Moeda dun dólar estadounidense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Reverso dun dólar presidencial (2007) [1]

A moeda dun dólar estadounidense é a cuñada neste país norteamericano co valor facial dun dólar desde finais do século XVIII ata os nosos días, en diferentes metais, como ouro, prata, cuproníquel e outras aliaxes de metais comúns.

Malia os esforzos do Goberno dos EEUU por fomentar o seu uso como medida de aforro, polo alto custo da impresión dos billetes do mesmo valor, as moedas dun dólar non gozaron dunha boa aceptación entre a poboación desde o momento da súa creación. Por este motivo, a partir do 11 de decembro de 2011, a Casa da Moeda dos Estados Unidos deixou de producir esta moeda para a súa circulación xeral e todas as moedas dun dólar cuñadas con posterioridade a esta data foron emitidas especificamente para o coleccionismo numismático, aínda que manteñen a súa consideración de moedas de curso legal.

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Real de oito español da ceca de Potosí (1768) [2]

Antes da guerra de independencia dos Estados Unidos, as moedas de diversas nacións europeas circulaban libremente polas colonias británicas en América do Norte, do mesmo xeito que outras moedas emitidas polo Reino Unido para o seu uso noutros territorios coloniais. A máis salientable de todas estas moedas era o real de oito —coñecido en nese continente como spanish dollar—, cuñado nas colonias españolas de América, sinaladamente en México. Esta variedade de moedas mantivo o curso legal nos Estados Unidos ata 1857.[3][4][5][6]

Primeiros ensaios da moeda dun dólar[editar | editar a fonte]

O dólar Nova Constellatio[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Nova Constellatio.
Dólar (1.000 unidades) da serie Nova Constellatio (1783) [7]

O dólar de prata da serie coñecida como Nova Constellatio forma parte da primeira proposta para a dotación dun sistema monetario baixo a autoridade dos Estados Unidos, no inicio do ano 1783. A moeda, cuñada na Ceca de Filadelfia unicamente como proba —sen chegar a pórse en circulación—, non amosa expresamente a palabra "dólar", senón a cantidade "1000" [unidades], aínda que responde ás características métricas do que posteriormente será o dólar estadounidense.

A creación desta serie de probas obedece ao empeño de Robert Morris,[8] un dos Pais Fundadores dos EEUU ao que se lle atribúe o financiamento da guerra de independencia,[9] que trataba de unir a nova nación arredor dunha unidade monetaria que permitise unha doada conversión das moedas británicas, españolas, portuguesas e asiáticas que circulaban por aquel territorio.[10] Esta idea supuña unha gran novidade, xa que a proposta de Morris suporía o primeiro sistema monetario en Europa Occidental e en América baseado no sistema decimal.[11]

A serie complétase con outros valores, en prata e en cobre. A característica que lles dá o nome é que todos eles locen a lenda NOVA CONSTELLATIO no seu reverso.[11][12]

O dólar Continental[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Dólar Continental.
Dólar Continental (1776) [13]

Coa data de 1776 cuñáronse en peltre varios milleiros de exemplares do coñecido como dólar Continental. Aínda que hai diversas opinións ao respecto, moitos numismáticos cren que se trata de modelos de proba para a proposta dun dólar de prata, que fora autorizado polo Congreso Continental, como apoio ao papel moeda que se estaba a emitir como un dos primeiros intentos de crear unha moeda nacional nos Estados Unidos. Tamén se cuñaron algúns espécimes do dólar continental en latón e en prata, pero non chegou a producirse en serie para a súa posta en circulación, en gran parte por mor das dificultades financeiras ocasionadas pola guerra de independencia.[14][15][16]

O fracaso desta "moeda continental" exacerbou a desconfianza da poboación cara ao papel moeda. Thomas Jefferson pretendía que os Estados Unidos renunciasen ao papel e cuñasen, no seu lugar, moedas dun valor similar ao do real de oito español e outras moedas usadas na época.[17][18]

O dólar do cabelo solto (1794-1795) e o do busto drapeado (1795-1804)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Dólar do cabelo solto.
Artigo principal: Dólar do busto drapeado.
Dólar do cabelo solto (1795) [19]

A Lei da Moeda de 1792 autorizou a produción de moedas dun dólar de prata. A Casa da Moeda cuñou esta moeda entre 1794 e 1803, e despois cesou a produción de dólares de prata ata 1836. A primeira tiraxe saíu das prensas o 15 de outubro de 1794 e consistiu en 1.758 pezas que lle foron entregadas ao director da Casa da Moeda dos EEUU, David Rittenhouse, para as distribuír entre os dignatarios como recordo.[20][21][22]

