Moeda dun centavo de dólar Indian Head

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Moeda dun centavo de dólar
Indian Head [1][2][3][4]

Anverso común
(1859-1909)
Cabeza da Liberdade con toucado indio.
Data no exergo.
UNITED STATES OF AMERICA

1º reverso
(1859)
Valor facial.
Coroa de loureiro.
ONE CENT


2º reverso
(1860-1909)
Valor facial.
Coroa de carballo e escudo.
ONE CENT

O centavo de dólar Indian Head (en galego: "cabeza india") é unha moeda dese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1859 e 1909. Foi deseñada por James Barton Longacre, gravador xefe da Ceca de Filadelfia.

De 1793 a 1857, o centavo fora unha moeda de cobre do tamaño aproximado do medio dólar. A descuberta de ouro en California provocou unha gran inflación dos prezos e, á medida que o ouro se facía máis abundante, o prezo do cobre subía. A fabricación de centavos e medios centavos supuña unha das poucas fontes de beneficio da Casa da Moeda e, cara a 1850, empezou a procurar alternativas para o incrementar. En 1857, a Casa da Moeda reduciu o tamaño do centavo e cambiou a súa composición a cuproníquel (un 12 % de níquel e un 88 % de cobre), emitindo un novo deseño, coñecido como centavo Flying Eagle, ao que axiña se lle procurou un substituto, dados os problemas que ocasionaba a súa cuñaxe.

En 1858, o modelo Flying Eagle foi substituído por un novo, caracterizado pola cabeza da Liberdade no seu anverso cun toucado indio, o que lle deu o nome de Indian Head. Pola súa banda, o reverso reproducía unha coroa de loureiro, que en 1860 foi substituída por unha de carballo e á que se lle engadiu un escudo.

Estes novos centavos foron acaparados durante o caos económico da guerra civil estadounidense, cando o níquel escaseaba. Ao ver que circulaban fichas de bronce emitidas de xeito privado, os responsables da Casa da Moeda induciron o Congreso a aprobar a Lei da Moeda de 1864, que autorizaba un centavo máis delgado de aliaxe de bronce.

Na posguerra, o centavo Indian Head fíxose moi popular e cuñouse en grandes cantidades a maioría dos anos. Unha excepción foi 1877, cando a mala situación económica e a escasa demanda de centavos deron lugar a unha das datas máis raras da serie. Coa chegada das máquinas expendedoras que funcionaban con moedas a finais do século XIX e principios do XX, producíronse aínda máis centavos, ata alcanzar os 100 millóns por primeira vez en 1907. En 1909, o centavo Indian Head foi substituído por un novo modelo, o centavo Lincoln, deseñado por Victor D. Brenner.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

O centavo grande, con diámetro de entre 27 e 29 milímetros, cuñárase desde 1793 ata 1857.[5] Pretendíase que aquela moeda contivese arredor dun centavo de cobre, xa que a xente esperaba que as moedas tivesen un valor intrínseco próximo ao seu valor nominal. No entanto, por mor da cláusula constitucional que establecía que só o ouro e a prata eran de curso legal, o Goberno non aceptaba centavos de cobre para o pagamento de impostos e outras taxas. A principios da década de 1850, as flutuacións do prezo do cobre levaron a Casa da Moeda dos Estados Unidos a procurar alternativas, entre elas a redución do tamaño do centavo e a experimentación con composicións distintas ao cobre puro.[6] O resultado foi o centavo Flying Eagle, do mesmo diámetro que o posterior centavo Lincoln —que circula aínda no século XXI—, pero algo máis groso e pesado, composto por un 88 % de cobre e un 12 % de níquel. O Flying Eagle cuñouse en cantidades limitadas a modo de proba en 1856, e logo xa para a circulación, en 1857 e 1858.[7]

O centavo Flying Eagle, antecesor do Indian Head, presentaba problemas de produción, o que motivou a súa substitución.[8]

O centavo Flying Eagle emitírase en substitución das gastadas moedas de prata coloniais españolas que ata daquela circularan amplamente nos Estados Unidos, e tamén como recambio dos antigos centavos grandes de cobre puro que estaban en circulación. Mais en 1858, as autoridades da Casa da Moeda consideraron que a produción resultaba problemática, xa que os puntos máis sobresalientes de ambas as faces da moeda —a cabeza da aguia e a coroa— se opuñan entre si, e era difícil conseguir que o deseño resaltase completamente coa resistente aliaxe de cobre e níquel. O gravador xefe da Casa da Moeda, James B. Longacre, que deseñara o centavo Flying Eagle, recibiu daquela a encarga de desenvolver deseños alternativos. Elaborou un que amosaba unha aguia máis delgada, que non se oporía tanto á coroa do reverso, mais, aínda que iso tería solucionado o problema de produción, o deseño non gustou.[9] Así as cousas, o director da Casa da Moeda, James Ross Snowden, suxeriu unha cabeza de Cristovo Colón como deseño do anverso, mais Longacre pensou que o público non aprobaría unha figura histórica nunha moeda estadounidense.[10][11]

Inicio[editar | editar a fonte]

Anverso dunha peza colonial española de Carlos III de 1776 de dous reais ("dous bits"). Ceca de Potosí.[12]

En 1858, a Casa da Moeda probou novos deseños para o centavo.[13] Cuñáronse entre 60 e 100 xogos de doce moedas de proba, entre elas o anverso estándar do daquela vixente Flying Eagle, outro coa versión da aguia reducida, outro co deseño da cabeza india da Liberdade... e tamén catro propostas diferentes de coroas vexetais para o reverso. O director Snowden debía elixir o deseño que se comezaría a cuñar en 1859 a partir desas probas, e algúns dos xogos tamén se venderon a coleccionistas.[14][15][16]

