 1989, foi deseñada polo arquitecto Ieoh Ming Pei como acceso ao edificio do Museo do Louvre, en París. Foi construída cunha base de pedra e cemento e a estrutura piramidal está feito con aluminio e vidro laminado transparente. Está formada por un total de 673 paneis en forma de rombos e triángulos, e o peso da estrutura é de 180 toneladas. A inclinación das súas paredes é de 51º, unha inclinación igual que a das pirámides exipcias.[62]

Pyramid Arena, un recinto deportivo de uso polivalente, foi construída na década dos 80. Ten preto de 21.000 asentos e está situada no centro de Memphis, nos Estados Unidos, xusto á beira do río Mississippi. Ten 98 metros de alto e é a sexta pirámide máis grande do mundo. Nun principio foi a sede do equipo de baloncesto da Universidade de Memphis; máis adiante, en 2001, acolleu os Memphis Grizzlies, un equipo da NBA. Ambos os dous equipos deixaron o recinto o 2004.[3]

Walter Pyramid é o pavillón do equipo de baloncesto do NCAA da Universidade Estatal de California en Long Beach (California). O edificio consta de 18 plantas, ten capacidade para 5 000 espectadores e aloxa un ximnasio e un centro de conferencias. A súa construción finalizou o 1998, cun presuposto de 22 millóns de dólares. O edificio adopta a forma dunha pirámide de 105 metros de lado e 56 metros de altura, e o seu rematado exterior está formado integramente por pranchas de aluminio coloreado de cor azul escura.[3]

A Transamerica Pyramid, con 260 metros, é o edificio máis alto da cidade de San Francisco, en California. A súa característica forma piramidal confire a San Francisco un panorama urbano dos máis recoñecidos do planeta e converteuse nun dos símbolos da cidade. Deseñado polo arquitecto americano William Pereira, a súa construción comezou o 1969 e rematou o 1972. Ten dúas veces a altura da Pirámide de Giza, inda que a súa base é máis pequena. Situada preto da falla de San Andrés, na súa construción tívose en conta que puidese resistir movementos sísmicos; cando sucede un pódese notar a súa oscilación, e así pódese afirmar que é a única pirámide que «se move».[3]