A partir de entón e ata 1804 cuñáronse cantidades variables. Hai dous deseños característicos dos anversos, o coñecido como dólar do cabelo solto (1794-1795)[23] e o do busto drapeado (1795-1804), e dentro deste último diferéncianse dous modelos de reverso, o da aguia pequena (1795-1798)[24] e o da aguia heráldica (1798-1804)[25].[26]

Dólar do busto drapeado (1798) coa aguia heráldica no reverso [27]

Xunto coa moeda dun centavo, o dólar de prata foi a única moeda estadounidense que se cuñou todos os anos durante a primeira década despois da apertura da Casa da Moeda.[28] Aínda que o real de oito español cuñado a partir de 1772 contiña teoricamente 377,1 grans de prata fina, as análises fiables da época confirmaron que de feito tiñan de media 370,95 grans (24,037 gramos). O novo dólar estadounidense, de 371,25 grans (24,057 gramos) de prata fina, comparábase, xa que logo, favorablemente coa moeda española e recibíase á par nos pagamentos no estranxeiro.[4] En 1803 o presidente Thomas Jefferson ordenou deter a súa produción cos limitados recursos da US Mint, xa que non se mantiña na circulación doméstica.[29]

Así as cousas, a moeda de medio dólar, menos exportable, pasou a ser a maior moeda de prata en produción nos Estados Unidos durante as seguintes décadas. Só despois da independencia de México en 1821 se mantivo firmemente o contido de prata fina do seu peso —herdeiro do real de oito español— en 377,1 grans, co que os Estados Unidos tiveron que competir posteriormente, utilizando unha moeda de dólar de comercio máis pesada, de 378,0 grans (24,49 gramos) de prata fina.[30]

O dólar de 1804[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Dólar de 1804.
Dólar de 1804, o único coñecido da clase II

O dólar de 1804, pertencente á serie do busto drapeado, está considerada unha das moedas máis raras e máis famosas do mundo. A súa creación foi o resultado dun erro. Os dólares de prata que a US Mint declarou como cuñados en 1804 estaban, na realidade, datados en 1803 —xa que os cuños se seguían utilizando ata que se deterioraban, independentemente de que se entrase nun novo ano—. Xa que logo, ningún dos dólares cuñados en 1804 para a súa posta en circulación amosa a súa data real de produción, senón a de 1803.[31]

O dólar de prata datado en 1804 cuñouse en realidade en 1834, cando o Departamento de Estado dos EEUU decidiu producir unha serie de moedas estadounidenses para llas regalar a gobernantes asiáticos a cambio de vantaxes comerciais. Dado que 1804 fora o derradeiro ano de cuñaxe do dólar de prata que quedara rexistrado nos ficheiros da Casa da Moeda, os funcionarios da casa descoñecían naquel momento que os devanditos dólares tiñan realmente a data de 1803 e encargaron aos gravadores novos cuños coa data de 1804, convencidos de que eran iguais aos últimos emitidos.[31]

Coñécese a existencia unicamente de 15 exemplares de dólares de prata coa data de 1804, que, en virtude de pequenas variantes, se agrupan habitualmente en clase I (oito exemplares), clase II (un exemplar) e clase III (seis exemplares), estes últimos cuñados irregularmente con posterioridade, entre 1858 e 1860, dada a súa demanda no mercado do coleccionismo numismático.[31][32]

O dólar Gobrecht (1836-1839) e o da Liberdade sentada (1840-1873)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Dólar Gobrecht.
Artigo principal: Dólar da Liberdade sentada.
Dólar Gobrecht (1836) [33]
Dólar Liberdade sentada (1865) [34]

Os dólares da Liberdade sentada introducíronse en 1836 e estiveron en circulación ata 1873. Un efémero precedente deles foi o escaso e efémero dólar Gobrecht, chamado así polo seu gravador, Christian Gobrecht, e cuñado en pequenas tiraxes entre 1836 e 1839 para determinar se a reintrodución do dólar de prata tería un bo acollemento por parte da poboación.[35][36][37]

A produción de grandes cantidades de moedas de ouro nos Estados Unidos a partir de 1848 con metal procedente das minas de California provocou a baixada do prezo do ouro e o conseguinte aumento do da prata. En 1853, o valor dun dólar de prata situábase en 1,04 dólares, en comparación co prezo do ouro. Coa Lei da Moeda de 1853, todas as moedas do país, coa excepción do dólar de prata e a nova moeda de tres centavos, reduciron un 6,9 % o seu peso. O dólar de prata da Liberdade sentada seguiuse cuñando en cantidades moi reducidas, para usarse principalmente como moeda do comercio exterior con Oriente.[38]