Coñécese que as probas co deseño da cabeza india debían estar preparadas no mes de abril, xa que o 12 dese mes, un tal Mr. Howard escribiu a Snowden dicíndolle que sabía "que na Casa da Moeda se cuñou unha nova proba para o centavo cunha cabeza parecida á da peza de cinco dólares e no reverso un escudo na parte superior da coroa de oliveira e carballo", e solicitaba adquirir un exemplar.[17] Outros numismáticos tamén buscaban as súas pezas: R. Coulton Davis, un farmacéutico de Filadelfia vinculado á Casa da Moeda, escribiu tamén a Snowden en xuño para o informar dun artigo favorable nun xornal de Boston, e Augustus B. Sage escribía igualmente ao director da Casa da Moeda o mesmo mes, para lle solicitar un exemplar para el e outro para a American Numismatic Society, que se acababa de fundar.[18][17]

Segundo o investigador numismático Walter Breen, o máis probable é que Snowden elixise a combinación da cabeza india e a coroa de loureiro porque tiña o relevo máis baixo de todas as opcións, e podía esperarse que non ofrecese problemas para a cuñaxe, como sucedía co modelo anterior.[15]

O 4 de novembro de 1858, Snowden escribiu ao secretario do Tesouro, Howell Cobb, acerca do deseño da cabeza india, e dous días despois escribiu a Longacre para o informar de que ese era o deseño aprobado. Longacre debía preparar os cuños necesarios para a produción, que debía comezar o 1 de xaneiro de 1859.[19]

Deseño[editar | editar a fonte]

James B. Longacre, creador do deseño do centavo Indian HEad.[20]

Longacre defendeu o seu deseño da cabeza india nunha carta de 21 de agosto de 1858 a Snowden:[17]

Desde as beiras cobreadas do Lago Superior ata as montañas prateadas de Potosí, desde os ojibwa ata os araucanos, o diadema de plumas é tan característico das razas primitivas do noso hemisferio como o turbante o é das asiáticas. Tampouco hai nada no seu carácter decorativo, repulsivo á asociación da Liberdade [...] É máis acaído que o barrete frixio, o emblema do escravo emancipado, que do home libre independente, daqueles que poden dicir "nunca fomos escravos de ningún home". Considero, xa que logo, este emblema de América como unha parte propia e ben definida da nosa herdanza nacional; e tendo agora a oportunidade de o consagrar como monumento da Liberdade, "a nosa Liberdade", a Liberdade americana; por que non utilizalo? Dificilmente se pode concibir un xeito máis elegante. Só temos que decidir que sexa axeitado, e ninguén en todo o mundo fóra de nós poderá arrebatárnolo.

Segundo unha lenda numismática, os trazos faciais da deusa Liberdade no anverso do centavo Indian Head baseáronse nos de Sarah, a filla de Longacre; cóntase que un día estaba ela nas instalacións da ceca cando probou o toucado dun dos nativos americanos que estaban de visita, e o seu pai aproveitou para a debuxar. Porén, Sarah Longacre tiña 30 anos e casara en 1858, e non tiña 12 anos, como reza a lenda, e o propio Longacre declarou que o rostro estaba baseado na estatua "Afrodita en crequenas", que daquela se expuña no Museo de Filadelfia, prestada polo Vaticano.[15] Longacre debuxaba adoito a súa filla máis vella, e hai semellanzas entre as representacións de Sarah e as diversas representacións da Liberdade nas súas moedas da década de 1850. Ao parecer, estas historias existían na época, xa que Snowden, escribíndolle ao secretario do Tesouro Howell Cobb en novembro de 1858, negou que a moeda estivese baseada "en ningún trazo humano da familia Longacre".[19][21] Lee F. McKenzie, no seu artigo de 1991 sobre Longacre, sinala que calquera artista pode estar influído por moitas cousas, pero cualifica a historia de "esencialmente falsa".[22]

Esbozo de Longacre para o centavo Indian Head.[23]
Esbozo de Longacre para o centavo cun deseño alternativo non adoptado.[23]

Independentemente de quen posara para Longacre, os trazos faciais do indio son esencialmente caucásicos, o que significa que unha muller caucásica leva o toucado dun home nativo americano. En 1854, Longacre deseñara a moeda de tres dólares cunha muller de trazos similares —tamén presumiblemente baseada na escultura do museo— pero cun toucado máis extravagante, e adaptou ese mesmo deseño para o dólar de ouro. Os funcionarios eran conscientes desta licenza artística no momento da emisión; Snowden, na súa carta de novembro de 1858 a Cobb, caracteriza así as dúas moedas anteriores: "os artistas da Casa da Moeda evidentemente non se decataron da absurda incongruencia de colocar este atributo tan masculino do valente guerreiro na cabeza dunha muller".[24] Longacre non sería o derradeiro en xustapor os trazos dunha muller branca cun toucado indio reservado aos homes, xa que Augustus Saint-Gaudens, para a moeda de 10 dólares Indian Head (1907), realizou un deseño similar. Emisións posteriores representan indios máis exactos, como as moedas de ouro con cabeza india de Bela Lyon Pratt (1908), a moeda de 5 centavos Buffalo (1913), de James Earle Fraser, que traballou a partir de modelos nativos americanos, e o medio dólar conmemorativo do Oregon Trail (1926), deseñado por James Earle Fraser e a súa esposa Laura Gardin Fraser.[25][26]

