Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Comisión de Belas Artes
dos Estados Unidos
United States Commission of Fine Arts
Logotipo da Comisión de Belas Artes dos EEUU

Información xeral
Formación 17 de maio de 1910
Xurisdición Estados Unidos
Sede central Washington, D.C.
Estados Unidos de América Estados Unidos.
Director Billie Tsien.
Sitio web
www.ccac.gov

A Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos (en inglés: U.S. Commission of Fine Arts —CFA—) é un organismo independente do Goberno federal dos Estados Unidos, creado en 1910 e con sede en Washington, que ten a autoridade de revisar —mais non aprobar— o "deseño e a estética" de todas as construcións de Washington D. C., así como o deseño de moedas, fontes, insignias, medallas, monumentos, parques e estatuas, construídos ou emitidos tanto polo Goberno federal como polo do distrito de Columbia.

Consonte a Lei do Vello Georgetown, a Comisión de Belas Artes nomea a Xunta do Vello Georgetown, e esta ten a autoridade para revisar o deseño de todas as estruturas semipúblicas e privadas dentro dos límites do distrito histórico de Georgetown. Pola súa banda, a Lei Shipstead-Luce (1930) outórgalle á Comisión a autoridade non só para revisar senón tamén para aprobar o deseño e a altura dos edificios públicos e privados situados diante dos terreos do Capitolio dos Estados Unidos, así como os terreos da Casa Branca, a avenida Pensilvania desde o Capitolio ata a Casa Branca, a praza Lafayette, o parque Rock Creek, o Parque Zoolóxico Nacional, a estrada Rock Creek e Potomac, o parque Potomac, e o National Mall e os seus parques.[1][2][3]

As competencias da Comisión non abranguen, no entanto, outros lugares senlleiros da capital dos EEUU, como co edificio do Capitolio, a Biblioteca do Congreso nin outros terreos, cuxa supervisión ten atribuída o arquitecto oficial do Capitolio.

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes e contexto[editar | editar a fonte]

O presidente George Washington concedeulle ao Goberno do distrito de Columbia a potestade de regular o deseño arquitectónico e a planificación urbanística, competencias estas que foron suspendidas polo presidente James Monroe en 1822.[4] Logo da Exposición Universal de Chicago de 1893, o Cosmos Club e o Instituto Americano de Arquitectos crearon a Liga de Arte Pública, unha nova organización cuxo obxectivo era promover que un novo organismo do Goberno federal aprobase o deseño ou a adquisición de obras de arte e de arquitectura por parte do Goberno federal. En 1897 propúxose un proxecto de lei no Congreso, mais non chegou a aprobarse porque os congresistas querían un consello asesor, no canto dun que puidese negarlle ao Congreso a capacidade de facer encargas.[5]

O senador James McMillan, creador da Comisión de Parques do Senado, que deseñou o Plan Mcmillan.[6]

En 1900, o Congreso dos Estados Unidos creou a Comisión de Parques do Senado, para conciliar visións contrapostas acerca do desenvolvemento da cidade de Washington e, en especial, do National Mall e dos seus arredores.[7] O plan desta comisión para o desenvolvemento da cidade coñecido como Plan McMillan, polo seu presidente, o senador James McMillan propuña a derruba de todas as residencias e outros edificios da praza de Lafayette e a construción de altos edificios de oficinas gobernamentais de estilo neoclásico, con fachadas de mármore branco arredor da praza.[8] Tamén propuña despexar grandes espazos ao norte e ao sur do National Mall, así como realiñar algunhas rúas e construír novos museos e edificios públicos na zona.[9] A Comisión de Parques tamén propuxo unha importante ampliación do sistema de parques do distrito, a creación dun sistema de vías verdes e o embelecemento dos parques existentes.[10]

Nos anos seguintes, o presidente e o Congreso crearon varios organismos novos para supervisar a aprobación, o deseño e a construción de novos edificios no distrito de Columbia, co fin de levar a cabo o Plan McMillan; entre estes organismos estarían a Comisión de Belas Artes (1910), para revisar e asesorar sobre o deseño de novas estruturas; a Comisión de Edificios Públicos (1916), para facer recomendacións sobre a construción de edificios de axencias e oficinas federais; e a Comisión de Parques e Planificación da Capital Nacional (1924), para supervisar a planificación do distrito.[11]