Aos socios comerciais dos EEUU non lles gustaba que os dólares de prata tivesen un peso reducido. O uso das moedas de medio dólar de prata, máis comúns, converteuse nun problema, xa que os comerciantes tiñan que separar as moedas de maior valor anteriores a 1853 das novas de tamaño reducido. A partir de 1853 o comercio con Asia facíase normalmente con moedas mexicanas, que mantiveron o seu peso e a súa pureza durante todo o século XIX. Mais isto terminou en 1874, cando o prezo da prata caeu ata o punto de que a moeda dun dólar contiña menos dun dólar de prata, e a partir de 1876 a moeda dun dólar volveu a ter presenza na circulación.[38]

A moeda dun dólar da Liberdade sentada está composta por 0,77344 onzas troy de prata, e cuñáronse nas cecas de Filadelfia, Nova Orleáns, Carson City e San Francisco.[38]

Os dólares da Liberdade en tada cuñados entre 1866 e 1873 incorporan no seu reverso, por riba da aguia, unha fita co lema IN GOD WE TRUST, da que carecen os emitidos con anterioridade.[39][40]

O dólar de ouro (1849-1889)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Dólar de ouro.
Dólar de ouro (1849) [41]

O dólar de ouro cuñouse entre 1849 e 1889. Ata 1853, tiñan un diámetro de 13 mm e estas emisións son coñecidas como tipo I.[42][43] Os dólares do tipo II eran máis delgados pero dun maior diámetro, ata os 15 mm, e producíronse entre 1854 e 1855.[44][45] Pola súa banda, os dólares de ouro máis comúns, os do tipo III, saíron das prensas da Casa da Moeda entre 1856 e 1889.[46][47] A produción dos dólares de ouro do tipo I foi alta ata a guerra civil e en 1863 só as moedas de ouro de máis valor se mantiveron cunha gran cantidade de exemplares cuñados, a maioría delas para o pagamento das enormes cantidades de material de guerra e dos xuros dalgúns bonos emitidos polo Goberno dos Estados Unidos. Moitas destas moedas da guerra civil e posteriores, incluídas as emisións en prata, están hoxe nun excelente estado de conservación, xa que tiveron un uso moi limitado, ao ver ocupado o seu lugar na circulación durante a guerra polos billetes coñecidos como greenbacks.[48]

Os dólares de ouro tiñan unha composición do 90 % de ouro puro e foron o valor facial máis pequeno cuñado nunca polo Goberno federal dos Estados Unidos. Cando se deseñou o sistema monetario do país na Lei da moeda de 1792 non se planificara a súa cuñaxe, mais a finais da década de 1840, despois de pasar por dúas "febres do ouro", o Congreso quixo ampliar o uso do ouro á moeda dun dólar.[49] O dólar de ouro foi autorizado pola Lei da Moeda de 1849, do 3 de marzo, e o tipo da cabeza da Liberdade comezou axiña a súa circulación.[50] Por mor do alto valor do ouro, o dólar de ouro é a moeda máis pequena da historia das cuñaxes monetarias dos Estados Unidos.[51]

O dólar de comercio (1873-1885)[editar | editar a fonte]

Dólar de comercio (1884) [52]

O dólar de comercio foi introducido en competencia cos dólares comerciais doutras potencias occidentais, como o Reino Unido, Francia e, sinaladamente, México, no comercio co oriente asiático. En tanto que o anterior real de oito español de 370,95 grans (24,037 gramos) de prata pura[4] contiña menos metal precioso que o dólar estándar de 371,25 grans (24,057 g), o peso mexicano cuñado despois da independencia de México contiña 377,1 grans (24,44 g). O dólar de comercio estadounidense cuñouse cun peso maior, con 378,0 grans (24,49 g), é dicir, 0,44 gramos máis de prata fina que os dólares regulares da Liberdade sentada e que os posteriores dólares Morgan. A maioría dos dólares de comercio durante os dous primeiros anos de produción acabaron na China, onde acadaron moito éxito comercial. A maioría deles presentan furados ou marcas feitas polos comerciantes asiáticos para verificaren a autenticidade das moedas, o mesmo que ocorría con outros dólares de comercio de nacións como o Xapón ou o Reino Unido.[30][53][54]

Inicialmente, os dólares de comercio non circulaban dentro dos Estados Unidos, aínda que tiñan curso legal en cantidades de ata cinco unidades. No entanto, isto cambiou en 1876, cando o prezo da prata se disparou á medida que os produtores occidentais se desfacían dela no mercado, facendo que o dólar de comercio valese máis polo seu valor nominal que polo seu contido en prata. Isto fixo que o dólar comercial entrase en grandes cantidades nos Estados Unidos, xa que se adquirían polo equivalente a 80 centavos de dólar en Asia e se gastaban por un dólar en América. Esta situación levou o Congreso a revogar a súa condición de moedas de curso legal e a restrinxir a súa cuñaxe unicamente á demanda da exportación. Así e todo, isto non impediu que houbese empresarios especuladores que adquirisen dólares de comercio a prezo do metal e os utilizasen para pagar co valor dun dólar aos seus traballadores e a pequenos comerciantes.[30][53][54]