O historiador da arte Cornelius Vermeule tiña sentimentos encontrados acerca do centavo Indian Head: "Longacre enriqueceu a mitoloxía da moeda estadounidense dun xeito agradable, aínda que sen pretensións. Tendo en conta os seus deseños do medio dólar de 1859, podería telo feito peor". Noutra comparación, Vermeule suxería que:[23]

Lonxe de ser unha creación importante desde o punto de vista estético ou iconográfico, e moito menos atractiva á vista que a moeda de 10 dólares Flying Eagle, o centavo Indian Head ía lograr polo menos a beizón do atractivo popular. A moeda converteuse quizais na máis querida e tipicamente americana de todas as moedas estadounidense, tanto grandes como pequenas. A moeda non era dunha grande arte, mais foi un dos primeiros produtos das cecas dos Estados Unidos en lograr o toque común.

Produción[editar | editar a fonte]

Redeseño e excedentes (1859-1861)[editar | editar a fonte]

Anverso do exemplar de proba do centavo Indian Head, cuñado en 1858.[27][28]
Reverso da mesma cuñaxe en proba.[27][28]

A produción do centavo Indian Head para a súa posta en circulación comezou a principios de 1859. Tal como se emitiron finalmente, as pezas difiren nalgúns detalles da proba cuñada en 1858 cun deseño similar,[27][28] xa que Longacre afinou algúns detalles. A moeda de proba tiña as follas de loureiro da coroa do reverso en grupos de cinco follas, en tanto que o centavo ordinario de 1859 as ten en grupos de seis.[29] Coñécense tamén espécimes de probas datados en 1858 co reverso adoptado —con ramos de seis follas—; o máis probable é que se cuñasen realmente en 1859, e son extremadamente raros.[30]

En 1860, o reverso do centavo modificouse para presentar unha coroa de carballo, no canto da de loureiro, e para engadir un pequeno escudo na parte superior; este reverso tamén se coñece nalgúns espécimes de proba cuñados en 1859. Segundo Richard Snow, na súa guía obra A Guide Book of Flying Eagle and Indian Head Cents, isto non se debeu a problemas coa cuñaxe do reverso da "coroa de loureiro" utilizado en 1859, xa que neses exemplares se amosaban ben todos os detalles.[24] Walter Breen, no entanto, suxeriu que as plumas e os rizos do anverso evitaban que a cuñaxe fose tan eficiente como o sería despois do cambio do reverso, e que "isto pode explicar a decisión de Snowden de cambiar o deseño".[31] Pola súa banda, David Lange, na súa historia da Casa da Moeda dos Estados Unidos, afirma que o cambio se debeu á pretensión de lle outorgar á moeda, citando a Snowden, "máis carácter nacional".[13] Todos os centavos de 1859 e algúns de 1860 teñen o truncamento do busto da Liberdade no anverso terminado en punta, en tanto que a maioría dos centavos de 1860 e todas as emisións posteriores o teñen redondeado.[32]

Anteriormente emitíranse xa decenas de millóns de centavos Flying Eagle a cambio dos antigos cobres de gran tamaño e da pequeña prata española. A prata española seguía a chegar á Casa da Moeda a principios de 1859 e, por instancias de Snowden, o 3 de marzo dese ano o Congreso prorrogou outros dous anos o troco destas moedas estranxeiras, de curso legal nos Estados Unidos ata 1857. Neil Carothers, na súa obra sobre a moeda de baixos valores faciais, tachou esta decisión de innecesaria, xa que, sen a moeda de curso legal, a prata española restante se tería eliminado mediante a venda aos bancos polo seu metal. Quen levou as moedas antigas á Casa da Moeda recibiu centavos por elas, ao principio do modelo Flying Eagle e logo do Indian Head. No ano seguinte á renovación, emitíronse uns corenta millóns de centavos Indian Head, o que significa que desde 1857 entraran en circulación case cen millóns de centavos de cuproníquel. Como a moeda non circulaba no Sur e no Oeste debido aos prexuízos contra o diñeiro de metais básicos, chegaron a afogar o comercio. Ninguén estaba obrigado a aceptalos; ningunha lei lles daba curso legal. Por instancias de Snowden, o Congreso puxo fin ao troco en xuño de 1860. Así e todo, como admitiu Snowden no seu informe anual dese ano, había demasiados centavos en circulación.[33] En outubro de 1860, The Bankers' Magazine and Statistical Register informou de que había dez millóns de centavos no comercio de Nova York por riba do necesario, e se alguén desexaba facer un pedido por xunto, podíanse comprar mesmo con desconto.[34]

Escaseza e nova aliaxe (1862-1864)[editar | editar a fonte]