A Pirámide de Toquio (ou Pirámide de Shimizu) está actualmente en proxecto. Está pensada como unha enorme estrutura multifuncional situada na baía de Toquio, no Xapón. O proxecto foi realizado polo arquitecto italiano Dante Bini e a súa altura sería doce veces máis grande que a Gran Pirámide de Giza; tería 2 004 metros de altura e albergaría no seu interior unha cidade para 750 000 persoas nunha superficie de 88 km². Está pensada para poder satisfacer a demanda de espazo de Toquio.[63]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. πυραμίς, Henry George Liddell, Robert Scott, A Greek-English Lexicon, Perseus Digital Library
  2. O centro do volume é un cuarto da altura
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Lehner 2003: páx.243
  4. Sureda 1988: páx.80
  5. Ambrós 2000: páx.16
  6. 6,0 6,1 «Dades» a Egiptomania
  7. Sureda 1988: pàg.303
  8. Sureda 1988: páx.165
  9. Burial customs: mastabas. University College London (2001) Consultado o 14 de abril de 2005.
  10. Burial customs in Early Dynastic Egypt. University College London (2001). Consultado o 14 de abril de 2005.
  11. Jimmy Dunn, Imhotep, Doctor, Architect, High Priest, Scribe and Vizier to King Djoser. Consultado o 14 de abril de 2005.
  12. Michael Slackman (16 de novembro de 2007). "In the Shadow of a Long Past, Patiently Awaiting the Future". Consultado o 17-11-2008. 
  13. Michael Slackman (17 de novembre de 2008). [url=http://www.nytimes.com/2008/11/17/world/middleeast/17cairo.html "In the Shadow of a Long Past, Patiently Awaiting the Future"] |url= incorrecta (axuda). Consultado o 1 de maio de 2010. 
  14. Mark Lehner (2008). The Complete Pyramids: Solving the Ancient Mysteries. páx. 34. Thames & Hudson. 
  15. "Egypt says has found pyramid built for ancient queen". Consultado o 28 de novembro do 2015. 
  16. Michael Ritter (2003) [1] Dating the Pyramids. Consulta o 13 de abril do 2005
  17. [2] The Pyramids: Resurrection Machines, Houghton Mifflin College. Consultado o 13 de abril de 2005.
  18. «Hidden History of Egypt», The Discovery Channel, 2002–2004. Consultado o 13 de abril de 2005.
  19. Gombrich 1994: pàg.55
  20. 20,0 20,1 Lehner 2003: páx.70
  21. «Rampas» a Egiptomania
  22. «Teorías» a Egiptomania
  23. Lehner 2003: páx.212
  24. Lehner 2003: páx.214
  25. Lehner 2003: páx.218
  26. 26,0 26,1 Lehner 2003: páx.34
  27. 27,0 27,1 Lehner 2003: páx.202
  28. Lehner 2003: páx.206
  29. Lehner 2003: páx.207
  30. «Taladros» a Egiptomania
  31. Lehner 2003: páx.209
  32. 32,0 32,1 Lehner 2003: páx.215
  33. [url=http://www.nytimes.com/2008/11/17/world/middleeast/17cairo.html "In the Shadow of a Long Past, Patiently Awaiting the Future"] |url= incorrecta (axuda). 
  34. Thames & Hudson. "Mark Lehner (2008). The Complete Pyramids: Solving the Ancient Mysteries. páx. 34". Consultado o 18 de agosto de 2015. 
  35. 35,0 35,1 Lehner 2003: páx. 194
  36. "Las pirámides de Nubia". Consultado o 1 de novembro do 2010. 
  37. Lehner 2003: páx. 197
  38. Lehner 2003: páx. 196
  39. Lehner 2003: páx. 198-199
  40. Ocampo 1987: páx.122
  41. Ocampo 1987: páx. 75-76
  42. Carter 2009: páx.75-76
  43. Ocampo 1987: páx. 130
  44. Equinox at Chichen Itza producción INAH-CONACULTA Youtube.com
  45. Cügel, Hanne (2010). "Mitos y poder de las estrellas". 
  46. "Momentos Discovery: El Canto del Quetzal en Chichén Itzá". YouTube. Consultado o 9 de xaneiro do 2016. 
  47. acusticaWeb. "Artículo especial sobre la acústica de Chichén Itzá". Consultado o 9-11-2010. 
  48. Bermejo, Álvaro (1990). Las ciudades perdidas del Yucatán. Diario Vasco VOCENTO. 
  49. Instituto Nacional de Antropología e Historia. Gobierno de México. "El Tajín". Consultado o 1-11-2010. 
  50. Ocampo 1987: páx.230
  51. "Archaeologists Investigate Underground Pyramidal Structure Beneath Orvieto, Italy". 1 de novembro do 2014. Consultado o 19 de agosto do 2015. 
  52. Steingräber, Stephan (2014). Encyclopedia of Global Archaeology. Springer. 
  53. G.S., Basdeu (1966). Among the Ibos of Nigeria 1912. Psychology Press. ISBN 0-7146-1633-8. 
  54. "Pirámide de Cayo Cestio (Roma)". Artehistoria. Consultado o 2 de novembro do 2010. 
  55. Soekmono 1976: páx. 16
  56. Monreal 1987: páx. 315
  57. Monreal 1987: páx.307
  58. The Science News-Letter, Vol. 51, No. 15. (12-04-1947), páx. 232-233.
  59. Molinero Polo, Miguel Ángel (2000). Arte y Sociedad del Egipto antiguo. ISBN 978-84-7490-604-2. 
  60. Jarus Owen (6 de febreiro do 2013). "35 Ancient Pyramids Discovered in Sudan Necropolis". Consultado o 14 de agosto do 2015. 
  61. Lehner 2003: páx.241
  62. "Le Louvre". Todo arquitectura. Consultado o 2 de novembro do 2010. 
  63. "Discovery Channel's Extreme Engineering: City in a Pyramid". Discovery. Consultado o 3 de novembro do 2010. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ambrós, Jordi. Arquitectura egipcia (en castelán). Barcelona: Parramón, 2000. ISBN 84-342-2063-6.
  • Carter, Spencer. Nostradamus Maya 2012: Mas allá de la profecía maya del apocalipsis (en castelán). Barcelona: Ediciones Robinbook, 2009. ISBN 978-84-9917-014-5.
  • Gombrich, E.H.; Traducció: Dolors Udina. Història de l'Art (en catalán). Barcelona: Columna, 1994. ISBN 84-8300-768-1.
  • Lehner, Mark. Todo sobre las Pirámides (en castelán). Barcelona: Destino, 2003. ISBN 84-233-3556-9.
  • Monreal y Tejada, Luis. Historia Universal del Arte:Las primeras civilizaciones: Extremo Oriente. Tomo X (en castelán). Barcelona: Editorial Planeta, 1987. ISBN 84-320-6690-7.
  • Ocampo, Estela. Historia Universal del Arte:Las primeras civilizaciones: América Precolombina. Tomo X (en castelán). Barcelona: Editorial Planeta, 1987. ISBN 84-320-6690-7.
  • Soekmono. Chandi Borobudur - A Monument of Mankind (en inglés). Van Gorcum, 1976. ISBN 90-232-1356-4.
  • Sureda, Joan. Historia Universal del Arte:Las primeras civilizaciones. Tomo I (en castelán). Barcelona: Editorial Planeta, 1988.ISBN 84-320-6681-8.