A produción do dólar de comercio interrompeuse oficialmente para as emisións comerciais en 1878 e, a partir de entón, de 1879 a 1885 só se produciron exemplares de proba desta moeda para os coleccionistas. As emisións de 1884 e de 1885 producíronse de xeito irregular e non foron coñecidas polos coleccionistas ata 1908.[30][53][54]

En febreiro de 1887, todos os dólares de comercio que non amosasen marcas dos comerciantes orientais nin outras deficiencias pasaron a ser trocables no Tesouro dos EEUU por un dólar estándar, e nesta operación retiráronse oito millóns destas moedas.[30][53][54]

O dólar Morgan (1878-1904, 1921 e desde 2021)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Dólar Morgan.
Dólar Morgan (1899) [55]

Os chamados dólares Morgan, cunha composición do 90 % de prata e un 10 % de cobre (26,73 gramos de prata fina) foron cuñados inicialmente entre 1878 e 1904, e en 1921, en substitución dos da Liberdade sentada, como moedas de curso legal nos Estados Unidos.[56][57]

Esta moeda coñécese así por levar impreso o apelido do seu gravador, George T. Morgan. As cecas que os produciron foron as de Filadelfia (sen marca de ceca), Nova Orleáns ("O"), San Francisco ("S"), Carson City ("CC") e, unicamente en 1921, Denver ("D").[56][57]

A produción de dólares Morgan retomouse con carácter conmemorativo en 2021 e a Casa da Moeda dos Estados Unidos anunciou a continuidade desta emisión para os anos posteriores.[58]

O dólar Peace (1921-1928, 1934-1935, desde 2021)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Dólar Peace.
Dólar Peace (1921) [59]

Foi introducido en decembro de 1921 coa mesma proporción de prata que o seu antecesor, o dólar Morgan. O seu deseñador foi o medallista Anthony de Francisci, e foi concibido como unha conmemoración da sinatura dos tratados de paz entre as forzas aliadas e Alemaña e Austria, que puxeron fin formalmente ás hostilidades da primeira guerra mundial.[60] En 1922, a Casa da Moeda dos Estados Unidos fixo da produción de dólares de prata a súa máxima prioridade, o que provocou o case abandono da cuñaxe do resto das moedas do sistema. Esta produción dos dólares Peace cesou temporalmente en 1928; orixinalmente, esta pausa sería só dun ano, aínda que ao final se prolongou por mor da Gran Depresión, e as emisións non se retomaron ata 1934, e unicamente por dous anos.[61][62]

En maio de 1965 produciuse unha nova cuñaxe de dólares paz na Ceca de Denver, consistente en 316.000 exemplares, mais houbo unha reconsideración acerca desta emisión e todos os exemplares emitidos foron fundidos novamente, polo que ningún deles foi posto en circulación nin hoxe se conserva.[61][62][63]

Do mesmo xeito que ocorreu co dólar Morgan, en 2021 retomouse a súa emisión, con carácter conmemorativo, e a Casa da Moeda dos Estados Unidos anunciou a continuidade desta emisión para os anos posteriores.[58]

O dólar Eisenhower (1971-1978)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Dólar Eisenhower.
Dólar Eisenhower (1978) [64]

Entre 1971 e 1978, a Casa da Moeda dos Estados Unidos emitiu unha nova serie de moedas dun dólar, esta vez co busto do presidente Dwight David Eisenhower no anverso e a insignia da misión Apollo 11 no reverso, deseñados polo gravador xefe da US Mint, Frank Gasparro.[65][66]

Dólar Eisenhower conmemorativo do bicentenario dos EEUU (1976) [67]

En 1976 emitiuse unha versión deste dólar en conmemoración do bicentenario da independencia dos Estados Unidos, que representa a campá da Liberdade e a Lúa no seu reverso, e coa dobre data 1776-1976 no anverso.[65][66]

Os dólares Eisenhower emitidos para a súa circulación foron os primeiros en carecer de metal nobre na súa composición, xa que estaban cuñados sobre un núcleo de cobre revestido de cuproníquel, do mesmo xeito que o medio dólar e que o cuarto de dólar da época. No entanto, entre 1971 e 1976 a Casa da Moeda dos EEUU emitiu dólares Eisenhower cun 40 % de prata destinados ao comercio do coleccionismo numismático, que se comercializaron en estoxos e en caixas de presentación.[68] O mesmo sucedeu os dous anos seguintes, cos dólares conmemorativos do Bicentenario.[65][66][69]