O excedente de centavos en circulación viuse aliviado polo caos económico xerado pola guerra civil estadounidense, que comezou en 1861. A finais dese ano, os bancos deixaron de pagar en ouro, que a partir de entón tivo unha prima sobre o papel moeda. A partir do ano seguinte, o Goberno federal emitiu billetes greenbacks en grandes cantidades. A prata desapareceu do comercio en xuño de 1862, ao subir o prezo dese metal, deixando o centavo como a única moeda federal que non desaparecera por completo do comercio, por mor do acaparamento. Daquela, o exceso de centavos xa diminuíra, xa que os comerciantes os almacenaran en grandes cantidades. Nese período de emerxencia xurdiron outros medios para facilitar o cambio de valores pequenos, desde selos postais a fichas e pseudomoedas emitidas de xeito privado, pero a demanda pública era para o centavo —a Ceca de Filadelfia cuñou cantidades récord e reservou parte da produción para ser transmitida a outras cidades—. No entanto, en xullo de 1862, o centavo, en cantidade, só podía comprarse cunha prima do 4 % en papel moeda nas principais cidades do Leste. As pezas de cuproníquel recibiron o alcume de "nickels" ou "nicks". A presentación de moedas como pagamento non levaba consigo a obriga de devolver o cambio nelas. Deste xeito, cunha pequena cantidade de "nicks", un comprador podía facer as súas compras co cambio exacto, sen ter que recorrer aos talóns de crédito dos comerciantes, que outros poderían non aceptar polo valor indicado.[35][36]

En 1863, The Bankers' Magazine informaba de que o sobreprezo dos centavos en Filadelfia aumentara ata o 20 %. A partir de entón, o sobreprezo diminuíu ao se producir unha avalancha de fichas metálicas emitidas polos comerciantes, que foron amplamente aceptadas. Outras emisións de guerra, como o papel moeda de valores pequenos coñecido como "moeda fraccionaria", diminuíron a demanda do centavo ao ocupar o lugar da moeda de prata que faltaba. Circulaban pequenas cantidades de centavos, aínda que moitos seguían atesourándose.[37]

Os funcionarios do Goberno viron que o público aceptaba doadamente as fichas dos comerciantes. Moitas destas fichas eran de bronce e, dado o seu éxito, cando en 1863 se intentou restablecer a circulación de moedas federais, considerouse a posibilidade de retomar o uso de moedas de bronce, que non terían o valor intrínseco equivalente ao valor facial. No seu informe anual presentado o 1 de outubro de 1863, o director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, James Pollock, sinalou que "en tanto que a xente espera un valor completo nas súas moedas de ouro e de prata, só queren o diñeiro inferior [metal común] por conveniencia á hora de facer pagamentos exactos".[38] Observou que as fichas privadas dun centavo contiñan ás veces unicamente unha quinta parte dun centavo en metal, e aínda así circularan con éxito. Propuxo entón que o centavo de cuproníquel se substituíse por unha moeda de bronce do mesmo tamaño.[39] Pollock tamén quería eliminar o níquel como metal de cuñaxe, xa que as súas aliaxes duras destruían os cuños e a maquinaria.[40] O 8 de decembro, Pollock escribiu ao secretario do Tesouro, Salmon P. Chase, para lle propor a creación dunha moeda de bronce dun centavo e outra de dous centavos.[41]

Detalle dun centavo datado en 1864.

O 2 de marzo de 1864, Pollock escribiu con urxencia a Chase para o informar de que a Casa da Moeda estaba a quedar sen níquel e de que a demanda de centavos estaba no seu punto máis alto. Tamén informou o secretario de que a Comisión de Ensaios dos Estados Unidos recomendara o uso do bronce francés (95 % de cobre e o resto de estaño e cinc) como metal de cuñaxe para o centavo, así como a creación dunha moeda de dous centavos.[42] Tres días máis tarde, Chase enviou a carta de decembro de Pollock e o proxecto de lei para as pezas de bronce dun e dous centavos ao senador de Maine William P. Fessenden, presidente do Comité de Finanzas do Senado. Fessenden non tomou medida inmediata ningunha, e o 16 de marzo Pollock escribiu de novo a Chase, para lle lembrar que a Casa da Moeda estaba a piques de quedar sen níquel, gran parte do cal era importado. Chase remitiu a súa carta a Fessenden. Finalmente, o 22 de marzo, o senador de Nova Hampshire Daniel Clark presentou un proxecto de lei; as cartas de Pollock foron lidas e ao parecer influíron no proceso, xa que o Senado aprobou o proxecto sen debate.[39]

A subministración nacional de níquel producíase naquel momento a partir dunha mina sita ene Gap, Pensilvania, propiedade do industrial Joseph Wharton. O 19 de marzo, Pollock escribiu a Chase e comunicoulle que xa non tiñan máis níquel, nin o había dispoñible no estranxeiro; "xa que logo, estamos limitados á subministración doméstica; dos traballos do Sr. Wharton".[43] Oposto á eliminación do níquel do centavo, Wharton publicou un panfleto en abril de 1864 no que propuña a cuñaxe de pezas de un, dous, tres, cinco e dez centavos dunha aliaxe dunha parte de níquel e tres de cobre, duplicando a porcentaxe de níquel utilizada no centavo. Malia os esforzos de Wharton, o 20 de abril un comité da Cámara de Representantes apoiou o proxecto de lei. Opúxose Thaddeus Stevens, de Pensilvania, que representaba a zona mineira da que Wharton extraía o seu níquel. Wharton gastara 200.000 dólares en desenvolver a súa mina e a maquinaria para refinar o mineral, relatou Stevens, e era inxusto privalo do principal uso do seu metal. "Debemos destruír toda esta propiedade porque cuñando con outro metal o Goberno pode aforrar máis diñeiro?".[44] Ademais, argumentou que a aliaxe de cobre e níquel para o centavo fora aprobada polo Congreso, e o novo metal, que denominou como "latón", amosaría óxido. O congresista de Iowa John A. Kasson, presidente da Comisión de Moeda, Pesos e Medidas da Cámara de Representantes, rebateuno afirmando que a aliaxe de bronce non se parecía ao latón, e que non podía apoiar a proposición de que o Goberno estaba obrigado a comprar a un provedor polo feito de que gastara diñeiro en previsión de futuras vendas.[45]