O 11 de xaneiro de 1909, un comité do Instituto Americano de Arquitectos pediulle ao presidente Roosevelt que cerase unha axencia federal independente para asesorar o Goberno sobre arquitectura, pontes, pintura, parques, escultura e outras obras artísticas que requirisen deseño. Roosevelt respondeu o mesmo día que aceptaba a proposta.[12] O 19 de xaneiro de 1909, Roosevelt promulgou a Orde executiva 1.010, pola que se creaba o Consello de Belas Artes, e pediu ao Instituto Americano de Arquitectos que nomease 30 persoas para o seu consello, e ordenoulle ao Gabinete que solicitase o asesoramento do Consello en asuntos de arquitectura, paisaxismo, selección de obras, pintura e escultura.[13][14] O Consello de Belas Artes reuniuse unha soa vez, o 9 de febreiro dese ano,[15][16] cando se aprobou a localización para o Lincoln Memorial.[17]

William Howard Taft, que foi investido como novo presidente en marzo de 1909, revogou a Orde executiva 1.010 o 21 de maio.[18][19] Hai diferentes explicacións para esta acción de Taft. Os historiadores Sue Kohler e Christopher Thomas afirman que o presidente apoiaba a idea dunha comisión de belas artes, mais quería que tivese unha boa base lexislativa.[20][21] Porén, unha reportaxe publicada no Washington Post sinalaba que o Consello era moi controvertido e que o Congreso aprobara unha lei que prohibía destinar fondos a calquera organismo federal non establecido pola lei. Segundo este xornal, a lei pretendía desfinanciar o Consello de Belas Artes.[22]

Máis tarde, aínda en 1909, o senador republicano por Nova York Elihu Root redactou un proxecto de lei polo que se creaba unha nova omisión asesora de belas artes.[19] O representante republicano por Massachusetts Samuel W. McCall presentou o proxecto de lei H.R. 19962 na Cámara de Representantes dos EEUU,[23] onde foi aprobada o 9 de febreiro de 1910. O proxecto da Cámara de Representantes sometía os membros desta comisión á aprobación do Senado, e establecía que o seu mandato fose de catro anos e que debían ser artistas "de sona". Ademais de ter capacidade consultiva en todas as cuestións de arte e deseño, a comisión tiña a derradeira palabra na selección de localizacións para monumentos e estatuas.[24] Root conseguiu que este proxecto de lei pasase ao Senado, mais o presidente desta cámara, Joseph Gurney Cannon, opúxose a el e deixouno retido na biblioteca. Mais a mediados de marzo un grupo de republicanos críticos xuntou as súas forzas para despoxar o presidente Cannon de gran parte do seu poder, e o proxecto de lei da Comisión de Belas Artes puido ser sometido axiña a votación no pleno do Senado.[21]

Constitución da Comisión[editar | editar a fonte]

Daniel Hudson Burnham (ca. 1880), primeiro presidente da Comisión (1910-1912).[25]

O Senado emendou o proxecto de lei e aprobouno o 3 de maio de 1910. Unha das emendas, que prohibía as estatuas de calquera persoa que non morrera antes de 50 anos, foi rexeitada.[26] O Senado cambiou as cualificacións dos comisionados, que pasaron a ser sete "xuíces ben cualificados en belas artes", e eliminou a autoridade da comisión para determinar a localización de monumentos e estatuas, limitando o seu papel unicamente ao consultivo. Ademais, as emendas engadiron as fontes públicas aos elementos abranguidos pola lei.[23] Nun "comité de conferencia" que tivo lugar o 9 de maio, os membros da Cámara de Representantes aceptaron as emendas do Senado. Tamén obtiveron a aprobación dos comisionados do senado para eliminar o requisito de que os membros da comisión fosen aprobados por esta cámara. Igualmente, engadíronse aclaracións ao proxecto de lei que permitían á Comisión atender solicitudes de asesoría sobre os edificios do Capitolio e a Biblioteca do Congreso.[23] O proxecto de lei H.R. 19962, na súa versión emendada, foi aprobado pola Cámara de Representantes o 12 de maio e polo Senado o 17 de maio de 1910,[27][28] e o presidente Taft publicouna para a converter na Lei pública 61-181.

