Xoán XII, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papas do século X
Antipapas

Otón I e Xoán XII

Xoán XII (nado en Roma cara o 937 e falecido o 14 de maio de 964) foi o Papa nº 132 da Igrexa católica.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi fillo ilexítimo de Alberico II e, por tanto neto da famosa prostituta Marozia (amante de Serxio III) e neto da meretriz Teodora, foi imposto polo seu pai antes da súa morte en 954, e elixido Papa trala morte de Agapito II.

De nome Octaviano, tiña no momento da súa elección menos de dezaoito anos e unha nula formación, tanto mundana como relixiosa. Ó acceder ó pontificado tomou o nome de Xoán XII, sendo o segundo Papa en mudar o seu nome despois de Xoán II.

Durante o seu pontificado, considerado como un dos máis nefastos da historia da Igrexa pola catadura moral do pontífice, o rei de Italia Berengario II intentou estender a súa soberanía sobre territorios da Igrexa, o que impulsou a Xoán XII a solicitar en 960 a axuda do rei alemán Otón I, ofrecéndolle como recompensa a coroa imperial.

Otón penetrou en Italia e tomou Pavía, cidade que xa tomara durante o pontificado de Agapito II, pero nesta ocasión dirixiuse inmediatamente a Roma, onde foi coroado emperador o 2 de febreiro de 962, facendo que tanto o Papa como o pobo romano lle prestasen xuramento de fidelidade. Con esta coroación naceu o Sacro Imperio Romano Xermánico.

Xoán XII e Otón I rubricaron a súa alianza o 13 de febreiro dese mesmo ano no documento coñecido como Privilegium Othonis, polo que o emperador confirmaba as doazóns territoriais feitas á Igrexa desde o reinado de Pipino o Breve a cambio da aplicación da coñecida Constitutio Lotharii, documento firmado en 824 polo papa Uxío II e o emperador Lotario I, que establecía que ningún papa sería consagrado ata que a súa elección fose aprobada polo emperador de Occidente, que o emperador exercía o máis alto poder xudicial sobre Roma, e onde se prestaba xuramento de lealdade entre Roma e o Imperio.

Este pacto mantívose só durante o tempo que Otón permaneceu en Roma, xa ó abandonar Italia, Xoán XII rompeu o xuramento de fidelidade e buscou alianzas cos bizantinos, os húngaros e os príncipes italianos para desembarazarse do flamante emperador.

Otón reaccionou cunha nova marcha militar sobre Roma, que obrigou a Xoán XII a fuxir da cidade. O emperador convocou un concilio en San Pedro en novembro de 963, no que depuxo ó Papa acusándoo de vicios como o incesto, perxurio, homicidio e sacrilexio, imputacións completamente fundadas.

Inmediatamente despois foi elixido para substituílo o secretario do emperador, León, un segrar que recibiu as ordes sagradas ese mesmo día e que tomou o nome de León VIII.

Xoán XII, que na súa fuxida levara o tesouro da Igrexa, organizou un exército co que regresou a Roma en febreiro de 964, unha vez que Otón regresara a Alemaña. Convocou un concilio que depuxo ó fuxido León VIII e dedicou os últimos días da súa existencia a vingarse dos seus opositores, o que motivou que Otón regresase novamente a Roma, aínda que ó chegar xa falecera Xoán XII.

Xoán XII faleceu o 14 de maio de 964, ó parecer asasinado por un marido que sorprendera ó Papa no leito da súa muller, aínda que outra versión di que morreu de apoplexía en pleno acto sexual.

Informes do seu tempo concordan co seu desinterese no espiritual, a súa afección a paceres groseiros e a súa vida disoluta sen inhibicións.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]