Silvestre II, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papas do século XI
Antipapas

Silvester II.JPG

Silvestre II, nado co nome de Gerberto de Aurillac en Auvernia (Occitania) cara ao 945 e finado en Roma o 12 de maio de 1003, foi o Papa nº 139 da Igrexa católica de 999 a 1003.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estatua de Silveste II en Aurillac, Francia.

Gerberto de Aurillac ingresou cara ao ano 963 no mosteiro de Saint-Géraud de Aurillac, onde estudou gramática, retórica e lóxica, as tres disciplinas do Trivium. No 967 viaxou á corte do conde de Barcelona, Borrell II, onde permaneceu tres anos no mosteiro de Santa María de Ripoll (provincia de Girona). A súa estancia na Península Ibérica permitiulle entrar en contacto coa ciencia árabe e iniciarse no estudo das matemáticas e a astronomía. Posiblemente viaxou a Córdoba e Sevilla.

En 969 viaxou a Roma en peregrinación acompañando ao seu protector, o conde Borrell II. Alí coñeceu o papa Xoán XIII e o emperador Otón I, quen o nomeu titor do seu fillo, o que reinaría co nome de Otón II.

Algúns anos máis tarde Adalberón, o arcebispo de Reims, chamouno para o seu colexio episcopal, onde ensinou e fixo ensinar moitas disciplinas, tanto relixiosas como profanas. Distinguiuse especialmente pola súa erudición no eido científico, en particular no coñecemento do Quadrivium, conxunto de disciplinas que incluía a aritmética, xeometría, astronomía e música. Nesa época inventou e construíu diversos obxectos destinados á aprendizaxe e á investigación, como ábacos, un globo terrestre, un órgano e reloxos, o que fixo que se proferisen contra el acusacións de bruxo e nigromante.

No 983 o emperador Otón II nomeouno abade do mosteiro beneditino de Bobbio (península Itálica), se ben estivo pouco tempo alí, ao regresar a Reims como conselleiro do arcebispo Adalbero. En Reims favoreceu o nomeamento de Hugo Capeto como rei de Francia.

Trala morte en 988 do arcebispo Adalbero, o rei Hugo Capeto nomea a Arnulfo como sucesor, pero este traiciona ao rei aliándose con Carlos, que fora aspirante ao trono francés. Hugo reacciona convocando, en 991, un concilio en Saint-Basles-les-Reims, onde destitúe a Arnulfo como arcebispo e nomea a Gerberto. Isto supón un enfrontamento con Roma, que non recoñece a autoridade de Hugo para nomear bispos.

Xoán XV intentou declarar nulo o nomeamento de Gerberto como arcebispo, convocando concilios en Chelles, Aquisgrán e Roma que, non obstante, ratificaron a Gerberto como arcebispo. Non foi até un novo concilio celebrado en 996 que logrou o seu propósito, restituíndo a Arnulfo no arcebispado de Reims. Gerberto renunciou á súa dignidade e retirouse á corte do emperador Otón III, até que en 998 foi nomeado arcebispo de Rávena.

Papado[editar | editar a fonte]

Trala morte de Gregorio V o 18 de febreiro de 999, Gerberto de Aurillac foi nomeado Papa e consagrado o 2 de abril co nome de Silvestre II como homenaxe a Silvestre I, que fora papa en tempos do emperador Constantino I que adoptou o cristianismo como relixión oficial do Imperio romano.

En 1001 tivo que facer fronte a un dos levantamentos populares que periodicamente se daban en Roma, e que o obrigou, xunto con Otón III (que fixara a súa residencia nesa cidade), a fuxir a Rávena. En tres ocasións intentou o emperador restaurar a orde en Roma, fracasando nas dúas primeiras, e morrendo, no curso da terceira, o 24 de xaneiro de 1002. A nobreza romana permitiu a Silvestre II regresar a Roma, onde finou o 12 de maio de 1003.

Era coñecido, pola súa erudición, como a luz da Igrexa e a esperanza do seu século, e durante o seu pontificado otorgou o título de rei aos soberanos cristianos de Hungría (coronando a Estevo I), e de Polonia.