O presidente Taft nomeou os sete membros da comisión o 13 de xuño de 1910.[29] Como primeiro presidente nomeou o arquitecto e planificador urbanístico Daniel Hudson Burnham.[30][31]

A lei de 1910 pola que se creaba a Comisión de Belas Artes facultábaa unicamente para asesorar sobre as localizacións de memoriais e outros monumentos. O 25 de outubro de 1910, o presidente William Howard Taft promulgou a Orde executiva 1.529, que exixía que todos os novos edificios públicos erixidos no distrito de Columbia fosen revisados tamén pola Comisión.[32][33] O 28 de novembro de 1913, o novo presidente Woodrow Wilson promulgou a Orde executiva 1.862, pola que se ampliaba a autoridade consultiva da Comisión de Belas Artes para abranguer calquera "nova estrutura [...] que afecte dalgún xeito importante o aspecto da cidade, ou sempre que se trate de cuestións relacionadas coa arte e das que se ocupe o Goberno federal".[34] Finalmente, a Orde executiva 3.524, emitida polo presidente Warren G. Harding o 28 de xullo de 1921, ampliou aínda máis o abano de aspectos susceptibles de revisión, para abranguer o deseño de medallas e moedas,[35] fontes, insignias, monumentos,[36] parques e estatuas,[37] construídos ou emitidos tanto polo Goberno federal como polo do distrito de Columbia.[38][39]

Actividade no século XX[editar | editar a fonte]

O presidente Coolidge paseando cos membros da Comisión de Belas Artes, en 1923.[40]

Durante o mandato do seu terceiro presidente, Charles Moore, que exerceu o cargo de 1916 a 1938, leváronse a cabo moitos dos obxectivos do Plan McMillan, xa que se refixo o corazón de Washington cunha imaxe neoclásica. O deseño e a construción do núcleo monumental da capital tardaron décadas en desenvolverse, e a Comisión de Belas Artes supervisou a transformación do National Mall, que pasou de ser unha paisaxe ecléctica a un espazo coherente.[41]

O primeiro gran proxecto que revisou a Comisión foi o Monumento a Lincoln situado na prolongación do National Mall cara ao río Potomac, finalizado en 1922, e logo participou na reurbanización das zonas próximas para albergar os edificios gobernamentais, durante as dúas décadas seguintes. Tamén exerceu o seu labor en todas as construcións en memoria dos caídos na primeira guerra mundial. A Comisión logrou estender a visión do Plan McMillan por toda a cidade de Washington, tamén fóra do núcleo monumental.[41]

A aparición do Modernismo na década de 1930 supuxo unha transformación profunda da arquitectura, que se afastaba do deseño clásico como expresión da arquitectura pública. Neste sentido, o deseño do Jefferson Memorial —de estilo neoclásico— orixinou un gran debate e non chegou a recibir a aprobación da Comisión, constituída daquela por artistas que asumiran os principios modernistas.[41]

Xuntanza da Comisión de Belas Artes en data indeterminada, anterior a 1945.[42]

Coa segunda guerra mundial canceláronse temporalmente os grandes proxectos de construción na cidade, aínda que se retomaron axiña durante a posguerra, cando creceu o interese pola conservación do seu patrimonio arquitectónico, que deu lugar á Lei do Vello Georgetown,[43] en 1950, e á remodelación da praza Lafayette na década de 1960.[41]

A segunda metade da década de 1960 supuxo a volta a Washington do desenvolvemento a grande escala, coa construción de complexos de estilo internacional e moderno, como o Federal Center Southwest e o Kennedy Center. Tamén caracterizou estes anos a construción de novas infraestruturas, como un sistema de metro de carácter monumental, con bóvedas artesoadas nas estacións que lembran as grandes construcións imperiais romanas.[41]