Esta moeda resultou particularmente impopular, debido en parte ao seu grande tamaño e peso, que dificultaban o seu uso, e tamén porque a maioría das máquinas expendedoras non as aceptaban. Foron particularmente utilizadas nos casinos; moitos deles abandonaron as súas propias fichas e tomaron en substitución os dólares Eisenhower.[65][70]

O dólar Susan B. Anthony (1979-1981 e 1999)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Dólar Susan B. Anthony.
Dólar Susan B. Anthony (1981) [71]

Entre 1979 e 1981, e novamente en 1999, a US Mint emitiu o coñecido como dólar Susan B. Anthony, chamado así por representar no seu anverso a figura desta activista polo sufraxio feminino, deseñada tamén por Frank Gasparro. Anthony converteuse así na primeira muller real, non alegórica, en aparecer nunha moeda estadounidense en circulación.[72][73]

Do mesmo xeito que os dólares Eisenhower, estaban cuñados sobre un núcleo de cobre revestido de cuproníquel, aínda que esta foi a primeira vez que se emitiron nun tamaño inferior, co fin de facer máis doado o seu uso. Porén, tanto o seu tamaño como a súa cor fixeron que se semellasen demasiado ás moedas dun cuarto de dólar, o que provocaba confusión na cidadanía. Xa que logo, a súa popularidade non foi superior á do seu antecesor e en 1981 as autoridades monetarias decidiron suspender a súa produción, dada a gran cantidade de moedas xa cuñadas e aínda non postas en circulación. En 1999 volveuse cuñar de xeito transitorio, cando xa se decidira a súa substitución por un novo modelo de aspecto dourado, tendo en conta que as reservas do dólar Anthony no Tesouro, eran moi escasas.[74]

Esta moeda foi utilizada fundamentalmente nas máquinas expendedoras —este modelo xa o aceptaban— e sobre todo nas dos sistemas de transporte e do Servizo Postal dos Estados Unidos.[73]

O dólar Sacagawea (desde 2000)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Dólar Sacagawea.

O dólar Sacagawea foi autorizado polo Congreso en 1997, coincidindo co esgotamento das reservas de dólares Susan B. Anthony, desde a súa derradeira emisión de 1981.[75]

Igual que o seu antecesor, o dólar Sacagawea foi cuñado cun diámetro reducido de 26,5 milímetros. O seu núcleo segue a ser de cobre, aínda que nesta ocasión revestido dunha aliaxe de latón de manganeso que lle dá unha aparencia dourada, para o diferenciar con claridade doutras moedas de tamaño similar. O seu nome débese á representación no seu anverso de Sacagawea (1788-1812), unha muller shoshone coñecida por axudar na expedición de Lewis e Clark na Luisiana.[75]

O dólar Sacagawea cuñouse en grandes cantidades ata 2001, mais nos anos seguintes a súa cuñaxe limitouse aos exemplares destinados ao coleccionismo numismático.[76][77]

Do mesmo xeito que o dólar Sustan B. Anthony, o seu uso foi foi maioritario nas máquinas expendedoras, sinaladamente nas dos servizos de transporte e de correo do país, aínda que non gozou dunha gran popularidade entre a poboación. Isto non ocorreu noutros países que utilizan o dólar estadounidense como moeda de curso legal, como O Salvador, Ecuador ou Panamá, onde o dólar Sacagawea foi moi ben aceptado polos usuarios.[74]

O dólar Sacagawea foi galardoado en 2002 co Premio Moeda do Ano á moeda máis popular das cuñadas en 2000.[78][79]

A serie de nativos americanos[editar | editar a fonte]

Reverso común e tres anversos da serie dos nativos americanos

A partir da aprobación da Lei 102-2007 do 20 de setembro de 2007,[80] a Casa da Moeda dos Estados Unidos comezou a emitir anualmente unha evolución do dólar Sacagawea que conserva o mesmo anverso mais cos reversos dedicados a conmemorar as contribucións dos nativos americanos ao desenvolvemento dos Estados Unidos.[81]

A primeira destas moedas, emitida en 2009, está dedicada á agricultura indíxena,[82] e outros motivos dos anos seguintes conmemoraron feitos e motivos como a Árbore da Paz (2010),[83] o Tratado Wampanoag (2011),[84] as rutas comerciais do século XVII (2012),[85] o tratado cos Delawares (2013),[86] a hospitalidade india a Lewis e Clark (2014),[87] os ferreiros mohawk (2015),[88] a chegada ao espazo de astronautas nativos (2019)[89] ou os nativos no servizo militar estadounidense (2021).[90]

O dólar presidencial (2007-2016 e 2020)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Dólar presidencial.
Reverso común e tres anversos do dólar presidencial

O 22 de decembro de 2005 o presidente George W. Bush asinou a lei pola que se determinaba a emisión dunha nova serie de moedas dun dólar na honra dos presidentes falecidos dos Estados Unidos, coas mesmas características métricas ca as do dólar Sacagawea, co que convivía na circulación.[91][92]