O proxecto de lei foi aprobado pola Cámara de Representantes e o presidente Abraham Lincoln asinou a nova Lei da Moeda de 1864 o 22 de abril. Esta lei atribuíalle por vez primeira curso legal pleno ás moedas de metal común: tanto os centavos como as moedas de dous centavos serían aceptables en cantidades de ata dez centavos.[45] No entanto, o Goberno non as trocaría en grandes cantidades.[46] A lei tamén ilegalizou as fichas privadas dun e dous centavos, e máis tarde ese mesmo ano o Congreso aboliu todas esas emisións.[47] A lei non permitía o rescate dos antigos centavos de cuproníquel; fora redactada por Pollock, que esperaba que os ingresos por señoriaxe da emisión das novas moedas axudasen a financiar as operacións da Casa da Moeda, e non quería que se reducisen pola retirada das antigas pezas.[48]

Pola súa banda, Wharton e os seus intereses co níquel tranquilizáronse coa aprobación doutro proxecto de lei polo que se creaba unha moeda de tres centavos en 1865 e outra de cinco centavos en 1866, ambas da aliaxe proposta por el. [49][50] Malia isto, Wharton, en defensa dos seus intereses, fixo repetidos intentos de devolver o níquel ao centavo, fracasando cada vez, tanto como parte das deliberacións sobre o que se converteu na Lei de Moeda de 1873,[51] como a principios da década de 1880.[52]

Os centavos de cuproníquel de principios de 1864 foron comprados xeralmente por especuladores e non circularon en grandes cantidades. A Casa da Moeda comezou a producir o centavo Indian Head de bronce o 13 de maio, tres semanas despois da aprobación da Lei da Moeda, e puxéronse en circulación o 20 de maio. Os cuños preparados para as pezas de cuproníquel utilizáronse para cuñar as de bronce. Nalgún momento de 1864, Longacre afiou o seu deseño para o utilizar na cuñaxe de pezas de bronce, máis brandas, e tamén aproveitou para engadir a súa inicial "L".[53] Non se sabe cando se fixo isto; poida que fose xa en maio, e que os novos cuños se utilizasen xunto cos antigos. Hai, xa que logo, centavos Indian Head de bronce de 1864 tanto co "L" coma sen el".[54] A presenza do "L" coñécese tamén en pezas datadas en 1863, en ambas as aliaxes, e en pezas de cuproníquel datadas en 1864, e suponse que algunhas destas emisións, todas elas extremadamente raras, foron cuñadas nunha data posterior.[55] O centavo de bronce foi aceptado inmediatamente pola poboación, e a gran produción da emisión aliviou pronto a escaseza de centavos.[56]

Derradeiros anos (1865-1909)[editar | editar a fonte]

Exemplar do raro centavo Indian Head de 1877.[57]

Nos anos de posguerra, a gran produción de centavos Indian Head reduciuse, xa que cesou o acaparamento e parte da produción foi ocupada por outras moedas de metais básicos.[58] Así e todo, as diversas emisións de moedas pequenas, que naquel momento non eran trocadas polo Goberno, causaron outro exceso no comercio, que non rompeu completamente ata que a Lei do 3 de marzo de 1871 permitiu o troco de centavos e outras moedas menores en lotes de 20 dólares ou máis.[51] Consonte esta nova lei, trocáronse máis de trinta millóns de centavos de cuproníquel, tanto do tipo Indian Head como de Flying Eagle, que a Casa da Moeda fundiu para a súa nova cuñaxe. Tamén volveron ao Goberno cincuenta e cinco millóns de centavos de bronce; a partir de 1874, a Casa da Moeda volveu a emitilos en resposta ás peticións comerciais de centavos, o que reduciu a demanda de novas moedas.[59]

A caída do prezo da prata fixo que as moedas dese metal, atesouradas durante unha década ou máis, volvesen ao comercio, o que tamén diminuíu a demanda. Entre 1866 e 1878, a produción só superou ocasionalmente os dez millóns de exemplares; a moeda de 1877, cunha cuñaxe para a circulación de 852.500 pezas, é unha data rara dentro da serie.[58][57] Despois de 1881, houbo poucos trocos de centavos de bronce, debido á gran demanda da moeda deste valor facial, aínda que os centavos de cuproníquel seguiron trocándose e fundíndose.[60]

Coa cancelación da cuñaxe das moedas de dous centavos e de tres centavos de prata en 1873, o centavo e a moeda de cuproníquel de tres centavos foron os únicos superviventes das moedas con valor inferior a cinco centavos. A moeda de cuproníquel de tres centavos non gozaba de moita popularidade por ter un valor facial pouco común e pola súa similitude en tamaño coa moeda de dez centavos. A tarifa postal de tres centavos fora unha das razóns que dera orixe á moeda de tres centavos na década de 1850, mais a principios da década de 1880, o Servizo Postal reduciu a tarifa básica para as cartas a dous centavos, co que se incrementou a demanda de centavos e se reduciu a das moedas de tres centavos, que acabaron por ser abolidas en 1890. Na maioría dos anos da década de 1880, houbo, pois, grandes tiraxes de centavos Indian Head.[61] A excepción foi a mediados da década de 1880, cando os malos tempos económicos provocaron unha menor demanda de moedas de valores pequenos.[62]