As derradeiras tres décadas do século estiveron caracterizadas para a Comisión pola presidencia de J. Carter Brown, director da Galería Nacional de Arte, e por unha nova orientación cara ao deseño urbano, a conservación histórica e a conmemoración. Nesta época, a Comisión revisou, entre outros moitos proxectos, o de rehabilitación do National Mall para a celebración do Bicentenario dos EEUU en 1976, así como a remodelación da avenida de Pensilvania e a finalización do Triángulo Federal.[41]

Actividade no século XXI[editar | editar a fonte]

Os membros da Comisión de Belas Artes en 2013.

Coa chegada do nóvo século, a Comisión tívose que enfrontar a novos problemas de deseño relacionados coa seguridade, o desenvolvemento sustentable e a tecnoloxía. Sinaladamente a partir do atentado terrorista de Oklahoma en 1995 e dos ataques do 11 de setembro de 2001 ao World Trade Center e ao Pentágono, as propostas de mellora da seguridade dominaron o traballo da Comisión de Belas Artes durante a primeira década do século, con actuacións na nova paisaxe urbana da Avenida de Pensilvania fronte á Casa Branca e nos terreos dos monumentos a Washington e a Lincoln.[41]

Neste principio de século, a cidade de Washington experimentou un pulo do investimento e da reurbanización, tanto no ámbito público como no privado, o que levou a Comisión de Belas Artes a revisar os deseños dun amplo programa de novos edificios públicos do Goberno, entre os que destacan as escolas e as bibliotecas, os peiraos do suroeste e o Navy Yard, os novos barrios da cidade e o campus do Hospital de St. Elizabeths.[41]

Membros[editar | editar a fonte]

Os membros da Comisión de Belas Artes nunha reunión en liña mantida en xaneiro de 2022, coa súa presidenta, Billie Tsien, no centro.

En maio de 2021, o presidente Joe Biden destituíu dos seus postos na Comisión de Belas Artes a catro membros —todos eles homes e de raza branca— que foran nomeados por Donald Trump por un período de catro anos, entre eles o seu daquela presidente, Justin Shubow, logo dunha queixa do vicealcalde de Washington no sentido de que os membros da Comisión deberían "abrazar a nosa diversidade e avanzar na equidade como remedio ao legado de discriminación que conforma a nosa contorna ata o día de hoxe".[44][45] O xa expresidente da Comisión, Shubow, que fora nomeado en 2018, dixo ao respecto que "nos 110 anos de historia da Comisión, ningún dos seus membros fora destituído polo presidente dos EEUU".[46]

A Comisión de Belas Artes está constituída por sete membros, nomeados polo presidente do país por un período de catro anos. En xeneiro de 2023, os membros da Comisión son os seguintes:[47]

  • Billie Tsien (nomeada o 9 de xuño de 2021), presidenta da Comisión; socia dun estudio de arquitectura.
  • Hazel Ruth Edwards (nomeada o 9 de xuño de 2021), vicepresidenta; xefa do Departamento de Arquitectura da Universidade Howard.
  • Peter D. Cook (nomeado o 9 de xuño de 2021), director dun estudio de arquitectura e enxeñaría.
  • Lisa E. Delplace (nomeada o 7 de abril de 2022), directora dun estudio de arquitectura paisaxística.
  • James C. McCrery (nomeado o 17 de decembro de 2019), profesor de arquitectura na Universidade Católica de América.
  • Justin Garrett Moore (nomeado o 9 de xuño de 2021), membro da Fundación Mellon.
  • Duncan G. Stroik (nomeado o 17 de decembro de 2019), profesor de arquitectura da Universidade de Notre Dame.

Presidentes da Comisión[editar | editar a fonte]

O escultor Daniel Chester French , presidente da Comisión entre 1912 e 1915.