En 2007 producíronse os primeiros dólares presidenciais, con catro modelos diferentes, representando cada un a un presidente. O primeiro deles foi o dedicado a George Washington, deseñada por Joseph Menna e posta en circulación no mes de febreiro.[93]

Por mor das restricións orzamentarias e tamén pola gran cantidade de moedas desta serie que estaban en reserva para a súa posterior posta en circulación, o secretario do Tesouro dos Estados Unidos, Timothy F. Geithner, determinou o 11 de decembro de 2011 a suspensión da produción de dólares presidenciais para a circulación, polo que a partir desta data só se seguiu cuñando en cantidades máis reducidas, destinadas ao coleccionismo numismático.[94][95]

A serie American Innovation (2018-2032)[editar | editar a fonte]

O 20 de xullo de 2018, o presidente Donald Trump asinou a Lei da Moeda dun Dólar American Innovation.[96] Este programa prevé a emisión de catro novas moedas anualmente entre 2019 e 2032, para "honrar a innovación e os innovadores mediante a emisión de moedas dun dólar para cada un dos 50 estados, mais do distrito de Columbia e os cinco territorios dos Estados Unidos: Porto Rico, Guam, Samoa Americana, as Illas Virxes e as Illas Marianas do Norte.[97]

En decembro de 2018 emitiuse unha moeda introdutoria desta serie, en conmemoración da sinatura da primeira patente dos EEUU por parte de George Washington.Todas as moedas desta serie son cuñadas exclusivamente para coleccionistas, polo que non entran en circulación.[97]

O dólar de investimento American Silver Eagle (desde 1986)[editar | editar a fonte]

Dólar de investimento da serie American Silver Eagle (2014) [98]

O dólar da serie American Silver Eagle —non circulante— é a moeda de prata de investimento oficial dos Estados Unidos, e emítese anualmente desde a súa creación. Foi deseñada por Adolph A. Weinman e John Mercanti e lanzouse por primeira vez o 24 de novembro de 1986, co peso dunha onza troy e unha pureza do 99,9 %. A moeda está autorizada pola Lei Pública 99-61, do 9 de xullo de 1985, no seu título II.[99][100]

O dólar American Silver Eagle produciuse nas casas de moeda de Filadelfia, San Francisco e West Point.[100]

Cecas[editar | editar a fonte]

Estas son as marcas de ceca utilizadas nas moedas dun dólar como indicativo das cecas sucursais da US Mint onde foron cuñadas:

Marca Casa de Moeda Período Notas
C Ceca de Charlotte, Carolina do Norte 1838-1861 dólar de ouro
CC Ceca de Carson City, Nevada 1870-1893
D Ceca de Dahlonega, Xeorxia 1838-1861 Só dólar de ouro
D Ceca de Denver, Colorado Desde 1906
O Ceca de Nova Orleáns, Luisiana 1838-1909 Agás o período 1862-1878
P Ceca de Filadelfia, Pensilvania Desde 1793 Marca introducida en 1979
S Ceca de San Francisco, California Desde 1854
W Ceca de West Point, Nova York Desde 1984

Moedas conmemorativas dun dólar[editar | editar a fonte]

Estas son algunhas das moedas dun dólar de carácter conmemorativo, emitidas pola Casa da Moeda dos Estados Unidos. Aínda que teñen a consideración de moedas de curso legal, non están destinadas á súa posta en circulación senón ao coleccionismo e ao investimento, e coa súa comercialización a Casa da Moeda acada fondos para o financiamento de diversas causas, polo xeral de carácter conmemorativo e solidario.[101]

Dólar de ouro[editar | editar a fonte]

Dólar de prata[editar | editar a fonte]

Século XIX[editar | editar a fonte]