Non se cuñaron centavos nin moedas de cinco centavos despois de febreiro de 1885 e ata case finais de 1886. A produción de cuños sen data nos que se podía engadir posteriormente o ano de emisión continuou, e durante a paréntese na produción de moedas, o gravador xefe Charles E. Barber aproveitou para modificar o deseño, eliminando os contornos claros entre as letras do anverso e no resto do deseño, e introducindo outros lixeiros axustes. Isto deu lugar a dúas variantes para o centavo Indian Head de 1886: o tipo I, no que a pluma máis baixa do anverso apunta entre o I e o C de AMERICA; e o tipo II, no que apunta entre o C e o A final.[63] Snow estima que 14 millóns da tirada de 17.654.290 foron do tipo I, do mesmo xeito que a maioría dos 4.290 exemplares emitidos con acabamento proof —fondo espello e relevo mate— para coleccionistas.[64]

O pánico de 1893 provocou novamente un descenso na produción de centavos, xa que as moedas acumuladas en mans privadas se gastaron, o que deu lugar a un excedente.[65] Á parte diso, os derradeiros anos da serie antes da súa finalización en 1909 estiveron marcados por grandes tiraxes, con 1907 superando a marca dos cen millóns. Unha economía saneada na maioría dos anos impulsou a demanda, igual que a crecente popularidade das máquinas expendedoras que funcionaban con moedas, algunhas das cales podían atoparse nos salóns recreativos.[66]

A principios do século XX, o centavo era aceptado en todo o país, pero por lei a súa produción estaba limitada á Ceca de Filadelfia. Os responsables do Tesouro solicitaron a eliminación desta restrición, así como un aumento da asignación anual para a compra de metais básicos para a produción do centavo e da moeda de cinco centavos —a cantidade gastada ficaba invariable desde 1873, aínda que a demanda de centavos aumentara enormemente—. Pola Lei do 24 de abril de 1906, a Casa da Moeda recibiu permiso para cuñar moedas de metal común en calquera ceca, e a asignación cuadruplicouse ata os 200.000 dólares.[67] A partir deste cambio normativo, en 1908 e en 1909 cuñáronse unhas pequenas tiraxes de centavos Indian Head na Ceca de San Francisco.[68] O centavo de 1909 cuñado en San Francisco, cunha tiraxe de 309.000 exemplares, é o máis escaso da serie, e obxecto de especial interese no coleccionismo.[66][69]

Substitución[editar | editar a fonte]

Modelo en xeso de Saint-Gaudens para o anverso do centavo: a Liberdade cun toucado indio engadido. O deseño desenvolveuse despois para os 10 dólares.

En 1890, o Congreso aprobou unha lei que permitía á Casa da Moeda modificar os deseños que estiveran en uso durante polo menos 25 anos sen necesidade de autorización lexislativa.[70] En 1904, o presidente Theodore Roosevelt escribiu ao seu secretario do Tesouro, Leslie Mortier Shaw, queixándose de que a moeda estadounidense carecía de mérito artístico, e preguntoulle se sería posible contratar un artista privado, como o escultor Augustus Saint-Gaudens, para que preparase novos deseños.[71] Seguindo instrucións de Roosevelt, a Casa da Moeda contratou a Saint-Gaudens para redeseñar o centavo e as catro moedas de ouro. En virtude da nova lei, esas eran as moedas estadounidenses que podían cambiarse sen a aprobación do Congreso por levaren máis de 25 anos en uso.[15][72]

Saint-Gaudens pensou inicialmente en retomar un deseño de aguia en voo para o centavo,[73] mais, por petición de Roosevelt, destinou este motivo á moeda de ouro de 20 dólares, ao decatarse de que, segundo a lei de 1873, non podía aparecer unha aguia na moeda dun centavo.[74] O escritor e amigo seu Witter Bynner lembrou que en xaneiro de 1907 Saint-Gaudens estaba gravemente enfermo de cancro e era levado ao seu estudio durante dez minutos ao día para criticar o traballo dos seus axudantes nos proxectos en curso, incluído o do centavo.[75] Saint-Gaudens morreu o 3 de agosto de 1907, sen ter presentado un deseño alternativo para o centavo.[72]

Completado o redeseño das catro moedas de ouro en 1908, Roosevelt centrou a súa atención no centavo. O centenario do nacemento do asasinado presidente Abraham Lincoln celebraríase en febreiro de 1909, e xa se estaban a producir grandes cantidades de recordos por iniciativa privada. Moitos cidadáns escribiran ao Departamento do Tesouro para propor unha moeda dedicada a Lincoln, e Roosevelt estaba interesado en homenaxear o seu compañeiro republicano. Isto supuña unha ruptura coa tradición numismática estadounidense anterior, xa que antes do centavo de Lincoln, ningunha moeda estadounidense de circulación regular tivera como protagonista unha persoa real.[76]

O centavo Lincoln substituíu o Indian Heaad en 1909.[77]

A finais de 1908, Roosevelt tomou contacto co escultor Victor David Brenner, que estaba a deseñar unha medalla para a Comisión da Canle de Panamá. No se sabe con certeza como Brenner foi seleccionado para deseñar a moeda, pero en xaneiro de 1909, o daquela director da Casa da Moeda, Frank A. Leach, contratouno para deseñar o que pasou a coñecerse como centavo Lincoln,[78] que entrou en circulación meses máis tarde, nese mesmo 1909, pondo fin á serie do centavo Indian Head.[79]

Coleccionismo[editar | editar a fonte]