Os membros da Comisión de Belas Artes elixen entre eles o seu presidente e o seu vicepresidente. Ata febreiro de 2023 houbo 12 persoas que ocuparon a presidencia da Comisión:[31]

  1. Daniel H. Burnham (1910-1912).
  2. Daniel Chester French (1912-1915).
  3. Charles Moore (1915-1937).
  4. Gilmore David Clarke (1937-1950).
  5. David E. Finley, Jr. (1950-1963).
  6. William Walton (1963-1971).
  7. J. Carter Brown (1971-2002).
  8. Harry G. Robinson II (2002-2003).
  9. David Childs (2003-2005).
  10. Earl A. Powell III (2005-2021).
  11. Justin Shubow (2021).
  12. Billie Tsien (dese 2021).

Exposicións[editar | editar a fonte]

En maio de 2010, no National Building Museum, de Washington, inaugurouse unha exposición dedicada exclusivamente á historia da Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos, con motivo do centenario da súa creación. A exposición, titulada "Un século de deseño: a Comisión de Deseño dos Estados Unidos, 1910-2010", estivo activa entre o 15 de maio e o 18 de xullo de 2010.[48][49]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lei Shipstead-Luce Act: texto da lei (1930) e emendas (1939). U.S. Commission of Fine Arts.
  2. Gutheim, F. A.; Lee, A. J. (2006). Páxina 208.
  3. Kohler, S. A. (1996). Páxina 244.
  4. Grant, U. S. (1948-1950). "Planning the Nation's Capital". En Records of the Columbia Historical Society. 50. Páxina 48. JSTOR 40067315.
  5. Kohler, S. A. (1996). Páxina 1.
  6. "James McMillan". En State Republican. Legislative Souvenir and Political History of Michigan. Xaneiro de 1897. Páxina 50.
  7. Peterson, J. A. (2003). Páxinas 70-91.
  8. Peterson, J. A. (2003). Páxina 94.
  9. Bednar, M. J. (2006). Páxinas 49-51.
  10. Davis, T. (2006) "Beyond the Mall: The Senate Park Commission's Plans for Washington's Park System." En Kohler, S. A.; Scott, P. eds. (2006).
  11. Cannadine, D. (2008). Páxinas 373-374.
  12. Kohler, S. A. (1996). Páxina 2.
  13. "Executive Order 1010: Creating the Council of the Fine Arts". Wikisource.org
  14. Kohler, S. A. (1996). Páxinas 2-3.
  15. Kohler, S. A. "The Commission of Fine Arts: Implementing the Senate Park Commission's Vision. En Kohler, S. A.; Scott, P. eds. (2006).
  16. Charles Moore, que presidiu a Comisiónde 1912 a 1915, data a reunión o 10 de febreiro de 1909 (véxase Moore, C. (1921). Páxina 120), mais o Washington Post informou ese mesmo día de que a reunión tivera lugar o día anterior (véxase "Arts Council Meets", en Washington Post. 10 de febreiro de 1909).
  17. Partridge, W. T.; Helrich, K. G. "'Beloved Ancien': William T. Partridge's Recollections of the Senate Park Commission and the Subsequent Mall Development." En Kohler, S. A.; Scott, P. eds. (2006). Páxina 313.
  18. "Executive Order 1074: Revoking Executive Order of January 19, 1909, Which Appointed the Council of Fine Arts." William Howard Taft, 21 de maio de 1909.
  19. 19,0 19,1 Partridge, W. T.; Helrich, K. G. "'Beloved Ancien': William T. Partridge's Recollections of the Senate Park Commission and the Subsequent Mall Development." En Kohler, S. A.; Scott, P. eds. (2006). Páxina 311.
  20. Kohler, S. A. (1996). Páxina 3.
  21. 21,0 21,1 Thomas, C. A. (2002). Páxina 36.
  22. "Art Council No More". En Washington Post. 27 de maio de 1909.
  23. 23,0 23,1 23,2 "Report Nº 1292: Commission of Fine Arts". En House Reports (Public).1909-1910. Vol. 3. Government Printing Office, Washington. Páxinas 251-253.
  24. "Art Board for District." En Washington Post. 10 de febreiro de 1910.
  25. "Daniel Hudson Burnham". Archives of American Art. Smithsonian Institution.