Séculos XX e XXI[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "1 Dollar James Madison". Numista.com
  2. "8 Reales - Charles III". Numista.com
  3. Bowers, Q. D. (1993). Páxina 27.
  4. 4,0 4,1 4,2 Sumner, W. G. (1898). "The Spanish Dollar and the Colonial Shilling". En The American Historical Review. 3 (4): 607-619.
  5. Murray N. Rothbard. "Commodity Money in Colonial America". En LewRockwell.com (en inglés)
  6. Cardelús, B. "El dólar y su origen español". En ABC Cultura. 2 de maio de 2017 (en castelán)
  7. "Nova Constellatio Pattern "Silver Mark 1000"". Numista.com
  8. Ferguson, J. et al. (1973-1999). The Papers of Robert Morris. Vol. 7. University of Pittsburgh Press. Páxinas 740-743.
  9. Cowen, D. J. (2006). Financial founding fathers: the men who made America rich. University of Chicago Press. Páxinas 193-194. ISBN 0-226-91068-7
  10. Carothers, N. (1930). Fractional Money, A History of the Small Coins and Fractional Paper Currency of The United States. John Wiley & Sons. Páxinas 46-49.
  11. 11,0 11,1 McCarthy, D. "Nova Constellatio patterns among earliest U.S. coins". En Coin World. 4 de xullo de 2015.
  12. "Nova Constellatio". Numista.com
  13. "1 Dollar "The Continental Dollar" (pewter)". Numista.
  14. "1776 “Continental Curency” Dollar". CoinSite.com
  15. "1776 Continental Dollar". CoinSite.com
  16. Hudgeons, M. et al. (2014). "1776 Continental Currency". En Official Blackbook price guide to United States Coins. Random House. Nova York. ISBN 978-0-375-72348-3
  17. Hudgeons, M. et al. (2014). "1776 Continental Currency". En Official Blackbook price guide to United States Coins. Random House. Nova York. ISBN 978-0-375-72348-3
  18. Rothbard, M. (2002). A History of Money and Banking in the United States. Ludwig von Mises Institute. Auburn. ISBN 978-0-945466-33-8
  19. "1 Dollar "Flowing Hair Dollar"". Numista.com
  20. Bowers, Q. D. (1993). Páxinas 32-37.
  21. "1 Dollar, United States, 1794". Smithsonian Institution. National Museum of American History.
  22. "Coin Profiles: United States 1794 Flowing Hair Dollar". En Coin Week. 2 de marzo de 2020.
  23. "1794-95 Flowing Hair Dollar". CoinSite.com
  24. "1795-98 Draped Bust Small Eagle Dollar". CoinSite.com
  25. "1789-1804 Draped Bust Heraldic Eagle Dollar". CoinSite.com
  26. Bowers, Q. D. (1993). Páxinas 40-46.
  27. "1 Dollar "Draped Bust Dollar" Heraldic eagle". Numista.com
  28. Bowers, Q. D. (1993). Páxinas 40-46.
  29. Bowers, Q. D. (1993). Páxinas 431-435.
  30. 30,0 30,1 30,2 30,3 30,4 "1873-85 Trade Dollar". CoinSite.com
  31. 31,0 31,1 31,2 Newman, E. P.; Bressett, K. E. (2009). The Fantastic 1804 Dollar (Tribute ed.). Racine. Whitman Publishing. ISBN 978-0-7948-2829-5
  32. Brothers, E. (2016). "The King Among Rarities: A Brief History of the United States 1804 Dollar". En Coin Week. 12 de setembro.
  33. "1 Dollar "Gobrecht Dollar" Pattern". Numista.com
  34. "1 Dollar "Seated Liberty" without motto". Numista.com
  35. "1836-40 SGobrecht Dollar". CoinSite.com
  36. "Gobrecht Dollars (1836-1839)". Numismatic Guaranty Corporation.
  37. Garret, J. (2020). "Gobrecht Silver Dollars .The Most Misunderstood Coin Arquivado 24 de maio de 2021 en Wayback Machine.". En Coin Week. 26 de marzo.
  38. 38,0 38,1 38,2 Bowers, Q. D. (1993). Páxinas 495-547.
  39. "1840-66 No motto Seated Liberty Dollar". CoinSite.com
  40. "1866-73 Seated Liberty Dollar with motto". CoinSite.com
  41. "1 Dollar "Liberty Head" Type 1". Numista.com
  42. "1849-54 one Dollar Liberty Head Type 1". CoinSite.com
  43. "Gold Dollars: Gold Dollar Type 1 (Liberty Head) 1849-1854 Arquivado 13 de decembro de 2021 en Wayback Machine.". En CoinWeek. 11 de outubro de 2010.
  44. "1854-56 one Dollar Liberty Head Type 2". CoinSite.com
  45. "Gold Dollars: Gold Dollar Type 2 (Indian Head) 1854-1856 Arquivado 13 de decembro de 2021 en Wayback Machine.". En CoinWeek. 11 de outubro de 2010.
  46. "1856-89 one Dollar Liberty Head Type 3". CoinSite.com
  47. "Gold Dollars: Gold Dollar Type III (Large Head) 1856-1889 Arquivado 13 de decembro de 2021 en Wayback Machine.". En CoinWeek. 11 de outubro de 2010.
