Talla lítica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Talla con percusor duro

A talla lítica é a labra intencionada da pedra por medio da percusión, ben sexa directa ou indirecta, ou da presión. Escúlpese a materia prima e dáselle forma, aproveitando a fractura concoide, co obxecto de fabricar útiles nucleares, ou para extraer lascas que se poden usar en bruto, ou servir de soporte para ferramentas, retocándoas logo da súa extracción. A talla lítica é o proceso de fabricación de manufacturas máis coñecido da Idade da Pedra e que seguiu sendo moi importante durante a Idade dos Metais, e mesmo seguiu practicándose en tempos históricos. Os obxectos de pedra tallada adrede polos humanos diferéncianse das rompeduras naturais ou accidentais, grazas a que aparecen localizadas en contextos arqueolóxicos ben definidos, e a que os golpes da talla deixan negativos de lascado que seguen certa tendencia, certa orde imposible de atribuír á natureza. O repertorio de xestos de talla organizada vaise coñecendo cada vez mellor e permite establecer diagnósticos cada vez máis seguros, así como un repertorio de pautas morfolóxicas, técnicas e funcionais que son as que permiten establecer a tipoloxía lítica, é dicir, a clasificación, análise e comparación dos artefactos de pedra tallada. A talla lítica non é, en calquera caso, máis que unha das fases da vida dun artefacto lítico ou, por expresalo en termos científicos máis precisos, só é unha porción relativamente curta da cadea operativa. Esta nace coa necesidade ou a idea que estimula ao ser humano a iniciar a súa actividade produtiva, segue coa procura da materia prima pétrea, a súa transformación mediante a talla, ata conseguir os útiles necesarios. Despois está a súa utilización, incluíndo varias fases de mantemento da funcionalidade mediante aguzados sucesivos e, cando a ferramenta é xa inservible, o seu abandono ou a súa reciclaxe noutra peza.

Materia prima[editar | editar a fonte]

Sílex

A materia prima elixida para fabricar ferramentas de pedra tallada son as rochas duras de fractura concoide por ser a súa labra doadamente controlable. As mellores rochas eran as máis homoxéneas, o sílex era o máis empregado. Tamén se usaban outras, case todas silíceas como a cuarcita de gran miúdo, o basalto, o cuarzo e outras rochas moito máis raras pero tan apreciadas que chegaron a constituírse verdadeiras rutas comerciais desde os lugares de explotación, ata os lugares de demanda, ese é o caso da obsidiana, a calcedonia, o xaspe etc.

A calidade tamén era importante, as experiencias de talla demostran que había que seleccionar a materia prima polo seu frescor, entendido como proximidade á canteira, pola homoxeneidade de gran, polo seu son ou mesmo probándoa mediante un lascado que revelase o seu estado interno.

Técnicas de talla[editar | editar a fonte]

As técnicas esenciais da talla lítica baséanse en que a fractura concoide é previsible e controlable en función do movemento que se efectúe co percusor. Hai dous modos fundamentais de tallar a pedra, a presión e a percusión, que á súa vez se poden subdividir en:

  • Percusión inversa: golpéase o anaco de rocha contra un percusor pasivo, a xeito de engra, que é outra pedra solidamente chantada no chan.
  • Percusión directa con percusor duro: Golpéase a pedra cun anaco de rocha para extraer varias lascas.
  • Percusión directa con percusor brando: Golpéase a peza cun anaco de madeira ou corna para extraer varias lascas.
  • Percusión indirecta con peza intermedia: Golpéase cun anaco de corna de cérvido un punteiro que transmite a forza do golpe á peza que se está a labrar.
  • Talla por presión: Consiste en aplicar unha forte tensión sobre a peza que se vai tallar cunha peza coñecida como compresor que substitúe ao percusor.
  • Flexión: Abómbase un produto de lascado, especialmente unha folla, apoiándoo contra un saínte que fai de panca ata fracturalo polo lado desexado.

Talla experimental[editar | editar a fonte]

Talla experimental por presión

A talla experimental recreando xestos prehistóricos é un dos alicerces fundamentais para a comprensión da talla lítica, que pode ter tres obxectivos: o primeiro é o de simple diversión ou o desexo de replicar artefactos líticos para expoñelos en museos ou, mesmo, para a súa venda; o segundo é a función didáctica para os alumnos de especialidades de Prehistoria ou Arqueoloxía; o terceiro é a investigación científica pura (a que se suscita a raíz dun problema arqueolóxico xurdido nunha determinada investigación). Neste sentido a talla experimental científica comezou xa en 1903, da man de H. Muller; máis tarde, en 1929, L. Coutier continuou experimentando, aínda que o impulso definitivo veu trala segunda guerra mundial, primeiro con François Bordes (Universidade de Bordeos), a miúdo en colaboración co americano Donald Crabtree (Universidade de Berkeley). Seguiron o seu labor Newcomer, Tixier e outros moitos. A talla experimental é un traballo de laboratorio controlado, cunha análise científica rigorosa que permite asignar cicatrices da talla a técnicas e métodos concretos; con todo, o seu punto fraco é a imposibilidade epistemolóxica de contrastar as extrapolacións: é exclusivamente empírico.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]