  26. "Senators As Art Critics". En Washington Post. 4 de maio de 1910.
  27. "American Federation of Arts". Establishment of a National Botanic Garden. Government printing Office, Washington. 1920. Páxina 56.
  28. "An Act Establishing a Commission of Fine Arts (CFA), May 17, 1910. U.S. Commission of Fine Arts.
  29. "Art Experts Chosen". En Washington Post. 14 de xuño de 1910.
  30. Moore, C. (1921). Páxinas 122-123.
  31. 31,0 31,1 "Past Members of the CFA". U.S. Commission of Fine Arts.
  32. "Executive Order 1259, October 25, 1910". U.S. Commission of Fine Arts.
  33. Resnik, J.; Curtis, D. E. (2011). Páxina 488. Fn 25.
  34. "Executive Order 1862, November 28, 1913". U.S. Commission of Fine Arts.
  35. "Coins and medals". U.S. Commission of Fine Arts.
  36. "National Memorials". U.S. Commission of Fine Arts.
  37. "Public Art". U.S. Commission of Fine Arts.
  38. "Executive Order 3524, July 18, 1921". U.S. Commission of Fine Arts.
  39. Kohler, S. A. (1996). Páxina 204.
  40. "President Coolidge walking with members of the Fine Arts Commission". Library of Congress.
  41. 41,0 41,1 41,2 41,3 41,4 41,5 41,6 41,7 "History of the Commision of Fine Arts". U.S. Commision of Fine Arts.
  42. "National Fuine Arts Commission". Library of Congress.
  43. "Old Georgetown Act of September 22, 1950". U.S. Commission of Fine Arts.
  44. McGlone, P. (2021). "Rejecting precedent and Trump, Biden ousts members of the U.S. Commission of Fine Arts". En Washington Post. 25 de maio.
  45. Hickman, M. (2021). "Biden administration replaces four members of the U.S. Commission of Fine Arts". En The Architects Newspaper. 25 de maio.
  46. Blair, E. (2021). "Biden Just Purged 4 On The Arts Panel That Advises Congress On Public Architecture". En NPR. 25 de maio.
  47. "Who we are". U.S. Commission of Fine Arts.
  48. "CFA Centennial Exhibition". U.S. Commission of Fine Arts.
  49. "A Century of Design: the U.S. Commission of Fine Arts, 1910-2010". National Building Museum.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • American Federation of Arts. American Art Annual. MacMillan, Nova York. 1911.
  • Bednar, M. J. (2006). L'Enfant's Legacy: Public Open Spaces in Washington. Johns Hopkins University Press, Baltimore. ISBN 978-0801883187
  • Cannadine, D. (2008). Mellon: An American Life. Random House, Nova York. Reimpresión. ISBN 978-0307386793
  • Gutheim, F. A.; Lee, A. J. (2006). Worthy of the Nation: Washington, DC, From L'Enfant to the National Capital Planning Commission. 2ª ed. Johns Hopkins University Press, Baltimore. ISBN 978-0801883286
  • Kohler, S. A. (1996). The Commission of Fine Arts: A Brief History, 1910-1995. United States Commission of Fine Arts, Washington.
  • Kohler, S. A.; Scott, P. eds. (2006). Designing the Nation's Capital: The 1901 Plan for Washington, D.C. Commission of Fine Arts, Washington. ISBN 978-0160752230
  • Luebke, T. E. (2013). Civic Art. A Centennial History of the U.S. Commission of Fine Arts. U.S. Commission of Fine Arts, Washington. ISBN 978-0160897023
  • Moore, C. (1921). Daniel H. Burnham, Architect, Planner of Cities. Vol. 2. Houghton Mifflin, Boston.
  • Peterson, J. A. (2003). The Birth of City Planning in the United States, 1840-1917. Johns Hopkins University, Baltimore. ISBN 978-0801872105
  • Resnik, J.; Curtis, D. E. (2011). Representing Justice: Invention, Controversy, and Rights in City-States and Democratic Courtrooms. Yale University Press. ISBN 978-0300110968
  • Thomas, C. A. (2002). The Lincoln Memorial and American Life. Princeton University Press. ISBN 978-0691011943

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]