  48. Bowers, Q. D. (2011). A Guide Book of Gold Dollars. Whitman, Atlanta. 2ª ed. ISBN 978-0-7948-3241-4
  49. "Gold Dollar Arquivado 07 de febreiro de 2022 en Wayback Machine.". Professional Coin Grading Service.
  50. Yeoman, R.; Kenneth, B. (ed.) (2002). A Guide Book of United States Coins (56ª edition). St. Martin’s Press, Nova York. Páxinas 196-198. ISBN 978-1-58238-188-6
  51. Bowers, Q. D. (2011). A Guide Book of Gold Dollars. Whitman, Atlanta. 2ª ed. ISBN 978-0-7948-3241-4
  52. "1 Dollar "Trade Dollar"". Numista.com
  53. 53,0 53,1 53,2 53,3 Bowers, Q. D. (1993). Páxinas 869-879.
  54. 54,0 54,1 54,2 54,3 Blanchard and Company (2019). "A Brief History of the U.S. Trade Dollar". En Coin Week. 11 de abril.
  55. "1 Dollar "Morgan Dollar"". Numista.com
  56. 56,0 56,1 "1878-1921 Silver Dollar Morgan". CoinSite.com
  57. 57,0 57,1 "Morgan Dollars". My Coin Guides.
  58. 58,0 58,1 ilkes, P. (2021). "Morgan and Peace dollars will be back in 2022". En Coin World. 12 de Novembro.
  59. "1 Dollar "Peace Dollar"". Numista.com
  60. Zerbe, F. (1920). "Commemorate peace with a coin for circulation". En The Numismatist, 443-444.
  61. 61,0 61,1 "1921-35 Peace Dollar". CoinSite.com
  62. 62,0 62,1 Burdette, R. W. (2008). A Guide Book of Peace Dollars. Whitman Publishing, Atlanta. ISBN 978-0-7948-2669-7
  63. Hernandez, J. (2012). "1964-D Peace Dollars - Do They Really Exist?". Professional Coin Grading Service.
  64. "1 Dollar "Eisenhower Dollar"". Numista.com
  65. 65,0 65,1 65,2 65,3 "1971-78 Eisenhower Dollar". CoinSite.com
  66. 66,0 66,1 66,2 Bowers, Q. D. (1993). Páxinas 2.844-2-954.
  67. "1 Dollar "Eisenhower Dollar" Bicentennial". Numista.com
  68. "1 Dollar "Eisenhower Dollar" Silver Collectors' Issue". Numista.com
  69. "1 Dollar "Eisenhower Bicentennial Dollar" Silver Collectors' Issue". Numista.com
  70. Bowers, Q. D. (1993). Páxinas 2.844-2-954.
  71. "1 Dollar "Susan B. Anthony Dollar"". Numista.com
  72. "Susan B. Anthony Dollar". United States Mint.
  73. 73,0 73,1 Yeoman, R. S. (2008). Páxinas 221-226.
  74. 74,0 74,1 Sanders, M. (2006) "Modern Dollar Coins". En The Numismatist. Marzo.
  75. 75,0 75,1 "Sacagawea Golden Dollar Coin". United States Mint.
  76. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome :27
  77. "Complete Guide to Sacagawea Dollar Coins". Sacagaweadollarguide.com
  78. "Coin of the Year Awards". Numismaster.com
  79. Scarinci, D. (2015). Coin of the Year: Celebrating Three Decades of the Best in Coin Design and Craftsmanship. Krause Publications. ISBN 978-1-4402-4476-6
  80. "Public Law 110-82-Sept. 20, 2007". Govinfo.gov
  81. "Native American $1 Coin Program". United States Mint.
  82. "2009 Native American $1 Coin". US Mint.
  83. "2010 Native American $1 Coin". US Mint.
  84. "2011 Native American $1 Coin". US Mint.
  85. "2012 Native American $1 Coin". US Mint.
  86. "2013 Native American $1 Coin". US Mint.
  87. "2014 Native American $1 Coin". US Mint.
  88. "2015 Native American $1 Coin". US Mint.
  89. "2019 Native American $1 Coin". US Mint.
  90. "2021 Native American $1 Coin". US Mint.
  91. "All Actions S.1047 - 109th Congress (2005-2006)". www.congress.gov
  92. "Presidential $1 Coin Program". United States Mint.
  93. "George Washington Presidential $1 Coin". United States Mint.
  94. "Reducing the Surplus Dollar Coin Inventory". Department of the Treasury. 17 de xaneiro de 2012.
  95. "Treasury to stop producing unneeded dollar coins Arquivado 30 de xuño de 2022 en Wayback Machine.". CNN. 13 de decembro de 2011.
  96. "H.R.770 - American Innovation $1 Coin Act". Congress.gov
  97. 97,0 97,1 "American Innovation® $1 Coin Program". United States Mint.
  98. "1 Dollar "American Silver Eagle" Bullion Coin". Numista.com
  99. "Public Law 99-61. Title II - Liberty Coins".
  100. 100,0 100,1 "American Silver Eagle Coins". Silvereagleguide.com
  101. "Commemorative Coin Programs". United States Mint.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]