Praia de Augas Santas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Praia de Augas Santas
Arcos na praia de Augas Santas.
Coordenadas: 43°33′14″N 7°09′26″O / 43.55388889, -7.15722222
Posto de primeiros auxilios Paraxe natural
Características xerais
LocalizaciónRibadeo
Lonxitude1500 m
Largo medio100 m
Grao de ocupaciónAlta
Grao de urbanizaciónAlgún
Paseo marítimo
Características específicas
Condicións do baño
Aspectos medioambientais
Zona protexidaSi
Seguridade
Equipo de vixilanciaSi
Sinalización do perigoSi
Equipo de salvamentoSi
Accesibilidade
Tipo de accesoPeonil
Sinalización do acceso

A praia de Augas Santas, que xunto coa praia das Carricelas conforma o espazo coñecido no ámbito turístico como praia das Catedrais[1], é un areal situado na parroquia da Devesa, no concello de Ribadeo. Na actualidade é citada repetidamente entre as máis bonitas do mundo.[2]

Características[editar | editar a fonte]

O nome das Catedrais naceu arredor da década de 1960, polas características formacións rochosas que semellan os arcobotantes e contrafortes dunha catedral. Cunha lonxitude de arredor dun quilómetro, As Catedrais está formada por varias porcións que coa preamar quedan illadas ou mesmo desaparecen, deixando a parte principal reducida a un longo de 320 m. Tamén o seu largo é moi variable polo mesmo motivo, chegando o mar a tapar toda a area en moitas partes, mentres noutras a seca descobre ata 100 m. A parte máis fotografada do areal, a partir da illa de Xan Galo, correspóndese coa zona tradicionalmente coñecida como As Carricelas[3], mentres que a parte que queda á esquerda do acceso principal recibe o nome de Augas Santas[4][5].

A praia é aberta con area branca e fina, bañada por unha ondada moderada. Algún ano ten disposto de Bandeira Azul. É lugar de peregrinación para a visita dos seus arcos e cantís, incluíndo os diversos ollos (furnas), o arco da illa de Xan Galo e a cova de paso do Chinelo, ao nivel da area, e para admirar o conxunto dende o sendeiro do alto do cantil.

Entre os seus arcos agóchanse gran cantidade de especies de algas, moluscos, aves e vexetais, na actualidade en estudo mediante un convenio entre o concello de Ribadeo e a Universidade de Santiago de Compostela.[6].

A base rochosa ten uns 500 millóns de anos, dende cando sufriu sucesivas inundacións e retiradas do mar. Os seus estratos de diferente dureza e sucesivas fracturas en diferentes direccións facilitaron a acción erosiva ata amosar a imaxe que presentan hoxe en día.

Forman parte da flora sobre o acantilado a herba de namorar, perexil de mar, toxo ou breixo. Na parte inferior, as algas vermellas e as coralináceas fan compañía ós liques. Representantes máis numerosas das aves son as gaivotas e os corvos mariños. E como fauna pegada ó substrato, percebes, mexillóns, lapas e bígaros.[2]

Acceso e servizos[editar | editar a fonte]

Ten acceso doado pola N-634, de Ribadeo a San Cosme de Barreiros e collendo o desvío á praia das Catedrais en Reinante. Dispón así mesmo de pistas locais paralelas á costa e tamén de servizo de ferrocarril a través dos apeadoiros de Esteiro e Reinante (Renfe-FEVE). En 2019 está prevista a construción dun apeadoiro específico para a praia.[7]

A praia está atendida por un equipo de salvamento; hai servizos de limpeza diaria, e a menos de 500 m. na zona existen restaurantes, hostais, hoteis e demais servizos públicos (pasarelas, aparcadoiros etc...). Outros servizos da praia son as duchas e aseos, ademais da sinalización do estado do mar. Moi cerca dela atópanse os portos deportivos de Ribadeo e Foz. E no caso de accidentes o Hospital Comarcal da Costa-Burela é o encargado de atendelos.

O que máis resalta desta praia son os 300 metros de cantís furados pola marea que forman uns arcos semellantes aos arcobotantes das catedrais góticas (orixe do seu actual nome[2]), e que só se poden ver coa marea baixa. A praia está protexida polas de San Miguel de Reinante (Barreiros), Esteiro, As Illas, Os Castros, Areosa e Olga (todas de Ribadeo), que, á súa vez dan nome e conforman o ZEC As Catedrais, espazo natural protexido..

O lugar foi declarado monumento natural pola Xunta de Galicia no ano 2005. Está encadrada na zona da Rede Natura 2000 como zona especial de conservación (ZEC ES 1120005[8]) e está dentro da Reserva da biosfera Río Eo, Ozcos e Terras de Burón[9].

No ano 2008 foi elixida como a mellor praia de Europa pola web de viaxes máis consultadas na Unión Europea, --Youvox Voyage--, que realizou unha enquisa sobre 8.000 areais do mundo[10].

En 2012 foi elixida por Traveller's Choice como a mellor praia de España, segunda de Europa e sexta mundial[11].

A acumulación de vistas no verán fixo que no ano 2015 se puxera en marcha un polémico plan da Xunta de Galicia, para restrinxir o acceso, con solicitude telemática de pases, complementada con pases para as pernoctas en Ribadeo, usuarios de autobús Ribadeo-praia e outras posibilidades.

Outros[editar | editar a fonte]

Na contorna, téñense gravado imaxes para numerosas series e documentais.[12]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Praia das Catedrais - GALICIA". www.turismo.gal. Consultado o 2020-11-08. 
  2. 2,0 2,1 2,2 'Os auténticos piares da terra', folleto turístico, recollendo diversas mencións e clasificacións a nivel España, Europa e mundo.
  3. "¿Catedrales o Carricelas...?". J y R Hosteleros (en castelán). 2016-06-30. Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2020. Consultado o 2020-11-08. 
  4. "Playa de las Catedrales". Casa Guillermo (en castelán). 2019-05-28. Consultado o 2020-11-08. 
  5. Teresaderibadeo (2018-04-11). "teresaderibadeo: Costa de Ribadeo: Da Malata a Rinlo". teresaderibadeo. Consultado o 2020-11-08. 
  6. A USC constata un posible e futura deterioración das Catedrais se non se reorganizan as visitas
  7. "El ministro de Fomento anuncia un apeadero de Feve en As Catedrais". La Voz de Galicia (en castelán). 2019-03-04. Consultado o 2019-03-05. 
  8. "DECRETO 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia". Consultado o 5/2/2017. 
  9. "Ficha da reserva da Biosfera". Consultado o 5/2/2017. 
  10. "As Catedrais, mellor praia do mundo nunha enquisa europea". Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2019. Consultado o 24 de xullo de 2008. 
  11. La playa de As Catedrais, la mejor de España en los premios Traveller's Choice. La Voz de Galicia
  12. "La BBC: «As Catedrais es el lugar perfecto para ilustrar la erosión en la costa»". La Voz de Galicia (en castelán). 2019-03-09. Consultado o 2019-03-11. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]