Os centavos Indian Head foron desde sempre populares entre os coleccionistas de moedas, mesmo durante o medio século en que se produciron; desde entón, co crecemento da afección polo coleccionismo numismático, o interese non fixo máis que aumentar. A introdución na década de 1930 de álbums para moedas a prezos accesibles para albergar esta serie e animar os coleccionistas a procurar un xogo completo produciuse nun momento en que a versión de bronce do centavo Indian Head aínda era común na moeda miúda que a poboación estadounidense achaba nos seus petos. No entanto, o estudo da serie de centavos Indian Head non se desenvolveu amplamente ata a década de 1960; o escritor numismático Tom DeLorey, na súa introdución ao libro de Snow, atribúe isto aos prexuízos entre os numismáticos que creceron co centavo Indian Head, que o consideraban unha peza de circulación común. DeLorey sinala que a edición de 1960 de A Guide Book of United States Coins, de Richard S. Yeoman, enumeraba só catro datas para as que había variantes, unha das cales, a sobredata 1869/68 estaba en erro, xa que o díxito final estaba en realidade sobre outro 9.[80] A edición de 2018 dese mesmo traballo enumera variantes para 12 datas.[81]

Do mesmo xeito que ocorre na maioría das moedas estadounidenses, a emisión de 1873 pódese atopar en dúas variedades, dependendo da aparencia do díxito final da data: o "3 pechado" procede das primeiras cuñaxes dese ano, pero despois de que o cuñador xefe A. Loudon Snowden se queixara de que o "3" se parecía demasiado a un "8", o gravador xefe William Barber modificou o seu traballo para crear o "3 aberto".[82] Por outra parte, algunhas pezas de 1875 teñen un punto que aparece sobre a letra N da palabra ONE no reverso. É probable que esta fose unha marca secreta, engadida para atrapar a un ladrón dentro da Casa da Moeda de Filadelfia.[83]

O centavo Indian Head cuñouse en grandes cantidades e a maioría das datas seguen a ser accesibles no mercado do coleccionismo: Yeoman atribúe a todas as datas de 1900 a 1908 de Filadelfia un prezo de 2 dólares nun estado de conservación mínimo para seren coleccionables, que, loxicamente, aumenta progresivamente conforme o estado de conservación mellore. O récord desta serie osténtao un exemplar con acabamento especial proof do 1864 coa versión con "L", do que se calcula que se cuñaron uns 20, vendido en 2012 por 161.000 dólares.[81]

Tiraxes e ceca[editar | editar a fonte]

Situación da marca de ceca "S" nun centavo cuñado en San Francisco en 1908.

Na seguinte táboa reflíctense as tiraxes anuais da moeda dun centavo de dólar Indian Head en cada unha das dúas casas de moeda onde se produciu, entre 1859 e 1909:[1][2][3][84]

A marca de ceca de San Francisco está non exergo do reverso, debaixo do lazo que une as dúas partes da coroa vexetal.

Emisión Notas Filadelfia S. Francisco
Versión
proof
Circulantes Circulantes
1859 0 36.400.000 0
1860 1.000 20.566.000 0
1861 1.000 10.100.000 0
1862 1.500 28.075.000 0
1863 800 49.840.000 0
1864 Cu. 800 13.740.000 0
Ae. 185 39.233.714 0
1865 500 35.429.286 0
1866 725 9.826.000 0
1867 625 9.821.000 0
1868 600 10.266.500 0
1869 600 6.420.000 0
1870 1.000 5.275.000 0
1871 960 3.929.500 0
1872 950 4.042.000 0
1873 1.100 11.676.500 0
1874 700 14.187.500 0
1875 700 13.528.000 0
1876 1.150 7.944.000 0
1877 900 852.500 0
1878 2.350 5.999.850 0
1879 3.200 16.231.200 0
1880 3.955 38.964.955 0
1881 3.575 39.211.575 0
1882 3.100 38.581.100 0
1883 6.609 45.589.109 0
1884 3.942 23.261.742 0
1885 3.790 11.765.384 0
1886 4.290 17.654.290 0
1887 2.960 45.226.483 0
1888 4.582 37.494.414 0
1889 3.336 48.869.361 0
1890 2.740 57.182.854 0
1891 2.350 47.072.350 0
1892 2.745 37.649.832 0
1893 2.195 46.642.195 0
1894 2.636 16.752.132 0
1895 2.062 38.343.636 0
1896 1.862 39.057.293 0
1897 1.938 50.466.330 0
1898 1.795 49.823.079 0
1899 2.031 53.600.031 0
1900 2.262 66.833.794 0
1901 1.985 79.611.143 0
1902 2.018 87.376.723 0
1903 1.790 85.094.493 0
1904 1.817 61.328.015 0
1905 2.152 80.719.163 0
1906 1.725 96.022.255 0
1907 1.475 108.138.618 0
1908 1.620 32.327.987 1.115.000
1909 2.175 14.370.645 309.000
Totais 102.857 1.848.412.531 1.424.000

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "1 Cent "Indian Head Cent" without shield". Numista.com
  2. 2,0 2,1 "1 Cent "Indian Head Cent" with shield". Numista.com
  3. 3,0 3,1 "1 Cent "Indian Head Cent"". Numista.com
  4. "Indian Cent Specifications". Indianheadcent.org
  5. Yeoman, R. S. (2017). Páxina 99.
  6. Snow, R. (2009). Páxinas 7-8.
  7. Yeoman, R. S. (2017). Páxinas 114-115.
  8. "1 Cent "Flying Eagle Cent"". Numista.com
  9. Snow, R. (2009). Páxinas 21-23.
  10. Non obstante, Colón sería a primeira figura histórica nunha moeda estadounidense, en 1892, co medio dólar colombino.
  11. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 239.
  12. "2 Reales - Carlos III". Numista.com
  13. 13,0 13,1 Lange, D. W. (2006). Páxina 94.
  14. Esta venda causoulle máis tarde dificultades a Snowden, cando se correu a voz entre a comunidade numismática, que comezou a enviar á Casa da Moeda solicitudes de compra de probas numismáticas. Véxase Snow, R. (2009). Páxina 223.
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 Breen, W. (1988). Páxina 217.
  16. Snow, R. (2009). Páxina 242.
  17. 17,0 17,1 17,2 Snow, R. (2009). Páxina 25.
  18. Snowden mandou recuñar varias probas. Na época, o director da US Mint buscaba medallas co busto de George Washington para a colección numismática da ceca, e con frecuencia cambiaba por elas probas numismáticas de anos anteriores que se recuñaban ad hoc, o que inquietaba os coleccionistas e comerciantes, que vían como se desvalorizaban as pezas raras que posuían. Véxse Snow, R. (2009). Páxina 224.
  19. 19,0 19,1 Snow, R. (2009). Páxinas 25-26.
  20. "James Barton Longacre". National Portrait Gallery. Smithsonian Institution.
  21. Breen, W. (1988). Páxinas 217-218.
  22. McKenzie, L. F. (1991). Páxina 1.890.
  23. 23,0 23,1 23,2 Vermeule, C. (1971). Páxina 57.
  24. 24,0 24,1 Snow, R. (2009). Páxina 26.
  25. Snow, R. (2009). Páxinas 26-27.
  26. Breen, W. (1988). Páxina 256.
  27. 27,0 27,1 27,2 "1858 Indian Head Cent". Indiancent.com
  28. 28,0 28,1 28,2 "1858 Pattern Indian Cent". Professional Coin Grading Service.
  29. "1859 Indian Head Cent". Indianheadcent.org
  30. Snow, R. (2009). Páxina 244.
  31. Breen, W. (1988). Páxina 218.
  32. Yeoman, R. S. (2017). Páxina 116.
  33. Carothers, N. (1930). Páxinas 146-147.
  34. Snow, R. (2009). Páxinas 28-29.
  35. Snow, R. (2009). Páxina 33.
  36. Carothers, N. (1930). Páxinas 154-155.
  37. Snow, R. (2009). Páxinas 34-35.
  38. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 239-240.
  39. 39,0 39,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 240.
  40. Carothers, N. (1930). Páxina 196.
  41. Radeker, W. T. (1991). Páxina 1.740.
  42. Carothers, N. (1930). Páxinas 196-197.
  43. Carothers, N. (1930). Páxina 197.
  44. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 241-242.
  45. 45,0 45,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 242.
  46. Carothers, N. (1930). Páxina 205.
  47. Carothers, N. (1930). Páxina 195.
  48. Carothers, N. (1930). Páxina 199.
  49. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 243-244.
  50. Yeoman, R. S. (2017). Páxina 142.
  51. 51,0 51,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 253-244.
  52. Bowers, Q. D. (2006). Páxina 136.
  53. "1864 Indian Head Cent with L". Indianheadcent.org
  54. Snow, R. (2009). Páxinas 85-90.
  55. Breen, W. (1988). Páxinas 220-221.
  56. Carothers, N. (1930). Páxina 200.
  57. 57,0 57,1 "1877 Indian Head Cent". Indianheadcent.org
  58. 58,0 58,1 Snow, R. (2009). Páxina 35.
  59. Snow, R. (2009). Páxina 114.
  60. Snow, R. (2009). Páxina 144.
  61. Carothers, N. (1930). Páxinas 272-274.
  62. Bowers, Q. D. (2006). Páxinas 148-149.
  63. "1886 Indian Head Cent: All Varieties". Usacoinbook.com
  64. Snow, R. (2009). Páxinas 150-156.
  65. Bowers, Q. D. (2006). Páxina 149.
  66. 66,0 66,1 Snow, R. (2009). Páxina 36.
  67. Carothers, N. (1930). Páxina 274.
  68. "1908-S Indian Head Cent". Indianheadcent.org
  69. "1909-S Indian Head Cent". Indianheadcent.org
  70. Bureau of the Mint (1904). Páxina 80.
  71. Burdette, R. W. (2007). Páxina 19.
  72. 72,0 72,1 Burdette, R. W. (2007). Páxina 20.
  73. Moran, M. F. (2008). Páxina 264.
  74. Moran, M. F. (2008). Páxina 270.
  75. Moran, M. F. (2008). Páxina 285.
  76. Vinciguerra, T. (2009). "Now if Only We Could Mint Lincoln Himself". En The New York Times. 7 de febreiro.
  77. "1 Cent "Lincoln - Wheat Ears Reverse"". Numista.com
  78. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 25-26.
  79. Yeoman, R. S. (2017). Páxinas 119-120.
  80. Snow, R. (2009). Páxinas vi, 1.
  81. 81,0 81,1 Yeoman, R. S. (2017). Páxinas 116-119.
  82. Breen, W. (1988). Páxina 220.
  83. Yeoman, R. S. (2017). Páxina 118.
  84. "Indian Head Cent Mintages". Indianheadcent.org

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Centavo Flying Eagle

Moeda dun centavo
de dólar estadounidense

1859-1909
Sucesor:
Centavo Lincoln